Mensaxe/conto de Nadal (O rei demócrata que levaba a Franco no corazón)

23 Dec

Este día mirei o rei Xoán Carlos I na xura de cargos do novo goberno de España. A estampa, en paralelo á retransmisión do Sorteo Extraordinario da Lotaría de Nadal, converteu o 22 de decembro de 2011 no Día da Marmota por excelencia. Nenas de San Ildefonso, un crucifixo labrado en ouro, unha Constitución que cada vez menos cidadáns tivemos oportunidade de votar, e unha monarquía impertérrita, periclitada nunha verdade universal non contrastada nin referendada nas urnas: “Los españoles quieren a su Rey”.

O relato oficial sobre a afouteza, valor e integridade do Rei de España é unha das fantasías máis elaboradas e perversas tecidas ao abeiro desoutra gran estafa colectiva que é a propia Transición española. Unha impostura modélica que leva o peiteado opusino e a voz en off de Victoria Prego e que, cada día, revela máis gretas, máis inconsistencias e máis renuncias na súa construción. Anyway, Xoán Carlos I segue aí, e a súa familia tamén. Como segue aí a familia de Francisco Franco, impúdica protagonista de debates televisivos sobre a memoria histórica, apoloxetas do odio e do revisionismo máis insultante. Uns e outros alíanse neste ilustrativo documento que poño aquí e que onte me chegou vía correo electrónico viral. Non é descoñecido e xa foi moderadamente visionado nalgunha televisión. Trátase dunha entrevista de 1970 para unha canle estranxeira na que, o daquela Príncipe, gaba a figura de Francisco Franco. Fala francés e iso contribúe a endozar a mensaxe pero non a muda en absoluto: “Para min (Franco) é un exemplo vivente, día a día, polo seu desempeño patriótico ao servizo de España, e, por isto, eu teño por el un grande afecto e admiración“, di.

DAQUELA HABÍA QUE FACELO. “Era o momento”, “obrigárono”, “tiña que facelo así”, “perseverou á sombra do ditador para logo revelarse demócrata…”. En fin… Da mesma maneira que aínda hai hoxe quen exime o xenocida dos seus crimes hai tamén argumentos abondos pra exculpar os seus propagandistas. En todo caso, tal declaración de afección ao ditador, en calquera país normalizado do mundo -falo de calquera país no que as rúas non levaran o nome dos asasinos e os mortos inocentes non encheran aínda foxas e cunetas- invalidaría calquera persoa para o exercicio dun cargo público, canto máis o de Xefe do Estado e dos Exércitos.

El non pensaba iso. Podemos aceptar tal posibilidade para continuarmos na senda da argumentación. Admitamos que Xoán Carlos I non pensaba tal e mentíu, de maneira flagrante e estratéxica, para manter o seu posto de saída na carreira pola sucesión. Cando media España (1970) se revolvía na rúa contra o ditador, o futuro rei adheríase á causa franquista pero non por convicción senón por táctica. Iso evidencia as súas carencias éticas pero, sobre todo, introduce unha outra cuestión non menor: quen xa mentíu, de xeito público e ostentoso, para defender os seus intereses ou os seus plans, que crédito pode manter xa desde ese momento..? por que non había de enganarnos outra volta o Rei para asegurar o seu beneficio..? por que suporlle agora, cando a Coroa española se abeira toda ela ao desprestixio, unha integridade moral que non amosou cando os cidadáns aos que di representar eran vítimas da represión dun rexime totalitario co que el mesmo foi connivente..? “Non tiña opción…”. Amólame especialmente tal aserto. Tíñana acaso os que deron a vida pola democracia, executados, nos presidios e no exilio..?

BENDITO 23-F. Para parchear todas as incongruencias e eivas do monarca chegou, grazas ao Deus perante o que todo se xura, o 23-F e esoutro relato fantástico sobre o golpe militar. Sabémolo de memoria porque incide na afouteza, no valor, na decisiva contribución do Rei ao fracaso do tejerazo… Pero acaso o soberano dun estado democrático debía facer outra cousa..? por que é tan singular que Xoán Carlos I se puxera de parte da lei..? non é o que se agarda dun xefe de estado constitucional..? quen podía prever un plan B, unha saída non democrática? A dúbida, aquí, semella non ofender a ninguén. E porén o mero feito de consideralo (especular con que o Rei dera apoiado ou transixido a sublevación militar), explicita, ao meu ver, a desconfianza -sempre agochada, nunca expresa, nunca nunca autorizada- que perdura na opinión pública arredor da adhesión da monarquía española á democracia e aos valores que afirma defender.

BOICOTE COMO DECOTE. Para paliar esas desconfianzas chega, mañá á noite, Noiteboa, o lenitivo anual. A mensaxe de Nadal do Rei de España: a suspensión da pluralidade informativa, o encefalograma plano da democracia. Cando mire aparecer o Borbón na Galega, na 1, na 3, na 4, na 5, etc… encadeando planos hieráticos, coa súa plúmbea retórica, apegado a unha bandeira de España e a un retrato familiar, falando de sacrificio, valores, esforzo e democracia, só me van ecoar na cabeza estas palabras: “Teño por el un grande afecto e admiración”. E pensarei que calquera opción o condea: “Ou estaba con Franco, ou mentía”. E ningún dos supostos me ha valer. Iso se prendo a televisión, claro, e non lle fago boicote, boicote como decote, brindando cos meus por un 2012 que nos traia, con crise ou sen ela, Saúde e República (galega). Sexa.

10 Respostas to “Mensaxe/conto de Nadal (O rei demócrata que levaba a Franco no corazón)”

  1. Marisa Ferreiro Decembro 23, 2011 ás 7:01 PM #

    Parabéns polo artigo😉 Anexo aqui um interessante vídeo gravado com câmara oculta no quarto onde despacha JB, digo JC, http://www.tv3.cat/videos/3859550

  2. Antia Rodeiro Decembro 23, 2011 ás 7:28 PM #

    Mensaxe de Noite Boa (adianto): http://www.youtube.com/watch?v=kF2237cXZR4&feature=related

  3. Xulio Decembro 24, 2011 ás 8:44 AM #

    Fran, lembro que no 23F o Tejero dixera na tribuna do Congreso que unha máis alta autoridade se dirixiría ao pobo. Abofé que o fixo desde TVE. E volve cada ano.

  4. Montenegro Decembro 24, 2011 ás 3:41 PM #

    Los Borbones a los tiburones.

  5. Eloy Decembro 26, 2011 ás 12:08 PM #

    Máis aló da responsabilidade persoal de JCI a cuestión é estrutural: este home debería ser esa figura que na psicoanálise chámase “mediador evanescente”, responsable de facilitar o paso dun tipo de estado a outro. O singular é que en vez de ser tal figura, capaz de ter sentido da historia e polo tanto listo para abdicar alá por 1981 e dar paso á desexada III República, elixiu estirar unha transición que xa dura 35 anos e que podemos empezar a pensar en chamar xa “permanición”.

    Con todo, coido que o máis grave é a unanimidade dos media sinalando o dano que o caso Urdangarín está a facerlle ao seu fillo Felipe, sinal inequívoca de que os sectores que gobernan o país en segundo plano están dipostos a deixar intacta a estrutura anómala da democracia hispánica, perpetuando ese oxímoron chamado monarquía parlamentaria como forma de goberno.

    En fin, noraboa polo magnífico artigo e feliz aninovo!

    • franplorenzo Decembro 26, 2011 ás 1:07 PM #

      Eloy, tamén é impúdico de carallo escoitalo falar dunha Xustiza igual para todos pero que é a el ao primeiro que, por lei, exculpa. E esa unanimidade da que falas, a vontade de perpetuar a estafa… A ver se o novo ano nos trae o final da ‘Permanición’ (collo o termo) e da comuñón obrigada con esa, como dis ben, estrutura anómala da democracia hispánica. Unha aperta grande

  6. aser mendez Decembro 27, 2011 ás 1:48 PM #

    pero ese rei é un santo job,ho….. o pai en estoril co parné, unha filla atouta, outra espabilada de máis, o fillo casado con plebea,,,, un xenro drogado,montando pirulas en nova iork pq queria musica española nos clubs de jazz..,joder,acabou coas provisions de coca da tribo….. o outro xenro dando pelotazos-era balonmanista……. a muller que só fala grego e inglés,, un tio bastardo ,o don leandro, que o sisa cando pode…….que máis queredes?

    enfin, feliz nadal e ano novo a todos desde a unidade de coronarias

Trackbacks/Pingbacks

  1. Mensaxe/conto de Nadal (O rei demócrata que levaba a Franco no corazón) - Decembro 24, 2011

    […] Mensaxe/conto de Nadal (O rei demócrata que levaba a Franco no corazón) unpaisenlata.wordpress.com/2011/12/23/mensaxeconto-de-nadal-…  por iola hai 2 segundos […]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: