Os meus soños e os de Feijóo

18 Oct

Un ano antes das eleccións de 2005 ao Parlamento galego unha amiga e compañeira xornalista, Soedade Noia, demandoume un texto para incluir nun libro colectivo, editado baixo o selo do decapitado xornal Galicia Hoxe, no que daquela eu colaboraba. O volume, co título Soñar Galicias, conmemoraba o Día da Patria daquel mesmo ano e apreixaba en preto de catrocentas páxinas as arelas e esperanzas dunha nutrida nómina de mulleres e homes, galegas e galegos de toda parte e condición, incluído o actual presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, daquela conselleiro de Política Territorial.

Que cousa os soños, e como nos alimentan..! Pero, cal era o soño explícito do comandante da brigada de demolición nacional, na altura de 2004, alén dun despacho ministerial en Madrid? Pois o Plan Galicia, a pretendida oportunidade de ouro para un país cuberto, coma hoxe, polo desleixo moral do PP e o chapapote do Prestige, pero que, ferido como viña, fora quen de dar toda unha lección de dignidade. Pasaron dez anos xa do Prestige. Non hai resto xa do Plan Galicia, non existe máis, o que me leva a pensar que os de Feijóo son soños a curto prazo. Pola contra, os meus soños, e os de moitas e moitos que escribiron naquelas páxinas, ben máis importantes ca min, de Díaz Pardo a Pousa Antelo, permanecen intactos. E por iso quería compartilos aquí, porque eses desexos, e só eses, son os que me han levar ás urnas o 21-O, persistindo no meu erro esperanzado, e arrenegando, por unha vez, dese poema de Díaz Castro que tan ben nos retrata: “Un paso adiante e outro atrás, Galiza/i a tea dos teus soños non se move”. Fican aquí, un por un, non á espera de que se cumpran senón máis ben para lle dar a razón ao gran Fassbinder, cando dicía aquilo de que non é a realidade, senón os soños, os que amplían o horizonte da vida. Velaí van.

-Soño que Galiza deixe de estar noutra parte, de ser a proxección dunha idea, unha sombra na parede da caverna

-Que abandone a súa vocación suicida e se decate de que é vítima dun crime perfecto

-Que non doa tanto quererlle a esta confederación de leiras e que permanecer aquí non sexa unha proba de valor

-Quero que a memoria do que non fomos deixe de anubarnos o futuro

-Soño unha Galiza que erradique a insalubridade moral, o caciquismo, a cultura dos amiguiños e a esclerose ideolóxica dos nosos gobernantes

-Que non lle chamen a calquera ‘bo e xeneroso’; que por unha vez teñamos o que non nos merecemos

-Soño co final do franquismo, do atraso económico e da colonización. Quero que Galiza sexa só cativa en quilómetros cadrados e que ninguén pense nela como reserva de emigrantes e de náufragos

-Arelo un pobo orgulloso e insubmiso que fala o seu idioma porque lle peta

-Soño unha Galiza independente e eu quero estar aquí para mirala

Unha resposta to “Os meus soños e os de Feijóo”

  1. Montenegro Outubro 18, 2012 ás 9:35 AM #

    E eu que o vexa tamén. A votar para botalos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: