O Concello de Santiago (PP) deixa morrer o premio Xohana Torres de Ensaio

28 Dec

Xohana Torres, a dona dos mapas, a autora dese poema/universo que é Eu tamén navegar, académica da RAG, voz senlleira da literatura galega do século XX, forma, con Rosalía de Castro e Concha Castroviejo, o trío de escritoras compostelanas ás que esta cidade debería venerar. Iso é o que me parece a min, polo menos, e o que non pasa. Inexplicabelmente Concha, ao contrario que Rosalía e Xohana, non conta cunha rúa que a recorde en Santiago. A de Xohana Torres é un vieiro pequeno, no Avío, saíndo cara ao Romaño pola estrada de Santa Comba, e que conflúe gozosamente coa rúa Roberto Vidal Bolaño. Quen vivirá lá, nese encontro..!

Xohana Torres acadou ademais outra honra no seu berce. Un premio de investigación, creado polo Concello de Santiago, que leva o seu nome. Hai tres anos ese premio convertiuse en premio de ensaio e agora o Xohana Torres, que se entrega regularmente desde 1993, está a piques de desaparecer. A corporación conservadora, que preside Xerardo Conde Roa, amparándose nun suposto defecto de forma na convocatoria do certame, decidíu suprimir un galardón que, despois de case dúas décadas, se convertera nunha fonte privilexiada de análises socioeconómicas sobre a muller galega e de pescudas sobre a nosa memoria histórica e antropolóxica. O prazo para a presentación de traballos remataba o vindeiro 31 de decembro, pero o Xohana Torres non se vai entregar en 2012, como cada 8 de marzo se viña entregando. Raxoi aforra así 3.000 euros -a dotación do premio- e perde, a cambio, o respeito dunha cidadanía que ve desaparecer, sepultados baixo a cínica coartada da austeridade, todos e cada un dos símbolos do seu progreso cívico e cultural. Adeus, Xohana Torres, luz, xerfa, ría… ola, Bieito XVI, tebra, cegueira e patriarcado.

Unha pequena contextualización para os que, con ignorante alegría, decapitan un galardón coma o Xohana Torres de Ensaio. En 1957 celebrábase en toda Galicia o 120 aniversario do nacemento de Rosalía, unha data especial para o galeguismo na altura. En Barcelona lanzábase Los que se fueron, doutra escritora compostelana, Concha Castroviejo, finalista do premio Planeta de Novela  e considerada a primeira narración sobre o exilio publicada en España depois do golpe militar franquista de 1936.

DESDE 1957. Naquel mesmo ano de 1957, en Vigo, saía do prelo de Galaxia, na colección Illa Nova, o poemario Do sulco, de Xohana Torres. Ese feixe de versos dunha rapaza de 26 anos, con limiar de Carvalho Calero, substanciaba unha voz poética que non só lles devolvía as mulleres a palabra roubada  durante décadas senón que adquiría a categoría de revelación. Tal fulgor novo habíase confirmar con dous libros máis de poesía, Estacións ao mar (Galaxia, 1980) e Tempo de ría (Espiral Maior, 2002), unha novela de alento vigués, Adiós, María (1971, Ediciones Galicia de Bos Aires), varios libros infantís, obras de teatro e ensaios.

Agora que levante a man un concelleiro/a compostelán que lera un verso de Xohana Torres. U-las mans?, n’as vexo..! o alcalde tampouco..? Ninguén..? El será que estas señoras e señores, esta escuadra de preclaros edís e tecnócratas iletrados, non saben quen é Xohana Torres..? Poida que nin saiban que é compostelana, ou académica, ou Premio da Crítica, ou obxecto de teses e estudos dentro e fóra de Galicia. Só desde a ignorancia se pode explicar un desprezo que adquire categoría de bulra, toda vez que a supresión do premio Xohana Torres ten lugar o mesmo ano no que a autora cumpre 80 anos. Alguén llo dixo..? alguén a chamou para dicirlle: oes, Xohana, que el concello de Santiago pasa tuya y de lo que representas… que los tres mil euracos del premio que llevaba tu nombre los vamos a invertir en una pista de patinaje, en bonos para la peluquería, o en hacerle un busto a Pío XII, tú tranquila…”.

Como ocorre decote coas medidas do PP, a culpa lévana outros. Na reportaxe de Ana Calvo que hoxe publica EL CORREO GALLEGO, os responsábeis da desfeita acusan a anterior corporación, en concreto á concelleira de Igualdade, Mar Martín. “Lo dejaron sin convocar”, sinalan desde Raxoi. Esa magnífica circunstancia -aínda por demostrar- serviulle á corporación popular para impulsar esta emenda á totalidade. O caso é que na páxina web do Concello de Santiago aínda se poden consultar as bases da convocatoria, que sospeito que son as mesmas bases de todas as anteriores edicións, os mesmos prazos, a mesma dotación, a mesma composición do xurado… Poida que faltara unha sinatura da autoridade para certificar a celebración do premio. E poida que aí estea a trampa.

Realmente, o PP non mata o premio Xohana Torres, no-se-lo-car-ga: déixao morrer de maneira piadosa e catoliquísima. “La decisión no está tomada…”, dinlle á xornalista Ana Calvo desde Raxoi nesa reportaxe. Pero o desleixo, a ignorancia e o desprezo semellan pésimos ingredientes para artellar futuro ningún. Con todo, a corporación e concellarías implicadas aínda están a tempo de recoñeceren o seu erro e de subsanalo. Se verdadeiramente non se convocou o premio, deben facelo xa. Porque Compostela, as cidadás e os cidadáns deste sepulcro con respiración asistida, precisamos algo da grandeza de Xohana Torres, algo que nos faga sentir orgullo, vivas e vivos, un premio co seu nome que multiplique o seu legado, que nos volva máis sabias. Algo que non se poida derrubar nin desmontar porque si, porque alguén, quen sexa aí arriba, decide que nunca hai cartos para o que de verdade importa.

10 Respostas to “O Concello de Santiago (PP) deixa morrer o premio Xohana Torres de Ensaio”

  1. resabido Decembro 28, 2011 ás 5:22 PM #

    Moi bo artigo, coma sempre, pero agardemos que Rafa Villar lera algún verso de Xohana Torres!

  2. Ramón Nicolás Decembro 28, 2011 ás 6:05 PM #

    Lamentable e indecorosa conduta, testemuño da volta ás cavernas. Espléndido artigo Fran. Unha aperta.

    • franplorenzo Decembro 28, 2011 ás 7:15 PM #

      a verdade que hoxe, depois de ver ao alcalde Conde Roa bailando o arreborriquito nun palco do Obradoiro, emulando a Leonardo Dantés, todas as miñas pretensións de reparación do premio Xohana Torres parécenme xa dunha inxenuidade arraiana da estupidez. Está visto que o decoro non é o seu e nin saben nin saberán o que están a desmontar. Tanto lles ten… Unha aperta grande amigo

  3. aser mendez Decembro 29, 2011 ás 11:38 AM #

    Que o alcalde faga destas monadas é previsível-non en van acaba de morrer a mona Chita, que seica era mono.O problema foi quen o puxo aí: o mangado de votos da Alternativa do Povo,a falta de unidade bng-Esq-unida.,a escolla ínclita da upg….

    Xohana Torres é unha poeta inmensa .E se ledes a encíclica
    de Pio XII “Mit brennender sorge…”.veredes que nin a poeta nin o Papa son incompatibles.

    saude

    • franplorenzo Decembro 29, 2011 ás 1:02 PM #

      Botarlle as culpas a Candidatura do Povo (non Alternativa), á UPG, a conxunción dos astros e a diosbendito xa non explica, en por si, ningún fracaso e é inxusto mesmo. Estou dacordo no de que Xohana Torres é unha poeta inmensa, pero non ma compares con Pio XII hom. Nin me recomendes encíclicas, por favor. POr desgraza xa me entero do seu contido sen acudir á web do Vaticano.

      • Connie Matthews Decembro 30, 2011 ás 3:38 PM #

        In my country we say that religion is like a penis. It’s fine to have one and it’s fine to be proud of it, but please don’t whip it out in public and start waving it around… and PLEASE don’t try to shove it down my child’s throat.

        Keep it real Fran
        Greetings from Monterey Bay

Trackbacks/Pingbacks

  1. O Concello de Santiago (PP) deixa morrer o premio Xohana Torres de Ensaio - Decembro 29, 2011

    […] O Concello de Santiago (PP) deixa morrer o premio Xohana Torres de Ensaio unpaisenlata.wordpress.com/2011/12/28/o-concello-de-santiago…  por Socram hai 2 segundos […]

  2. O Concello de Santiago deixa morrer o Premio de Investigación Xohana Torres | Lingua Galega e Literatura e Equipo de Normalización Lingüística do IES CACHEIRAS - Decembro 29, 2011

    […]    Se queres ler máis sobre esta decición calca aquí https://unpaisenlata.wordpress.com/2011/12/28/o-concello-de-santiago-pp-deixa-morrer-o-premio-xohana-… […]

  3. Concello deixa esmorecer o Premio Xohana Torres de Ensaio sobre a muller galega | candidaturadopovo - Decembro 30, 2011

    […] de sinalar aqui cada unha das actuacións que se produzan neste sentido. A última é a case segura extinción, por vía dos feitos, do Premio Xohana Torres de Ensaio criado polo Concello en 1993 para impulsar as análises socioeconómicas sobre a muller galega e a […]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: