Two for the road (Réquiem por un coche de segunda man)

12 Feb

Cando chegou a min, en xuño de 2004, o probe xa levaba no lombo unha presada de quilómetros. Pero nin eu lle preguntei a el polo seu pasado nin el foi demasiado esixente coa miña impericia como condutor. Foi un matrimonio de comenencia que agora, depois de oito anos, vén de rematar. Entreguei os seus papeis, o noso libro de familia, o contrato civil que asinaramos, nunha nave de despece, aí arriba, no Tambre, coma quen perpreta un pequeno pero definitivo acto de traizón. Indiqueille a alguén onde ficaba o coche, describino como mellor puiden, a media voz, como imaxino que deben facer os delatores ou os colaboracionistas. E marchei por onde vin. Ao día seguinte fun mirar se o carro seguía alí, varado nunha beirarrúa de Conxo, o meu Ibiza de vella xeración e catro portas, C-3770-BN, co que auscultei cada quilómetro da AP-9, que é tanto como dicir a columna vertebral da miña vida, con todas as súas metas voantes. Regresei ao outro día para me despedir del pero xa o guindastre o levara. Nin el podía facer máis por min nin eu podía facer máis por el, e esa impotencia compartida resultoume especialmente triste e cabrona neste tempo duro, no que semella que todo acaba ou desaparece. Tamén o meu cochiño branco e magoado.

Con el subín e baixei, case sempre fuxindo de Santiago. Con el voei sobre a ría e formulei a Lei de Rande, con el busquei aparcamento até desesperar nas praias de Vigo, atravesei treboadas de xeo, guieime pola lúa chea, pinchei rodas. Tamén o manquei ao probe, botándoo contra todas as columnas e ángulos afiados de todos os garaxes que no mundo hai e coñecín. El tamén respondeu como puido, sen moitos alardes, pero ben rexo e sempre orgulloso da súa condición de gama baixa e segunda man.

Deixoume tirado varias veces, certo, como aquel día en Mogor, sempre en condicións climatolóxicas extremas, con moita calor e sobre todo con moito frío ou humidade. Gastei nel os cartos que non tiña e el, a cambio, deume a liberdade e a felicidade, porque era quen me levaba, AP-9 arriba, até o meu amor na Coruña, con noite, chuvia, néboa ou o que for, en modo piloto asustado. A Avenida Alfonso Molina (alcalde franquista tiña que ser) era, na altura, o principal atranco para o meu romance. Pero montado nese coche superei mesmo o medo a morrer romanticamente nun accidente de tráfico. A el débolle iso e moito máis. E cando este día tiven que participar na súa eutanasia motora, nunha sórdida nave industrial, arrodeada de verzas e de pasto prás vacas, sentín que estaba a crebar para sempre a cápsula de tempo e de vivencias que ese automóbil significou para min.

Estaba eu xa tranquilo, uns días depois, gardándolle o loito debido á miña memoria desmantelada, cando recibo na casa unha tétrica misiva, en bilingüismo softcore (dese 95% castelán, 5% galego) na que se me achegaba, cito literalmente, o Certificado de destrucción do vehículo ó final da sua vida útil. Asínao a Consellería de Medio Ambiente, a mesma que certifica a destrución da nosa paisaxe e dos nosos recursos naturais, do cabo de Touriñán á serra do Galiñeiro. Pareceume unha broma macabra. E imaxinei, daquela, ao conselleiro Agustín Hernández a rir maquiavelicamente sobre os restos despezados do meu coche, nunha paisaxe temática de parques eólicos, portos deportivos e autovías que non levan a ningures.

Pensei que todo rematara aí, pero non tal. Houbo outra volta de porca, que diría Henry James. Os mesmos días nos que merquei o coche (grazas Mamá polo adianto), o radiante xuño de 2004, fora eu ao Teatro Principal de Santiago pra mirar Two for the road (Dous na estrada), esa película fermosa e conmovedora, triste, con Audrey Hepburn e Albert Finney, que o gran Stanley Donen rodou en 1967. A banda sonora dese filme, canda outros discos, viaxaba sempre comigo. Lembrei o tema principal, Two for the road, e pensei que lle debía alomenos esa homenaxe ao meu cochiño, escoitala de novo. Alá fun buscar o CD e nada máis abrir a caixa decateime de que o disco enteiro de Henry Mancini, ficara, for ever, no bandullo do meu querido Seat Ibiza. Estou convencido de que a el tamén lle gustaba esa melodía e por iso marchou con ela dentro, moi cerca do seu vello depósito medio cheo de gasolina e do seu motor cascado. Cunha pouca sorte, e se alguén recuperou o reprodutor musical para trasplantalo con éxito noutro vehículo, calquera andará hoxe a cantaruxar ese Dous na estrada, mentres conduce despreocupadamente, sen saber que está a entonar a nosa canción de amor, a miña e a do meu vello coche de segunda man. Adeus, amigo.

12 Respostas to “Two for the road (Réquiem por un coche de segunda man)”

  1. Miguel Blanco Febreiro 12, 2012 ás 5:39 PM #

    Cando casque o meu ibiza vermello sentirei o mesmo. El e maís eu andivemos a Galicia toda, Portugal e o occidente asturiano. Tantos recordos!!!

  2. Ofélia Sintrom Febreiro 12, 2012 ás 9:26 PM #

    Extraordinario artigo. Fiseche que escorregue unha bágoa polas meixelas lembrando o teu coche

    • Connie Matthews Febreiro 14, 2012 ás 8:19 AM #

      Eu escorreguei dun Simca 1000, iso conta?

  3. Montenegro Febreiro 12, 2012 ás 10:44 PM #

    Estoy emocionado. La verdad es que con los coches sucede como con algunas personas, parece que tienen sentimientos.

    • franplorenzo Febreiro 12, 2012 ás 10:48 PM #

      algúns son mellores que moitas persoas, iso seguro😉

      • chelo Febreiro 14, 2012 ás 4:05 PM #

        É o coche o é quen o sinte?

  4. cossimo Febreiro 14, 2012 ás 4:11 PM #

    Ai!, eu pensei que o do ibiza iría dar nunha metáfora sobre os irmandiños e tal.

    • franplorenzo Febreiro 14, 2012 ás 7:09 PM #

      licenzas poéticas, pra non falar sempre do mesmo😉

  5. escornabois Febreiro 16, 2012 ás 8:30 PM #

    O da foto é de dúas portas…

    • franplorenzo Febreiro 16, 2012 ás 10:58 PM #

      dúas por un lado, unha polo outro lado, e outra por atrais = 4😉

      • escornabois Febreiro 17, 2012 ás 10:03 AM #

        🙂

Trackbacks/Pingbacks

  1. Two for the road (Réquiem por un coche de segunda man) - Febreiro 13, 2012

    […] Two for the road (Réquiem por un coche de segunda man) unpaisenlata.wordpress.com/2012/02/12/two-for-the-road-requi…  por petopitopato hai 2 segundos […]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: