Conde Roa: “Entre o bo e o galego, eu quédome co bo”

28 Feb

Alberto, un compañeiro xornalista, dicíame onte que a sentenza merecía un titular. E meréceo, abofé. Presentación o pasado venres en Santiago, dun libro de El Patito Editorial. É o terceiro acto rosaliano ao que asisto nesa tarde. Principiei polo Panteón de Galegos Ilustres, nunha leitura de poemas da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Aquilo púidose celebrar depois de que a xente da AELG retirara de tan ilustre emprazamento o material de obra e os trebellos que alí teñen amoreados os píos donos dese lugar, a Igrexa Católica quero dicir. Continúo no Hostal nun acto variopinto da Fundación Rosalía. Alonso Montero, que se refire a Rosalía como a “voz das clases subalternas de Galicia”, puro Gramsci, tamén teima en falar dela como “o poeta”, como se fora un señor, non sei por qué. “Rosalía é o poeta galego máis tal, máis cal….”. Non a poeta, o poeta. E por dúas veces teima na suposta fealdade da escritora -grazas que tiña a man a Juan Ramón Jiménez para endosarlle a cita-, entre a restra de motivos que a converteron nunha persoa desgrazada e desamparada na vida. Pode ser, non digo que non, pero naquel contexto celebratorio teimar en que “era fea…” resultoume unha miga irritante. Alomenos a min.

Sen ánimo de restarlles méritos a todos os estudos importantes que se veñen facendo sobre a obra e a figura de Rosalía -o de Francisco Rodríguez o máis recente e monumental- ao meu ver a autora, non o autor nin o poeto, pide a berros unha biografía canónica, desas ás que tan afeitos nos tén o mercado francés e anglosaxón. Unha biografía que resitúe a súa importancia, e que refugue apriorismos e lugares comúns arredor dela. Que compile todo o que se sabe, que contraste mitos e asertos anticuados, que sexa, no bo sentido, xornalística e non filolóxica nin inspiracional.

Mentres ese documento necesario non dá chegado, calquera podería concluír que tal ausencia é un síntoma de anormalidade. E creo que si o é. Máis que nada porque non moitos países teñen á cabeza da súa poesía literatura nacional unha muller, cunha obra tan imbricada no pobo e cunha significación tan diversa. Quizais por iso, porque Rosalía non é unha escritora calquera, e transita máis polos vieiros do símbolo, esa biografía para o gran público leitor aínda está por facer.

Pero volvo ao principio. Presentación editorial. Gemma Sesar, editora de El Patito, dá a coñecer en Santiago o terceiro volume da poesía ilustrada de Rosalía, Follas Novas. O autor das ilustracións é Álvaro de la Vega. Sesar fai unha pertinente defensa do produto cultural galego, nun ambiente distendido malia a presenza de autoridades, con graza e acerto. É a quenda do señor alcalde de Santiago. Eu tomo notas e entón solta un exhabrupto que me deixa conxelado. A culpa, xa mo di todo o mundo, é miña por asustarme. Pero a frase queda escrita e ben escrita no meu moleskine vermello de ocasión: “Entre o bo e o galego eu quédome co bo…”. O argumento que alenta aí debaixo xa se sabe cal é: “non por ser galego un produto vai ser bo…”. Seguramente esa procura da excelencia que proclama Conde Roa impediríao instalarse definitivamente en ningún idioma ou cultura, pois haberá sempre algo mellor polo que optar noutra  parte, xa for no suomi, no francés, no dinamarqués ou no cantonés. Unha disxuntiva que cifra o seu desprezo polo idioma e que, de seguro, non exporía xamais nun acto cultural no que se falara dun libro en castelán: “Entre lo bueno y el castellano, yo me quedo con lo bueno…”. Ten sentido? Pois non.

De seguido veu unha filípica innecesaria sobre o sistema de subvencións á cultura pero a min xa só me ecoaba na cabeza a sentenza en cuestión. O xeito no que, tan burdamente, alguén pode situar bo e galego como categorías absolutas entre as que establecer unha comparanza.

Mentalmente probei outras posibilidades: “Entre o malo e o galego, eu quédome co malo…”; “Entre un cancro e o galego, claramente quédome co galego…”. “Entre a morte e o galego, prefiro un lacón con grelos…”; “Entre a vida e o galego eu optaría pola vida…”. Todas igual de absurdas, todas igual de ilóxicas. O inevitábel nese contexto foi pensar en Rosalía, claro, e en como, 175 anos depois dela nacer naquela casiña do Camiño Novo de Santiago, a ignorancia, o desprezo e o absurdo arredor da lingua deste país aínda fan do idioma  unha marca de clase e de estatus. Rosalía era a voz, dixo Alonso Montero no acto do Hostal, das clases subalternas de Galicia, as que falaban galego. E poida que o galego, tantos anos depois, tanta historia de por medio, non mudara un ápice na súa consideración. Alomenos para os que Conde Roa pensan que un idioma e a cultura dun país son tan irrelevantes e tan faltos de valor como para imaxinar sequera a posibilidade de optaren ou non por elas.

11 Respostas to “Conde Roa: “Entre o bo e o galego, eu quédome co bo””

  1. Calistro Febreiro 28, 2012 ás 4:10 PM #

    Debaixo deste tipo de falsos dilemas sempre se oculta unha fobia enfermiza, e reprimida por “corrección política”, contra a lingua do país. Acaso alguén se imaxinaría a Vargas Llosa anunciando nun acto público do Instituto Cervantes que él, entre o castellano e o progreso tecnolóxico, él optaría polo progreso tecnolóxico?

  2. Susana de la Gala Febreiro 29, 2012 ás 7:04 AM #

    Reblogged this on 40 días y 40 noches and commented:
    Correcto en la forma y en el fondo

    • Xoán Fuentes Castro Febreiro 29, 2012 ás 4:10 PM #

      Que é o que é “correcto en la forma y en el fondo”? O galimatías de Roa ou o seu poder de sintetizar o absurdo?

      • Susana de la Gala Febreiro 29, 2012 ás 7:35 PM #

        Isto non vai polas persoas. Vai polas actitudes. E en actitudes non somos nós mellores ca eles. Apertas, Susana

      • Susana de la Gala Marzo 5, 2012 ás 8:51 PM #

        me refería al artículo, no a conde roa

  3. Martinho Febreiro 29, 2012 ás 1:08 PM #

    Conde Roa, e todos os que son coma el, resultan patéticos e ata cómicos na súa miseria intelectual.

  4. Montenegro Febreiro 29, 2012 ás 6:53 PM #

    El Condemor este es tonto’l culo o comió mierda de pequeño.

  5. aser mendez Marzo 1, 2012 ás 9:00 PM #

    digamos que grandeza da poesia de rosalia está por acima do conde-roa-que -croa

    …. hai cousas que á mesquindade lle quedan moi altas,, ,é o bo do país,, ,,Poden promover maquinarias contra o idioma, pero sempre van ter diante estas xemas:

    “Pois tan mal corazón tendes,
    secos fillos do deserto,
    que se amargo pan vos gañan,
    dádesllo envolto en veleno.”
    Digamos,,,,,,eles e a sua parafernalia morrerán…Nós temos as verbas: o necesario para
    renacer….

  6. Carlos Marzo 25, 2012 ás 3:48 AM #

    Entre Conde Roa e o galego, eu quedo co galego.

  7. Ramón Torrado Romero Outubro 3, 2012 ás 10:03 PM #

    Moi bo artigo, Fran Lorenzo. A min encargáronme facer o volume de Fasquía sobre Rosalía de Castro. Non é a biografía que tantísimo se necesita, pero confío en que sexa un libro que aporte algo. Un saúdo

Trackbacks/Pingbacks

  1. Conde Roa: “Entre o bo e o galego, eu quédome co bo” - Febreiro 29, 2012

    […] Conde Roa: “Entre o bo e o galego, eu quédome co bo” unpaisenlata.wordpress.com/2012/02/28/conde-roa-entre-o-bo-e…  por iola hai 2 segundos […]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: