Os tres DDD de Feijóo (Deriva, Desleixo e Desdén)

26 Jul

Andaba eu na procura dun acróstico que, neste tempo de siglas dispersas e confusas para o país, concitara en tres letras a acción de goberno de Núñez Feijóo; unha regra nemotécnica que cifrara con sinxeleza o traballo destrutor da hoste de conselleiros memo-técnicos que día a día desmantelan, por omisión ou por obra, a xa feble e depauperada estrutura autonómica na que as galegas e os galegos tentabamos até o de agora sobrevivir.

Que verbo, sobrevivir, non si? Como faría ese verbo para revirar o seu significado e convertelo, dun día para o outro, en vivir por riba das nosas posibilidades? en que momento sobrevivir se converteu nun extraverbo, sobre-vivir? Como foi que algo que resulta inherente á especie humana, a sobrevivencia, rematou, na boca destes intoxicadores, transmutado na expresión dun luxo ou dun dispendio propio de sociedades ricas e pudentes como a nosa nunca foi? Sobrevivir, dicía, e acróstico. Velaí fica o poema de Núñez Feijóo. Nin haiku é, tres verbas que abondan para guiaren a súa xestión, tres DDD cuxa suma reflicte a política aplicada polos conservadores do PPdeG nesta lexislatura horribilis: DESGOBERNO

D E R I V A

D E S L E I X O       +

D E S D É N

———————

D E S G O B E R N O

DERIVA: porque o norte non fica aquí, no noso país, senón que anda fóra, a expensas de Rajoy, de Ana Pastor, do rescate aos bancos, das políticas europeas, do que a Alberto lle digan en Madrid, das súas ambicións e tramas persoais e da estratexia global do Partido Popular; porque non saben o que han facer, fóra de privilexiaren os seus, manteren reinos e deputacións e asegurárense a reelección na vindeira convocatoria ás urnas; porque o vale tudo que representan as políticas de Feijóo retíralle o sentido ao que ten sentido: a lingua e a cultura galega, o benestar da xente, a sanidade e a educación públicas, a loita do pobo galego por sobrevivir e non por sobre-vivir; e porque nese vale tudo e nesa deriva este señor non dubida en abaixar a nosa triste condición de comunidade autónoma empobrecida, aminorando o peso do seu parlamento, coa coartada da austeridade, convertindo aquilo do Hórreo nun guiñol que só acolla os seus monicreques articulados.

DESLEIXO: desleixamento, abandono… agora mesmo este país semella unha casa en ruinas, que axiña caerá polo colapso das súas estruturas, ou unha leira a monte, que será, por outra parte, a primeira en arder, cando o lume nos cerque de verdade… Nada importa e ese desleixo, adubiado coa displicencia e a ignorancia da que fan alarde estes predadores consumados do goberno de Feijóo, prende o desánimo da xente, neutraliza a resposta social porque ás veces semella que se protesta contra ninguén, contra a inacción, contra a ataraxia contemplativa… É como se lle botaramos unha bronca por teléfono a un ausente, como se depois de dez minutos a falar nos decataramos de que, ao outro lado do fío, hai tempo que xa non escoita ninguén… esa cara de parvos, esa mesma, é a que temos agora.

DESDÉN: Actitude que unha persoa adopta con outra á que non considera merecente da súa atención, segundo o dicionario da RAG. Persoalmente o desdén dun político eleito resúltame intolerábel. Pero o desdén de Feijóo é arraiano do insulto e da mala educación. Como fixo Gallardón coa reforma da Lei do Aborto, defendendo en La Razón a obrigada prosperidade dos cigotos malogrados, Feijóo anuncia en La Voz de Galicia as medidas máis polémicas do seu Goberno, para desprezo da Cámara e dos cidadáns que a votamos. En realidade se a democracia en Galiza é un cerebro todas as disposicións do goberno de Feijóo son microinfartos, pequenos ictus que van furando e paralisando a masa gris do sistema até desembocar no democratísimo golpe de estado ao que asistimos desta volta.

Pensaba eu nestes tres DDD de Feijóo no decurso do Día da Patria. Alén da división, alén da atomización de convocatorias, alén das inquinas persoais e da batalla de egos que aquece o confrontamento nacionalista -alentado por La Voz de Galicia, o boneco diabólico que rosma os cálculos e cábalas electorais do ventrílocuo Feijóo, e polas cegueiras particulares dos contendentes, tamén hai que dicilo- o certo é que sentín por primeira vez unha certa unanimidade no illamento dun problema capital, ao que chamarei, moi sumariamente, España.

Palabras necesarias como independencia, autodeterminación ou soberanía abrollaron estes días sen tanto complexo nin tanto medo. A grandes males, grandes remedios. Porque o foco fica aí, en España, máis que nunca: a España que todo o arrastra na súa caída e que nada nos ten dado, ben ao contrario. Esa España en descomposición anímica, política e socio-económica volveuse definitivamente un problema para Galiza, non a solución de nada. Hai quen decide vivir sen problemas e hai quen bota os problemas ao lombo e segue andando, encorvado baixo o seu peso. Pero Galiza xa ten as cervicais vencidas de tanto apandar e soster as políticas que España deseñou para ela e os políticos que, como Feijóo, se encargan unica e exclusivamente de executalas. A deriva, o desleixo e o desdén dos que falo son a expresión última dese afán por satisfacer ao xefe, ao patrón, como se o que Feijóo tivera entre as mans, no canto dunha nación milenaria, fora a filial dunha empresa madrileña que procurara, nas praias do Atlántico, novos horizontes para a súa desfeita.

3 Respostas to “Os tres DDD de Feijóo (Deriva, Desleixo e Desdén)”

  1. Xavier Xullo 30, 2012 ás 11:04 AM #

    Eu engadiría DECONSTRUCCIÓN, no senso de “desfacer o feito” , mais que se corresponde plenamente co desbaste permanente das competencias e do autogoerno.

Trackbacks/Pingbacks

  1. Os tres DDD de Feijóo (Deriva, Desleixo e Desdén) - Xullo 27, 2012

    […] Os tres DDD de Feijóo (Deriva, Desleixo e Desdén) unpaisenlata.wordpress.com/2012/07/26/os-tres-ddd-de-feijoo-…  por gelo hai 2 segundos […]

  2. Os tres DDD de Feijóo (Deriva, Desleixo e Desdén) | Otros desaguisados | Scoop.it - Xullo 27, 2012

    […] Andaba eu na procura dun acróstico que, neste tempo de siglas dispersas e confusas para o país, concitara en tres letras a acción de goberno de Núñez Feijóo; unha regra nemotécnica que cifrara con …  […]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: