2013: adeus ao desasosego, ola á guerra nos corazóns!

31 Dec

IMG_0590Por varias razóns en 2012 todo se volveu máis difícil. É a miña impresión e sospeito que a de todas e todos nós. Utilizamos, agora máis que nunca, esa expresión tan perversa de “gañar a vida”, coma se só o traballo lle dese valía e lle outorgase relevo e riqueza a aquilo que xa temos de serie, de xeito inevitable, fatal, pola nosa condición humana, que é a existencia. A vida non a gañamos grazas ao traballo, porque a vida témola gañada desde o primeiro momento, é nosa. E esa certeza de que a vida é nosa, que nos pertence, é unha das certezas que en 2012 abanearon mercé ao vento dos EREs, da precariedade e dos recortes.It

No material ficamos máis desposuídos ca nunca, máis expostos e conscientes da nosa debilidade. Eramos man de obra barata, sempre o fomos; eramos obreiras e obreiros, sempre o fomos. O brillo do iPhone, a camisa cara que mercamos nun outlet pola metade do seu prezo, a entrada para un concerto que hoxe, ao mellor, xa non poderiamos pagar, os tres gintonics cun amigo, os voos baratos de Ryanair, os días luminosos nun hotel da praia… Certos hábitos e usos de vida, desa vida gañada co traballo, opacaron tal evidencia de clase. Ser galega ou galego engádelle a este axuste de contas un plus de pobreza e indefensión. A sensación é a de vivir nunha casa bombardeada ou asediada. En 2012 en moitas ocasións vímonos como esas bravas pioneiras do Oeste americano, que defenden cunha escopeta o valado que cerca un alpendre e unha leira erma con catro galiñas. Disparándolles aos bandoleiros (banqueiros e gobernantes) sen acabar de acertar no tiro e sen disuadilos das súas intencións, que é o peor.

2012 foi por esa razón, e outras, o ano do desasosego. O equilibrio ficou fóra de nós, a mercé do vento, das decisións de gobernantes ineptos e despóticos, de rescates e organismos internacionais. E o medo -porque a felicidade é só iso, seino, vivir sen medo- escoltou os nosos soños, día si, día tamén: o medo a non ter con que, o medo a ficar sen traballo ou non atopalo, o medo ao abatemento, a perder o pouco que temos, o medo, en suma, a unha infelicidade imposta, extramuros da nosa alma, da que non nos sentimos responsábeis nin merecedores. Quizais sexa só esa percepción, xa moi espallada, da inxustiza que se está a cometer coa xente, co pobo (que palabra máis fermosa a cada día que pasa!) a que fará de 2013 un ano mellor, poida que máis duro aínda, pero tamén menos compracente cos abusos. Non será o ano da revolución, estou case certo, pero guerra vai haber seguro en todos os corazóns.

IMG_0631

Hai unhas palabras da poeta catalana Maria Merçè Marçal, que evoquei este 2012 en varias ocasións:

“A l’atzar agraeixo tres dons: haver nascut dona, de classe baixa i nació oprimida. I el tèrbol atzur de ser tres voltes rebel”.

O acaso, o azar, deulle a ela os tres dons de nacer muller, de clase baixa e nación oprimida. E con eses tres dons a posibilidade, representada por esa turbia e avoltada cor azul do mar, de ser tres veces rebelde. Este país quítanos todo, é certo, e tennos confinados nun exilio interior que non remata nunca, pero tamén nos dá a posibilidade de sermos tres veces rebeldes. E iso hai que aproveitalo.

O mesmo mar, o atzur de Maria Merçè Marçal, lambe o poema galego emblemático deste 2012, Deitado frente ao mar, de Celso Emilio Ferreiro:

“Língoa proletaria do meu pobo, eu fáloa porque si, porque me peta e quero…”

e aínda un outro poema do mexicano José Emilio Pacheco, co que meu irmán me felicitou o 2013:

lo que la arena dice al mar tal vez sea:
no te serenes nunca. tu belleza
es tu absoluto desconsuelo.
si encontraras sosiego perderías
tu condición de mar.
si te calmas
dejará de fluir el tiempo.

Poida que si, que este desasosego sexa o único que permita que o tempo flúa, e que sigamos aquí durante o ano que entra.

Remato xa. Quería concluír cunha canción. Había moitas pero optei por un clásico do cine musical, un número de claqué de Fred Astaire e Eleanor Powell, da película Broadway Melody (1940). Por que esta secuencia? Porque é tecnicamente perfecta; porque adoro a súa simetría e o seu equilibrio; porque flipo con esa alegría real, a que provoca o baile, non representada e si vivida; porque el non a leva a ela nin ela o leva a el; porque son iguais sen se asimilaren e poucas veces un baile deixa de estabelecer roles e rangos como aquí ocorre; porque no medio do caos e do desasosego que posibilita o fluír do tempo acharon un espazo/tempo no que rir; e porque bailar é, unha oportunidade, outra, que nos dá a vida para revoltármonos. Feliz 2013, meus!

8 Respostas to “2013: adeus ao desasosego, ola á guerra nos corazóns!”

  1. Nando Decembro 31, 2012 ás 4:58 PM #

    Gostei, mas eu diria: bem-vindos ao desassossego PESSOA-L !!!! http://www.dominiopublico.gov.br/download/texto/vo000008.pdf “Uma grande alegria, cheia de repouso e de livração, desconcertou-nos a todos. Trabalhamos meio tontos, agradá-veis, sociáveis com uma profusão natural. O moço, sem que ninguém lho dissesse, abriu amplas as janelas. Um cheiro a qualquer coisa fresca entrou, com o ar de água, pela grande sala dentro. A chuva, já leve, caía humilde. Os sons da rua que continuavam os mesmos, eram diferentes. Ouvia-se a voz dos carroceiros, e eram realmente gente. Nitidamente, na rua ao lado, as campainhas dos elétricos tinham também uma socialidade conosco. Uma gargalhada de criança deserta fez de canário na atmosfera limpa. A chuva leve decresceu. Eram seis horas. Fechava-se o escritório. O patrão Vasques disse, do guarda-vento entreaberto, “Podem sair”, e
    disse-o como uma bênção comercial. Levantei-me logo, fechei o livro e guardei-o. Pus a caneta visivelmente sobre a depressão do tinteiro, e, avançando para o Moreira, disselhe um “até amanhã” cheio de esperança, e apertei-lhe a mão como depois de um grande favor.”

  2. Manuel Calvo Decembro 31, 2012 ás 8:30 PM #

    Que gran peza de baile, e que mellor maneira de despedir o ano (ou calquera momento) que saír pola porta bailando claqué…

    ¡Bo ano!

  3. Ana Decembro 31, 2012 ás 9:17 PM #

    Un belo e atinado resumo dun ano duro, pero non esquecible. E para os que pensan que a xente vai calar porque ten medo, uns versos de Ángel González:
    “Hay que ser muy valiente para vivir con miedo.
    Contra lo que se cree comúnmente,
    no es siempre el miedo asunto de cobardes.
    Para vivir muerto de miedo,
    hace falta, en efecto, muchísimo valor”

  4. Lourdes Xaneiro 2, 2013 ás 10:17 AM #

    Vou ter ben presente o claqué o longo deste 2013.
    Bo Ano e grazas.

  5. Dores Xaneiro 3, 2013 ás 9:27 AM #

    Magnífico. Parabéns polo post Fran. E os mellores desexos para 2013!

    • franplorenzo Xaneiro 3, 2013 ás 10:03 AM #

      Grazas Dores! Baile e poesía para 2013, entón, que falta fai. Bicos😉

  6. Xaneiro 5, 2013 ás 5:14 PM #

    Os meus mellores desexos para o 2013 Pachu. E que fermosa e axeitada peza de baile! Coa que nos está caendo… hai outro xeito mellor de golpear no chan e facer ruido sen perder (de todo) a alegría?

Trackbacks/Pingbacks

  1. 2013: adeus ao desasosego, ola á guerra nos corazóns! « Un país en lata - Xaneiro 1, 2013

    […] 2013: adeus ao desasosego, ola á guerra nos corazóns! « Un país en lata […]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: