Violencia e colaboradores necesarios (O caso do homófobo Domingo Neira)

27 Nov

homofobiaPor sorte no idioma de noso, o galego, non contamos coa palabra ‘hombría’ así que vou facer como que non entendo o seu significado. Realmente non o entendo, nunca comprendín que determinado xénero ou opción sexual conlevara, intrinsecamente, unha serie de valores morais, capacidades, vicios ou virtudes. Niso quixeron e queren aínda adestrarnos. Niso traballa o neo-nacionalcatolicismo do PP, a publicidade, os medios de comunicación e a linguaxe sexista,  co refrendo dos dicionarios de todas as academias, tamén o da Real Academia Galega. Na idea de que as mulleres son sumisas, dependentes, maternais, astutas ou envexosas. E que os homes somos fortes, impulsivos, nobres, afoutos e sen voltas. Esa taxonomía, tan irracional e perversa como efectiva á hora de inmobilizar os desexos e aspiracións de varias xeracións de cidadáns, é unha expresión moi depurada de violencia, traballada durante séculos pero aínda hoxe singularmente efectiva. Cando esa violencia verbal, excrecencia de tópicos, prexuízos e actos discriminatorios cotiáns, sobe ao estrado dunha aula universitaria e chega ex catedra a un grupo de alumnos, e polo mesmo á sociedade, a Universidade convértese en cómplice e transmisora dunha mensaxe de odio e intolerancia fóbica. Iso ocorreu este día, na Universidade de Santiago de Compostela. O profesor Domingo Neira García cuspiu desde un atril a súa homofobia. O discurso nin sorprende xa: taras conxénitas, vicio, mariconeo, pederastia, vodas gays e abuso de menores, no mesmo saco… Todo ese lixo verbal intoxicador. Pero isto non ocorreu na rúa, nin sequera nun debate televisivo -deseñado para provocar, exento de rigor e de calquera idea cabal- senón nunha Facultade de Ciencias da Educación da USC. A toxicidade desas palabras esixe unha resposta firme e rápida. E eu propoño expediente sancionador e expulsión.

domingo_neiraDomingo Neira é violento. Non o coñezo pero é violento. É pior que violento. Entrégalle un discurso, ramplón e acientífico pero moi fácil de dixerir, aos agresores. Non é o que maltrata unha muller, poñamos por caso, pero si é o que dispón todo para que ese maltrato se leve ao cabo. É un colaborador necesario da violencia. Grazas a el calquera outro descerebrado chegará mañá pra darche un lapote e berrarte “maricón!” con toda a auctoritas dunha alta dignidade universitaria.

Domingo Neira ten, de certo, un problema coa súa sexualidade. Sempre o ten quen xulga os comportamentos dos demais e quen se expresa neses termos insultantes. Pero unha aula universitaria non é, desde logo, a contorna máis apropiada para a súa terapia. Domingo Neira debe tratarse, iso é unha evidencia, porque o seu mal é contaxioso. A intolerancia e os comportamentos fóbicos si son contaxiosos, non a homosexualidade.

Domingo Neira debe pedir perdón, porque non só ofende a gais, lesbianas, bisexuais ou transxénero senón que ofende ao xénero humano, á sociedade galega, á institución universitaria que o ampara e, moi especialmente, aos seus pobres alumnos, que teñen que aturalo e dixerir os seus improperios.

Domingo Neira escribe libros de filosofía, de didáctica da educación, imaxino que de poesía -por que non- pero aínda non aprendeu a lección máis elemental da vida en sociedade: o respecto. É grave que un profesor universitario ignore as normas básicas da convivencia.

Domingo Neira fala de ‘hombría’ e esquece que, aínda hoxe, 2013, nas civilizadísimas terras de Europa, se producen diariamente agresións homófobas, palizas e mortes. Fai falta valor para iren dous homes da man, fai falta encararse con moitos domingosneira para se bicaren no medio da rúa dúas mulleres, hai que escoitar aínda insultos, comentarios, risos despectivos e condescendencias varias. Na rúa, no traballo, na xustiza, desde os púlpitos a diario… Nada está gañado pero se permitimos que un ‘educador de educadores’ deposite sen problemas a súa semente de odio no medio e medio da alma mater, como o ovo dunha víbora, estamos, entre todas e todos, a protexer a súa indignidade e a súa violencia e garantindo o pior dos futuros para a institución académica, e polo mesmo, para a nosa sociedade.

5 Respostas to “Violencia e colaboradores necesarios (O caso do homófobo Domingo Neira)”

  1. Lourdes Pérez Novembro 27, 2013 ás 11:20 AM #

    Totalmente dacordo, esta xente baixo a salvagarda dunha institución “publica” e de pensamento “crítico” que lle supón estar por enriba dos demais, ten o púlpito idóneo para “bendecir” a violencia (ou o que lle veña en gana).
    Agardo que a Universidade de a cara. O caso xa é paranormal.
    Coma sempre, atinas, por desgraza.

  2. xandra Novembro 27, 2013 ás 3:22 PM #

    Eu estou moi contenta pola reacción que tivo o alumnado, sinal de que a xente nova non está tan durmida aínda! Un bico grande

  3. Montenegro Novembro 27, 2013 ás 10:16 PM #

    Estas cousas sempre molestan e fan dano, mais que se faga desde as aulas dunha Facultade ligada coa EDUCACIÓN, esa ferramentas que aínda nos queda para cambiar a mentalidade desta sociedade neste e noutros aspectos, resulta aínda máis doloroso. Espero unha resposta contundente da USC, por xustiza e por credibilidade da propia Universidade. Tamén tería algo que dicir a Consellería de Educación da Xunta de Galicia, para a que este individuo traballa.

  4. biblioqueer Decembro 4, 2013 ás 7:18 AM #

    Moi bon o artigo e concordamos totalemnte contigo no tratamento dado: sanción e expulsión da docencia deste individuo.

Trackbacks/Pingbacks

  1. Violencia e colaboradores necesarios (O caso do homófobo Domingo Neira) | Un país en lata - Novembro 30, 2013

    […] Violencia e colaboradores necesarios (O caso do homófobo Domingo Neira) | Un país en lata […]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: