R-E-S-P-E-C-T (‘Luar’, a gaita e os gardiáns da tradición)

16 Dec
DENISDENIS

Denis, á dereita, deféndese como pode perante o xurado de Vai de gaita

É síntoma de idade provecta, eu ben o sei, ou produto dun proceso de decantación emocional e intelectual que me conduce, de maneira inminente, á corentena. O caso é que todos os males políticos, sociais e vitais que anubran o noso presente -porque o noso presente está anubrado diga o que diga a eufórica estupidez de Gadis- acabo, ultimamente, por resumilos nun mal global, que é a falta de respecto. Se reparo ben decátome de que son as graves faltas de respecto (profesores homófobos, agresores da lingua galega, sexistas, machistas, xerarcas políticos e eclesiásticos) as que me obrigan a envorcar a miña indignación neste sacrosanto lugar. Desta volta, sentín esa indignación, a falta de respecto da que falo, na emisión do venres pasado de Luar e do seu concurso Vai de gaita. O fenómeno Luar é demasiado polisémico e complexo como para analizalo en catro parágrafos, pero si me gustaría deixar aquí uns apuntamentos sobre o proceso sumarísimo ao que se someteu a un concursante, un rapaz de Verín, Denis Rodríguez, que participou no concurso de Televisión de Galicia cunha gaita das denominadas marciais (cunha morfoloxía asimilada á das gaitas escocesas).

PRESENTADORES

Os presentadores de ‘Luar’ con cara de circunstancias

Na seguinte ligazón fica o programa enteiro de Luar. O concurso transcorre entre o 1.28:00 e o 1.55.00, aproximadamente. A peza obrigada do certame foi o Valse dos vellos, do repertorio do grupo Airiños do Parque de Castrelos, de Vigo. Interprétana os dous rapaces que compiten. Jose Feal, de Ferrol, un deles, ten unha técnica moi moi precaria. Mal de afinación, mal de ronco, mal de tempero, mal de tempo… O acompañamento do tamboril moito non o axuda, nada. Claramente o seu nivel non xustifica a súa presenza nun plató de televisión. Pero el ten unha gaita galega, auténtica, pura, e alén da displicencia do xurado, que o anima a que estude (!!!) e que lle di que “non toca moito pero ten unha actitude boa…” só é receptor dunha humillación de baixa intensidade.

gaita1853

La Muiñeira. La Ilustración Gallega y Asturiana, tomo I, nº XX, 20 de xullo de 1879. Gravado de Mariano Ovejero. Deseño de Gerardo Meléndez y Conejo de pintura de Dionisio Fierros. Colección Puertas Mosquera

O de Denis é outra cousa. Toca ben, como milleiros de rapazas e rapaces que hoxe tocan a gaita neste país, pero salvo os comentarios de Lorena Freijeiro, que salienta algúns aspectos da súa interpretación, os outros dous membros do xurado, Susana Seivane e Cristian Silva, optan por esfolalo ao vivo, converténdoo na saca de boxeo e no pim pam pum dunha loita moi resesa, chea de rancores, rivalidades ególatras e presupostos teóricos inexactos, por todas as partes, que enfronta os defensores da gaita considerada tradicional e os da gaita tuneada á maneira das Highlands.

O plató de Luar -ese espazo que o mesmo lles abre a porta a Isabel Pantoja, a un cadro de baile flamenco ou a Moncho Borrajo, esa mesma noite, cantando Vaite lavar porcona, vaite lavar– transfigúrase, coma por ensalmo, nun sofisticado laboratorio da pureza tradicional. Como se a tradición fose un fósil, que se pode illar convenientemente, extraer do seu contexto, esterilizar e poñer diante dunha cámara e duns focos, dicindo: “isto é a tradición e así vola presentamos”.

PANTOJAENLUAR

Isabel Pantoja en ‘Luar’

Acaso era tradicional o Valse dos vellos, as rancheiras ou as rumbas que interpretaban os de Airiños do Parque de Castrelos? Sabe o xurado as críticas que aturaron os Gaiteiros de Soutelo -hoxe paradigma e canon da música galega tradicional- por non respectaren xustamente a tradición e os xeitos normativos da gaita na altura? Son as gaitas do obradoiro de Seivane -gaitas melloradas, con punteiros e foles hightech, aptas para un tempero e afinación perfectos, cun timbre uniforme, preparadas para subir na escala e facilitar unha interpretación precisa e brillante, como a da propia Susana- as gaitas da nosa tradición? Seguramente non. Velaí a cuestión. Onde comeza e onde remata o tradicional. Quen define que é ou que non é tradicional, cando a tradición é un constructo móbil, difícil de apreixar, en evolución ou mudanza permamente, para ben e para mal?

ARIÑOSVIGO

Portada dun disco de Airiños do Parque de Castrelos, de Vigo

Seguramente gran parte do público que esa noite estaba en Luar, e moito outro nas súas casas, non percibiu que esa gaita de Denis fose unha gaita non-galega ou usurpadora da nosa identidade até o que o xurado ergueu as mans ao ceo para clamar por tanta ignominia. Acho, de feito, que moitos espectadores non acabaron de comprender a polémica. Tampouco o concursante, Denis, acusado de portar entra as súas mans o “cancro da música galega”, en palabras de Susana Seivane, ben desacertada coa metáfora, por certo. Ningunha norma no concurso, así o especificou logo Gayoso no seu papel de Gayoso, impedía por outra parte concorrer con gaitas desta tipoloxía, denominada marcial, o que aínda pon máis en evidencia o absurdo e inxustificado da bronca.

XURADO

O xurado do ‘Vai de gaita’

O modelo estilístico e organolóxico que representa a gaita de Denis non é outro que o instaurado no berce das deputacións provinciais, historicamente en mans do Partido Popular, e exportado a toda Galicia con relativo éxito a través das escolas e bandas de gaitas. (Ollo!, as bandas de gaitas non son tradicionais e non se lle pode pedir a un invento de finais do século XX que respecte a tradición). Xosé Lois Foxo, desde a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, é o nome que capitaneou ese desembarco.

Teño moitas cousas en contra desde modelo e dese personaxe. As muiñeiras á infanta Elena e a Xoán Paulo II. A militarización e ritualización do acto libérrimo e creativo de tocar un instrumento. A  conversión do goce e do convivio da música en expresión dunha xerarquía ou dun sistema de uniformización, ao servizo de intereses políticos e caciquís. Impórtame algo menos o tipo de gaita, se leva o ronco para abaixo ou para arriba, como argumenta Foxo que figuraba no chapitel aquel da igrexa de non sei onde. A tradición créase e recréase e el, Foxo, pola súa connivencia co poder político, como antano as agrupacións folclóricas adscritas á Sección Femenina, tivo máis oportunidades do que outros de participar nese proceso.

FOXO

Foxo, esquerda, con Baltar e o bispo da diócese

O dito non significa que a cantidade de rapazas e rapaces que tocan a gaita nesas bandas e escolas sexan inimigos de Galicia, nin destrutores da nosa tradición, nin terroristas que devezan por derramar a nosa simboloxía nacional. Da mesma maneira que un neofalante de galego non quere destruír o idioma -anque ás veces o fagamos- cada vez que non fai un ‘o’ aberto ou un ‘o’ pechado onde debe, ou descoloca os pronomes. Os propios membros do xurado, preocupados pola integridade do noso, tamén falan un galego bastante xustiño, inzado de castelanismos e cunha fonética anti-galega, e fano nunha televisión pública en horario de máxima audiencia.

Estou certo de que eses membros do xurado, sobre todo Susana Seivane e Cristian Silva, interpretaron a presenza de Denis coma a dun troiano, un virus perigoso infiltrado polo malvado Dr. Foxo -ao que non houbo valor de nomear, tanto mal que fixo- no sistema operativo da tradición musical galega, representada -abride os ollos ben- polo laboratorio sonoro do Luar e o que alí se coce e recoce, que ás veces falan de si mesmos como se fosen a delegación televisiva do Consello da Cultura Galega.

DRNO

O malvado Doutor Foxo, disfrazado de Dr. NO para unha película de James Bond

“Denis non é tonto, estou eu aquí, e sabe o instrumento que está traendo” -dixo Susana Seivane, no seu papel de suma sacerdotisa da vilipendiada identidade galaica. “Se vas facer o circo faino ben” -increpoulle Cristian Silva. Susana nin o valora, outórgalle un cero (!!!), acúsao de mala fe e sóltalle: “sinto que te deixaras levar desta maneira, porque ti tocas ben e ti vales…”. Tamén o acusa de portar o pecado orixinal, un pecado do que, por desgraza, non hai redención posíbel… Denis, condenado de antemán, defendeuse como puido: “Eu non veño aquí a montar ningún circo. Esta gaita historicamente é galega…”. Con moito respecto argumentou: “Levades desde que entrei aquí avaliando o meu estilo e non como toco eu…”. Cristian –porqueyolovalgo– Silva, nun moi teatral e ridículo mutis abandona o plató cando o rapaz argumenta: “A min se me gustan os detalles dun gaiteiro por que non os podo copiar..?”. A palabra “copia” xa lle pareceu ao ínclito xurado o insulto supremo, como se o estilo dos gaiteiros galegos non se viñese forxando, desde a noite dos tempo, grazas á copia que uns facían dos outros.

TUBODENIS

O xesto vergoñento de Cristian Silva

Todo isto que expoño pasaría de ser unha anécdota ou un espectáculo máis ou menos bochornoso se non concorrera na súa posta en escena a falta de respecto e a humillación a un rapaz, diante de toda Galicia e da xente que a ese plató foi acompañalo. Un circo denigrante, o seu si, que se cifra no infame xesto do, chamémolo coach, Cristian Silva, quen despois da interpretación de Denis lle ofreceu un rolo de papel hixiénico para ‘simbolizar’ que a súa actuación fora unha “big cagada” ou algo polo estilo.  Foi tan intolerábel e tan vergoñento, tan falto de clase e de elegancia, que sentín pena por Denis e admiración por como aturou todos os improperios.

Hai un elemento tradicional da cultura anglosaxona, e moi concretamente da comunidade afroamericana, que é o respecto. Respect!!,  dinlle elas e eles. É o mínimo común múltiplo da convivencia. Pódese pedir máis pero non menos. O xurado de Luar faltoulle ao respecto a Denis e con el a toda a audiencia, co agravante de seren eles mestres e formadores. Non pertencerá a nosa tradición o respecto, non o teremos aprendido dos nosos devanceiros, pero é un deses elementos que cómpre incorporar, por moi foráneo e alleo que sexa. Denis amosou alí, diante de todos, que sabe o que é. Respect!, como cantaba Aretha Franklin. Non é unha muiñeira nin un alalá pero de seguro que coa gaita tamén se pode interpretar. R-E-S-P-E-C-T!

75 Respostas to “R-E-S-P-E-C-T (‘Luar’, a gaita e os gardiáns da tradición)”

  1. Montenegro Decembro 16, 2013 ás 4:22 PM #

    Pouco hai que apuntar. Respecto aos conceptos “tradición” e “etnicidade”, chama a atención o baixo perfil intelectual do xurado para a súa comprensión e defensa. En relación ao concurso, estes teñen unhas bases. Ou se cumpren ou non se cumpren, pero iso se discute antes, non diante de toda Galicia logo de que os gaiteiros xa participaron. O máis grave aínda así, o linchamento a un rapaz por parte de Susana, pero sobre todo por parte de Christian. Este último individuo é profesor. Benditos alumnos e alumnas! Eu sentín vergoña allea. Coma sempre os adolescentes nos dan leccións de educación e saber estar ante individuos que braman un joder e un hostia ante o respectable. Ata Risto Meijide, se prentende imitalo, é máis simpático. Grazas Fran polo teu post.

    • franplorenzo Decembro 16, 2013 ás 4:24 PM #

      Grazas a ti, Montenegro, subscribo o que dis. A falta de respecto aínda é máis grave e desconsiderada nun docente. E nunha televisión pública. Apertas!

    • Morrigan Decembro 16, 2013 ás 4:46 PM #

      As bases orixinais foron correxidas e nas actuais especifícase que debe participarse cun instrumento tradicional. Foi Gayoso quen se enganou aí. O rapaz na primeira volta concursou cunha gaita tradicional, por iso chegou ata esta segunda volta onde, unha vez reformuladas as bases e con pleno coñecemento disto, levou o tipo de gaita que as bases prohibían. Nin foi casual nin inocente. Que o xurado entrou ao trapo? Non estivo ben. Pero xustificar a uns para condenar a outros non me parece moito máis maduro.

      • franplorenzo Decembro 16, 2013 ás 4:57 PM #

        Non xustifico ninguén, nin me meto na fontanaría do concurso. Nin do que pase atrás das cámaras, porque non o sei. Sei que respectou as normas do concurso e que non só houbo quen se negou a avalialo senón que houbo quen lle entregou un tubo de papel hixíénico. Iso si que é madurez, oes

      • Emilio Decembro 16, 2013 ás 7:17 PM #

        O xurado viuno ensaiar con esa gaita antes do concurso e non lle dixo nada, de feito Susana dedicouse nese intre a escribir o discurso “emotivo” que despois leu en directo, quixeron que tocara con esa gaita para crear a polémica, xa que non o advertiron de ningunha maneira.

      • franplorenzo Decembro 16, 2013 ás 8:41 PM #

        Grazas polo comentario, Emilio, porque demostra ben a intención que levaba todo o circo. Apertas

  2. Morrigan Decembro 16, 2013 ás 4:34 PM #

    Non estou de acordo en que o rapaz non entendera a razón da polémica nin moito menos me parece que a súa actitude fora precisamente paradigma de respeto. Por non entrar en que non foron unha nin dúas as persoas que estaban alí esa noite e coinciden en que o seu comportamento fóra de cámara era o de alguén que só estaba alí buscando crear esta polémica. E parece que lle saiu ben.

    • franplorenzo Decembro 16, 2013 ás 4:36 PM #

      Obviamente Morrigan, como espectadores, xulgamos o que acontece diante da cámara. De seguro Cristian Silva é super riquiño pero alí comportouse dunha maneira impresentábel. Non coñezo a ningún deles pero polo que vin no vídeo o rapaz mantivo as formas en todo momento. Era outro e espetáballe o ronco na mesa (as leas de gaiteiros tamén son tradición).

      • Morrigan Decembro 16, 2013 ás 4:56 PM #

        Eu creo que se alguén que sabe máis ca min por idade e experiencia me fai unha corrección, a miña actitude non pode ser retorcer o peteiro, rir polo baixo nin repetir “pois non sei por que”. Un pouco de humildade non sobra de cando en cando. Eu non sei se Cristian Silva é riquiño nin se deixa de selo, nin pretendo xustificar as maneiras do xurado. Pero tampouco podo xustificar a actitude do concursante para condenar a do xurado cando para min foi igual de improcedente. Eu tamén o vin como espectadora e produceume sensación de chulería, e cando ao día seguinte me din que levaba toda a noite provocando ao xurado arroupado pola pandilla de amigos que levaba cos abucheos xa preparados, pois confirmei a miña impresión de que era pouco defendible. E o peor é que lle saiu ben.

      • franplorenzo Decembro 16, 2013 ás 5:02 PM #

        En calquera caso el ten todo o dereito do mundo a defender o seu ‘tipo’ de gaita, sexa a que ti consideres apta ou non. Cumpriu coas bases do concurso? Cumpriu. Pois daquela é moi libre de levar a súa gaita e defendela como poida.

  3. McFoxo Decembro 16, 2013 ás 4:49 PM #

    Veña xa! o rapaz sabía onde ía. Foi provocar e conseguiuno, todos contentos! Xa o dicían os vellos: o que ten a lingua aguda ten que ter a costela dura!

    • franplorenzo Decembro 16, 2013 ás 4:54 PM #

      Recórdame moito ese teu argumento ao de quen agrede outra persoa e logo di que viña provocando. Quen agrediu nesta ocasión foron os membros do xurado. Xustifícasme o do papel hixiénico? A negativa a avalialo dándolle un cero cando non incumpriu norma ningunha do concurso? Dicirlle que o seu é un cancro para a música galega (como se o cancro fora unha maldición e non unha doenza que nos poida tocar a todos). Deféndeos como queiras pero non digas que o rapaz foi provocando. Un homófobo dirá que se un gay se bica diante del está a provocalo. E daralle un lapote, e diralle: “xa sabías o que estabas facendo…”.

      • Morrigan Decembro 16, 2013 ás 5:01 PM #

        Pero é que non respetou as normas! Foi Gayoso quen se enganou. As bases reformuláronse para evitar isto, e o rapaz sabendoo levou a gaita que as bases prohibían? Deberían darlle a noraboa por facer algo que explícitamente se prohíbe nas bases? Como vai ser iso respetar as normas?

      • franplorenzo Decembro 16, 2013 ás 5:14 PM #

        Pois se realmente non respecta as normas qeu non o deixen participar ou o que o expulsen, pero facelo arder na pira sobra.

  4. Fernando Abreu Decembro 16, 2013 ás 5:19 PM #

    Paréceme unha brillante reflexión a túa Fran. Subscribo as túas verbas e sei que falas con coñecemento de causa, de feito o teu irmán sabe moito de disputas de gaitas na primeira metada do S. XX.

    Por razón dun traballo de investigación no que ando e que ten algo que ver co tema tiven a oportunidade de ler algúns textos de Eric Hobsbawm extraídos do seu libro “A Tradición Inventada” e que veñen sempre á miña memoria sempre que saen estas disputas. Neste enlace pódese ler algún fragmento en castelán:
    http://www.fcs.edu.uy/archivos/RUCP-04-08-Hobsbawm.pdf

    Parabéns !!!

    • franplorenzo Decembro 16, 2013 ás 5:24 PM #

      Grazas Fernando, heille botar un ollo a Hobsbawn! E si, eu todo o que sei de gaita aprendino de meu irmán. Apertas e parabéns por ese premio da música galega😉

  5. Morrigan Decembro 16, 2013 ás 5:35 PM #

    Cando ti participas nun concurso de música ou danza tradicional fóra da televisión sabes cales son as bases. Por exemplo, sabes cal é a vestimenta, sabes que non podes levar unhas zapatillas nike a xogo co mantelo ou unhas gafas de pasta de cores a xogo co mantón. Sabes cal é o acompañamento permitido ou non permitido. Ou cal é limitación de tempo ou de persoas sobre o escenario. Se as ignoras conscientemente, ao chegar o momento das puntuacións escoitas que tal grupo foi eliminado. Sen máis explicación. Non te avisan antes de comezar, porque o único que se pode valorar é o que sube ao escenario. Somos grandiños para saber que o que estamos facendo vai ter unha sanción, non ten que vir a organización a dicirnos “caca nene”.

    Se sabes que estás nun programa de televisión onde te vas encarar a un xurado que te vai valorar individualmente e vai dar publicamente as explicacións que noutro contexto non darían, podes escoller entre respetar as bases ou non facelo deliberadamente. E se escolles a segunda, tes que apandar coas consecuencias da decisión que tomaches e aceptar que se faga unha valoración da túa actitude á hora de incumprir conscientemente as normas. Pareceríache menos humillante que no momento de comezar un programa en directo se dirixiran ao público dicindo “hoxe non haberá Vai de Gaita porque un dos concursantes non respetou as normas e mandámolo para a casa sen deixarlle subir ao escenario”?. Chegou o momento da puntuación e recibeu a que lle correspondía a un incumprimento das normas. Como en calquera concurso.

    • Visitante Decembro 16, 2013 ás 7:40 PM #

      Falou Morrigan, falou ben

    • galego ecléptico Decembro 17, 2013 ás 12:25 PM #

      Levas razón Mórrigan.
      O outro día nun campionato de natación pasou algo semellante.Un dos participantes presentouse na final cuhas aletas nos pes, das que se usan na pesca do longueirón. Os xuíces deixárono participar e cando rematou a acarreira, baixaron do palco, o untaron de brea e de seguido o emplumaron con plumas de ganso, para que conxuntara coas aletas, acto seguido atáronlle unha pedra de moer no pescozo e tiraron con el a piscina no lado fondo.
      Estívolle ben empregado por provocador.

      • atodoporcolle.. Decembro 17, 2013 ás 5:24 PM #

        Galego ecleptico demagogo e con mala fe,coma o insipido do participante Dennis,so sabedes usar as verbas para confundir con elas.O cancro sodes vos!

    • galego ecléptico Decembro 18, 2013 ás 5:20 PM #

      Pido perdón pola demagoxia, tentarei ser mais conciso.
      Polo que leo o escarnio publico o que foi sometido ese rapaz foi debido a que estaba a provocar o xurado por levar unha gaita sen pedigrí, e por ser un soso.
      Ségeme sen parecerme razoamento dabondo.

      • atodoporcolle.. Decembro 18, 2013 ás 6:45 PM #

        Outra vez confundindo chavalote,o escarnio publico ao que foi sometido,debeuse a sua participacion nun concurso televisivo(maximo achegamento a o publco) o cal ten un xurado que opina(esta Denis ofrecendose a ser xulgado,ninguen o obriga).O participante incumple as normas do programa con consciencia,e e recriminado por facelo por parte dos xuices.O enxedro do instrumento que leva nas mans non pode ser evaluado no concurso por NON ser unha gaita TRADICIONAL GALEGA,enton evaluase a el mesmo por incumplir as normas a conciencia,pareceche dabondo ou prefires a “gaita” marciana?

      • franplorenzo Decembro 18, 2013 ás 7:01 PM #

        Moi ben. Admitamos que o de Denis foi unha manobra orquestrada nalgún escuro soto da Deputación de Ourense. Que el se reuniu co Doutor Foxo e entre os dous tramaron a misión ‘ABORTAR LUAR E RESUCITAR A GUERRA DAS GAITAS’. Pensemos que fose así. O caso é que Denis chega alí, ensaia coa súa gaita tuneada á moda escocesa e ninguén lle di nada, ninguén o advirte. Sae ao plató e toca, porque el é malísimo, véselle na cara, e ten toda a intención de rebentar o programa. E aí é cando veñen os laios. Creo que está moi claro. Se Denis se presentase cun fliscornio alguén lle impediría tocar. Ninguén do programa impediu que el tocase cunha gaita que, gústelle máis ou menos ao xurado, é unha gaita. Non escocesa, porque ningún escocés a recoñecería como súa. E sobre todo el toca porque o deixan tocar. Sorpréndeme que todos e todas as que sinalades a maldade intrínseca do gaiteiro de Verín, os ‘haters’ da denominada gaita marcial, non reparades nin por un minuto no fondo deste artigo, na defensa do respecto, na necesidade de manter unhas formas que o xurado, claramente, levado por carraxes antigas, non foi quen de manter. Denis é malísimo e quería matar a tradición galega. Pero anque fose así non insultou nin denigrou a ninguén. O xurado a el si.

  6. Torcinho (@Torcinho) Decembro 16, 2013 ás 9:09 PM #

    Son o único ao que Cristian (o nome refírome) lle parece aínda máis marcial que a gaita de Denis? Quero dicir, en galego sería Cristián e nas Highlands sería Christian, non si?

  7. Marciano. Decembro 16, 2013 ás 9:46 PM #

    É moi gracioso que fale de tradición e cultura galega un castelán falante, así como de plaxiar ao ”emulador” de Risto Mejide. Por outra banda o certo e que a día de hoxe, e polo menos na provincia de Ourense, o número de gaiteiros e de xente que ten interese pola nosa cultura, a cultura de nos e non de vos, a de todos, en definitiva a GALEGA, é moito maior grazas a estas bandas, as que eles chaman marcianas. Do mesmo xeito que é certo tamén que moitos gaiteiros que a día de hoxe son ”tradicionáis”, tiveron algún día a súa formacion nalgunha destas bandas. Unhas bandas que ofrecían unha formación cun custo case inexistente e que lle brindaron unha oportunidade a milleiros de rapaces que doutra maneira non sentirían o amor que sinten polo instrumento nacional por antonomasia, a Gaita.

    • Morrigan Decembro 16, 2013 ás 10:52 PM #

      Un custo case inexistente a golpe das subvencións que se lle quitaban ás escolas tradicionais, detalle que esqueces mencionar. Por outra parte, que che fai supoñer que o interese dos rapaces se debe a esa tipoloxía concreta de banda de gaitas? Acaso se foran bandas tradicionais non terían a mesma interese? Danlle caramelos ou algo?

      Por certo, dos amiguetes de Denís que comentaban estos días en Twitter baixo o hastag #eusonmarcial (ou algo así) non vin un só comentario en galego. Nin un. Igual o teu primeiro argumento da lingua franquea un pouco.

      • Marciano. Decembro 17, 2013 ás 2:32 AM #

        Dende a miña opinión, e volvo a decir opinión, tan respetable como a vosa, si penso que para os rapaces pode resultar máis atractivo o feito de estar nun grupo máis numeroso, ter ese incentivo da competeción ou o mesmo feito de viaxar. É máis, unha banda tradicional é unha contradición en si mesma. Ademáis estou completamente seguro de que non sendo polo auxe nestas últimas décadas das bandas marciáis, o número de gaiteiros, polo menos en ourense, sería ben ben menor, igual que as subvencións adicadas a isto.
        Respecto ao outro que me comentas, e agora isto xa non é unha opinión, no relativo á lingua dos seus amiguetes so che podo decir que mintes, non o tomes coma unha ofensa, ben por ignorancia ou ben por que queres, pero mintes. E aínda no suposto caso de que non mentises eso non desmontaría o meu argumento xa que eses amiguetes dos que falas non se consideran mellores para a nosa cultura que os outros, a diferencia do que si acontece ao revés. Polo tanto so podo decir que o individuo ese do xurado so é un perfecto hipócrita, ademáis de un pouco narcisista, e seguro que moitas outras cousas…pero que non veñen ao caso.

    • atodoporcolle.. Decembro 17, 2013 ás 5:33 PM #

      Non confundas marciano,os cartos que usaron para as bandas viñan de Europa e eran para fomentar a cultura galega.non a inventada polo señorito fascista de turno.Polo tanto si non estivera o cacique Baltar en Ourense,as bandas de gaitas crearianse igual(os cartos viñan de Europa)e co seu autentico cometido(difundir a cultura Galega,non o soño creacionista dun cocho)

    • jose Decembro 17, 2013 ás 11:09 PM #

      a Cultura é cultura ,non ten dono, informese antes de falar, por iso dan as clases gratis, pa atraer a xente , -Onde vamos nos por ahi polo mundo cos nosos instrumentos e percusión ( Foxo) . O autoodio neste lugar segue existindo , e o paradóxico tal e coma dixo Susana con toda a razón do mundo é que a nosa Cultura, non a súa nin a miña ,senon a Cultura Galega E ADMIRADA POR TODO O MUNDO, menos por algúns de nós que se inventan historias de Gaitas raras e percusións de plástico .

  8. Xabier Cid (@xabitubbi) Decembro 17, 2013 ás 1:22 AM #

    Non podo estar máis de acordo contigo

  9. Escornademos Decembro 17, 2013 ás 2:11 AM #

    Ese home do xurado anoxouse porque o mozo admitiu copiar doutros gaiteiros, veñame o demo, acaso el non estaba copiando a Risto Mejide! Ademais, como pode alguén erguerse no sumo gardián da esencia galega empregando a fala desa maneira?

  10. Manolo Decembro 17, 2013 ás 2:22 AM #

    Primeiramente quero darlle os meus parabens ó autor do blog, porque teño que recoñecer dende o meu mediocre galego, que había ben tempo que non lía un galego tan ben escrito. Cheguei aquí por casualidade pero procurarei ler maís destas páxinas pola calidade que destilan.

    Dito isto, querer expresar que eu tamén sentín vergoña allea pola gratuíta falta de educación que estes dous membros do xurado, mostraron ante este rapaz, Denis, e máis gravemente, ante gran parte de Galicia. Sin entrar no tema das bases do concurso, considero que a pouca educación que demostraron estes dous personaxes, porque para min a señorita Seivane agora tamén o é, non está xustificada por nada do mundo, nin en público, nin en privado, nin enrriba, nin debaixo dun palco e moito menos nun canle pública. O que ten educación, demostraá alí onde pisa, e o que non a ten, fai o que fixeron estes dous. Entendo que a presenza no xurado de Susana Seivane, antende a necesidade de valorar a interpretación musical, a execución das pezas musicais en sí, e non é en calidade de filla dun mestre artesano de gaitas, para indicar cal instrumento é válido ou non para dita execución. Podo comprender que cada un tira polo seu negocio, pero ese non é o seu cometido no concurso, e ese está ahí con ese obxetivo demostra ter ben pouca vergoña e educación. Argumentar que un instrumento co cal se toca música tradicional galega é un cancro para a tradición, demostra máis interese, de seguro económico, pola forma que polo contido. Eu entendo que unha gaita, teña os roncos para o lado que os teña, sexan un, dous ou tres, non representa nada por si sola, é a música que interpretas con ela, o que te identifica como gaiteiro galego. Seica as gaitas tradicionais galegas se facían en séculos pasados con madeiras de importación, ou levaban foles de Gore-Tex como levan hoxe en día, incluidos os que fabrica a marca Seivane, ou os pallóns se facían de materiais sintéticos? Non señora non… Logo gardese para sí eses discursos que tan mal lee, e preocupese de velar pola continuidade da música galega e por como se interpreta, e non nos queira metelos dedos nos ollos, os que temos un pouco de criterio para non ver os fantasmas que vostede ve. Do outro membro do xurado, case prefiro nin pronunciarme porque non se merece o tempo que me vai levar facelo. Gracias.

  11. Visitante Decembro 17, 2013 ás 7:27 AM #

    Como se nom ia celebrar Fraga as suas tomas de poder no Obradoiro sen Foxo e sen os miles de ouros que papou a base de meter plástico nos tambores e saias aos chavales? E esas coreografias tipo Xuventudes Hitlerianas!! Yepaaaa!!!

  12. Carme Decembro 17, 2013 ás 11:34 AM #

    Gostei moito do post. Teño que pensar sobre todo o que dis nel de vagar. Fico preocupada coa relación entre tradición e hibridación, mais eu tamén pido algo de educación e respect… Grazas por escribir para facernos pensar!

  13. The observer Decembro 17, 2013 ás 11:41 AM #

    O certo é que o espectáculo e o linchamento público a Denis foi lamentable. Eu atopábame como público precisamente este venres, e fun un dos “parroquianos de Denis” que se mostrou indignado ante a falta de respeto que aamosaron tanto a señora Seivane como o “señor” Cristian. Lamentable tanto a actitude prepotente dese Risto de pega como a dunha Susana Seivane que amosou as súas dotes como excelente lectora e actriz.
    Sinxelamente, moi triste esa falla de respeto, como ti apuntas. grande post compañeiro.

  14. Morrigan Decembro 17, 2013 ás 11:46 AM #

    Marciano, na miña vila (ben pequena) chegamos a ter unha banda tradicional con arredor de cincuenta compoñentes no seu momento. Iso sí, se había unha viaxe internacional, tiñamos que traballar arreo todo o ano para conseguir os cartos, que non nos chovían como a outros. Por iso me parece moi arriscado dicir que unha determinada tipoloxía atrae máis aos rapaces. Se hai medios e ganas, atráense con tres ou con un roncón. Non me parece xustificación en absoluto.

    Respecto ao outro, antes de acusar de mentir anímote a demostrarme que o fago, xa que tanto se nos enche a boca co respeto. E se empregan o castelán para chamar ignorantes e incultos ao xurado, ou para dicirlle que non teñen idea do que falan, atrévome a dicir que igual si que se consideran mellores. Sigo sen apreciar a diferencia entre uns e outros.

    • David Decembro 17, 2013 ás 1:54 PM #

      Independentemente do tema da discusión, e de se a gaita é históricamente galega ou non, estés autoproclamados “paladíns” da conservación da tradición músical galega (que nalgún caso tamén coincide cá conservación do negocio familiar) e de Ego enchido cual fol de cabrito, lexos de conquerir o seu obxectivo de concienciar a xente sobre o respecto á tradición músical galega (todavía non lein ninguna tesis competente de ningún dos tres ao respecto da mesma) o único que consegiron foi desacreditarse a si mesmos e á linaxe ideolóxica que defenden, que os que estamos familiariados con ela, somos sabedores da sua común “falta de tacto” e fanatismo. O rapaz, Denis, nembargantes coa sua actitude estoica, e nobleza manifiesta deu un exemplo de humildade que automáticamente relegou aos tres “coachs” á altura do betún, as reaccións nerviosas dos mesmos o denotan, por non falar da reacción infantil e caprichosa, ao meu entender inaceptable nun programa de televisión, de Cristian Silva. En definitiva, una espectáculo vergoñento o intento fallido de humillación ao rapaz por parte destas tres persoaxes que concorreu nunha autohumillación de si mesmos, e por suposto, flaco favor aos seus argumentos.
      Os meus máis sinceros parabens para Denis, pola sua actitude, e polo seu exemplo de saber estar.

    • Davidovtres Decembro 17, 2013 ás 3:02 PM #

      Moitísimas grazas polo teu talento e pola vasta información que manexas. Agradézoche moitísimo a elegancia coa que escribes, a homenaxe que fas á cultura galega con esa lingua tan coidada, o que nos invitas a reflexionar e toda a luz que verten as túas ideas sobre unha realidade cultural tan complexa e tan en constante evolución como a nosa. Foi todo un agasallo descubrirte. Grazas

      • anacompostelana Decembro 18, 2013 ás 3:39 PM #

        concordo! é que me gusta muitísimo como escribe este blogueiro! (recoñezo que só lin esta entrada, e foi polo morbo de percurar en gúguel o tema este, pero agora vou ler máis) poucas veces se pode ler un galego na escrita que digas “estouteoíndo”

      • franplorenzo Decembro 18, 2013 ás 7:02 PM #

        Grazas anacompostelana, iso é un piropo :))

  15. Aranha Decembro 17, 2013 ás 2:58 PM #

    Pero a gaita de roncos arriba tamén é galega.. logo tradicional… o que non é tradicional é o xeito de tocala gaita (unhas ou outras) nas bandas de gaitas, pois estas non existían…

    • Morrigan Decembro 19, 2013 ás 12:03 PM #

      E os Citröen da factoría de Vigo tamén son galegos, logo tradicionais. (???)

  16. Bender Decembro 17, 2013 ás 5:32 PM #

    Vaya tela, menuda pandilla¡¡ Pues si que da de si un concurso de Gaitas. En mi opinión, no debería de transcender tanto, solo es un concurso cutre en un programa más cutre. El chaval fué a tocar la gaita y salió escaldado, ellos se lo pierden. No hay más. Parami toco mejor, toco bien y me gustó. Aqui todos os pasais de largo de puristas, y de defender lo que pos parece, que si la tradición que preferis, o el idioma cuidado que vosotros creeis correcto. No me gusta ninguna de las dos.

    • Bender Decembro 17, 2013 ás 6:13 PM #

      Todo lo escrito anteriormente no es válido para este artículo. Una gran equivocación. Lo lamento. Respecto de este artículo, totalmente de acuerdo con el autor del mismo. Gran actuación del gaiteiro, yo si defiendo esa gaita, como cualquier otro intrumento, como tolerante que hay que ser en esta vida con todo. Sin duda, patética la actuación de los impresentables del jurado, y mal. Meter política, y faltar de esa manera al respeto al chaval en un concurso de Gaitas, vistoso, bonito y lúdico. Bochornoso, y vergüenza que siento de esos personajes, y del público que llega a aplaudirles tales faltas de respeto y de verdad.

  17. Un ignorante Decembro 17, 2013 ás 6:43 PM #

    E digo eu (non sei si está dito xa porque non lin tódolos comentarios) pero se alguén fose ó programa concursar cunha gaita MIDI?

    • Ainda che son burros Decembro 17, 2013 ás 11:59 PM #

      Estaria de puta madre!! jajaja!! pero seguro que xa non se molestarian en deixalo tocar… Pero falando de eso, supoño que naide en asturias lle fixo pasar algo asi a hevia por levar a gaita midi por non soprar toda a noite.. as proximas bases de este concurso que poñan “gaitas seivane” e asunto amañao!!

      • atodoporcolle.. Decembro 18, 2013 ás 7:17 PM #

        A Hevia xa o criticaron no seu momento pola sua aberracion.Coido que o tildaron de “burrito amañao”

      • Morrigan Decembro 19, 2013 ás 11:56 AM #

        Hevia aos concursos levaba unha gaita tradicional, non nos confundamos.

  18. Olga Brañas Decembro 17, 2013 ás 11:59 PM #

    Por suposto, non considero nin que hoxe en día se chama “tradicional” o sexa. Treixadura non é tradición pura, por exemplo. As funcións da música cambiaron, as funcións non son tradicionais.
    Eu non son un músico purista, son un músico folk, así que este debate non me afecta directamente, pois na miña ideoloxía está o de abrirme e aprender a respectar outras culturas. Respecto profundamente a cultura escocesa, por suposto. E penso que a tradición se se chama tradición (coas súas variantes incluídas, iso é o máis importante) é froito dunha modificación NATURAL e lenta de transformación.
    Máis o que un día Foxo presenta como tradición, artificialmente e sen ser froito dun proceso NATURAL e lento de transformación… iso somentes é basura. E a nosa cultura galega non pode ser exportada e vendida como tal en forma de invento que se sacou da manga un día este señor pra ganar uns cuartiños (moitos, por certo). Todo isto chámase ENGANAR.

    Este artigo paréceme unha completa estupidez. Estás ben informado. Estudiaches. Eres listo e pillaches ben os conceptos. Agora amosa intelixencia e relaciónaos.

    • franplorenzo Decembro 18, 2013 ás 12:32 AM #

      Bueno Olga, non te coñezo, pero entras a comentar un artigo e conclúes que é unha “completa estupidez” e que non relaciono os conceptos que manexo. Ti estudarías -que elitista e displicente soa ese teu “estudiaches”-, seguro que máis ca min, pero respecto aprendiches pouco, a verdade.

    • Pondal Decembro 18, 2013 ás 9:10 AM #

      Encántame o de modificación NATURAL… Entre carballeiras e piñeiros rumorosos.

    • galego ecléptico Decembro 18, 2013 ás 5:08 PM #

      “proceso NATURAL e lento de transformación”
      Iso lémbrame cando Paco de Lucía indroduxo o queixón flamenco, procedente do Perú na percusión tradicional do flamenco aló polos anos 70.
      Paco de lucía tivo a ousadía de rachar o proceso natural lento de transformación -ata entón non había nada similar na percusión flamenca- e os xitanos puristas quixérono comer polos pes por semellante sacrilexio, por fortuna se les atragantou.
      Sei que foxo non merece ser comparado con paco de lucía, pero ese e outro tema.
      Sei tamén que foxo e responsable da división que hai dentro da musica tradicional galega, pero ese tamén e outro tema.
      Tema aparte tamén e a noxenta convivencia de foxo co non menos noxento poder político neste país.
      O tema aquí, e o respeto e a educación. Amosouno de xeito maxistral o autor do blog, moi clariño ademais, por iso no me decato como hai tanta xente que non o entende.

      • atodoporcolle.. Decembro 18, 2013 ás 7:10 PM #

        ¿E de mala educacion provocar a outros?Pois foi o que fixo o inocente Denis incumplindo as normas levando nas mans un enxendro que procura relevar o noso.

      • franplorenzo Decembro 18, 2013 ás 7:30 PM #

        Xa o dixen por aquí. Quen agrede -e o xurado verbalmente e coa súa actitude si agrediu a ese rapaz- é sempre quen ten a man o argumento da provocación. Idéntico argumento ao da tolerancia. É o agresor -ou o fóbico- quen se arroga a capacidade de tolerar aos outros, nunca as vitimas. E esa capacidade de tolerar ou esa cualidade de ‘ser provocado’ sitúa esas persoas nun chanzo superior. Se ti cres que o insulto e a falta de respecto que alí tiveron lugar -Denis nin insultou nin faltou ao respecto a ninguén- son un xeito válido de expresarse pois nada, pouco temos que discutir. Denis provocou o xurado coa súa gaita impura e o xurado denigrouno porque se sentiu provocado. Velaí o teu relato. Non o meu, desde logo. Un saúdo

      • galego ecléptico Decembro 19, 2013 ás 2:01 PM #

        Atodoporcolle..
        Estas a chamar enxendro a un instrumento musical, paréceme desproporcionado, e unha falta de respeto as persoas que constrúen e tocan ese instrumento,.
        Está claro que neste tema hai intereses pechados e encontrados, so así se pode explicar que se xustifique un concurso de gaiteiros onde en lugar de xulgar as habilidades musicais do gaiteiro se xulga a o instrumento e se vilipendia de xeito cruel e despiadado o portador do instrumento.
        Non concibo unha mente razoable que o xustifique si agachar algún interés.

  19. Xaime M Decembro 18, 2013 ás 10:38 AM #

    Escócia, esse país que leva mais de 500 anos deturpando a nossa cultura e os nossos sinais de identidade.

    • franplorenzo Decembro 18, 2013 ás 10:45 AM #

      Mágoa xa postos que non nos acabaran de colonizar e nos levaran con eles na súa independencia. Unha vez feita a manobra había ser máis fácil independizarse de Escocia, mar polo medio, que de España😉

      • Xaime M Decembro 18, 2013 ás 10:56 AM #

        Se mo permites vou colar aqui umha reflexom que ja deixei no muro dum amigo do facebook. “mim todo isto lémbra-me algo que passou a começos dos 90. Por entom apareceu com muita força umha associaçom ecologista desconhecida com grande eco mediático na prensa galega. Chamaban-se “Asociación Ecologista el Águila Real”, e denunciabam o maltrato animal em Galiza. Mas o maltrato nom eram as touradas de Ponte Vedra ou outras vilas, ou sequera o boi de Alhariz. O maltrato denunciado era o das Rapas das Bestas e as formigas de Laça. Suponho que haverá e haveria ambientalistas na Galiza que teram muito que dizer a este respeito, mas alguem imagina que por estes dous temas “Rapa das bestas e Formigas de Laça” deixaram de denunciar as touradas? Pois algo assim de subrealista é o que vejo que passa com todo isto. O debate vem com segundas, e by the way, esquece-se tratar de forma crítica (que nom necessariamente atacar) outras cousas que se tenhem dado no folklore galego, sobre todo nos últimos 100 anos.

      • Xaime M Decembro 18, 2013 ás 11:10 AM #

        A todo isto, parabéns polo artigo. Concordo com todo, ao 100%. Independizarmo-nos de Escócia e até do reino Unido seria mais fácil que quitar-nos de enriba este estado “Salvame de Luxe” no que nos atopamos agora🙂

  20. aier Decembro 18, 2013 ás 2:28 PM #

    Que dramón tan grande.

  21. anacompostelana Decembro 18, 2013 ás 3:19 PM #

    encantoume o teu comentario, no fondo e muitísimo na forma. todos sabemos que os gaiteiros galegos eran de seu solistas maioritariamente, non había bandas, e dependendo da zona os gaiteiros regueifeaban tamén, e tamén sabemos que o instrumento era o que era e levaba ronquilla ou non, certo é que desde que agromaron as escolas municipais e todos e todas nos fixemos gaiteros a ronquilla dependía de si convencías á túa mai de soltar máis pesos😉 porque eu non lembro terlle aberto a espita do ar nin unha soa vez, xa me costaba asoprarlle ao ronco e máis ao punteiro. aquí o que hai é unha disputa entre construtores de gaita por persoa interposta, punto, porque eu nunca ouvín que lle molestaran a susana seivane os mestizaxes dun budiño ou dun carlos núñez, e si ben o pensamos… que mike olfield afaste as súas suxas mans de luar na lubre!!! ai, pero… “o son do ar” é música tradicional galega? puffff! que todos sexan avelino cachafeiro por nuestro señor, así os puristas descansan

    • Morrigan Decembro 19, 2013 ás 12:00 PM #

      Pois que se presente a un concurso folk. O que non podemos é seguir confundindo folk con música tradicional a forza de usar argumentos como o que faga Carlos Núñez ou Budiño. A propia Susana recoñeceu que ela fai folk e emprega unha chea de instrumentos alleos á cultura tradicional. Pero isto era un concurso tradicional, e o que non o sexa está fóra de lugar. Non hai máis voltas que darlle.

      • Montenegro Decembro 19, 2013 ás 1:38 PM #

        Que bo! Nun “concurso tradicional” como dis, que pinta de peza obrigada un valse? Que por certo, procede case con seguridade dunha rancheira, algo moi habitual no repertorio de Airiños do Parque de Castrelos.

  22. María López Decembro 18, 2013 ás 4:14 PM #

    Abraiada estou co debate ! E Gayoso qué?Estou ó 100% con Diego nada xustifica a mala educación. Nun progrma cheo ademais de caldeirada musical española!

  23. Nin idea Decembro 18, 2013 ás 8:51 PM #

    Só vin un corte do programa e non a intervención de Cristian. Pregúntome de onde sacou o papel hixiénico. ¿Foi en directo ó baño a collelo ou tiñao por alí cerca preparado? É dicir: ¿Preparou o espectáculo con antelación?

    • Morrigan Decembro 19, 2013 ás 12:01 PM #

      Cada programa ten un fío temático. O deste era a hixiene. Igual precisarías ver máis cortes…

  24. Carmiña Decembro 19, 2013 ás 12:50 AM #

    Esta reflexión, está moi ben enfocada, si. Estou de acordo en que o respecto debe ser unha das maiores virtudes que desenrolen os seres humanos, máxime, tratándose de cultura e tradicións. Creo que todo debe evolucionar de xeito natural e acorde cos tempos, iso é irrefutable. No tema musical hai que saber discernir, e dende logo, unha gaita como a que levou o mozo, non cabe nun concurso de gaita, de “gaitas” pode ser. Se puido evitar ese “fiasco” , se impediran que o mozo tocara con ese invento; esa “gaita”, non era apropiada. Se a calquera galeg@ que non fora ás escolas creadas cos cartos da Deputación de Ourense, lle mandaran debuxar unha gaita, xamais tería tres bordóns en vertical, polo tanto, o invento de Foxo, é, o que non respecta o noso instrumento por excelencia. Non xustifico as formas dos dous compoñentes do xurado, pero a calquera con sensibilidade sobre a nosa cultura musical de raíz, fírenos saber, o moito descoñecemento que hai do noso patrimonio material e inmaterial. Seguimos sen valorarmos, o que de verdade nos identifica e nos dignifica como pobo diferenciado, que o somos, pese a quen pese!.

  25. Meteot Decembro 19, 2013 ás 10:10 AM #

    Hai cousas que esquecedes todos ou a maioría dos que comentades aquí.

    Isto é un SHOW TELEVISIVO.

    A xente apúntase a un concurso donde hai un xurado, cada cal coa súa traxectoria e o seu “personaxe”. Xa saben onde se meten.

    O xurado ten o seu criterio, e os participantes sométense voluntariamente ao seu veredicto, sexa cal sexa. Que as formas non son as más políticamente correctas? Repito, S H O W.

    E sobre todo, o rapaz sabía o que tiña entre máns, e a quén tiña fronte a el para valorarlle.

    • franplorenzo Decembro 19, 2013 ás 12:39 PM #

      O argumento do show está moi ben se non fose que, pretendidamente, este concurso pretende dignificar o instrumento nacional e escoller o mellor gaiteiro/a de Galicia. Os membros do xurado, suponse, son elixidos polas súas cualidades musicais, como formadores, como expertos, non polas súas habilidades para facer o pallaso ou mofarse dun adolescente. Tampouco non é unha televisión privada, é unha televisión pública. É a Televisión de Galicia, non é Tú Si Que Vales de Telecinco. A ladaíña esa de que o rapaz sabía onde ía, que foi provocar, que el se lo buscó blablabla non me convence persoalmente. Como público temos que xulgar o que aconteceu sobre ese plató e hai límites dun show, de selo, que creo que aí se ultrapasaron. Gustaríame ver ao Cristian poñéndolle un rolo de papel hixiénico á Pantoja sobre a peineta e dicíndolle co seu inglés macarrónico “llur biutiful cagada”. Pois sobre ese escenario tanto respecto merece un coma outro.

      • Montenegro Decembro 19, 2013 ás 1:41 PM #

        Se iso pasase coa Pantoja, San Gayoso tivese intervido, que non é o mesmo un gaiteiro que unha tonadillera.

  26. angeles Decembro 23, 2013 ás 6:45 AM #

    a ver soy la madre de jose feal, el que un individuo lo menciona en un comentario de que toca mal y no debería de estar en el programa, parece que el héroe de la película es denis , a mi hijo en el anterior programa , también lo humillaron y supo contestar con la educación que le enseño y quien no debería estar ahí son estos señores del jurado que son los que no demuestran educación y si mi hijo no valia también se lo pudieron decir el primer dia y no humillarlo como hicieron y ese señor que tenga educación y que no desprecie asi a mi hijo que bastante tendrá que callar el . un saludo

  27. Vitor Decembro 25, 2013 ás 4:11 AM #

    Primeiro contacto con “Un país en lata” por mor do linchamento verbal dun rapaz de Verín no “prime-time” de telefeijoo. Brillante, moi ben argumentado.

Trackbacks/Pingbacks

  1. "Respect": Luar, a gaita e os gardiáns da tradición - Decembro 16, 2013

    […] "Respect": Luar, a gaita e os gardiáns da tradición […]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: