O tempo das mecanógrafas (Un relato de teclas, tinta e mulleres en liberdade)

12 Jul

 MECANÓGRAFA.

¿Qué es eso que suena muy lejos?

JOVEN.

Amor, el día que vuelve.

¡Amor mío!

(García Lorca, Así que pasen cinco años)

Para Carme Vidal, porque estou certo de que nunha vida anterior, inmediata, fomos ela e eu mecanógrafas e amigas nunha escura redacción, cativa de máis para os nosos soños

  Keira-RathboneHai un poema de Lupe Gómez, deses de tatuar no lombo, que di: “A muller/é un cristal/atravesado por/unha patria”. Imaxino eses versos, mecanografados por unha muller, letra e letra, tecla a tecla, sobre unha folla en branco e parafraseo a Lupe: “Unha mecanógrafa é unha muller atravesada por un segredo e por unha historia”. É inevitábel ese fascinio meu por un oficio que propiciou, historicamente, o acceso das mulleres a determinadas esferas de poder negado e que lles franqueou, a moitas delas, as portas da literatura. A mecanografía foi, no seu caso, o grao cero da creación, un paso case inescusábel desde o que, como aínda agora ocorre, demostrar as capacidades e valías propias, sempre con esixencias superiores ás dos homes. Clara CampoamorA mecanografía foi a fronteira de moitas vidas plenas e libres, pero había que chegar até alí. E chegaron moitas, para sobordaren as convencións, as pexas patriarcais e os prexuízos da sociedade. Como Clara Campoamor, a deputada que converteu en realidade o voto feminino na II República española, avogada e política xa na súa madurez, e mecanógrafa moito antes, nunha escura sede ministerial. Ela é un emblema, pero hai centos, miles de exemplos… Lembralas aquí, neste pequeno relato, é un insignificante pero necesario acto de xustiza, en tempos avesos, coma estes, para a igualdade e os dereitos da muller.

A sedución comeza pola palabra e por un título: Tarde de domingo de una mecanógrafa. É un lenzo de Juan Ismael, un pintor surrealista e metafísico canario, ao meu ver moi próximo a Eugenio Granell, que chegou a amosar a súa obra canda a de Maruxa Mallo ou Remedios Varo na famosa Exposició Logicofobista de Barcelona, de maio de 1936. Non coñezo ese cadro pero sempre me sorprendeu a admiración dos surrealistas polas mecanógrafas. Uns surrealistas, con André Breton á fronte, para os que as mulleres eran maiormente prototipos inspiradores e musas programadas para a vertixe e o amour fou, deusas dun novo tempo, sen demasiadas atribucións propias, doentes por se deixar amar. Maruxa Mallo non era así e pagou a súa rebeldía con certo ostracismo decretado sibilinamente polos seus coetáneos. Non todos. Granell non, nin Federico García Lorca.

Así que pasen cinco años

Así que pasen cinco años

Nese mesmo ano, en 1936, Lorca tentaba estrear en Madrid Así que pasen cinco años, unha peza que escribira en 1931. Un prodixio de surrealismo teatral, un desafío á lóxica e ao tempo escénico, que conta, entre os seus personaxes principais, cunha mecanógrafa, namorada do mozo protagonista. En realidade non é unha muller senón unha idea, pero sorprende que o poeta escollera precisamente unha mecanógrafa para encarnala. Anos antes, en 1919, estreárase xa unha opereta, La mecanógrafa, con música de Pedro Luna (autor con Enrique Bru da zarzuela La chula de Pontevedra) que, imaxino, recluía a protagonista no estereotipo galante, propio das representacións cómicas ou melodramáticas do seu momento.

A miliciana, mecanógrafa, tradutora e xornalista Marina Ginestà

A miliciana, mecanógrafa, tradutora e xornalista Marina Ginestà

Naquel país sitiado pola guerra, seguimos en 1936, as mecanógrafas foron unha sorte de exército paralelo. Estaban nos comités dos partidos políticos, nos burós, nos ministerios, nas oficinas, nos xornais e nas revistas. Marina Ginestà, a miliciana dese mítico retrato de Juan Guzmán, realizado na azotea do Hotel Colón de Barcelona o 21 de xullo de 1936, tamén foi mecanógrafa, tradutora e xornalista. E a comunista Carmen de Pedro; e unha das Trece Rosas, Dionisia Manzanero Salas, executada con 20 anos canda as súas compañeiras, en agosto de 1939, mecanógrafa nunha Comisión dionisiade Organización do PCE, en Madrid. En 1939, precisamente, no inicio da II Guerra Mundial, moitas fábricas de máquinas de escribir convertéronse en pequenas fábricas de armamento. É curioso pensar que os procesos industrias que interveñen na fabricación dun artefacto apto para a poesía poidan ser os mesmos que alumean o nacemento dun fusil. Milicianas que empuñan fusís ou máquinas de escribir, tanto ten, un arquetipo revolucionario.

DORINDA, QUE NON ERGUEU O BRAZO. A contemporaneidade da mecanografía como oficio, algo máis dun século, impediu, ademais, que contara cun determinado marcador sexual. Mecanografar foi historicamente unha actividade neutral, non era de mulleres nin de homes, alén de seren os traballos de oficina “respectábeis” e, polo xeral, ben pagos. E até alí chegaron as mulleres, ensaiando unha futura igualdade nunca satisfeita. Moitas delas no ámbito das administracións ou dos xulgados.

Hai un caso que me resulta conmovedor e do que pouco sei. Localiceino no libro de Antonio Giráldez sobre a Guerra Civil en Vigo. Trátase dunha mecanógrafa municipal, Dorinda Jaro Almuiña, que non erguera o brazo ao soar o Himno Nacional no día dos funerais polo Xeneral Mola, causa pola que se lle abriu un expediente de depuración. O xuíz instrutor -lembra Giráldez- propuxo a súa depuración o 8 de outubro de 1937, pero en atención a que a funcionaria era o único apoio da súa nai viúva e anciá, impedida para traballar, resolveuse a sanción cunha multa de seis meses de haber. Dorinda, a mecanógrafa viguesa, non se xogaba o traballo, xogábase a vida. Que exemplo de integridade para esta era nosa de neoescravitude laboral, Dorinda, que non quixo erguer o brazo nin baixar a cabeza. Quen me dera coñecela.

Mecanógrafa en Sotrondio, 1948 (Colecc. Museo del Pueblo de Asturias/Valentín Vega/Memoria digital de Asturias

Mecanógrafa en Sotrondio, 1948 (Colecc. Museo del Pueblo de Asturias/Valentín Vega/Memoria digital de Asturias)

Ao parecer a primeira máquina de escribir, que saiu ao mercado en 1873, armouse sobre o modelo dunha máquina de coser. Nin un invento nin outro son inofensivos, e hai decote unha muller sentada á súa fronte. Mulleres que cosían os deseños doutros, mulleres que escribían as palabras que alguén lles ditaba. Pero non sempre foi así. A máquina de coser e a máquina de escribir son máquinas do tempo, prodixios que transforman a quen os usa. E iso acontece coas mecanógrafas.

Patricia Highsmith

Patricia Highsmith

Moitas escritoras fórono, ás veces para sobreviviren. Patricia Highsmith, por exemplo, ou a arxentina Alejandra Pizarnik, como medio de subsistencia no seu treboento exilio parisino. Ou Ella Maillart, mecanógrafa suíza, guionista, modelo, cronista e xornalista, compañeira de viaxe da impar Annemarie Schwarzenbach, señoras ambas de todos os mapas e as cartas de navegación. Ou Amy Johnson, que foi mecanógrafa nun despacho de avogados da City londiniense, e que se converteu nunha das pioneiras da aviación británica. Con 26 anos foi a primeira muller piloto que logrou voar soa entre as illas británicas e Australia. Chamárona “a heroína mecanógrafa”.

Conta Nadine Gordimer que unha vez, xogando seus fillos no exterior da casa na que ela escribía, outros cativos preguntáronlles o que facía a súa nai: “É mecanógrafa”, respostaron os pequenos, cheos de razón.

'The Type-Writer Girl' é unha novela do canadiano Grant Allen, escrita baixo seudónimo feminino, Olive Pratt Reyner, en 1897, que relata en primeira persoa os días dunha mecanógrafa e as tensións finiseculares arredor do rol das mulleres na sociedade norteamericana.

‘The Type-Writer Girl’ é unha novela de Grant Allen, escrita baixo seudónimo feminino, Olive Pratt Reyner, en 1897, que relata en primeira persoa os días dunha mecanógrafa e as tensións finiseculares arredor do rol das mulleres na sociedade norteamericana.

'Cartas de Amor' entre Pessoa e a súa namorada mecanógrafa, Ofélia Queiroz

‘Cartas de Amor’ entre Pessoa e a súa namorada mecanógrafa, Ophélia Queiroz

Onde remata a mecanógrafa e onde empeza a escritora? Ten unha máquina de escribir o poder de transformar as persoas que a usan? Acaso a filla de Tolstoi, que mecanografaba os orixinais de seu pai, non participaba tamén do proceso criativo das súas novelas? Ou Rosario Conde, a primeira muller de Camilo José Cela, máis que unha secretaria, máis que unha transmisora? Que pasaría se Pessoa non coñecese na súa oficina a aquela mecanógrafa, Ophélia Queiroz, da que namorou, alomenos platonicamente, e á que lle escribiu todas as súas fermosas e “ridículas” cartas de amor? Se cadra hoxe Cien años de soledad sería outra novela se a mecanógrafa de García Márquez non estragara o primeiro borrador da novela, logo de lle cair das mans, baixo unha chuvascada súpeta que borrou a tinta orixinal do manuscrito.

Amy Johnson, aviadora británica e 'heroína mecanógrafa'

Amy Johnson, aviadora británica e ‘heroína mecanógrafa’

Hai un outro caso singular, protagonizado desta volta por un home, Paul Robeson, o actor, cantante, político e militante antifascista afroamericano. Ía ingresar no Colexio de Avogados de Princenton, pero unha mecanógrafa branca rexeitou escribir ao ditado dun avogado negro. Robeson abandonou a profesión polo cine, o teatro, a música e o combate polos dereitos civís. En 1936 estaba xa na guerra de España, na Brigada Lincoln, poida que pegando tiros do lado de Lise London, unha das mulleres máis fascinantes do século XX, heroína da loita internacional contra o fascismo que aínda finou en 2012. Filla de emigrantes aragoneses en Francia, mecanógrafa na fábrica Verliet e despois na sede do Partido Comunista en Lyon, Lise London viaxou a España, tamén en 1936, para organizar as Brigadas Internacionais. Este fantástico artigo publicado en El Viejo Topo dá conta dunha existencia única, que cifra todas as glorias e as miserias do convulso seculo XX.

Mad Men

Mad Men

Mulleres e homes arredor dunha máquina de escribir, relacións de poder, machismo, mitos do pigmalión, e a ambición dunha mecanógrafa que quere ser algo máis, fóra do que os seus compañeiros de traballo e a súa empresa teñen reservado para ela. Imposíbel non pensar nas mecanógrafas/secretarias de Mad Men, personaxes poliédricos e fascinantes, atravesados sempre por un segredo ou por unha historia. Ou esoutra secretaria/mecanógrafa/xornalista, que fai parte do meu persoal parnaso emocional e intelectual, cada un ten o seu: Jaguar (Maria Schrader), do filme alemán Aimée & Jaguar, muller xudía e lésbica, en namoros cunha fermosa e aria alemana, que traballa -a historia foi real- na redacción do xornal do partido nazi en Berlín. Mecanógrafa infiltrada, militante da liberdade sexual, axente dobre, traficante de visados e comida, símbolo supremo da resistencia.

Maria Schrader, esquerda, nunha secuencia de Aimée & Jaguar

Maria Schrader, esquerda, nunha secuencia de Aimée & Jaguar

Hai mecanógrafas de serie negra e de ficción contemporánea. Perry Mason, o famoso detective, deixou un único caso sen resolver na súa vida, O caso da mecanógrafa asustada (The case of the terrified typist, 1956) pero todo o xénero, desde as novelas de Dashiel Hammet ou Chandler até os filmes clásicos dos anos corenta e cincuenta, é pródigo en mecanógrafas, depositarias de segredos, testemuñas privilexiadas do que acontece nos despachos, nas redaccións e nas editoriais.

Curso de mecanografía, 1925

Curso de mecanografía, 1925

Mecanógrafas que ollan e que escriben. E que saben moitas cousas. Como acontece no supervendas The Other Typist, un thriller de Suzanne Rindell, ambientado nos anos vinte, sobre a mecanógrafa dunha comisaría do Lower East Side de Nova York, editado por Lumen co título La otra mecanógrafa, e que se vai levar á gran pantalla, con Keira Knightley como protagonista.

'La otra mecanógrafa', en Lumen

‘La otra mecanógrafa’, en Lumen

Mecanógrafa dentro leva tamén o novo taquillazo do cine francés, acabado de estrear nas pantallas comerciais que aínda quedan na nosa contorna. Trátase de Populaire, unha outra comedia romántica , opera prima de Règis Roinsard, con máquinas de escribir ao fondo e competicións de velocidade diante do teclado. Outra mecanógrafa de pantalla foi Audrey Hepburn no filme Paris When It Sizzles (Encuentro en París), de 1964, de novo unha comedia romántica, de Richard Quine, que relata o proceso de escrita dun guión. William Holden (o guionista) vai creando, nos dous días que ten de prazo para entregalo, un texto que Audrey Hepburn ten que mecanografar. Velaí o enredo. Unha intercesión na trama, a da mecanógrafa, que tamén fica nesa novela de Coetzee, Diario de un mal año, editada por Mondadori en 2007. Alí un reputado escritor australiano encárgalle a unha veciña, sen traballo, que vive no seu mesmo bloque de apartamentos, que mecanografe os orixinais dunha serie de artigos que vai reunir nun libro. A relación da mecanógrafa, Anya, co escritor, e co mozo de Anya, mudan o rumbo da edición, pero tamén o rumbo da historia que relata Coetzee.

Audrey Hepburn e William Holden en Paris When It Sizzles

Audrey Hepburn e William Holden na película Paris When It Sizzles (Encuentro en París)

A listaxe de mulleres que albiscaron unha realidade diferente grazas ao oficio de mecanógafa é innumerábel pero quería rematar este relato de tinta, teclas e arelas de liberdade cunha artista plástica, Keira Rathbone, (na fotografía que encabeza este post) á que coñecín procurando documentación sobre a exposición Typewriter. A historia escrita a máquina, que amosou en 2011 en Santiago a colección de máquinas de escribir da familia viguesa Sirvent. Ela é británica e dedícase a realizar retratos e debuxos coas súas máquinas de escribir. Efes, enes, eles, parénteses, trazos, interrogacións… van debuxando un rostro, ou unha paisaxe, mentres ela xoga coa densidade e disposición dos caracteres. Dalgunha maneira a súa expresión artística, utilizar unha máquina de escribir para debuxar, é un xeito de rebeldía, un acto de desobediencia, que é o símbolo máis actual de todas esas mulleres rebeldes que utilizaron a máquina de escribir para redebuxaren o relato das súas vidas e, polo mesmo, das nosas.

9 Respostas to “O tempo das mecanógrafas (Un relato de teclas, tinta e mulleres en liberdade)”

  1. Montenegro Xullo 12, 2013 ás 11:24 AM #

    Pois que se preparen, porque a espionaxe rusa volve á máquina de escribir tras o caso Snowden.

    http://www.farodevigo.es/mundo/2013/07/12/maquinas-escribir-evitar-filtraciones/844234.html

  2. franplorenzo Xullo 12, 2013 ás 11:28 AM #

    Xusto foi o que pensei eu, unha nova escuadra de mecanógrafas a encriptaren segredos de Estado coas súas máquinas de escribir

  3. Alba Nogueira López Xullo 12, 2013 ás 2:34 PM #

    A irmandade das máquinas de coser e de escribir vese ben nun museo na pequena vila de Husqvarna en Suecia (que nós coñecemos polas moto-serras e maquinaria agrícola). Ali medrou un emporio de fabricación de maquinaria, iniciado co armamento ao servizo do rei, no que máquinas de escribir e de coser abriron o camiño a todo tipo de electrodomésticos no século pasado. http://www.typewritermuseum.org/collection/index.php3?machine=sampo&cat=il

    • franplorenzo Xullo 12, 2013 ás 2:45 PM #

      Alba, o de Husqvarna xa me parece unha reviravolta alucinante: motoserras, fusís, máquinas de coser e máquinas de escribir todo nunha😉

  4. Marga Romero Lorenzo Xullo 12, 2013 ás 2:52 PM #

    Encantoume Fran, comezando pola dedicatoria…. seguro que algunha vez tomamos cafe nesa pequena de máis redacción, mais a conversa chegábanos para andar o mundo… Encantoume, seguindo coa historia das dúas amantes reais alemás, Aimée und Jaguar, que nas primeiras edicións do libro aínda levaba na capa as fotos das personaxes reais, logo a fama, púxolle o das magníficas actrices…

    • franplorenzo Xullo 12, 2013 ás 2:54 PM #

      Marga, encantaríame ler o libro, teño que ver de conseguilo, aínda que sexa en inglés. Obrigado por leres!

      • Marga Romero Lorenzo Xullo 12, 2013 ás 5:14 PM #

        Eu téñocho en alemán… Incluso pensei en traducilo…

  5. Suso Xullo 16, 2013 ás 3:22 PM #

    A min tamén me encantou

  6. Carme Agosto 18, 2013 ás 5:50 PM #

    Sobre unha mesa branca de praia leo o teu texto nunha tarde de domingo, demasiada neboa e un pouco de frio. Cando nena quería ter unha máquina de escribir,os reis trouxeronme unha no nadal dos once anos. Aínda escoito o seu son. Encantoume Fran.
    Xusto rematara a lectura de como escribira Keynes “Las consecuencias económicas de la paz” e, evidentemente cando terminaba cada capítulo mandabao á señorita Pate a Cambridge para que o mecanografiase. bks

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: