Fofito’s paradise (A Transición española como Estertor Infinito)

26 Dec

"Fofito, es que tienes toda la razón..."Sentinlle dicir este día á escritora Fina Casalderrey que de cando era nena lembrábao todo, acontecera ou non. Citaba a Mark Twain, advertiuno ela mesma, o pai dese monumental personaxe que é Tom Sawyer. E fíxome acreditar, por un momento, na lúcida retro-omnisciencia que distingue os nenos que fomos dos adultos que levamos camiño de non ser. Adultos infantilizados, precarizados e medoñentos, que regresan sen un carto no peto á casa de papá e mamá, vulnerábeis a todos os pesadelos e sedentos de relatos e de ficcións que lle outorguen forma, algunha forma, ao devir caótico dos seus días. Para os que nacemos nesa  fronteira difusa entre o tardofranquismo e Naranjito, os que protagonizamos hoxe películas xeracionais e novelas posmodernas de asunto amoroso (o amor sempre é O Asunto), ese pesadelo que nos abate, o magma que petrifica o noso horizonte, non é outro que o chamado Espírito da Transición, periodo histórico xa mítico -pola súa inefábel pervivenza a través das décadas-, ao que hoxe quixen alcumar O Estertor Infinito.PoltergeistA Transición, o Espirito da Transición, imítase moito aos fenómenos paranormais daquela película, Poltergeist, porque a súa alma en pena leva camiño de non abandonar nunca máis o soar da España unha e sen fisuras, por moito exorcismo que se lle bote enriba. Nin sequera a patética representación natalicia dun monarca decrépito -a súa mensaxe de Noiteboa foi a menos vista nos últimos quince anos- parece quen de erosionar o mito/estafa dese “éxito de todos”, asentado na renuncia, na desmemoria, na traizón e no mínimo común múltiplo dos dereitos e das liberdades.

O discurso do Rei

Por algunha razón, quizais porque o Espírito da Transición é o mantra inmobilizador por excelencia (o que impide a reformulación da Constitución e do putrefacto Estado español, o que mantén os privilexios vergoñentos da Igrexa católica e as prebendas de certa clase política enquistada no bipartidismo, o que autoriza a excepcionalidade da Audiencia Nacional e impón o acriticismo e o medo ás palabras) advirto que ese morto moi vivo é invocado, a cada volta, con máis forza. As manobras de reanimación do finadiño son xa frenéticas, como se houbera medo de que toda a trampa urdida ao seu redor fora definitivamente revelada neste momento tan austero e inoportuno.

Días atrás, ao primeiro só en Internet, e logo xa na televisión, unha marca de embutidos lanzou de xeito viral un anuncio que invoca e condensa maxistralmente o alento fedorento dese Estertor Infinito. O curriculum de todos, chámase, e fica aquí por se alguén, dubídoo, non o puido mirar aínda.

Non me apetece comentar o spot polo miúdo. Sorprendeume, iso si, a unanimidade na súa recepción. Editoriais na prensa loando O Espírito de Campofrío (sic) ou reputadas voces do xornalismo, como Ramón Lobo, glosando as marabillas humorísticas desta peza perversa, que é, ao meu ver, unha moi castiza e costumista revisión da Marca España, que perpetúa con eficacia eses valores da Transición dos que falo, Iñaki Gabilondo e Luis del Olmo incluídos, como emblema das dúas Españas reconciliadas (“Fofito, es que tiene toda la razón”, di Luis del Olmo logo de escoitar a Gabilondo falar de desafiuzamentos nun telexornal!). Arrepíame escoitarlle a Candela Peña: “¡Que exportamos la generación más preparada de nuestra historia..!”. E a resposta dos mozos, carrexando maletas e alleados na súa alegría migratoria: “¡Pero volveremos!”. Volveredes si, polo carallo volveredes…

Poida que o que convenza do anuncio sexa iso precisamente, a relativización da traxedia, o salto con pértiga por riba dos problemas reais, a banalización impúdica dos dramas diarios (“Campeona es ella, que con su pensión está manteniendo a sus hijos y a sus nietos”), a constatación de que a España lle abonda co seu superior “modo de vivir” para se mofar do resto con suficiencia e vivir a súa pobreza e atraso sen complexos nin traumas, en habendo triunfos deportivos e pallasos que fagan rir os españois, burlándose do parvos que son os demais.

Os Pallasos da Tele

Recoñezo que gran parte da miña aversión ao anuncio emana da figura de Fofito e dos Pallasos da Tele. Por desgraza, igual que todas as mulleres e homes da miña quinta, non fun un neno-Xabarín-Club e si un neno en branco e negro e único canal, redimido máis adiante, e algo tarde xa, por La Bola de Cristal. Igual que Mark Twain e Fina Casalderrey lémbroo todo da miña infancia, acontecera ou non. E lembro a profunda sensación de tristeza que deitaban en min Gabi, Miliki, Fofito e Milikito, as súas cancións ridículas e sexistas. Lembro o bocata de nocilla, o tic-tac dos deberes sen facer e a estupefacción diante daqueles nenos desatados, aos que os pallasos trataban de ustedes, que berraban “bieeeeeeeeeeeennnnn” si ou si, sen repararen no seu estado de ánimo real.

Nenas e nenos con xersei de pico e rostro conxestionado, que berraban moito, porque había que berrar moito, máis que o do lado. Nenos adestrados no grito que me facían pensar: “Algún día, máis adiante, topareime con estas nenas e nenos na miña vida, e berrarán moito, e dirán que todo está bieeeeennnnn, aínda que todo estea maaaaaal“. E así foi. As cativas e cativos que berraban bieeeen daquela, seguen hoxe a berrar bieeeen, ou Volveremos!, cun optimismo que desafía o equilibrio mental. Quizais é iso o que agora debemos entender por Benestar, o Fofito’s paradise, gritar beeeeeeeeen, con moita forza e acalando os demais, cando todo está maaaaaaaaal. Sempre, sempre, sen reparar nos culpábeis ou nos responsábeis.

Imaxe tirada do blog www.treecreativity.com

No libro CT o la Cultura de la Transición. Crítica a 35 años de cultura española. (Debols!llo, 2012) Miqui Otero recrea no seu miniensaio CT y humor: la risa atada y bien desatada, un episodio ao parecer real e que contou tamén o xornalista de Intereconomía, Alfonso Arteseros, no seu libro España en mi memoria. Franco, Francisco Franco, era un dos máis conspicuos televidentes daquel Había una vez un circo. Franco, no Palacio del Pardo, gozando coma un neno inocente coas brincadeiras de Fofito. Ao parecer, cóntano Miqui Otero e o ínclito Arteseros, en certa ocasión houbo un incendio nos estudos de TVE e o Generalísimo marcou persoalmente o teléfono da emisora para se interesar polo estado do pallaso.

Franco cando miraba os Pallasos da Tele

Hoxe Franco podería chamar a TVE, á Moncloa ou á Zarzuela e preguntar por Fofito, polo Rei Juan Carlos que el entronizou, polo Espírito da Transición e o seu Estertor Infinito e alguén lle diría: “todo como tú lo dejaste, Paco, atado y bien atado”. E Franco volvería aplaudir, coas súas mans artríticas e cheas de sangue, mentres un coro de españois, nun simpático anuncio de Campofrío, berra “bieeeeeeeeennn” á pregunta eterna dos Pallasos da Tele: “¿Cómo están ustedeeeeessss..?”.

10 Respostas to “Fofito’s paradise (A Transición española como Estertor Infinito)”

  1. caixadeluz75 Decembro 26, 2012 ás 5:34 PM #

    Boísimo, o do anuncio e pa jomitar e non parar. Eso si Campofrío ERE no 2012 e vai por outro no 2013.

    • franplorenzo Decembro 27, 2012 ás 4:12 PM #

      de feito hai quen di que o anuncio era mesmo unha cortina de fume para ese ERE. Agora farán balance do resultado que lles deu, pero cando menos nas redes sociais advertín un grao parello de indignación/aplauso por parte da xente, o que di moito tamén de como estamos. En fin…

  2. Eloy Decembro 27, 2012 ás 3:12 PM #

    Nova liña de fiambres campofrío: a transición hispánica. Xa cheira que arrecende pero a base de conservantes e aromatizantes aínda vai colando. Noraboa polo artigo e feliz 2013!

    • franplorenzo Decembro 27, 2012 ás 4:10 PM #

      Eloy, efectivamente o anuncio está cheo de fiambres, mortos vivintes mires para onde mires. Unha aperta grande!

  3. Mon G. Buhigas Decembro 27, 2012 ás 11:15 PM #

    Absolutamente brillante. Coma sempre por outra banda.

    • Uxía Decembro 29, 2012 ás 12:56 AM #

      Brillante e demoledor!!! Concordo 100%

  4. SENSATO EU? Decembro 29, 2012 ás 5:42 PM #

    Os nacionalistas sempre estades coa merda da Transición, a Guerra Civil e a “opresión” dos pobos… non vos dades conta de que sodes máis pesados ca un kilo de merda, ou qué? Axiña mandaremos a Rajoy a paseo, e virá outro, doutra “cor”, e vos, os nacionalistas que endexamáis serán felices xa que desexan vivir nun mundo tipo “Cuéntame” ou en Portugal, estaredes outra vez coa Transición, coa Guerra Civil, e co carallo 29… Ata un anuncio que tira do optimismo vos parece mal… ufff

    • Monte Carmelo Decembro 30, 2012 ás 1:17 PM #

      Sr. Sensato, se a vostede dito anuncio parécelle optimista demóstrame que non entende a mensaxe que leva agochada “exportamos a man de obra máis preparada da nosa historia” e “campeona ela que manten coa súa pension ós seus fillos e netos”. Eu pregúntome,por que teñen que marcharse os nosos rapaces? Aqui non poden traballar pola sinxela razón que na súa terra non teñen traballo e o mesmo digo da velliña que mantén a fillos e netos. Isto a vostede parecelle optimista?
      E tratar ós nacionalistas de máis pesados que un kilo de mer… di moi pouco da súa persoa e do respecto que lle debe as opinións alleas… ufff

      • SENSATO EU? Decembro 30, 2012 ás 4:17 PM #

        Mira, Monte Carmelo, se ti tes a solución pra que a xuventude non se vaia do País, pois aquí tes un foro estupendo pra expoñela, anque o dubido moi moito…

        Que as cousas van mal ou peor é evidente, non hai que ser de esquerdas nin de dereitas pra caer na conta do asunto…

        Pero en cuestións de nacionalismo (o de España, por suposto) só fai que nos vexan polo mundo adiante coma un país de pandereta, que está todos os días coa palabra Nación na boca, e despois chupades do tarro coma todos…

        Talvez a culpa de que moitos xovenes se vaian sexa vosa: en vez de arrimalo ombreiro pra sacar a España adiante ou ao veciño do quinto, andades a pedir por pedir (xa que non custa cartos, e aínda por riba o Estado acaba por darvos)…

        A mín, persoalmente, danme ganas de marchar deste lugar esquecido pola coherencia, de ir, por exemplo a Irlanda do Norte, xa que alí as cousas son claras: aínda hai opresión, loitan dende a paz, e intentan facer país pese a todo (xa quixeran os irlandeses ter a autonomía que ten Galicia, Euskadi ou Cataluña)

        En fin, queixádemos sempre de vicio, por chamar a atención ou algo así… Menosprezades a Transición… Qué sería dos Nacionalistas sen a Transición?

        Pois igual aínda estavades en Francia, muller, en Francia…

  5. Montenegro Decembro 31, 2012 ás 1:47 PM #

    En fin Fran, brillante coma sempre. O puto spot resume para min a España chouriza, e cos chourizos ten algo que ver Campofrío, que me dá gañas de vomitar.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: