Aquí Roberto Vidal Bolaño, aquí o pobo, aquí un inimigo

17 May

Vidal Bolaño por CaramuxoNunca, dun xeito tan radical e contemporáneo, abanearan, como están a abanear por obra e graza de Roberto Vidal Bolaño, os vimbios da celebración do 17 de maio. A oficialidade -Feijóo e a súa desacomplexada cuadrilla de demoledores da nación- asiste incómoda pero xa sen carauta, coa cara descuberta, aos lugares nos que deben escenificar a súa adhesion á lingua e á cultura galega: un teatro, mellor sitio n’acharan! Pero sentar fronte á memoria e á escrita luminosa de Vidal Bolaño e finxir que amas o idioma que el amou é unha impostura imposíbel de manter, nin para o mellor dos actores. Así que nese gap, nesa fenda de significado, máis aberta hoxe ca nunca, instáurase, ipso facto, unha dialéctica moi explícita. Onde está Vidal Bolaño está o pobo galego e, polo mesmo, todos os pobos do mundo. Onde está o home do chapeu anda a dignidade dun proxecto cultural colectivo hoxe ameazado. Atrás do nariz de pallaso está a rúa, a xente, o teatro, a literatura e un país, ou o que resta del. Quen non está aí está no outro lado, coma inimigo de todo iso.  É redutor, xa sei, pero é real.

Un ballo in mascheraO Día das Letras deste ano é un ballo in maschera no que, paradoxalmente, xa non hai baile nin máscaras. E é boa cousa saber quen é quen sobre as táboas do escenario. Poucas confusións caben xa, poucas ambigüidades, sobre todo da parte da oficialidade. Tales certezas doen pero, cando menos, non deixan espazos para a dúbida. A descuberta de Vidal Bolaño como autor/escritor, mercé á edición das súas Obras Completas en Edicións Positivas, é, ao meu ver, a principal herdanza que nos vai deixar o Día das Letras Galegas de 2013. A outra herdanza, propiciada polo propio RVB, poida que sen querelo, é a de cuestionar a propia celebración e as hipocrisías que aparella. O fume do 17 de maio, a explosión/implosión controlada dun sistema literario e dunha cultura normalizada, o balde de auga que limpa a beirarrúa durante unha semana.

Hai un autor, neste caso Vidal Bolaño, incómodo mesmo para quen debería arrogarse o seu discurso, a súa capacidade de construción. Nin toda a profesión o reclama nin toda a profesión lle devolve agora o que é de seu. Este país, xa se sabe, pode ser moi ingrato, e dobremente ingrato con quen non cala nin se prega nin amaga. É o caso. Vidal Bolaño é un recordatorio da conciencia sen roupaxes nin medias tintas. E hai que ver como proe iso! Unha integridade que fica na súa obra e que produciría reaccións alérxicas, por exemplo, en Feijóo, se Feijóo dera lido algunha obra de Vidal Bolaño algunha vez.

roberto_vidal_bolano

O 17 de maio inscríbese este ano nunha paisaxe de retrocesos que desnormaliza e agrisalla o noso presente. O organismo impulsor da celebración, a Real Academia Galega, vai camiño de se converter nun talk-show bochornoso, orfo da seriedade e do peso que lle corresponde ter. Os resortes legais para a defensa do galego están a se desmantelar. E o discurso liberticida arredor do idioma -a liberdade para escoller entre a morte violenta, o suicidio ou a eutanasia- emana desde os sumidoiros do pensamento reaccionario até o Valedor do Pobo e os xulgados, pasando polas consellarías e as secretarías xerais. Xa sen máscaras. É, de feito, o 17 de maio menos ritual, o que delata dun xeito máis cru e tremendista a realidade tétrica que agora nos toca vivir.

Protesta diante do acto institucional de homenaxe a Vidal Bolaño

Por sorte, contamos con emblemas de resistencia unívocos e valiosísimos. Vidal Bolaño é un, Rosalía de Castro é outro. Nada do que eles fixeron pode ser reducido nin banalizado e iso é unha sorte. As súas obras son unicamente permeábeis á Historia e ás interpretacións da súa modernidade perenne. Pero non aos discursos malintencionados que os queiran apropiar, moito menos á avidez dos chupópteros, os vampiros da súa brillantez e do seu compromiso co pobo. Non é por acaso que os nomes de Rosalía e Roberto ficaron unidos en máis dunha ocasión, sobre todo naquela peza do dramaturgo de Vista Alegre, Agasallo de sombras, que removeu o rosalianismo canónico e mixiricas, e que amolou a prebostes dunha e doutra parte, encentando un ostracismo no que se recluíu a obra e figura do escritor.

Este ano, no que se conmemora o sesquicentenario de Cantares Gallegos, a policía tivo que protexer as autoridades que asistiron a senllos actos celebratorios. En parte é un orgullo e unha constatación do que unha e outro representan. E un punto de inflexión. Dentro e fóra cairon as carautas. Temos, en Rosalía e Roberto, o exemplo de quen non calou. O Día das Letras Galegas non pode ser máis unha coartada para o conforto mediático e institucional. Pasaron 50 anos da súa institución, en 1963, e os modos de antano non serven xa. Nin na Academia nin nas autoridades imos achar a saída. Si na man da cidadanía, do pobo que Rosalía e Roberto representan. En nós, só en nós.

Rosalía saúda a Roberto, imaxe da Fundación Rosalía de Castro

6 Respostas to “Aquí Roberto Vidal Bolaño, aquí o pobo, aquí un inimigo”

  1. Carlos Arias Maio 19, 2013 ás 10:14 AM #

    Creo que máis na consciencia ca na cidadanía. Feijoo está elixido por unha maioría, e do que lle criticamos non está libre tampouco o resto da clase politica, nin mesmo do seu sustento, ese pobo en abstracto tan enxalzado, pero que no concreto moitas veces actúa sen consciencia colectiva.
    Unha aperta.

  2. Xosé Maroño Maio 19, 2013 ás 9:16 PM #

    Sublime, Fran, coma sempre. Reitero que Fran é a elite do xornalismo en Galiza, a insubornabel voz que ispe en deixa nos ósos toda a purrelada sobrealimentada que abouxa, por desgraza, o país. Que saibas que inflúes, e moito, que creas opinión e que, desde este teu blog testemuñas a nosa visión creativa do mundo, como galegos, coma cidadáns e como persoas con sensibilidade. Un oasis de sabedoría entre tanta homilía e sacramento neocon.
    Desde un país en lata, para cando un libro cos teus mellores artigos?

    • franplorenzo Xullo 13, 2013 ás 6:43 PM #

      Grazas Xosé polas túas palabras, que por moito que non sexan merecidas confortan igual. Unha aperta!

  3. Dionísio Pereira Maio 23, 2013 ás 10:15 AM #

    Concordo totalmente con Xosé Maroño. Por iso Un País en Lata é un enlace preferente no meu blog http://pereiravences.blogspot.com.es/
    Moitos ánimos.
    Dionísio Pereira

  4. joseanpz Xuño 26, 2013 ás 1:27 PM #

    E o artigo vennos contar algo que non soubesemos?. Estou de acordo co fondo do texto. Pero se o descubrimos agora, ata o de agora que pasaba? Enganabanos eles ou autoenganabannos nos? Ou non sabíamos por que rego foron sempre estes bois (e non dende onte)? Fixo falta Roberto para saber quen eran? Pois manda carallo de sabedoría intelectual, que seica se quitaron as caroutas?Que carouta? As que quixemos ver , non outras. por favor. De que pola intelectual vos caichedes?
    E despois como moi ben di Carlos Arias, que pobo? o que o votou? Ou existe outra realidade que a min se me escapa. E ou a concepción de pobo que se ten é moi reducionista e so se circunscribe aos que defendemos unha posta en valor da nosa cultura, e así seriamos catro ghatos. Porque non se lle pode negar o voto dos galegos,e mais dos ghalleghofalantes a o señorito Feijoo. O pobo, o pobo, falar do pobo, da revolución, do amencer que virá,todo iso soa moi bonito, moi chic e moi romántico pero a realidade é outra. e para avanzar hai que ter moi crara a realidade. A realidade , como dixo Celso Emilio, é que vivimos no pais dos ananos, e o quen non queira ver e teña unha concepción romántica da nación e do pobo galego, aviado vai. Anda que si, deixa que xa

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: