Balada do independentista pobre

13 Sep
Lumes na ría de Vigo

Lume de agosto desde a ría de Vigo

Acho que foi alá a principios de xuño que alguén agoirou a desaparición do verán. “Non vai haber verán neste 2013 en Galiza… Agárdanse chuvias en xullo e agosto… Tempo fresco e inestábel…”. Hai pánicos cervais e incontrolábeis e un deles é ese: renunciar, con maquiavélica antelación, aos días de verán; saber que non vai haber sol, que esa promesa de felicidade, que levamos encriptada nalgún lugar do hipotálamo, se esvae grazas ao prognóstico despreocupado dun comando de expertos. Ocorre agora que todas as nosas certezas –case todas– se foron esluíndo até case desaparecer e a predición do tempo meteorolóxico converteuse nunha nova relixión, unha verdade á que se aferrar. Queremos saber algo, estar seguros/as dalgunha cousa, o que for, polo menos do día que vai facer mañá.

Por saúde mental non quixen acreditar nese vaticinio. E aínda contemplando a posibilidade dunhas vacacións abaixo da chuvia logrei extraer unha certeza do medio desa borrasca premonitoria: “Este país arderá, si ou si, pase o que pase, chova o que chova. O lume arrasará miles de hectáreas, arderán os montes outra vez”. De feito pensar que Galiza arderá no verán non é agoiro ningún. É a triste constatación da nosa pobreza, do noso carácter de nación subalterna, colonizada, negada e puteada. Botarlles as culpas á vintena de desalmados que prenden a mecha, no Pindo ou no Xurés, sen cuestionar o modelo socio-económico e as políticas agro-forestais que permiten esta desgraza é como laiarse dos mortos de Angrois sen reparar nos erros de seguridade e previsión que posibilitaron a catástrofe. Cinismo e ineficacia. Culpa e mala fe.

indepndencia

Gándara de Lariño, cercada estes días polos lumes no Monte Pindo. A foto tirouse o 13 de agosto deste ano

Asaltáronme outras certezas no decurso deste verán que resultou ser luminoso e solleiro. Algunhas persoais e outras relacionadas co público, se é que existen fronteiras entre unhas e outras, que eu xa creo que non. Unha desas certezas –seguín o proceso cunha mestura de abraio e indignación– foi o resultado dun xuízo, orquestrado pola franquistísima Audiencia Nacional, no que catro persoas –sometidas a inhumanas condicións de illamento e indefensión– serviron como coartada propicia para artellar, dende instancias políticas e mediáticas, unha inexistente ameaza terrorista en Galiza. Penas de cadea entre 10 e 18 anos e, voilà, unha Al Qaeda de xoguete coa que asustar aos galegos e ás galegas, a nós que, por perder, xa perdemos até o medo. A pantasma da violencia –esa que, coa connivencia de dous gobernos, desbalda os aforros dos vellos, dilapida o noso patrimonio natural e paisaxístico, pecha as fábricas, aniquila a lingua e os fitos culturais e borra, en definitiva, o rastro do que somos– reaparece agora para poñer cinza sobre a cinza, meter medo a quen ouse falar ou manifestarse e converter esta autonomía presuntamente democrática nun deses pacientes cobaia, que polos catro pesos dunha subvención, aturan toda a toxicidade e o veleno dun tratamento sandador e, ao tempo, mortal.

Considérome independentista. Iso non me volve violento, tampouco parvo. Ao meu ver é unha cuestión de coherencia e de elegancia, dous conceptos que, para min, han ir sempre da man. España está moi ben, está de puta madre na súa decadencia, no seu patético orgullo e na súa fachenda sen motivos. Pero quéroa como veciña simpática e sen remedio. Non a quero na miña casa. España non é a miña casa, mellor dito. A miña casa é esta. A que cae arrasada por unhas bombas incendiarias que non son, precisamente, as de ningunha trama terrorista coñecida.

Como molaría ser independentista en Barcelona, non? Canto máis fácil, canto máis glamouroso e apropiado. Que marabilla facer parte dun sentimento colectivo, de ilusión. Ter un país, gobernado por piratas, igual có noso, pero con ese brillo e con ese entusiasmo na xente. Coa vontade, inmediata ou non, oportunista ou non, de se afastar do que non lles convén, que é España. E que complicado é entusiasmarse cando non hai pra comer, cando todo está desmantelado, ou ten un que emigrar, anque non queira. Que complexo é vivir nun país atacado polos que o teñen que valer, abandonado á súa sorte, ignorante do que o manca, incapaz para se poñer dacordo consigo mesmo, sen guía nin temón, nin esperanza ningunha, e que arde todos os veráns nun ensaio sempiterno do crime perfecto. Ser pobre e brillar, ser pobre e transmitir alegría. Que difícil é iso! A balada do independentista pobre, velaí a nosa canción, a que nos toca cantar.

Quen saiu á rúa este verán e ten orellas puido escoitar, de seguro, o single este de Daft Punk, titulado Get lucky. Acaba por aborrecer pero é o típico hit instantáneo que incita ao baile, e iso é importante. “Like the legend of the Phoenix/All ends with beginnings”, canta Pharrell nos dous primeiros versos. “Como a lenda da ave Fénix/Todo remata cuns comezos”. Poida que o comezo deste país, coma a lenda do Fénix, resida nas cinzas que agora nos cegan e nos impiden respirar. Rexurdir dásenos ben, iso si, que llelo pregunten a Rosalía e aos seus camaradas. Máis adiante a canción de Daft Punk di: “We’ve/Come too far/To give up/Who we are”. Querse dicer: “Chegamos moi lonxe para renunciar a quen somos”. E é verdade. Este país, el só, e con todo en contra, chegou moi lonxe para renunciar agora a quen é. Diso vai tamén a balada do independentista pobre, que é a que agora nos toca cantar. Con alegría, anque sexa triste, e, se pode ser, con elegancia.

5 Respostas to “Balada do independentista pobre”

  1. Dionísio Pereira Setembro 13, 2013 ás 4:18 PM #

    Os pobres debemos termar os uns dos outros, ceibando a humanidade que aínda aniña en nós. Comecemos por iso, poñendo sempre por diante o que nos une. Neste caso, a carraxe pola desfeita culpable de O Pindo, de Seadur e de tantos outros lugares queridos.

  2. Lupe Ces Setembro 13, 2013 ás 5:29 PM #

    Renazamos pois!

  3. Miguel Serrano Setembro 14, 2013 ás 2:08 PM #

    Precisamos dum guião, que temos que escrever nós próprias.
    Para inchar o sentimentimento da ilusão, necessitamos também conteúdos racionais que o encham (económicos, sociais, ambientais, …), para além das palavras de ordem das manifes ou o ressistencialismo da protesta. Necessitamos estruturar o argumentário. O quê lhe podemos contar à gente da independência? Temos a intuição de que assim não, mas… a primeira frase do nosso roteiro deveria ser: “Assim sim: …”

  4. Olalla Tuñas Setembro 19, 2013 ás 3:56 PM #

    Onte mesmo falaba disto na cea. Un amigo catalán chamou a atención sobre os presos de Terra Lliure; mais coincido en que os independentistas cataláns teñen outro estatus. Acho que a criminalización de certos sectores ou colectivos da sociedade non é so cousa de España. Acontece en Latinoamérica cos pobos indíxenas dende que eles tomaron conciencia da súa situación de marxinación e comezaron a reclamar os seus dereitos (véxase o caso dos Mapuches no Chile). O construto dun inimigo común saelle moi barato ao estado é é unha ferramenta máis para o mantemento do seu ‘status quo’ fronte a outros poderes alternos, como é o caso do independentismo galego. A recente tentativa do PP de calificar de terrorista a campaña de escraches da PAH é outro bo exemplo, unha afirmación política e non baseada en ningunha evidencia, o que vén sendo unha mentira. É que os xornais, as canles de televisión, internet, por mal que me pese, están cheos de mentiras e son un medio ideal para a difusión do medo e a alarma. So quería deixar un breve comentario e mira… unha aperta, Fran. Graciñas por traernos estes temas e reflexións ao día a día.

Trackbacks/Pingbacks

  1. F.P.Lorenzo: "Balada do independentista pobre" - Setembro 14, 2013

    […] F.P.Lorenzo: "Balada do independentista pobre" […]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: