‘Todos os días’ de Alberto Ramos, un retrato da nova mala vida

21 Jun

“A vida é uma mistura de coisas que se repetem e de coisas que só acontecem uma vez. O que é estranho é poderem ser as mesmas”

Pedro Paixão, ‘Viver todos os dias cansa’

Houbo un día no que a xente toda ao meu redor se botou a falar de pasta, sen pudor ningún. E eu tamén, que non o fixera nunca. todososdiasÁs veces escóitome falar de diñeiro e non recoñezo en min ao proletario da letra que abandeiraba con orgullo o seu desprezo polas preocupacións pecuniarias. Sei que a precariedade estivo sempre aí, lambendo os pés do xornalismo, turrando para abaixo das súas arelas de dignidade e dos seus pantalóns. Pero é agora cando o subtexto proletario desta profesión nosa aparece na superficie en forma de inmensa mancha de chapapote, que intoxica as horas todas deste mar de EREs, despedimentos, reducións de persoal, descrédito e máis descrédito. Desa mancha, da esclerose dunha idea brillante, do bucle fatal do paro e da sensación de que “xa non hai sitio para ninguén” trata Todos os días, a novela de Alberto Ramos (Sotelo Blanco, 2013), que gañou a última edición do Premio Risco.

Algún pedante crítico literario cualificaría o estilo de Ramos de “estilo xornalístico”, o que ao meu ver non é un demérito para el senón unha loanza. Pero esta novela, máis alá da narración fiel do desmantelamento dun xornal galego, cun reconfortante e honesto retrato dos culpábeis e das vítimas dese proceso, é tamén unha achega ao relato colectivo do-que-nos-pasa, xornalistas ou non, traballadores ou traballadoras, paradas ou parados, sexa o que for o que nos pasa, que aínda non o sabemos.

Alberto Ramos (Foto: Faro de Vigo)Dicía que falar de cartos estaba antano tipificado como “feo” ou “de mal gusto”, da mesma forma que falar de política, nun sentido non conformista, está tipificado hoxe como “terrorismo”. Nunca disentir se volveu tan perigoso. Nunca, salvo en etapas de guerra ou represión aguda (e esta debe ser unha desas etapas, aínda que o golpe brutal anestesie aínda a nosa percepción dos feitos), resultou tan sinxelo converterse nun desafecto, nun subversivo. Así que nos últimos dous anos eu noto que a rúa se encheu de terroristas sen xulgar e maleducados cidadáns que debullan, en cada conversa, e sen que ninguén lles pregunte, as cifras detalladas da súa miseria.

Todos os días é, desde o seu título, unha novela existencialista, moi Gonsar ao meu ver, depurada na súa amargura, aceda e algo surreal, coma a vida nunha redacción, que vai voando de páxina a páxina sobre uns diálogos que, pola súa viveza e pola súa reiteración deliberada, son un extracto latexante desta nova mala vida que levamos. Un corazón canso, pum pum, pum pum, a bater mainiño sobre unha sala de autopsias.

Creo que a poucas cousas máis pode aspirar un escritor que a captar o tempo no que vive, aínda que o signo dese tempo sexa precisamente o da súa incaptabilidade. E Ramos, dun xeito bastante inédito nas letras galegas contemporáneas, orgullosamente elusivas co presente, conségueo en Todos os días. O propio autor expresaba este día, na presentación da novela na Libraría Couceiro de Santiago, a súa preocupación por unha pregunta chegada directamente do futuro: “E vós que faciades daquela..? que fixestes..?”. Pero a da responsabilidade histórica é a típica pregunta boomerang, que se volve contra quen a formula, unha pregunta que, neste caso, é ademais moi fácil de responder, eu mesmo podería facelo : “Daquela..? Daquela empezaba timidamente a ser terrorista, escribía algunhas cousas, bebía cos colegas xornalistas en paro coma min, falaba de cartos todo o día, e de política, e lía moitos libros. Pero se quere saber algo máis sobre a sociedade que lle legamos, pedante señor do futuro, lea Todos os días, de Alberto Ramos. Aí está todo. Nin eu, que estaba alí e o vivín, podería contalo mellor”.

4 Respostas to “‘Todos os días’ de Alberto Ramos, un retrato da nova mala vida”

  1. Montenegro Xuño 21, 2013 ás 9:57 PM #

    Venme a cabeza un verso de Celso Emilio: “investiga a verdade do teu tempo, e alcontrarás a túa poesía”. Teremos que ler entón a Alberto.

  2. Trenes de Tozeur Xullo 11, 2013 ás 11:00 PM #

    Cando te vexo cun libro entre as mans e cruzamos olladas sempre desexo saber que estás lendo

    • franplorenzo Xullo 12, 2013 ás 11:44 AM #

      Pois ti pregunta que eu dígoche sen problemas os libros cos que ando nas mans, que por sorte ou por desgraza sempre levo algún😉 E grazas por leres o que escribo. Unha aperta!

      • Trenes de Tozeur Xullo 14, 2013 ás 1:18 PM #

        As grazas a ti, por compartir con nos o que escribes

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: