O país agarda (o que quixera eu do BNG depois de Amio)

2 Feb

Afrontei a asemblea do BNG co sereno escepticismo que procura o non ser militante, nin afiliado nin integrante de corrente ningunha. Un mero votante, deses con moita fe, dos que levan anos acreditando no que aínda non viron. Houbo a lóxica escenificación dun proceso asembleario:  xente que vota, xente que decide e xente compracida polo que se adoita chamar, moi pomposamente, o triunfo da democracia, con todo o que iso ten de inapelábel.

Unha vez en Amio, o  presunto debate de ideas que debía encarar a organización nacionalista (sábado) quedou, ao meu ver, escurecido pola incomparecencia dunha das partes e por un confrontamento ben máis prosaico e mediaticamente rendíbel como é o do reparto de cadeiras (domingo).  Houbo reproches larvados, dagas voadoras, risos conxelados e un mar de fondo que botou á superficie ondulada da fronte nacionalista os argazos da polarización, a división e o malestar interno.

SER OU NON SER. Poida que aínda sexa moi cedo para extraer conclusións da XIII Asemblea Nacional do BNG. Pero creo que existe unha percepción por parte dos estupefactos seareiros do Bloque: a enerxía e a forza que este país precisa para saír de onde está anda a se esluír no remuíño de saber quen somos e o que queremos, unha vacilación hamletiana que, neste tempo de ameazas políticas e económicas, adquire tintes de esperpento e mesmo de obscenidade. Como se tiveramos tempo abondo, e como se o inimigo non nos estivera xa, de facto, atacando, bombardeando co seu catálogo de recortes, mentiras e agresións. Nunca a nación galega foi obxecto dun ataque igual, e nunca tan desarmada estivo a probe.

Non ignoro que moitas mulleres e homes están a traballar hoxe no seo do BNG para mudaren as cousas. Nunha parte e noutra, estou convencido, na UPG, en EI, en +Galiza, onde for… Pero esa enerxía non conflúe desde logo no mesmo vector de forza. Vólveme á cabeza a imaxe do remuíño e un furado negro e profundo no seu interior polo que todo se vai coando e precipitando, sen solucións.

A RÚA FRAGA, PERDONANDO. A outra noite, por exemplo, baixando cunha amiga pola rúa das Hortas, crucei por diante da casa na que naceu Isaac Díaz Pardo. Ninguén tivo aínda a idea de colocar alí unha placa, algo que recorde o seu berce compostelán. Que máis ten… Porén, en Monforte, un concello gobernado polo BNG, aprobábase este día, no pleno municipal, dedicarlle unha rúa a Fraga Iribarne, coa abstención de tres dos sete edís nacionalistas que son maioría. Non me molestei xa en mirar quen eran nin quen non eran. Só pensei que os partidos políticos deben dar razóns fundadas para que o votante acredite no que representan e que soerguer a memoria dun sicario franquista é unha boísima razón para non volver facelo nunca máis.

O QUE EU QUIXERA. Que qué quero eu..? Falo en por min, e non ouso facelo por ninguén máis. Pero o que eu lle pido ao BNG é algo que trascenda o que xa temos. E o que temos é un sistema autonomista, postrado perante os intereses do Estado español, atado á súa vontade, dependente, subsidiario. O que temos é aínda a nación pobre e negada e o país atrasado que Xosé Manuel Beiras nos retrataba na aula 1 da vella facultade de Xornalismo. Tomei para min aquel magma teórico e aquela súa defensa apaixonada da nación sometida e será iso o que preserve do mestre, non tanto a súa reedición sebastianista e extemporánea de 2012. 

O que hai é un goberno,  miniembaixada de Madrid, a cada volta máis desposuído, unha lingua e unha cultura under attack, un 25% da poboación galega en risco de exclusión social, asteleiros que pechan, o agro devastado, a frota na UCI, a industria ameazada, mozas e mozos que emigran e a gran coartada da austeridade como sustento deste proceso de demolición nacional. Iso é o que temos, e por iso me resulta un pouco intrascendente a composición do Consello Nacional do BNG ou da súa Executiva. Son quen de acreditar na boa vontade de todo o mundo pero o que eu quero, e moita xente agarda, é xa outra cousa. Un paso adiante. Non unha política reactiva, que só tente parar os golpes que recibimos, non unha guerra interna de desgaste, con cutres e patéticas extensións ás redes sociais que arroiban e avergoñan a calquera espectador, senón algo polo que en verdade sentir ilusión; e que o BNG poida transmitilo, contalo a xeito e levalo adiante.

A PARCELA ESGOTADA. O soberanismo, a independencia, é unha arela que fica, de seu, no pensamento galeguista e nacionalista desde que ambos termos irromperon na nosa historia. Non é un obxectivo a curto prazo, para as eleccións do vindeiro outono, desde logo. Tampouco non é un invento de catro radicais que, milagrosamente, e malia seren catro, levan decote as culpas dos fracasos eleitorais do BNG. Pero estou certo de que xente haberá en todas as correntes do Bloque que queira saír desta parcela esgotada e erma, na que nos confinaron os marcos do Estatuto autonómico e da Constitución Española.

Quen pode terlle estima, por certo, a unha Carta Magna que se muda por decreto e sen consulta popular? un texto legal que consagra o oxímoron da monarquía parlamentaria? quen acredita xa nunha norma democrática da que foi pai Fraga Iribarne..? Eu n’a quero. Quizais si a queiran os concelleiros do BNG en Monforte de Lemos, non o sei. En calquera caso, a loita por abandonarmos o actual estatus de rexión, o tangaraño este da autonomía e das súas institucións raquíticas, gañando poder real de decisión e sumándose a un proceso europeo irreversíbel -desde Escocia ou Flandes a Euskadi e Catalunya- é, pra min, a única vía que lle ha de asegurar un futuro á coalición, lonxe da esclerose das súas rutinas e inmobilismos, tendendo pontes cara quen xa camiña nesa dirección, e abríndose á xente nova, aos que en realidade van decidir o que vaia ser este país.

Nun comentario anterior deste blogue comparaba o BNG cun matrimonio en desavinza que xa non repara no incómodas que son as súas públicas liortas, desprendendo karma do malo a moreas. Agora por primeira vez alguén falou en alto de divorcio. Está ben que non haxa tabús, que se fale de diferenzas: verbalizar os problemas é o primeiro paso para afrontalos. Pero o espectáculo, os tiróns de pelos, a loita no barro, o lixo no carreiro, todo iso é mellor deixalo na casa. Se as correntes do BNG queren permanecer unidas que sexa mercé a un proxecto compartido e ambicioso, coma a aposta soberanista, e que ese acordo supere as limitacións individuais de cadaquén, os persoalismos, as cotas, o medo. En moitos aspectos a unidade é necesaria. É algo que o BNG se debe a si mesmo, e a quen os vén votando nos últimos anos. Pero se non pode ser non pode ser. Non é a fin de nada senón o principio doutra cousa. O que ninguén aturará, sen perder definitivamente a confianza e o respeito polo Bloque, será un Sálvame Deluxe de improperios e descualificacións persoais, un circo romano que só adivirte e beneficia os césares do Partido Popular

UN TRATO. Quería rematar cunha canción, por aquilo de endozar este alegato un pouco magoado que veño de botar. É dun mítico grupo paraguaio, Los Blue Caps, que triunfaba alá polos anos setenta, emigrados, coma moitos galegos, na Arxentina convulsa e esperanzada que aínda non ventaba o golpe militar de 1976. Di así: “Te voy a proponer amarnos/con todo nuestro corazón/y si debiéramos dejarnos,/ hacerlo hoy sin discusión,/ y cuando el destino quiera/jugarnos algún revés/antes de separarnos/contaremos hasta treees…”. Ese é o título, Te voy a proponer un trato. Está en castelán, ou en paraguaio mellor dito. Agora tócalle ao BNG traducila para o galego e cantala cun pouco de autocrítica, alegría, elegancia e determinación/autodeterminación. Porque o país agarda, meus, e o tempo que tiñamos xa o perdemos todo.

10 Respostas to “O país agarda (o que quixera eu do BNG depois de Amio)”

  1. M. Sanmartín Febreiro 2, 2012 ás 7:18 PM #

    Son moi excéptica respecto das posibilidades de rexeración soberanista/independentista do magma chamado BNG que propós. A dirección dese magma, que antes foi quintanista ata o ostión electoral do 2009, á vez que homenaxeaba a Moncho Reboiras cada ano, non está polo labor. Xa sabes “o pobo non está preparado”, “non hai condicións”, “a conciencia nacional é aínda débil”…. Existe un amplo muestrario de argumentos para non ter que deixar a praia e meter os pés na auga, asumindo os custos e riscos dun proxecto soberanista real -non só no papel congresual-. O asunto éche complexo, pero apunto algunhas cuestións, flashes, que igual poderían dar luz:

    1ª Se a aposta soberanista é real, non hai máis remedio que a rutura cos sectores que vacilan ou que defenden a virtude do Estatuto. O camiño escocés non é o que temos máis as competencias de aeroportos, a poli autonómica e o control das bacías hidrográficas. De Amio sae unha nova componenda.

    2ª Considerando ao pobo menor de idade político é imposíbel. A dirección do BNG parece non entender que é a hora de por encima da mesa unha alternativa estratéxica, agora, cando o noso inimigo histórico, sen nengún pudor, ensina todo o seu arsenal e obxectivos ou, por dicilo máis xornalisticamente, a súa axenda oculta.

    3ª O tempo de ser independentista de corazón e autonomista de cabeza rematou. O árbitro, que é caseiro (da do inimigo), xa fixo o T coas mans. Non é que non vaia haber aquela trangallada asinada por todas as familias que chamaban “Estatuto de Nación”, senón que o de 1981 cada día pesa menos. Os autonomistas cada día teñen menos razóns para defender a súa posición de lexitimación do marco. Os independentistas, aínda, non teñen a forza necesaria, pero unha cousa é certa: os soños “pragmáticos” que en tempos manexaba xa non teñen percorrido nengún. Chegan os tempos de definirse. E definirse esixe clarificar unha estratexia e aplicala. Non vale con que o digan os papeis congresuais, ou con que teñamos sentados á nosa beira nunha feira uns que son bastante máis podres, máis entreguistas e, tamén, máis sinceros, por certo, que “nós” para sentir que somos os patriotas de tomo e lomo. Non sei se me explico…

  2. Canteiro Febreiro 2, 2012 ás 9:08 PM #

    Se mo permitides, ser independentista nom significa ter como horizonte a independência, enquanto o autonomista tem umha autonomia ampla ou umha federaçom. Ser independentista é atuar JÁ em consequência com ser galego de naçom, e polo tanto, negar a normalidade espanhola, afirmando umha outra normalidade, a nossa, a galega. Isto é: renunciar a prebendas de Espanha, deixar de jurar a Constituiçom mansamente, deixar de apoiar “la Roja”, negar-se a ir a atos da Guarda Civil, etc. (todas elas cousas que figérom dirigentes do BNG).
    O independentismo quantitativamente nom é nada, está claro. Mas o BNG apenas é um morto ao que lhe continuam a medrar as unhas, por umha simples razom, porque nom tem estratégia de nengum tipo, mais lá de manter-se nos postinhos que tenhem. A força da naçom passa hoje, sem dúvida algumha, polos projetos de construçom nacional do independentismo. Sem recursos, com muito pouca gente, e com a repressom acima, estám a construir país. Como se explica que a primeira escola galega (Semente) a montassem os independentistas e nom os nacionalistas com possibilidades económicas? Como é que o independentismo tem um jornal como o Novas da Galiza (em reintegrado, uh, “o povo nom o entende!”) e muitos melhores meios de comunicaçom na internet do que o nacionalismo? Como é que o independentismo logrou abrir mais de 30 locais por todo o país, autênticos motores culturais, políticos e sociais nas suas zonas, e o BNG apenas um em Alhariz e outro em Ponte Areias, para o caso mui inativos? Eis as cousas importantes nas que pormo-nos a trabalhar, e nom se na foto vai Beiras, Aymerich, Jorquera, ou quem for.

    • Artilheiro Marzo 3, 2012 ás 5:50 PM #

      Falas como um livro aberto, Canteiro!
      Coñeço pessoas que militam na UPG e que falam aos nenos em castelhano. Eses mesmos individuos actúan como talibães (así lhes chamam na minha vila) insultando aos que nom pensam como eles.
      Hai que dar exemplo de coerência atuando como galegos de naçom acotío, mas nom por isso deijando de ser educados e respeitar aos que pensam diferente e que devemos conquistar para a nossa causa.
      O punho em alto, o gesto hostil, o comunismo de moqueta e o conservar a cadeira oficial remunerada nom levam a ningures.
      Só a educaçom e a praxe política coerente, nacional e democrática som o caminho certo para caminhar na direçom duma Galiza livre e soberana numa Europa dos povos.

  3. Brais Díaz Febreiro 2, 2012 ás 11:49 PM #

    Alguén pode acreditar que, despois de Amio, o BNG se fará independentista ou se cadra soberanista? Vedes a Ana Pontón facendo algo máis que intervencións parlamentares e foto de grupo de deputados nos actos da CIG? Realmente pensades que Paco, Jorquera, Guillerne, Beiras, Aymerich, etc. van facer despois de Amio algo diferente do que viñeron facendo nos últimos anos? Quintana foi un señor moi moi moi malo que fixo moito dano ao BNG e pactou con CiU sen que ninguén o puxese aí? Que ten que ver a UPG con que o nacionalismo galego se convertise nunha triste caricatura dun proxecto polo que moitos galegos e galegas deixaron a xuventude, o traballo, o seu tempo e incluso a súa vida?

    O BNG carece dunha estratexia para a soberanía nacional. Enuncia horizontes pero non formula a folla de ruta para alcanzalos e vive en eternas e irresolubles contradicións. Que pinta o señor Martiño Noriega, esperanza branca da rexeración, participando na homenaxe do Día de la Hispanidad á Guardia Civil en Teo? O BNG é un placebo para quen non pretenda asumir con todas as consecuencias o que implica iniciar un proceso para a liberación nacional deste país.

    A “Canteiro” diríalle que ser independentista -e eu sono- sí é ter como horizonte a independencia, porque os galegos NUNCA vamos poder ser e vivir como tales baixo un marco de dominación. Non existe a galeguidade plena como comportamento liberado mentres a bota siga enriba. Ademáis, que non se trata diso, non se trata de “vivamos como galegos”, porque iso é imposible, senón de remover as estruturas e condicións que nos imposibilitan ser en plenitude unha nación. Sermos independentistas non é, tan só, unha cuestión de comportamento, ou de “facer proxectos independentistas”. É cuestión de deseñar unha estratexia que faga “visible” o horizonte da independencia.

  4. Elvira Ribeiro Febreiro 3, 2012 ás 9:36 AM #

    E unha lingua rexional e desligada das outras variantes tamén Fran. Nos próximos anos debemos aproveitarnos da vantaxe de ter unha lingua internacional. Iso danos moita forza. Fraga foi tamén quen aplicou a doutrina de asturianizar a nosa lingua, dandolle todo o poder a un Constantino García que educou xeracións e xeracións de galegos en que a sua lingua era inútil.

  5. Ana Maria Ribeira Febreiro 3, 2012 ás 11:30 AM #

    Resulta-me surpressivo que muitos reintegracionistas utilizem como argumento estrela para defenderem a condiçom do galego como língua internacioal a razom do “tamanho”, isto é, o maior número de falantes, acesso a mercados culturais, projecçom internacional, etc. que possibilita optar polo reintegracionismo.

    Este razonamento delata várias questons que som profundamente criticáveis:

    – Primeira, parte-se desde um critério de “utilidade” em vez de desde um critério autónomo de análise de que é a nossa língua. Os galegos comprometidos com a nossa língua definimos o seu perfil a partir dumha análise da nossa história e independentemente de se esta análise nos leva a concluir que temos umha língua “pequena” -restrita a 30.000 km2, como defende a RAG e toda a oficialidade regionalista- ou “grande” -falada em vários países, graças às andanças colonialistas de Portugal-. Afirmar que devemos ser reintegracionistas “porque abre mercados” ou “porque já temos a literatura internacional publicada na nossa língua” é empregar argumentos utilitários e vantagens, mas nom som estes os que nos levárom a adoptar tal conclusom. Nesse terreno, o espanhol e o inglês sempre serám “melhores”.

    – Segunda, dá a sensaçom de que esta forma de argumentar desconsidera completamente o factor político-social na supervivência dumha língua aplicando umha espécie de determinismo darwinista. Parece sugerir-se entre linhas que só se salvarám no futuro as “grandes”, enquanto outras como o eúscaro, o catalám ou o escocês estám “condenadas”. Esta `perspectiva, além de falsa, anula a importáncia do factor humano na construçom do futuro. Determinismo puro.

    – Terceira, o galego pode desaparecer na Galiza e seguir sendo a língua internacional que se chamará português. Pessoalmente nom me consola o mais mínimo pensar que a Doma y Castración trunfou na Galiza, mas podemos ouvir a nossa língua em Timor Leste, Portugal ou Moçambique.

    Isso devolve-nos ao meu argumento de base: a pojecçom internacional que tem o galego é umha vantagem objectiva na que nos podemos apoiar, um plus fruto da História colonial, mas nom é garantia de nada. A única garantía de supervivência do galego na Terra onde nasceu é a tomada massiva de consciência sobre a sua defesa e a prática consequente com essa consciência e, por outra parte, a possessom dum poder político próprio que permita promover a língua nacional, vaia, a questom da soberania política e o Estado próprio.

    Neste ponto enganchamos já, porfim!, com o tema do artigo de Fran P. Lorenzo: están dispostos os Aymerich, os Callón, os P. Rodríguez, as Pontón, as Adán, os Vázquez, etc., etc. a embarcarem-se numha estratégia de liberaçom nacional, sabendo que quando se trata de abordar os “conflitos nacionalistas” o Reino de Espanha se parece mais a Turquia que ao Reino Unido? Particularmente, eu sou reácia a assumir que o BNG sim está disposto a assumir essa responsabilidade histórica que hoje é tam premente. O nível de acomodamento ideológico e sócio-económico da sua direcçom política fai-me duvidar seriamente de que esteja disposto a aceitar essa tarefa.

    Seguramente, umha parte significativa das suas bases sim estaria disposta, mas isso leva-nos à dialéctica intra-nacionalista: a capacidade política e organizativa dos sectores independentistas que levam anos à margem do BNG de criarem umha expectativa ilusionante, além dos conflitos intestinos, que levante umha alternativa e um campo gravitatório próprio liberado da sindroma do curmao do Zumosol. O projecto do BNG acho que cumpriu a sua digna funçom histórica, mas, igual que os provincialistas cubrírom umha fase distinta da dos regionalistas, dificilmente a direcçom do nacionalismo galego cubrirá a fase independentista que necessitamos.

  6. Calistro Febreiro 3, 2012 ás 11:45 AM #

    http://www.galiciaconfidencial.com/nova/9573.html

  7. alvarez Febreiro 4, 2012 ás 10:10 AM #

    Primero felicitazo sinceiramente por militar nunha organización politica a estas alturas. E mais nunha organización galega.
    Pero eu non fun nen son militante, nen simpatizante do bng. Iso si, sempre votei a forza galega maioritaria no meu Concello, e nas unicas elecions abertas como as do Senado, voto a todas as candidaturas.
    Estivera ou non dacordo coas suas ideas ou practica política.E podo decir que dendo o 79 que poiden votar, traguei e tragarei moitos sapos.
    A min móveme o dito de Castelao ¨Non lle poñas tachas a obra…¨
    Empecei a observar este proceso que finalizou nesa asamblea tan ben descrita por vostede, con una moi vaga ilusión, pero xa antes de rematar estaba talmente desilusionado. Ningunha das tres opción me gustaba, pero a que encabezaba o vello do chapeu que ten a edade do meu pai, teño que confesar que era a que mais me arrepiaba. E non polas suas teorias, se non polas suas declaracións, O conmigo o contra mi, resumindo a sua verborrea de neno pequeno enrabietado. E lle agradezco que sempre falou claro sobre ese asunto, se non se aproba o que quero eu, marcho. Ahi estan as suas nitidas declaracións.
    Pois se marcha e consegue nas próximas eleccions ser a primeira forza na miña parroquia, tera o meu voto, como xa o tivo e o meu pesar.

Trackbacks/Pingbacks

  1. O país agarda (o que quixera eu do BNG depois de Amio) - Febreiro 2, 2012

    […] O país agarda (o que quixera eu do BNG depois de Amio) unpaisenlata.wordpress.com/2012/02/02/o-pais-agarda-o-que-qu…  por raxozorza hai 3 segundos […]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: