O que sei de Carlos

20 Mar

Deseño de Carlos Calvo, 'Mariscadoras galegas'Coñezo a Carlos Calvo dese xeito osmótico no que se coñece á xente en Santiago. Sabemos quen somos aínda que non medien as presentacións. Temos amigos comúns, coincidimos nos mesmos lugares e, en moitos casos, habitamos o mesmo país, porque xeografía hai unha pero países hai moitos. De Carlos Calvo sei ademáis que é xornalista, coma min, e lembro a súa sinatura no Novas da Galiza, xornal mensual ao que, hai ben de anos, estou suscrito e do que el integrou o Consello de Redacción. Sei tamén que Carlos está  preso agora en Madrid, dispersado nun rexime especial, sen garantías, sometido a incomunicación e afastado da súa familia e de quen o quere. Seis meses xa de prisión preventiva, suxeito á arbitrariedade dunha kafkiana Lei Antiterrorista. Recaen sobre el nebulosas acusacións de “pertenza a organización terrorista”, un virtual e suposto colectivo que, até onde eu sei, non foi aínda recoñecido por sentenza ningunha de ningún tribunal, fóra da sentenza que ditan os medios de comunicación, correa de transmisión da estratexia do Estado contra o independentismo. Ese fallo condeatorio, que raramente respecta a presunción de inocencia, é todo o que sei sobre a implicación de Carlos Calvo nunha inopinada e suposta trama terrorista en Galicia.

Pero sei outras cousas. Sei que moitos de nós asinariamos, sen dubidar, unha petición de Change.org ou de Amnistía Internacional para que fora liberado un xornalista curdo, ou sirio, ou venezolano, ou marroquino, que leva meses encarcerado sen probas nin fundamentos legais. E sei que a indignación pola inxustiza é, moitas veces, directamente proporcional á distancia na que esta se produce. Tamén a solidariedade.

egunkaria

Hai dez anos, en 2003, lémbroo perfectamente, por orde do xuíz Del Olmo da Audiencia Nacional, o mesmo tribunal de orixe franquista que hoxe mantén illado a Carlos Calvo, decretouse a clausura do xornal vasco Egunkaria. Xornalistas e membros do consello de redacción dese medio, todos eles destacados activistas pola lingua e a cultura do seu país, foron apreixados por suposta pertenza a un entramado empresarial de apoio a ETA. Os bens do diario foron liquidados e o ataque duplo, á liberdade de expresión e á presunción de inocencia, derivou nun proceso delirante, mesmo con denuncias de tortura, que remataría só en 2010 coa absolución plena dos acusados. «Las acusaciones no han probado que los procesados tengan la más mínima relación con ETA, lo que por sí determina la absolución con todos los pronunciamientos favorables», ditou entón a Xustiza, se así pode ser chamada.

Para aquel caso, como para o de Carlos, válenme os mesmos axiomas universais, irrefutábeis. Sen probas non hai xustiza e sen xuízo non hai culpábeis. Haberá que agardar sete anos, coma no caso de Egunkaria, para desmontar unha acusación da que ignoramos o seu fundamento? Pode alguén permanecer preso de xeito preventivo sometido a unha lei de excepción? Querer que Carlos Calvo volte para a súa casa mentres un xuízo non ditamina a súa implicación nos delitos que se lle imputan é só querer que o sistema que garante os nosos dereitos e liberdades actúe como debe actuar. E por iso eu quero que volte, porque a súa liberdade é tamén a garantía da miña liberdade.

(*) Este texto foi publicado no blogue devoltaparaloureda.wordpress.com, que mantén a Rede de Apoio a Carlos Calvo

3 Respostas to “O que sei de Carlos”

  1. Xulia Alonso Marzo 20, 2013 ás 12:49 PM #

    Estou totalmente de acordo contigo. Os abusos que Carlos sofre son a mostra dos ventos que soplan nestes tempos, tempos onde cómpre estender o medo porque o medo paraliza e unha poboación paralizada non ofrece resistencia. Carlos ten dereito a que lle concedan a liberdade mentres non se produza o xuízo. Correspóndelle, e eu espero que se produza canto antes, porque é de xustiza!

    • Monte Carmelo Marzo 20, 2013 ás 1:48 PM #

      Eu non coñezo a Carlos, nen sabía nada de el. Estamos asinando continuamente pola posta en liberdade de persoas que están no outro lado do mundo.Pola xustiza,pola guerra, pola tortura…e resulta que na porta da nosa casa temos o problema.
      pensei que na Democracia estas cousas non pasarían, pero, equivoqueime unha vez
      máis
      Onde hai que asinar para que manden a este rapaz para a súa casa alomenos mentres non se celebre o xuizo?

Trackbacks/Pingbacks

  1. O que sei de Carlos - Maio 16, 2013

    […] O que sei de Carlos […]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: