A retórica é a túa arma máis letal, Partido Popular

13 Mar

Hai esa canción de Shakira que me vén a cabeza cada vez que algún cargo do Partido Popular –Gallardón, Rajoy, Cospedal, Núñez Feijóo, et alia- abre a boca para cuspir sobre a linguaxe, distorsionando os seus límites até facer dese magma de sons, palabras e estruturas, que nos debería unir e comunicar, un artefacto violento e impositivo. Cando falan son violentos, agreden. Tamén cando falan. A canción titúlase No e teño reparado nela porque é das poucas de Shakira na que lle dou comprendido o que di. Sorry, Shaki, pero é así tía, non hai quen che entenda cando cantas…

 

Nun verso moi logrado dese tema conclúe ela: “La retórica es tu arma más letal”. (0:35) Ás veces, sen case decatarnos, é ben pior o xeito no que o PP di as cousas, as formas, que o que en verdade di, puro baleiro en calquera caso, doutrina nacional-católica traída ao novo século, dogmas neoliberais xa coñecidos. Logo a canción acaba nun retrouso ben simpático, que vale para o Partido Popular pero tamén para os demais, para os que os sufren neste país pola desfeita de todo o coñecido e non dan saído desa parálise: “No se puede vivir con tanto veneno”. Pois iso, fóra o veleno e mans á obra: a poñérmoslle freo á retórica letal. Que por riba do veleno, que eu saiba, non medra nin medrou nunca nada.

Esa retórica noxenta e avesa dos populares fíltrase todos os días en cada cousa que din e en como a din. Gallardón afirma que a “violencia estrutural” obriga as mulleres ao aborto; Rajoy di “las huelgas no valen para nada”; Cospedal di que “Los españoles tienen que trabajar más horas”; Núñez Feijóo afirma, por exemplo, que “hai que revisar a xustiza gratuíta e as prestacións sanitarias” e que “evidentemente” non é gay; e un deputado popular no Parlamento galego, Agustín Baamonde, solta no Hórreo que dedicarlle unha xornada oficial do calendario escolar a Rosalía de Castro é “abrir a espita” (sic) para que calquera outro autor galego optara a ou reclamara ese recoñecemento (!!!). Claro, imaxínate que veñen agora os mestres malpagos do esfarelado BNG e queren dedicarlle unha xornada escolar ao marica de Blanco Amor. Sería intolerábel! Mellor non abrir a espita… Que preclaro este home..!

En calquera caso, unhas e outras, son expresións do mesmo fenómeno, dese retorcemento retórico, da desconsideración extrema e desa ignorancia encriptada en discursos agresivos. A nova campaña da Xunta de Galicia para o 8 de marzo, por exemplo, titulada Sen mulleres non hai Galicia, tenche moito desa retórica subliminal. É amábel, non é faltona. É institucional, fría, en tons óso e beige claro, correctísima en apariencia, pero leva cargas de profundidade, a pouco que se rañe na súa superficie. O lema é asertivo pero tamén tan obvio e tan morno que acaba por non significar nada. Claro que sen mulleres non hai Galicia, quen o dubidada..? É mágoa que o Partido Popular non teña iso en conta cando lle nega á escritora nacional un recoñecemento oficial nas aulas galegas.

 

De fondo sona o Bolero de Maurice Ravel. Hai varias mulleres atrapadas nun friso dórico, como se foran cariátides do Partenón ou figurantes dun cadro neoclásico de Joseph Paelinck. Muller-estatua, para comezar. Ou muller-musa. Muller estática, cincelada por un home artista. Muller feita para a contemplación, muller obxectualizada, muller sorrinte, nunca amolada, muller nai reparadora, empresaria, ama de casa, esposa e coidadora dos dependentes. Muller piar, muller norai, muller refuxio, muller estática, ancoraxe da familia, muller para todo, abnegada, escrava.

Unha delas di: “Eu son Pilar”. Logo a seguinte di: “Eu tamén son Pilar”. E a máis cativa replica con voz de Songoku: “E eu..!”. Moi ben, todas Pilar. Pilares hai moitas, pero en verdade cando sinto dicir Pilar, por algunha razón, non penso en Pilar García Negro, nin sequera en Pilar Bardem ou en Pilar Rahola. Pilar é un nome eminentemente católico e devoto, que provén da Virxe do Idem zaragozana e que nin sequera é dos máis comúns neste país. Chamádeme paranoico, pero escoller o nome de Pilar (Pilar RojoPilar CernudaPilar FarjasPilar Primo de RiveraVirgen del Pilar) non é arbitrario. Por aí vén unha primeira carga nacional-católica.

O texto xoga coa alteridade de Pilar/piar e confunde unha palabra española cunha palabra galega, puro bilingüismo castrapense popular, como se foran a mesma cousa, como se ao cabo tanto tivera dicir ‘piar’ que ‘pilar’, como se o idioma e todo o que nos singulariza non fora en realidade algo significativo, un valor propio, algo que defender e polo que é necesario loitar. Como a igualdade para as mulleres. Cada día, con máis afouteza ca veleno, dicindo moitas veces, as máis das veces, que non e desarmando a súa retórica letal con verbas e significados descontaminados.

E que piar son as mulleres..? Claro que sustentan a nosa economía, claro que sen elas non existiría Galiza. Pero, por que non se di nada do que en verdade lles pasa ás mulleres..? Que hai da precarización do emprego, que hai dos soldos abaixados, dos teitos de cristal, da discriminación laboral, que hai da violencia de xénero, do insultante control eclesiástico e do Estado sobre o propio corpo e o dereito a decidir…?

O vídeo prosegue: “En Galicia somos 1.445.831 mulleres. E todas somos Pilar… As mulleres somos un piar fundamental da economía de Galicia. Onte, hoxe e mañá”. A secuencia final volve reunir a todas as cariátides, tres delas, unha por xeración, suxeitando unha columna dórica, que máis ben pareceran, o Deus do PP me perdoe, Sumas Adoratrices do Falo Patriarcal. Todo isto poderá ser froito dunha visión malsá miña ou de moitas leituras feministas. Pero acho, en todo caso, que nunca as palabras son inocentes, nin as imaxes, nin sequera os silencios. E que xente como esta que nos goberna, en Madrid e en Galiza, emprega contra nós o gas mostaza da súa retórica. Lánzano desde lonxe, sen necesidade de contacto, e logo, unha vez abatidos, atácannos. Se damos combatido e desarmado esa retórica letal do Partido Popular, e as mulleres súfrena cada día, teremos, cando menos, unha oportunidade real de parar o golpe de depois.

7 Respostas to “A retórica é a túa arma máis letal, Partido Popular”

  1. Isabel Marzo 13, 2012 ás 11:31 AM #

    Ben se ve que o anuncio está parido inicialmente en castelán…

  2. Montenegro Marzo 13, 2012 ás 12:37 PM #

    Joder! Que artículo más bueno, Fran.

  3. Meixide Marzo 13, 2012 ás 12:40 PM #

    Fran. Debo dicir que admiro moito o seu traballo. Concordo con vostede o 99% das veces, pero desta vez non podo subscribir o que vostede di das letras de Shakira,

    Ou é que vostede non comprende letras como esta?
    Naturalmente
    Después de ti la pared
    No me faltes nunca
    Debajo el asfalto
    Y mas abajo estaría yo

    • franplorenzo Marzo 13, 2012 ás 4:04 PM #

      hahaha, isa canción éche moi dramática pero tampouco non a dou entendido; pero aínda ten mérito que sen entender ren das súas cancións todo o mundo as cante😉

  4. aser mendez Marzo 13, 2012 ás 10:16 PM #

    queda por ver aí se “piar” é verbo,pra máis cachondeo…

Trackbacks/Pingbacks

  1. A retórica é a túa arma máis letal, Partido Popular - Marzo 15, 2012

    […] A retórica é a túa arma máis letal, Partido Popular unpaisenlata.wordpress.com/2012/03/13/a-retorica-e-a-tua-arm…  por Socram hai 3 segundos […]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: