Eume: Feijóo responsábel, por desleixo e por omisión

1 Apr

É mellor sempre non caír no desespero. Porén, son dos que acha que unha catástrofe ecolóxica, como a que aínda hoxe domingo, 1 de abril, devasta o Parque Natural das Fragas do Eume, non ha valer de nada. Poucas leccións se tiran neste país das experiencias traumáticas. Nin sequera hoxe, dez anos depois, estamos a salvo de que un novo Prestige tapice de chapapote a nosa costa, xa tantas veces castigada. E o mesmo co lume. Ninguén vai recuperar a diversidade medioambiental deses bosques, nin os fentos xigantes, nin os carballos vellos, nin as bidueiras, nin as especies endémicas desa fermosa contorna natural. Nada vai evitar que a cinza se vaia deitando na corrente do río e que esa lama tóxica estrague os fondos mariños da ría. É un dano que levará décadas restaurar, e nunca totalmente, anque Feijóo fale tan oufanamente de repoboar, como se o que se perdeu non fora único e insustituíbel. Que sabe el do que é único? Non teima en demoler a nación e denigrar a súa lingua? Que sabe el do que é importante de verdade..? Hai algo, con todo, que Galiza, este pobo magoado que contempla a súa destrución coma quen olla unha película da que non é protagonista, si pode facer: esixir responsabilidades, e facelo canto antes, a un Goberno que, por omisión e desleixo, permitiu que, en dous días, o fogo arrasara a principal reserva forestal atlántica de Europa.

Opacidade informativa, desde a Xunta e desde os medios públicos, clamorosos erros de comunicación, desaparición presidencial nas horas máis críticas da catástrofe, austeridade nos medios de extinción, clamorosos recortes orzamentarios, dependencia extrema da axuda exterior, penosa política medioambiental, desprotección e desvalorización do noso patrimonio natural, servidume gobernamental ante os parques eólicos, as explotacións mineiras, as empresas de extracción de áridos, as canteiras, os encoros… E o lume, outra volta. Feijóo preséntase tarde, moi tarde, un día despois, no lugar dos feitos, logo dun silencio clamoroso, só paliado polo chío das redes sociais, que teiman en retratar, para o noso desespero, o que as fragas eran e son, aínda a arder. Coma decote, dota as súas verbas dun ton de solemnidade que, por desgraza, require a situación pero que non agocha a ineptitude do seu goberno na xestión da catástrofe. Fala de lumes provocados, e seguramente sexa así. Pero a súa fasquía de xusticeiro conmovido e iracundo non convence a ninguén. Calquera sabe que este marzo non é un marzo calquera, que non choveu en todo o inverno, que venta, que o monte está seco, que as temperaturas son altas… Sabíao todo o mundo, menos el, quizais, que pregunta por que as vacas levan sempre nome feminino e que só pensa no agro e no monte galego como problemas e focos de conflito.

Os medios de extinción debían ser os mesmos que en xullo ou agosto e non os doutros invernos, considerabelmente rebaixados como estaban.  E quen non prevíu esa circunstancia ten responsabilidade. Quen non puxo medios extra para a protección dun parque natural, ten responsabilidades. Quen non contratou brigadas forestais por aforrar os cartos, ten responsabilidades. Quen aínda está a silenciar o que ocorre, ten responsabilidades. Por desleixo e omisión, o Goberno de Feijóo ten responsabilidades. Quen impulsa un modelo insustentábel para o monte galego, ten responsabilidades. Quen prioriza os intereses empresariais e especulativos en áreas protexidas (ver a Serra do Galiñeiro, o caso máis recente) ten responsabilidades. As fragas aínda arden pero nese lume deben arder tamén as culpas dos responsábeis. Os desalmados que, presuntamente, prenderon o fogo, e os que, insisto, por desleixo e omisión, permitiron esta catástrofe. Mañá luns hai convocadas protestas polas Fragas do Eume e contra as mentiras da Xunta. Poida que non sexa o momento de procurar culpábeis, alguén opina que hai cousas máis urxentes. Pero nada vai mudar, en calquera caso, cando o lume se dea controlado. Os culpábeis seguirán aí: uns prendendo o monte e outros sen faceren o que deben facer para impedilo. E nós temos a obriga de proclamalo.

2 Respostas to “Eume: Feijóo responsábel, por desleixo e por omisión”

  1. Luís Abril 1, 2012 ás 8:42 PM #

    Esas fragas eran impresionantes, unha verdadeira xoia da natureza. Acertas moi ben cando dis que os galegos ollan as imaxes desta traxedia ambiental coma se fora unha película de ciencia ficción, como se lles fora alléo. E é certo modo é así. Porque moitos dos galegos xa hai tempo que non senten o que é de seu, pecharon os ollos á súa cultura, ao que son. Por que ían laiarse contra os incendios cando non sinten esas fragas coma se foran súas? Para eles son algo alléo, non as recoñecen coma un ben colectivo. Non existe o sentimento de comunidade, como quedou patente no Prestige. Ollaron para outro lado cando o goberno do PP encheu os petos con subvencións e axudas públicas. Sen dúbida Feijoo é o responsable político desta desfeita, pero a responsabilidade social é de todos.

    Un saúdo

Trackbacks/Pingbacks

  1. Eume: Feijóo responsábel, por desleixo e por omisión - Abril 1, 2012

    […] Eume: Feijóo responsábel, por desleixo e por omisión unpaisenlata.wordpress.com/2012/04/01/eume-feijoo-responsabe…  por iola hai 4 segundos […]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: