O Celta, a contraépica e a conxectura do empate

4 Jun

Un meu amigo puxo hoxe no seu estado de WhatsApp a seguinte sentenza: “Ao vencer sen perigo triúnfase sen gloria…”. A frase de Alphonse de Lamartine tenche sentido como actitude vital e defensa do risco pero, xa llo dixen, non vale para a victoria do Celta en Balaídos, ese encontro anticlímax perante o Córdoba que lle valeu ao meu equipo o regreso á Primeira División. Non houbo perigo e porén houbo gloria, celeste como a gloria adoita ser. Foi raro conter a euforia, mirar o partido na distancia, vibrar con algo que non vibraba de seu: unha lección de contraépica, un vencer morno, festivo, o envés dun derbi, unha explosión controlada dentro dunha implosión. E chegou depois dunha semana de aturar, estoicamente, o que eu chamo a conxectura do empate, unha especie de absurdo e desquiciado debate metafísico, alentado polos medios, sobre o que debía facer ou non facer o cadro céltico, en sabendo que a igualdade no marcador beneficiaba os dous rivais.Ao final ficaron quedos, o Celta e o Córdoba, nun encontro budista e agarimoso, un civilizado canto ao estatismo. Como non podía ser doutra maneira… “Tongo, estafa, bulra, isto non ocorrería nun país civilizado..!”. Todo iso xa o escoitei da mañá á tarde sen que tal resentemento, ben irrelevante por outra parte, alterara a evidencia dun feito: o do Celta é o ascenso dun equipo refeito desde a canteira, con once xogadores galegos na primeira formación, que acaba de coroar unha temporada histórica, con bo xogo e cifras récord de goles, partidos gañados e posesión de balón.

 

Durante anos procurei coartadas literarias para o meu achegamento ao fútbol. Xa sei que é cínico e moi doado citar aquel amante de María Casares, Albert Camus, e ampararse na súa autoridade cando dicía que do balompé extraeu todas as leccións morais que logo verteu nos seus libros. Pero aínda que todo se poida adubiar e prestixiar intelectualmente, segundo nos conveña, veño decatándome de que o Celta, para min, non ten xa nada a ver con iso, coa reflexión ou co pensamento… É unha pulsión, un espazo controlado para a arroutada e un emblema de moitas outras cousas, anacos de memoria procesada nalgunha parte do hipotálamo que teñen a ver comigo mesmo, coa miña cidade, co meu idioma e co meu país e que se instalan nesa área menos reflexiva e máis espontánea de cada un de nós, que non precisa de moitas explicacións. Este Celta novo e canteirán, que tanto escoce dentro e fóra, porque fala galego con todos os acentos da ría de Vigo e pasea bandeiras estreladas pola tarde solleira de Balaídos, este Celta consegue petarme na médula do sentimento e do orgullo. Nin esquezo o opio que representa o deporte de masas, nin defendo a súa inxusta imposición. Ser do Celta tampouco non fará arder en min sentimentos fóbicos cara ninguén. Pero cando -xa logrado o ascenso e sabido que o Celta volve á Primeira-sinto aínda rabear aos da conxectura do empate -eses que esquecen o xogo despregado e a máis elemental e lóxica evidencia da suma de puntos e goles- vénme polo peito arriba unha satisfacción irracional, bastante nacionalista, que representaría graficamente cun sonoro corte de mangas e un exabrupto, o mesmiño que lle dedico sempre que teño ocasión aos infiltrados do himno galego, eses imbéciles e escuros que non nos entenden non.

5 Respostas to “O Celta, a contraépica e a conxectura do empate”

  1. Montse Paz Xuño 4, 2012 ás 7:31 PM #

    Ese orgullo de ser celtista, esa irracionalidade fascinante que nos fai ser un pouco máis felices. Parabéns e Sempre Celta!

  2. Concha Xuño 4, 2012 ás 9:41 PM #

    No me interesa para nada el fútbol pero tus artículos más que gustaría me atrapan, incluso cuando hablas de fútbol.

  3. Montenegro Xuño 6, 2012 ás 10:46 PM #

    Non había tongo na bancada celeste que desfrutou con sete titulares da terra (Catoira, Santiago, Marín, Lavadores, Vigo, Ferrol, Moaña) aos que uniriamos Coruña se Toni non estivese sancionado, e que ten na recamara a xente de Vilagarcía, O Porriño, Vilar (Lavadores)… Non había tongo nos xoves afeccionados, moitos, chorando de emoción polo ascenso do orgullo do Celta galego. Non había tongo nas bandeiras coa estrela vermella paseándose con dignidade polo campo de Balaídos. Non había tongo nas trinta e pico mil gorxas que entoaron o miudiño como se tratase do verdadeiro himno galego. Non había tongo nun ascenso merecido que acompaña a entrada en primeira doutro equipo da Galiza, o Coruña, ao que saudamos. Os que estivemos alí nunca o esqueceremos. Os que tenta luxar este ascenso son os mesmos que cando un xogador do Madriz mete un gol coa man, din que foi moi pillo, e cando é doutro equipo, bótanlle os cans enriba. Coma sempre, o de sempre, ALA CELTA!!!! Grazas Fran, celtista e galego. Para celebrar o ascenso e o teu artigo, únome por sempre ao teu idioma.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: