Avelino Pousa Antelo, patriota galego

20 Aug

Das herdanzas que nos deixou a Transición española, glorificada e momificada como tótem de consenso e pactismo salvífico, ficou un respeito reverencial polas palabras. A simple invocación do conflito social ou político parecía mesmo atraelo e estaba na idea dos deseñadores desa derrota refugar o confrontamento, soterrar a memoria, erguer un presente factíbel sobre as cinsas do olvido. De tal xeito que dicir patriota, ou nazón, ou independencia, ou autodeterminación, ou mesmo Galiza era invocar a pantasma do combate, un acto tan necesario para o exercicio da vida coma o debate, esoutra verba proscrita. Houbo por sorte neste país quen non deu soterrado a idea do que fomos e quen non renunciou a arela ningunha no longo camiño da redención. Avelino Pousa Antelo era un deses e por iso a súa voz -tépeda e doce, como dicía Fole que era a voz de Castelao, ao que o mestre Pousa Antelo coñeceu un 10 de maio de 1931 nun mitin de ‘promoción gallega’ no Teatro Principal de Santiago- era aínda hoxe tan necesaria.

Quen hoxe, en calquera parroquia do atomizado nacionalismo galego, anda a mirar para o seu embigo, sen máis ambición cá inmediata proxección mediática ou o recoñecemento absurdo dos seus veciños de aldea, ou de facebook, debería dedicarlle hoxe dous minutos a lembrar o entusiasmo militante e a ética insubornábel deste señor. “Parecía que tiñamos a razón cada un de nós”, escoitelle dicir hoxe nunha entrevista gravada por Terra e tempo a conto do proceso de restauración do galeguismo histórico nas primeiras eleccións da democracia. Evocando aquel fracaso -e a tétrica intervención de Ramón Piñeiro, que teimaba en liquidar a herdanza do pasado e inxectar só minidoses de galeguismo light nos partidos que España artellou para nós-, Don Avelino pedía non sermos torpes xa máis, non estragarmos o porvir do galeguismo. E se alguén o podía dicir era el.

Maxisterio, defensa da cultura e da lingua deste país, sabedoría e impulso do colectivo na defensa do cooperativismo agrario ou na edición popular -representada por Nós, pois el mesmo vendeu e distribuíu os libros que editaba o seu admirado amigo Ánxel Casal- fundamentan o percurso vital dese rapaz de noventa e oito anos, que é, na hora da súa morte, o mesmo chaval ilusionado que representou, na altura de 1934, as Mocidades Galeguistas como conselleiro/voceiro de sete parroquias do Val de Barcala onde naceu. En Avelino Pousa Antelo, Lucho do Peto, representante dunha estirpe hoxe xa extinta, recoñécese unha autoridade moral e unha integridade que poucos hoxe están en disposición nin de emular.

Até o seu pasamento o mestre negouse a asumir a versión oficial dos feitos, o relato triunfante dos herdeiros do franquismo, que desemboca no esteiro de merda e amnesia no que felizmente aboian os nosos gobernantes de hoxe. El non lle tivo medo ás palabras e nós, para ser un pouquiño coma el, só un pouco, debemos perderllo tamén. Chamalo “patriota galego”, erguer a súa xenerosidade e proclamar a ética política que nos transmitíu -denantes de que Feijóo veña banalizar e deturpar a súa figura nun triste discurso oficial- pode ser un bo principio, porque Avelino, como Isaac, como Del Riego, é deses camiños que non rematan nunca.

Unha resposta to “Avelino Pousa Antelo, patriota galego”

  1. Carlos Agosto 23, 2012 ás 11:25 AM #

    Boas Fran. Sigo o teu blog desde hai uns meses, acaba de chegar o meu a cadea de premios Liebster Blog e para continuala voulle dar o teu un dos premios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: