Os bos e xenerosos de Angrois

29 Jul

Creo que extraín varias leccións da traxedia do Alvia en Santiago, a primeira delas é o aprezo súbito que lle vén a un pola vida, e o absurdo que se volve todo nun minuto, a vida mesma tamén. Profesionalmente sentín orgullo por moitas compañeiras e compañeiros xornalistas pero tamén vergoña por certas prácticas que lixan o sacro deber de informar; unha mestura estraña de fachenda, reconciliación co oficio e impotencia polo mal que se fan moitas cousas. Ese orgullo púideno apalpar tamén nas conversas que mantiven cos médicos, persoal de emerxencias e enfermaría cos que falei. Hai moitas máis reflexións que, como nos ocorre a todas e a todos, aínda estou tentando dixerir. Pero o que removeu algo en min foi achegarme a Angrois e coñecer algunha da xente que, nos primeiros minutos tras o accidente, acudiu os feridos do 24 de xullo. Este texto sobre eles, e dedicado a eles, foi publicado nas páxinas de El Correo Gallego e fica aquí en testemuña do meu agradecemento e admiración.

Gloria Brocos, veciña da rúa da Presa, en Angrois. A foto é de Antonio Hernández

UNS ANDABAN POR FÓRA, pola horta. Había quen estendía a roupa, ou vixiaba o gando. Un veciño durmía despois de traballar e outro se preparaba para subir á cidade. Dacabalo da airexa morna viñan os ecos da festa e a promesa dos fogos do Apóstolo, en Santiago. Unha muller apuraba diante do televisor os últimos minutos de Pasapalabra, e de súpeto, contra ás 20.41, unha frecha veloz impactou contra ese microcosmos prácido dunha tarde de verán, ameazada pola chuvia, para mudar o rumbo do tempo e poida que da historia do lugar.

O casarío de Angrois, empoleirado sobre a vía do tren que vén de Ourense, cabo do antigo Camiño Real, sentiu un estrondo que as veciñas e veciños non van esquecer nunca. “É como se tiraran un camión de pedras”, di Gloria Brocos, que vive moi preto do tramo do accidente, na Rúa da Presa. Outros veciños falan dun “terremoto”, ou do bruído que fai unha casa cando cae. María Dolores, diante das cámaras de televisión, afirma que viu achegarse un “torpedo”, que impactou contra o muro da súa casa. “Eu estaba na casa durmindo, traballo de noite, e despertei co estrondo”, sinala Ricardo Martínez Otero. E Jesús lembra sobre todo un “chirrido”, o da colisión do tren Alvia “contra o morrillo das vías” e o talude sobre o que se ergue o Campo da Festa de Angrois.

Ese “chirrido” sentiuno tamén Santiago Taboada. Jesús e Santiago, que viven en senllas casas da Travesa de Mourozón –moi preto do mesto bosque de unidades móbiles que marca o asentamento dos informadores desta traxedia–, non sentiron explosión ningunha, e si un fortísimo impacto. “Falábase de que houbo unha explosión, un atentado, pero nós sabiamos desde o primeiro momento que non, o que se oiu foi o impacto do vagón que saiu catapultado contra o palco”, lembra Jesús, quen refire a gran velocidade á que o tren rebasou o túnel, antes de entrar na curva da Grandeira. “No bar tamén dicían que o tren saía moi lanzado do túnel”.

Desde as casas de Santiago e Jesús chamaron axiña ao 112 e ao 092. “No 092 dixéronos se era cachondeo, ou se era unha broma”. No teléfono de Emerxencias, no 112, preguntábanlles pola localización exacta de Angrois.

O que veu despois deses minutos primeiros de impotencia e confusión, Santiago Taboada, veciño de Angrois. A foto é de Antonio Hernándezá sombra dunha densa columna de terra en suspensión e fume negro, foi un auténtico descenso aos infernos –as vías do tren sementadas de cadavres e feridos–, no que os habitantes desta parroquia estremeira de Santiago participaron co que tiñan a man: un relato de solidariedade espontánea, que aínda onte narraban estremecidos, e conscientes horas despois da traxedia, da impronta que deixará, para o futuro, nas súas retinas e na súa alma. “Onte só pensabas en axudar –sinala Santiago–, agora, en frío, e sabendo os mortos que hai, daste de conta do que foi… Tiñan que vir axudarnos a nós, porque a xente aquí está mal…”.

Sanitarios, psicólogos, bombeiros, condutores de ambulancia, servizo de excarceración… As veciñas e veciños de Angrois, que abriron as portas das súas casas durante a longa noite do 24 de xullo, fórono todo para as vítimas do Alvia neses quince primeiros minutos de horror e confusión, mentres non daba chegado o operativo de emerxencia, que accedeu, en parte, pola Rúa da Presa na que vive Gloria. “Os coches colapsaban todo e veu a grúa para retiralos”, apunta ela, quen, coma moitos dos seus veciños, achegou “mantas, sabas, auga, palés, un tablón…”. Improvisaron con esas táboas de fimapán padiolas para transportaren os feridos e axudaron os menos graves a entraren nos coches polo seu propio pé e así conducilos até os hospitais composteláns.

Unha veciña contaba onte, arrepiada, que unha “das primeiriñas” que saiu dos vagóns sinistrados era precisamente “unha rapaza de Angrois”, que vive en Madrid e que viña polas festas, a casa de seus pais. “Unha filla miña –lembra Santiago– agarrou a un rapaz de catorce anos, que era da Coruña, e que lle dicía no me dejes, no me dejes…”.

Ricardo Martínez Otero foi dos primeiros tamén en baixar a axudar. “Primeiro entrei no vagón que estaba no Soutiño”, di, mentres describe as dificultades para rachar o vidro e acceder ao interior do tren. Machados, ferramentas caseiras, martelos… Intentouno Ricardo co impulso do seu corpo, batendo cos pés no cristal. Nin os bombeiros eran quen de abrir as portas. “As portas son de corredeira e a única saída era polas ventás”, recorda.

Chegar até alí tampouco non foi doado e a xente de Angrois mesmo puxo en risco a súa vida. Houbo que salvar o desnivel de varios metros –”baixamos cunha corda até as vías”, explica Santiago Taboada– e unha vez alí romper o cerrado de arame que cerca o paso do tren.

Ricardo Martínez Otero, veciño de Angrois. A foto é de Antonio HernándezXa dentro, no epicentro do desastre, pasaxeiros noqueados polo impacto, nenos que choran e chaman polos seus pais, máis sangue e máis desconcerto. Un home novo, duns trinta anos, cóntannos, sae do tren co seu bebé no colo, saloucando “é meu, é meu…”. Non o quere deixar nos brazos de ninguén porque acaban os dous de volver nacer, pai e fillo, xuntos.

As mantas das casas de Angrois comezan a cubrir aos que xa non respiran e chega, da man da noite orballada, unha sinfonía de laios que estarrece, case tanto como a sintonía dos móbiles no peto dos finados ou o ton saltarín dos whatsapp dun único check, aquí e alá. “Canta xentiña morta, diosmío”. E luces e sirenas, ambulancias, policía, guindastres, bombeiros, que van chegando…

Ricardo pregúntalles os feridos: “Que che doe?, onde che doe..?”. Co seu propio móbil marca o teléfono dos familiares para informalos de que alguén ao que quere está alí, canda el, e que está ferido ou que lle vai falar. Outros pretenden axudar e nin saben como. Porque están paralizados ou conmocionados; ou porque mover un ferido encarna moitos perigos, e cando van socorrer a un pisan os membros doutro, tendido alí mesmo, á beira, entre restos de ferralla e equipaxes.

Xente nova, xente maior, nun escenario de morte e desolación que nunca imaxinaran. Xa é 25 de xullo, iso non mudou. Día Nacional de Galicia, o día do pobo galego. O máis triste tamén para un país que chora de maneira apagada e tristísima, como se chora aquí a perda das cousas importantes. A dor abateu as luces da festa, Santiago calou. Só falan por nós, en representación do mellor que somos e temos, os bos e xenerosos de Angrois.

(*) De arriba a abaixo, Gloria Brocos, Santiago Taboada e Ricardo Martínez Otero. As fotos son de Antonio Hernández e acompañaron á reportaxe publicada no Correo Gallego o pasado 26 de xullo.

15 Respostas to “Os bos e xenerosos de Angrois”

  1. Manuel Anxo Calvo Xullo 29, 2013 ás 11:51 AM #

    Levo dende antes do accidente fóra, de viaxe, e en canto podo boto unha ollada ás novas destes días amargos para combater a sensación de soedade que se sinte cando non podes compartir a dor cos teus. E de todas as reportaxes que lin (algunhas boas, outras asépticas, algunhas desprezables), a que de verdade me emocionou foi esta que veño de ler. Fran, es unha honra para esta profesión que abandonei hai anos e que dende o outro lado, o do lector, case sempre me trae disgustos e enfados. Seguro que a xente de Angrois recordará no futuro esta semblanza túa con cariño.

    Un saúdo triste dun compañeiro de promoción.

    • franplorenzo Xullo 29, 2013 ás 7:33 PM #

      Compañeiro, creo que foi dos días máis duros no profesional e no persoal, pero de verdade que comentarios como o teu confortan de tantos malos tragos destes días. Unha aperta grande e moitas grazas, de verdade Manuel

    • Helena Villar Janeiro Xullo 29, 2013 ás 9:35 PM #

      Moi boa reportaxe, Fran. Grazas por esta entrega.

  2. Miguel Blanco Xullo 29, 2013 ás 3:07 PM #

    Chorando me deixaches, impresionante Fran.

  3. Dores Asorei Xullo 29, 2013 ás 4:56 PM #

    Moi boa reflexión, moi bon artigo Fran. Parabéns e obrigada polo traballo ben feito!

  4. Marae Xullo 29, 2013 ás 6:36 PM #

    Reblogueó esto en Os Pasosy comentado:
    Eran as 20.30. Meu mozo veu espertarme da sesta e dixen que ata as nove non me erguía. Ás 20.42 erguínme sen espertar e como unha zombi baixei as escaleiras da casa. Zombi máis que zombi, púxenme a xogar ao Candy Crush, cando, de súpeto, unha voz interior me dixo: POn a páxina da Voz de Galicia. ¿estás tola? me respondín, e así e todo puxen a Coz. E boteime à chorar, de tan lonxe e tan impotente que me sentín. Vaian estas liñas polos que si estaban alí. Os bos e xenerosos de Angrois.

  5. Tozeur Xullo 29, 2013 ás 7:20 PM #

    Da man a dignidade dos veciños de Angrois e a do periodista

  6. Xullo 30, 2013 ás 8:39 AM #

    Ai Franciño! Eu, como Manuel Anxo (unha aperta forte para ti compañeiro de promoción), tamén me reconcilio co xornalismo sempre que veño por aquí. E hoxe necesitábao, de certo que si, que xa estaba outra vez enfadada. Parabéns e mil bicos.

  7. xandracarro@yahoo.es Xullo 30, 2013 ás 11:59 AM #

    Fran, xa pouco me queda por dicir. Xa pouco era quen de dicir nada, ante a realidade destes días. Fiquei muda pero ti dás a palabra acertada sempre, sen aspaventos nin sentimentalismos baratos. Fermoso artigo para tal espantoso episodio da nosa historia.
    Douche tamén as grazas e os parabéns polo teu bo facer.

  8. chelo Xullo 31, 2013 ás 12:07 PM #

    Velaquí o cerne do que está feito o ser humano. Mágoa que teñan que pasar estas desgrazas para que saia á luz.
    Grazas aos que se entregaron sen dubidalo, grazas a ti fran, por compartir con nós a túa sensibilidade.

Trackbacks/Pingbacks

  1. Os bos e xenerosos de Angrois - Xullo 29, 2013

    […] Os bos e xenerosos de Angrois […]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: