A aterraxe forzosa de Pedro Almodóvar

14 Mar

INANE, adx. Que carece de valor, interese, transcendencia ou importancia.

cf. banal, insubstancial, inútil, trivial, van, vacuo.

los-amantes-pasajeros-FrikarteInane é un cualificativo un pouco pedante e feo, pero confeso que se me  instalou na cabeza durante toda a metraxe de Los amantes pasajeros, a nova película de Pedro Almodóvar. Evitei ler as críticas da estrea, maiormente a do irritante señor Boyero. En Prisa han de estar contentes coa creación deste acontecemento informativo anual, tan ben simulado, e que tantos impactos lle procura na páxina web de El País: crítico de cine, acedo e despiadado, destroza sen dolor e con irrespectuosa mala baba o novo filme do gran director español. O resultado: o efecto rebote e a mellor estrea en taquilla de toda a filmografía do director manchego. En realidade Almodóvar debería contar, na súa próxima longametraxe, a número 20, a historia dun crítico de cine fracasado, que tenta botar abaixo, sen compaixón, a obra mestra dun realizador consagrado. Pecharíase o círculo, e a exigua industria española do cine aplaudiría coas orellas. E Televisión Española tamén. Pero imos a Los amantes pasajeros  e  a súa aterraxe forzosa.los_amantes_pasajerosO pior que se pode dicir do novo filme de Almodóvar é que non achega absolutamente nada á extensa filmografía dun autor que dixo moito e moi ben no discurso narrativo contemporáneo internacional. Aquí, porén, deita unha revisión autoparódica e superficial, sen alma, dos tópicos máis celebrados do seu cinema. Conscientemente almodovariana, pero no mal sentido do termo. Unha comedia? Síntoo pola xente que deu risas, mais eu non dei. Tanta autorreferencialidade e tal ausencia de historia e de personaxes impedíronme, case desde o principio, entrar na película como eu quixera. Só o traballo dos actores, pois nin sequera a posta en escena nin a dirección artística responden ao estándar de calidade do seu autor, salva o filme do despropósito.

Batín con críticas moi positivas que enxalzan o que de social hai no filme. Catro alusións á corrupción e ás estafas financeiras, e un aeroporto baleiro -emblema da especulación inmobiliaria- non xustifican, ao meu ver, esa etiqueta de social á que por outra parte Almodóvar sempre foi conscientemente alleo, malia que filmes como Qué he hecho yo para merecer esto? lle procuraran un lugar de relevo na crónica social da España dos oitenta.

A editorial Cátedra vén de publicar un interesante ensaio do profesor Anxo Abuín, da Universidade de Santiago, titulado El teatro en el cine (2012). Fican aí os fitos da relación espellada de dous medios expresivos condeados a se entender, o cinema e o teatro. Almodóvar merece un capítulo íntegro, o derradeiro, deste repaso. Citando a Allinson, M. (2001), Abuín fala aí do xénero sexual coma un “constructo móbil no que a identidade se ve envolvida nun xogo de apariencias e seducción, nunha mascarada na que o ser humano emprende unha búsqueda sen fin da autenticidade a través da oposición mostración/ocultación”. Ocorre que aquí non hai autenticidade, nunca, e por iso o xogo, a mascarada, a representación, o bategar de ás dos tres aeromozos do voo da compañía Península, queda reducido a iso, a un bategar de ás. A afectación, a representación, mesmo a sublimación kitsch poden ser auténticas -máis reais do que o real-, e iso está na base da ollada camp e subversiva de Almodóvar. Pero non aquí. Aquí non hai substento, por desgraza. Nin materia. Todo é tan irrelevante e tan banal que mete medo.

los_azafatos_de_los_amantes_pasajeros_4438_622x466

E a  transgresión? U-la transgresión? Aceptamos como transgresora a pluma, desprovista de substancia e contido? Ou é transgresor a clase business dun avión, posta de mescalina e follando en estetizados planos? Haberá quen ache iso hilarante, mesmo brutal, pero un espectador fiel, eu considérome tal e coñezo moitos outros, afeito ás verdadeiras provocacións do seu cine, non vai ver niso máis que a camisa da serpe, o rastro do que foi, unha emulación patética de momentos intensos e ultraverdadeiros de antano. De feito, e considéroo moi sintomático, Almodóvar renuncia neste filme ao que, se cadra, aínda podería resultar verdadeiramente transgresor para o gran público que esta fin de semana arrebentou as salas para ver Los amantes pasajeros: o sexo explícito entre homes, tal como el o filmou en La ley del deseo. Almodóvar, ignoro a intención, oculta o sexo homosexual -reclúeo na cabina do avión ou no cuartucho dos auxiliares de voo- e amosa en todo o seu esplendor o sexo heterosexual, de xeito case celebratorio. O sexo homosexual non só fica fóra da cámara -substituído aquí pola burda elipse dun protagonista que limpa, da comisura da boca, os restos de esperma- senón que destila conservadurismo e dependencia, nunha crítica velada, quizais, ao afán normalizador/estandarizador, que instaurou entre amplos sectores do colectivo gay a equiparación legal dos matrimonios entre persoas do mesmo sexo.

Almodovar-comienza-rodaje-amantes-pasajeros

For como for, a película avanza sen xeito e cun humor gastado e frouxo até a secuencia final, redimida, só moi circunstancialmente, pola coreografía de I’m so excited, de The Pointer Sisters -asinada por Blanca Li- e pola canción que pecha o filme, The Look, un temazo de Metronomy que xa soaba por aí no verán de 2011. Como non son Boyero e ninguén me paga por desfolar a Almodóvar só agardo que volva, na súa vixésima película, a facer o que xa antes fixo: cine que explora os límites da emoción, conmovedor, que fai rir ou chorar, pero que é, sobre todo, verdadeiro na súa fabulosa e deliberada representación.

2 Respostas to “A aterraxe forzosa de Pedro Almodóvar”

  1. Cris Marzo 14, 2013 ás 6:37 PM #

    Y esto es lo que pasa cuando un gafapasta va a ver una peli de risa.

    • Alba Marzo 19, 2013 ás 5:07 PM #

      Buá tía… que réplica más perspicaz! Te la curraste tú solita?

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: