O día despois das tetas ao vento

10 Oct
obamapaa

Velaí as esperanzas de Occidente

Se xa o dixen noutro lado, volvo repetilo aquí, que non pasa nada. Francisco é o Obama da curia. A expresión da súa alma contrita -toda a vergoña que sente, a compaixón que proclama- é o novo Yes We Can. É sorprendente a adhesión e o entusiasmo que xera ese discurso papal, sobre todo nas hostes laicas e afastadas da práctica relixiosa que integran o meu contexto virtual e real. Moi maliño está o asunto cando calquera palabra é quen de nos abrigar ou confortar. Iso, supoño, é unha proba do desprovistas e desprovistos que andamos. En bolas case. Nus. Coma as Femen, máis ou menos.

obama-yes-we-can-videoVenme á cabeza aquel clip da campaña presidencial, en branco e negro, en brancos e negros mellor dito.  O rapeiro Will.i.am. botándolle flow e emoción ao discurso de Obama. Yes-We-Can. Pódese si.. Actrices e actores, cantantes, xente da televisión, modelos… Todas guapas e todos guapos oficiais. Calquera frase ben intencionada que solte Scarlett Johansson, vestida cun cardigan de Prada, debería valer. É difícil non empatizar se Amber Valetta fala do soño dunha nación, cun neno no seu colo. Tamén nese vídeo Sam Page pronuncia a palabra HOPE e fai que un acredite na esperanza, ipso facto. Subestimar o poder da imaxe, desbotar o fascinio dese tipo de iconas é non vivir neste tempo noso. Ás veces advirto no noso contexto político, no de aquí, un certo desprezo polo codia dos feitos, pola posta en escena. Ao fin e ao cabo, o que importa é o discurso, estamos de acordo. Pero pensar que as formas nas que se envolve importan menos, crer que o significado é superior ao significante, é case tan absurdo como demonizar os móbiles e as redes sociais, polo xeito no que mudaron o vello sistema das relacións humanas. A nostalxia do pasado será inevitábel, ok, pero non é un argumento válido ou polo menos non é útil se de estratexia (política) se fala.

sam_page_fg2

Sam Page. YES-WE-CAN

Anque non me creo eu ninguén para xulgar a súa loita nin as súas accións, cando algo ocorre con Femen, abrollan en min sentimentos contraditorios. Non son unha muller rusa e iso -falo absolutamente en serio- mediatiza, coarta e limita a miña visión e interpretación do fenómeno. Tento comprender si o que acontece cando esas tácticas de loita se transplantan a unha contorna máis próxima e coñecida para min, vivencial e socialmente, como foi este día o Congreso dos Deputados en Madrid. Mirei a performance das tres activistas, o lema tatuado no seu torso: “Aborto es sagrado”. Creo que entendo cal é a intencionalidade da proclama. Subvertir os dogmas católicos que impulsan este retroceso legal tan indigno, alentado polas hordas opusianas de Gallardón, e respaldado polo Papa, no dereito das mulleres a decidiren sobre o seu corpo. Non podo concordar máis con elas, na súa intención, se ben non creo nos dereitos sagrados e o aborto é un dereito, hoxe ameazado. Sonche máis de laicizar (e non como excusa cínica para punir o islamismo, como fan na civilizada Francia), que de sacralizar. O que sexa, un dereito, a linguaxe, as normativas ortográficas, as condutas humanas, sexuais… Nunca diría, nin con afán de putear os señores da Conferencia Episcopal, “o matrimonio gay é sagrado”, porque non o é. É civil, universal e restablece unha igualdade das persoas perante a lei. Os ritos relixiosos, de calquera relixión, non me competen nin quero que me afecten.

aborto

“Aborto es sagrado”

O nu tamén provoca en min dúbidas, dúbidas que só expreso aquí na medida en que son persoais. Obviamente estamos a falar dun nu estético, segundo o canon patriarcal e occidental deste tempo noso. Sempre o é no caso das Femen, ignoro a razón, quizais pola mocidade das súas representantes. No hemiciclo español esas tetas ao vento semellan extraídas dun lenzo neoclásico. Pero (e aí van as miñas dúbidas):

É un xesto provocador? Depende para quen, anque resulta sorprendente a cantidade de debates, réplicas e contrarréplicas que suscita no seo do pensamento feminista a exhibición duns peitos, proba quizais de que a asunción do propio corpo, nas esferas públicas, allea á publicidade ou á expresión artística, aínda é unha tarefa pendente de reflexión.

Remove as conciencias? Non, vestidas ou núas, as dos que non teñen conciencia nin afán de removela, como é o caso dos deputados populares.

Incomódaos? A algúns si, a algunhas si, fainos rabear, e a outros non, polo contrario, séntense compracidos ou rin con suficiencia. Poida que un corpo vello, desfigurado, o dunha muller moi maior si incomodara, si resultara agresivo, si lograra o que elas, as Femen, non logran totalmente. De feito a vellez -superados e banalizados os tabús relacionados coa morte e o sexo- é, ao meu parecer, a última fronteira, a última transgresión que pervive.

fuckyoumorals

Fuck your morals!

Ten algún rédito esa visibilidade física? En parte creo que si, alomenos moita xente pode percibir o episodio do Congreso coma unha lufada de incorreción antirrepresiva, nun contexto a cada volta máis represivo: o do Estado, o dos lexisladores, a política e a alongada man do Opus Dei e a Igrexa Católica nesas bancadas.

Tería o mesmo valor esa acción de protesta se o lema se debuxara nunha camisola? Ao meu ver si, pero amosar os seos asegura repercusión mediática e minutos de televisión, grazas, paradoxalmente, a que é esa ollada masculina e represora, a que o propio nu quere denunciar, a que lle fará SEMPRE oco nun telexornal ou na primeira páxina dun periódico ás tetas dunha muller nova e guapa, diga o que diga a súa portadora.

Significa iso que se deben tapar? Non o creo. É unha expresión de liberdade individual, ou colectiva, como outra calquera. As mulleres non deben depender en ningún sentido da ollada masculina nin son responsábeis das leituras que ningún home faga sobre o seu corpo. Ocorre que, neste caso, son elas as que propician esa representación e por aí acho que vén a polémica.

E xa paro coas preguntas:

É transgresor o nu das Femen? Aquí e entre nós eu creo que non. A miña sensación é moi similar á que experimento ao paso das carrozas do Orgullo Gay. Corpos musculados e alados, na éxtase do baile. Proclaman a súa fachenda e iso está ben. Celebrar o corpo está ben, reivindicar os dereitos e o amor de cada un é obrigado, máis aínda cando a homofobia -igual que o machismo- aniñan hoxe en calquera parte e son un perigo real. A homofobia e o machismo matan. Cómpre combatelos, con alegría tamén. Pero aínda que eu poida participar moi orgullosamente nese paso de semana laica, aínda que tire a roupa para reclamar os meus dereitos -non se dará o caso, tranquilos- sei que a transgresión real non habita aí, nesa performance. Que o día despois das tetas ao vento terei que vestir outra vez a camisa e pelexar polo que roucos, sormarías e gallardones -excrecencias dese estado nacional-católico que aínda padecemos- nos queren graciosamente arrebatar.

MADOGuys

Pois iso

Unha resposta to “O día despois das tetas ao vento”

  1. Conxipp Outubro 10, 2013 ás 5:30 PM #

    atinado, coma sempre

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: