Syrizar, syrizarei

6 Sep

Pasaba nos tempos de estudante, en Compostela. Dabas unha festa na casa, abríanse as portas dun piso calquera de República Arxentina ou Fernando III O Santo (as rúas do Ensanche de Santiago alternan a vocación santa coa republicana) e aquilo petaba en cuestión de horas. “Si si, que veñan, dille a fulanito/fulanita que se achegue tamén, si, sen problema…”. Non había móbiles daquela, así que os preavisos e as alertas protocolarias nin se contemplaban, moito menos os whatsapps. E todo era espontáneo, in progress, excitante por momentos, porque deses contubernios de xente descoñecida e pouco afín -estimulados convenientemente polo bruído da música e o alcol de supermercado- abrollaban conversas gloriosas, encontros intelectuais inopinados e romances surrealistas ou definitivos. En certa maneira eses encontros eran vibrantes e liberadores. E eran reais no xusto momento no que acontecían. Até que no intre máis luminoso e desfasado do convivio chegaba a pasma, alertada polos veciños e en tres minutos toda aquela súpeta harmonía diluíase xa no portal do edificio ou de camiño cara ao bareto máis cercano, nunha beirarrúa orlada de vómitos e hostes noctívagas. Agora, cando asisto ao proceso de formación da autodenominada Syriza galega vénme á cabeza a imaxe daqueles anfitrións xenerosos e despreocupados que eramos, flipando coa biodiversidade da nosa convocatoria e mesmo orgullosos do laboratorio social que construiramos cun simple chamado ao divertimento e á unidade.

Esta metáfora resesa que acabo de empregar non pretende ser nin sequera unha advertencia de nada. Non son quen. Son un cidadán-votante que observa como os límites da festa da Syriza galega, o Syrizar, syrizarei, medran de xeito galáctico até formacións como os verdidemócratas centralistas de Equo, tan alleos eles a esa cosa del gallego, e que na súa asemblea nacional (española) do pasado xullo decidiron rexeitar o carácter plurinacional do Estado español (!!!) e votaron en contra do dereito de autodeterminación dos pobos (!!!!!). Claro, é un exemplo, non fai proba. Non é xusto xulgar o todo polas partes. Pero do que si fai proba, alomenos para min, é de que o nexo ideolóxico non é o que alenta esta ensamblaxe que Beiras xa cualificou de “bomba electoral”, igual á “bomba” que vai ser, en palabras do conselleiro Vázquez, a cifra de visitantes á exposición Gallaecia Petrea no Gaiás. A bomba, para min, é ver xuntos, todos metidos nun bote, a sectores do españolismo progre (é un dicir) con sectores da socialdemocracia galeguista -se é que se confirma o ingreso de CxG ou parte de CxG- e mesmo do Partido Humanista, que anda a votar agora a súa participación no proxecto. A bomba é velos, xa digo, voga voga mariñeiro e ter que asumir, pola vía da urxencia, postulados que en ningún caso (centro galeguista, nacionalismo español e friquismo esotérico) son afíns á miña visión deste país e dos seus problemas, por moito que leven na súa finalidade última desmontaren o goberno de Feijóo. U-lo límite? Haino?

Moitas e moitos dos integrantes da Syriza galega -a etiqueta triunfou, todo hai que dicilo- considéroos mesmo amigos e compañeiros de traxecto pero iso non me afasta da estupefacción dunha alianza que alguén xa tivo a tentación de tildar de Frente Popular, coma a de 1936. Nin a situación é a mesma, nin as ameazas teñen nada a ver, nin toda a frivolidade do mundo abondaría para establecer tal comparanza. Poida que a idade, isto é así, me volvera máis dogmático e monolítico, que as miñas festas agora sexan menos inclusivas, anque tan precarias como as do tempo da carreira. Que sobrepoña a ideoloxía -unha vaga e crecente adhesión ao independentismo e unha rexenerada fe no marxismo- ao resto de cousas. E que agora non me dea todo tan igual como antes. O caso é que recordo aquela festa, no número 7 de Santiago de Chile, hai vinte anos. Recordo que había un tipo de Oklahoma City esbardallando sobre a guerra do Golfo, militantes do independentismo, hippies, adictos a moitas cousas, galego falantes, castelán falantes, estudantes vindos da cidade ou da aldea e en xeral aspirantes a sermos algo, na vida ou onde fora. Igual sonaba La Polla Records, que Kiko Veneno, que Carlos Puebla que The Doors. Bebiamos licor café e DYC con cola. Estabamos ben, a gusto. A festa era unha bomba, de feito, até que chegou a pasma, mandando a parar coa máquina de decibelios e pedindo DNIs. A diferenza substancial é que daquela marchabamos pra fóra, coa nosa moña e a nosa egolatría, ao Superfuzz ou ao Nao Berlín e non todos xuntos en asemblea, como alternativa política para a rexeneración dun país.

9 Respostas to “Syrizar, syrizarei”

  1. cabanas Setembro 6, 2012 ás 1:52 PM #

    “Que sobrepoña a ideoloxía -unha vaga e crecente adhesión ao independentismo e unha rexenerada fe no marxismo- ao resto de cousas”, explícanos neste artigo o autor sobre o seu pensamento.
    Vexo algo (nada vago) de marxismo no 10 de marzo de 1972, data que ten relación, queirámolo ou non, coa Esquerda Unida de hoxe.
    Vexo unha crecente adhesión ao independentismo en Anova, que tamén parece que non esqueceu Marx.
    Como observador, cidadán de esquerdas de nacionalidade galega non recoñecida oficialmente, ilusióname -e moito- esta converxencia.
    Na vexo de cartón pedra, como outras propostas pechadas en si mesmas, nin, que me desculpe o autor, nin lle vexo moita relación coas bebedeiras nocturnas (asemblearias?) de cando o articulista era un estudante barulleiro no ensanche compostelán.
    Eppur si muove

  2. Mointante Setembro 6, 2012 ás 2:36 PM #

    Encantou-me este texto! O melhor que lim sobre o processo de descomposiçom do nacionalismo galego.

  3. tawilgz Setembro 6, 2012 ás 3:07 PM #

    A verdade, nom poderia concordar mais com a tua análise.
    A vertigem e vergonha alheia que me produzem possíveis avinças “estratégicas para derrubar a Feijóo” com criaturas como Equo ou o partido Humanista só podem ser definidas como estarrecedoras. E ver a até o de agoras lúcidas pessoalidades do nacionalismo galego defender os atos anti-galegos de Izquierda Unida engadem mágoa e tristeza ao tema.

  4. Un que ía á Esquina Setembro 6, 2012 ás 8:03 PM #

    Tes toda a razón. No Partido Único Vertical xa non quedan diferentes que fagan ver o sectarismo ramplante.

  5. Antón Lourido Setembro 6, 2012 ás 10:38 PM #

    Ben falado! A min estes movementos dos escindidos do BNG lémbranme os das ratas fuxindo do naufraxio. Só lles falta xuntarse cos galegófobos de Rosa Díez. Deséxolles o peor, politicamente falando, polo seu oportunismo e o seu cinismo. E moita sorte para o BNG e para Galiza ceibe.

  6. Nacionalista galego Setembro 7, 2012 ás 1:03 AM #

    Excelente e claro artigo. Agradece-se que alguém se atreva a dizer que o rei vai espido quando há tanto cego e/ou oportunista que tem medo de que alguém veja que nom aplaude…

  7. Montenegro Setembro 7, 2012 ás 12:20 PM #

    Eu coincido co que di o autor do artigo mais dáme un pouco de pena o Beiras e a empanda na que se está a meter. É como se Mozart ou Beethoven acabasen tocando na orquestra de Bisbal. É tirar por terra unha figura, que independentemente dos resultados e das simpatías ou antipatías que xenere, foi grande para este país.

  8. Costadamorte Setembro 7, 2012 ás 12:41 PM #

    Ben, eu pode que non sexa tan dogmático no ideolóxico, (son nacionalista, pero entendo a quen non o é, e en canto ao marxismo, e valorando aos dous, vexo mais pragmático o marxismo de Groucho que o de Carlos), pero si que gosto do artigo, mais que nada por facerme pensar en moitos dos Syrizadores, (non todos, dende logo), pero si de algúns como Beiras, Martiño, Mario López Rico, Pérez Bouza, Bascuas, Taboas, etc… Para que se foron do BNG?…, sei que algúns estaban incómodos co comunismo galego da UPG e con que Francisco Rodríguez dirixira dende a UPG o conxunto do BNG…, e agora logo estarán mais agusto co PC e con Cayo Lara dirixendo dende o PC a “Syriza Galega”?…
    Eu non, votei no congreso do PNG-PG pola permanencia no BNG, nembargantes, a diferenza dos outros que tamén seguían a ser partidarios de ficar no BNG, nin pedin a baixa no PNG, (do que teoricamente sigo e ser membro da executiva), nin por suposto no BNG, e dado que ningún nin expulsoume nin comunicoume siquera apertura de expedente, síntome lexitimado para falar en ambos foros e agora podo decir que ademais de traballar nistas eleccións para o éxito do BNG e por suposto votalo, convido aos membros da “Syriza” que proveñen do BNG a que reflexionen, e a que volten ben colectiva, ben individualmente, a casa común do nacionalismo que sigue a ser o BNG…

Trackbacks/Pingbacks

  1. Syrizar, syrizarei - Setembro 6, 2012

    […] Syrizar, syrizarei unpaisenlata.wordpress.com/2012/09/06/syrizar-syrizarei/  por raxozorza hai 2 segundos […]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: