Galegos a boca pechada no país da “faciana pétrea”

7 Aug

Mentres a xente saía á rúa o 25 de xullo, en cadansúa parroquia non vaia ser, o Goberno de Feijóo respondía con homilías, prédicas ao Apóstolo, misas votivas e actos solemnes para darlle algún sentido -anque sexa como recinto protocolario- á Cidade da Cultura. E nesas que reparo nun spot televisivo institucional co gallo do Día de Galicia (o apelativo nacional debeu caer polo camiño da ocultación), que estes días atrás circulou nas televisións, na rede e na prensa tradicional. Procede do think tank de BAPConde, a recoñecida axencia publicitaria coruñesa que apostou por encher de contido apolítico e de doado consumo ese pozo negro de autoestima no que aboia sen respostas a galega xente. Refírome a Vivamos como galegos Maloserá, de Gadis, ou a aquel lírico canto de cisne da pre-fusión bancaria, Cando un galego crece, toda Galicia crece, de Caixa Galicia, campañas multipremiadas que, ao meu ver, conectan á perfección coa visión emotiva, sentimentaloide, e desposuída de significado profundo que Feijóo ten deste país, se é que algún día o mandatario reflexionou sobre o particular. Dubido que o fixera, tendo en conta a bapitaurus de citas galeguistas coa que os ghostwriters remexen os seus discursos para dotalos da pátina de autenticidade e sentido que non teñen.

Suplir a acción de goberno con mensaxes publicitarias ben intencionadas é un bo exemplo dos plans que os de Feijóo & Cia. teñen para nós, exactamente ningún plan, alén de devastar a feble e maltreita estrutura autonómica. Pero a publicidade viste moito, e parece que lle outorga unha forma concreta ao baleiro, cousa que é moi de agradecer cando toda unha sociedade se abeira ao suicidio colectivo, en plan Monte Medulio contemporáneo.

O lema da campaña é “Para levar Galicia á cabeza, hai que levar Galicia no corazón”. Calquera asinaría tal aserto. Ocorre, porén, que outra volta traballamos no terreo das emocións, da meritocracia, do esforzo colectivo, do adolfodominguismo, como se non nos esforzaramos xa abondo e como se a responsabilidade do que ocorre recaera en nós e non no que nos fan e en quen o fai. Pero non vou ao lema. Vou á imaxe. O que se ve é un desfile de peña que, conmovida polos acordes do Himno Galego -interpretado a boca chiusa, a boca pechada, uunnnmmm, coma o coro ese de Madame Butterfly– empeza a erguerse, como se acabara de mirar á Virxe de Fátima en biquini no medio dun páramo. Coa “faciana pétrea” que diría Feijóo.

En realidade é xente ideal, xente que case non existe en Galiza e en lugares que xa case non existen. Unha sorte de mutantes ou de replicantes extraídos dunha sociedade máis nórdica e desenvolvida cá nosa. Como di un meu amigo, cuspidiños aos protagonistas d’O Show de Truman. E ten razón o Jose.

U-las terrazas ateigadas de xente e os camareiros satisfeitos e ben retribuídos? U-los estudantes con plácida serenidade no rostro en sabendo o ‘no future’ que lles reserva o seu país? U-los jubiletas que podan hortensias co acougo de quen ten unha pensión digna e non ten preocupacións? U-las bibliotecas a rebordaren de opositores para unhas oposicións que xa non se convocan? U-las oficinas sen postos baleiros por un ERE ou un despido? U-las tres xeracións dunha mesma familia debullando no millo, ou ferrando un cabalo, se no rural galego non hai quen poida vivir, sen transportes, sen conexión á rede, sen escolas, sen oportunidades de traballar…?

Hai, no medio deste relato, un señoriño con muletas que, ao son d’Os Pinos de Veiga e Pondal, se ergue, en plan Lázaro, como se o acabaran de chamar da lista de espera do Sergas, esoutro ente que corta e recorta pero que, lino este domingo na edición galega de El País, segue a soltar pasta para capeláns e sormarías varias nos nosos hospitais públicos…

Hai uns danzarinos que representan, imaxino, a nosa outrora vizosa actividade escénica, hoxe decapitada (a danza, en concreto, é un caso flagrante) e inmolada na ara sacrificial da Cidade da Cultura. Hai un cine petado de xente como xa non se ven nin se verán máis logo da suba do IVE en setembro. E hai, non podía faltar, un fermoso solpor atlántico con catro remeiros dunha traíña, deses que seguramente non teñen cartos nin patrocinios nin apoio institucional para competiren á altura da súa valía.

Iso é todo o que se ve, pero logo está o que non se ve: as manifestacións na rúa, as colas do paro, os comedores sociais, os comercios pechados, as escolas clausuradas no rural, os ERES autorizados pola cara, o emprego precarizado ao extremo, o tecido cultural desmantelado, as listas de espera nos hospitais, a ofensiva nacional-españolista, o abuso das peaxes, a depuración da televisión pública e da radio pública e a obscena indiferenza coa que o Goberno de Feijóo completa ese programa de exterminio.

Curiosamente, moitos desas galegas e galegos non idealizados, non aptos para a propaganda -aqueles que non acreditan na Galiza redimida polo seu déficit putamadre-, coñecen o seu propio himno, mesmo poden cantalo enteiro e non a boca chiusa -como fai Feijóo, que non sabe a letra-. Pero non van saír nunca nun spot institucional que, desgrazadamente, en tempos de obrigada austeridade, pagamos todas e todos cos cartos que non temos. A publicidade é o último reduto deste Goberno mentirán e despótico, el si de “faciana pétrea”. Aos demais, aos que non participamos no seu show de Truman, quédanos tan só a realidade, en todas as súas múltiples e desacougantes formas.

2 Respostas to “Galegos a boca pechada no país da “faciana pétrea””

  1. Moni Agosto 8, 2012 ás 8:00 AM #

    Haberá que ir a Fiji logo, Fran

  2. Lourdes Agosto 10, 2012 ás 11:20 AM #

    Coma sempre no certo, vaite construción da Galiza desfeita.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: