É Caneiro a Angela Channing das letras galegas?

3 Oct

De todos os ismos que prosperaron durante o século XX na literatura galega -hilozoísmo, creacionismo, ultraísmo, neotrobadorismo, etc…- hai un que nunca figura nas antoloxías nin nos manuais escolares pero é o que máis afoutamente estende o seu influxo até o presente das nosas letras: o boísmo. As escritoras e escritores galegos son boa xente e practican o boísmo, e en ocasións o riquiñismo, que é unha variante desta corrente expresiva.

Comunmente inscríbese á escritora ou escritor galego nunha situación de desvantaxe que non é tal. Faise  de maneira inconsciente, case coma expresión involuntaria dun complexo, aínda cando o eido da produción literaria sexa case a única paisaxe normalizada en Galicia. Foron tantos anos oíndo falar -e asumindo- o rol periférico que a moita xente -leitoras, leitores, críticos literarios, escritoras e escritores…- cústalles pensar na centralidade das letras galegas, o mesmo que lles custa pensar na centralidade deste país, nas súas posibilidades máis alá da ramificación dunha vía do AVE a Madrid aínda por facer.

Existe tamén outro mito moi estendido ao redor das letras galegas. Que as escritoras e escritores renunciaron á gloria doutros sistemas literarios pola defensa e promoción dun sistema literario propio, e por iso son xente, comunmente, non interesada, non vaidosa, que sacrificou recoñecementos máis altos por un servizo á lingua e á cultura deste país. Son sacrificios que ninguén lles pedíu a moitos dos nosos narradores e poetas pero velaí están, sacrificándose eles e, xa de paso, sacrificando a quen os le.

Outra das fontes de alimentación do boísmo é a propia obra das autoras e autores. Hai tanto pudor -nos escritores pero tamén na maioría dos editores galegos- que moitos literatos e literatas exportan ese boísmo ás tramas narrativas e ao manancial no que abrollan os seus versos. Hai excepcións, claro, moitas, e por desgraza un grupo importante deses bechos raros, non todos, son vítima dunha sobreexposición perversa, alentada polo boísmo canónico que advirte nesa disidencia, convenientemente canalizada, explicada e contextualizada, unha simpática vía de escape, unha terapia de choque contra o aborrecemento do que eles mesmo son culpábeis.

O afán de agradar, de caer ben, de levarse guai con todo o mundo, de ser riquiño/a é ademais unha actitude que medrou exponencialmente desde a irrupción das redes sociais no asunto este de ser ou proclamarse escritor. Facebook ou twitter destilan boísmo. Pero moito. E pensa un: pero que faltiña nos facía unha Angela Channing aquí, unha vamp despiadada, algo que removera este consenso catolizante! Inevitábel pensar nel, en Caneiro. Pero é Xosé Carlos Caneiro, the writer, a Angela Channing das letras galegas? Por desgraza non, e explicarei o porqué.

1) Angela Channing, unha mala de verdade, a que putea polo mero afán de putear, non é malencónica, coma Caneiro. Caneiro é un escritor malencónico, que anda seguido a proclamar a epifanía do amor, os solpores, o convivio, a amizade, as apertas humanísimas, as palabras carregadas de bos sentimentos… Se por algo mola a maldade é porque é incompatíbel coa malenconía e a cursilería. E Caneiro é moi malencónico e moi cursi, abofé.

2) Caneiro é un incomprendido, este país non o valora como debera. El pertence á estirpe de Borges, de Kafka e de Joyce, e iso aquí non hai quen llo admita. Tamén é unha putada… De feito escribíu un ensaio, unha pracenteira autofelación intelectual, titulado Os dominios de Caín, que é o único caso coñecido no que un escritor utiliza os seus mestres literarios como coartada para xustificar a súa propia obra. A mala de verdade, a Angela Channing que precisamos, nunca esixe comprensión nin ser valorada. Simplemente actúa. É proactiva, non reactiva. E nunca nunca se queixa nin choromiquea, non dá penita porque cando empeza a dar penita deixa de ser mala.

3) Caneiro é aburrido, so boring. Non el persoalmente, que non o coñezo, e poida que baixo o seu traxe gris e  o seu sorriso beatífico agoche un carnaval de home, que pode ser. Refírome á súa obra. Éme tremendamente aburrida, sorry. E as malas nunca nunca son aburridas. Son, de feito, o prebe dos culebróns, dos melodramas de Douglas Sirk ou das soap opera estilo Falcon Crest. Se Caneiro aspira a ser a Angela Channing das nosas letras debería evitar esa aura de tedio e grisalla que acompaña a súa produción literaria.

4) A sobreexposición  impediríalle sempre a Caneiro ser a nosa Angela Channing. Foi paciente cero da gripe A -nunha  hilarante reportaxe en La Voz de Galicia-; é analista político (proclamou, iso mireino eu na TVG, que só por ter un galego na Moncloa deberiamos estar contentos co triunfo de Rajoy); é articulista de fonra na contra dese medio coruñés; e é crítico literario, deses que ventila unha novela en quince liñas. Ademais escribe e, imaxino, é profesor (Que alguén confirme este suposto, por favor). A sobreexposición acaba coas malas. As malas son estelares, as súas aparicións son contadas pero memorábeis, son guest stars, non son ubicuas coma el, e non están todo o santo día zoscando en twitter.

5) A mala non se debe a ninguén máis que a si mesma. Non imaxino a Angela Channing -non che digo a Lana Turner- rendéndolle contas a ninguén. E Caneiro ten alomenos un par de patróns. Demostrouno este día cuns tweets incendiarios que, por un momento, me fixeron pensar que el tiña todos os méritos para acadar o título da nosa mala oficial. Pero non, arruinouno. Cagouna.

Se Caneiro fora a nosa auténtica e necesaria Angela Channing, a perversa, pola que moitos devecemos, a enterradora do boísmo, o revulsivo necesario, simplemente acudiría ao enterro de El País Galicia, riría na cara dos asistentes ao sepelio, como fixo, cuspiría sobre os profesionais que o fixeron posíbel, cagaríase nos leitores, pero nunca, nunca, sacaría da manga aos seus patróns (La Voz/La Xunta), porque as malas de película, ao revés que Caneiro, non teñen amo, son libres, independentes, e só se deben á sua perfidia. As malas son elegantes, adoitan optar polo silencio, e nunca quedan en evidencia. Por desgraza Caneiro quedou en evidencia e converteu o xornal no que el escribe -o máis conspícuo axente desgaleguizador que actúa neste país- en vítima triunfante dunha estratexia empresarial contra os galegos (!!!!). As oito páxinas de El País Galicia ían contra La Voz de Galicia e “non a favor dos galegos”, iso foi o que deixou caer Caneiro, confundindo xabón con Sabón, como se en tempos de crise e tribulacións económicas se sentira na obriga de afianzar o favor desoutro gran señor das letras galegas que é Santiago Rey.

Unha oportunidade perdida, en calquera caso, para remover o ismo máis nocivo da nosa historiografía literaria -o boísmo-, e a constatación de que, da man de Xosé Carlos Caneiro, poida que asistamos hoxe ao desembarco dun novo ismo, que é en realidade tan vello como a propia humanidade: o patetismo.

25 Respostas to “É Caneiro a Angela Channing das letras galegas?”

  1. cossimo Outubro 3, 2012 ás 4:20 PM #

    Vexo unha contradicción no discurso. Non se pode falar de paisaxe normalizada se precisamente carecemos da figura da mala-malísima (tipo Pérez-Reverte? Non si?

    • franplorenzo Outubro 3, 2012 ás 4:25 PM #

      pois tés razón, Cossimo, pero nunha paisaxe non normalizada, mires para onde mires, como é a deste país a consecución de ‘case’ todos os elementos que garanten unha relativa normalidade (e no sistema literario galego creo que iso acontece) xa me fai ser optimista. Pero a mala malísima falta, diso dou fe.

      • cossimo Outubro 3, 2012 ás 4:37 PM #

        Se cadra se vd. escribira libros …

  2. franplorenzo Outubro 3, 2012 ás 4:53 PM #

    encántame (e dígoo sen ironía) que alguén que non me coñece me atribúa ese papel de mala malísima inédita. Asino xa.

    • cossimo Outubro 3, 2012 ás 4:57 PM #

      Eu só o coñezo deste blog; e, home, moito riquiñismo aquí eu non vexo, a verdá.

  3. Lupe Ces Outubro 3, 2012 ás 10:21 PM #

    Sinto-o meu, eu a ti vejo-che mais no papel de heroi, esse heroi anónimo que tem dobre vida. Para a mala malissima ainda os tempos nom som chegados. Como pode existir umha Angela Channing sem despacho onde conspirar?

  4. Breo Outubro 4, 2012 ás 4:42 AM #

    Un dos mellores escritores contemporaneos en Lingua Galega, un xenio das palabras e librepensador, e normal que suscite envexas e criticas sarcásticas como as deste artigo, que son por outra banda a expresión xeraliza dos uniformadores progres nacional galeguistas, que proxectan a sua frustración e mediocridade intelectual en tod@s e todo aquilo que non se “suxete” os patróns desoutroitsmos que semella esquencer o autor deste artigo: o abafante nacionalismo dos galiZistas.

    • autillo Outubro 4, 2012 ás 7:05 AM #

      non é que o sr. Caneiro me resulte especialmente chiripitiflaútico, pero o que sinto tras leer o libelo e o vello espanto: de novo o tufillo carcelario de orixe leninista contaminando o futuro do noso pobre territorio, o feísmo cultural na sua mais irremediable enaxenación, o tempo morto reinando na charca. o Evidentemete acechando dende as profundidades da vella conxura… permita que me ría de quién carallo escribió eso.

  5. Bruno V Outubro 4, 2012 ás 11:52 PM #

    Mui bom artigo meu. Podo confirmar que Caneiro é professor de primaria em Oimbra, ou era há uns anos quando coincidiu com a minha moza que também dava aulas lá. Por certo um profissional mui pouco cumpridor, que faltava com muita frecuencia as aulas segundo me comentou.

    • deverín Outubro 5, 2012 ás 9:48 PM #

      E até onde eu sei é ou foi responsable do CeFoRe (Centro de formación e recursos para o profesorado) de Verín! :O

    • franplorenzo Outubro 5, 2012 ás 9:53 PM #

      Grazas Bruno e deverín pola confirmación

  6. Dionísio Pereira Outubro 5, 2012 ás 4:56 PM #

    Xenial.
    O Caneiro “malencónico” das barras dos pubs de Verín: olla para eiquí, olla para alá, a ver quen cae e rende culto de admiración ao ínclito “librepensador”, “xenio das palabras”…..

  7. Outubro 5, 2012 ás 5:05 PM #

    Home… Angela Channing non. Pero digo eu que a Caneiro haberá que darlle un papeliño que leva moitos anos facendo méritos, non é? Teremos en Xosé Carlos Caneiro ao Chu-Li perfecto?

  8. Viriato Outubro 7, 2012 ás 12:24 AM #

    Estou dacordo.

  9. astracán Outubro 7, 2012 ás 9:31 AM #

    é un artigo valente. Caneiro é un cantante de boleros.Un Pablo Abraira da prosa . Melifluo como un disco de Mocedades.Obvio como Camilo Sesto.Unha especie de Elena Francis, aquela locutora que daba consellos ás amas de casa deprimidas. A Caneiro pásalle algo raro en la voz en La Voz. Ten-tiña programa na TVG,soporífero…e vende un vitimismo
    que ninguen cre…a non ser os seus…Tamén Mario Conde dixo que Alfredo Conde estaba perseguiido…. A Caneiro debianlle gustar aqueles discos de La Voz de su amo,,, aqueles nos que un can espreitaba á beira dunha gramola…..

  10. Warwash Outubro 8, 2012 ás 9:39 AM #

    Parabéns polo artigo e mui agradecido polo que supom de abanear a árvore inteletual/literária/postural deste pais. Falta unicamente umha maior correçom lingüística (articulista de “fonra” (?), confusom do perfeito de subjuntivo polo mais-que-perfeito de indicativo: se… “fora”, se… “sentira”, no canto de se… “fosse”, se… “sentisse”, um castelhanismo flagrante) mas tampouco é isto algo que devamos pedir a quem escreve na norma ‘oficial’, né?

    • franplorenzo Outubro 8, 2012 ás 9:57 AM #

      Ola Warwash. Grazas polas correcións. O de ‘fonra’ é claramente unha brincadeira, unha homenaxe ao galegueiro d’Os da Ría (quizais teña que meterlle unha cursiva para que fique claro), pero no dos tempos verbais tés toda a razón. Lévome mal cos perfeitos (xa sexan estes subxuntivos ou mais-que-perfeitos de indicativo ou de calquera outra índole). Canto á norma oficial, si, é máis ou menos na que escribo, pero iso non che debería impedir esixirme igualmente correción lingüística, polo menos coherencia. Como din as vellas: “está un a morrer e está a aprender…”. Apertas!

  11. detective crepuscular Outubro 11, 2012 ás 9:42 AM #

    Ola, chavales. Son ou Sou o detective crepuscular e aquí estou para servilos a vostedes. As cousas como son: entrei en Praza Pública, vin o artigo de José Luis Sucasas e inteireime da existencia deste blog, eu tan pouco dado a estas cousas dos blós e dos interneses. UN PAÍS EN LATA, de FranPLorenzo (supoño que a P é de Padre, e se non o é tanto ten, para min xa és o Padre Lorenzo). Fixaivos se son ou sou pouco afeizoado a estas trangalladas dixitais, que só teño en Favoritos o blog de Marcos Valcárcel (AS UVAS NA SOLAINA), porque dá acceso a outros blogs, e o de ARROUTADAS, que xa está mais crepuscular que un servidor. Ai, aqueles tempos de Arroutadas. Pois ben, o caso é que o artigo de hoxe do Caneiro leva unha grande frase: “Por iso, pola amizade, boto de menos o sol dos amigos, cando escurece outubro.” Home, non me digades que non é unha grande frase, pode que un pouco cursi e relambida e outoniza, como diría o Padre, pero seguro, mais que seguro, dou fe, que sentida. Non é un segredo para ninguén, ou polo menos para min non o é, que Caneiro ten en gran estima a amizade, que a amizade é un dos grandes valores cos que enfronta a vida. E iso non quita que eu

    tamén me enfade e discrepe cuando lle bota flores radiactivoapoloxéticas (quedoume cursi de carallo) a Rajoy queeu
    tamén me enfade e discrepe cuando lle bota flores apoloxéticas (quedoume cursi de carallo) a Rajoy.

    ñtamén me irrite e discrepe cuando apoia a Rajoy ou fala ben do PP

  12. detective crepuscular Outubro 11, 2012 ás 9:50 AM #

    Sintoo moito, Padre Lorenzo, pero non me aclaro con este chintófano. Subía, baixaba, non paraba quieto, non me deixaba escreber. Doume de baixa, cuando aínda non cheguei a darme de alta, porque non puden escreber o que quería e porque non puden endireitar as frases e tornalas ao rego. Cuando resulta que eu ao que viña era a falar de ÉBORA, Adeus, Espanya de Lata.

  13. Manuel Outubro 11, 2012 ás 4:36 PM #

    Supoño que poderemos convir que é un digno herdeiro do finado Casares.

Trackbacks/Pingbacks

  1. É Caneiro a Angela Channing das letras galegas? | Literatura y Autores | Scoop.it - Outubro 3, 2012

    […] De todos os ismos que prosperaron durante o século XX na literatura galega -hilozoísmo, creacionismo, ultraísmo, neotrobadorismo, etc…- hai un que nunca figura nas antoloxías nin nos manuais …  […]

  2. É Caneiro a Angela Channing das letras galegas? - Outubro 3, 2012

    […] É Caneiro a Angela Channing das letras galegas? unpaisenlata.wordpress.com/2012/10/03/e-caneiro-a-angela-cha…  por raxozorza hai 2 segundos […]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: