2013: Doar, abortar, sobrevivir e amar (en tempos avoltos)

23 Dec

Pois así como as mulleres
da lingua pasan ás mans
poden da guerra de pluma
a paus de morte pasar.

(Manuel Pardo de Andrade, Rogos dun gallego, 1813)

eudecido

Do meu corpo, eu decido!

Sospeito que 2013 será sinalado no libro de batallas do futuro como o ano da Regresión Definitiva. Nada indica que o 2014, centenario da I Guerra Mundial, vaia ser mellor. Poida que se cumpra ese vaticinio lúcido de Rafael Sánchez Ferlosio: “Vendrán más años malos y nos harán más ciegos”. Pode ser. Os elementos para que ese agoiro tome corpo están aí. Reedición do capitalismo máis salvaxe, promoción e radicalización das desigualdades, corrupción e descrédito das institucións, eliminación dos piares do estado de benestar (sanidade e educación pública), bancarización dos gobernos, recorte extremo de liberdades e dereitos e rexurdimento da cruzada relixiosa nacional-católica española, a mesma que se organizou até os anos 80 do século XX en redes mafiosas de subtracción de nenos, a que nunca pediu desculpas pola súa connivencia coa ditadura franquista e a que prosegue na súa tentativa descarnada de inocular o dogma en escolas, hospitais, consellos empresariais e órganos de decisión gobernamental. Con éxito. Non falamos xa da confusión entre o poder político e relixioso, nin sequera da asimilación efectiva e global de ‘valores cristiáns’ como a austeridade, o sacrificio e a resignación…. senón da superposición flagrante do ideario católico máis extremo (Opus Dei, Lexionarios de Cristo, Neocatecumenais, grupos autodenominados ProVida, Foro de la Familia, HazteOir, Red Madre) sobre o principio da aconfesionalidade do Estado, consagrado na esmorecida Constitución de 1978. Feijóo deu boa mostra dese intencionado barullo ao cualificar o sistema sanitario galego de “tan público” como a Catedral de Santiago.

santooficio

Inquisión para todas

Tal confusión, insisto, non é accesoria, porque determina as políticas que sufrimos. A xerarquía eclesiástica -homófoba, patriarcal e radicalmente clasista- é a que impulsa, con efectividade, a segregación nas aulas, a promoción da materia de relixión, a simboloxía cristiá en contextos civís, a defensa ultra da maternidade ou a reducción pavorosa das axudas para infectados por VIH. Falarei doutro centenario, bicentenario mellor dito. O da publicación de Rogos dun gallego, un opúsculo en verso, asinado polo liberal Manuel Pardo de Andrade en 1813, e que tiña como fin denunciar os abusos cometidos polo Santo Oficio, solicitándolles aos redactores da Constitución, reunidos naquel tempo en Cádiz, a súa supresión. A Real Academia Galega acaba de publicar na súa web o facsímile desta obra, cun estudo preliminar. Un paseo por eses versos revela que a orixe de moitos males de hoxe aniñan nese pasado non tan lonxano.  “Os frades sigan a regra/do seu santo fundador,/e deixen a quen goberna/os estados e as nacións” ou “Se así o fan, irá ben todo,/pero doutro modo non;/pois non queremos que os cregos/traten máis que o que é de Dios”, ou  “Nomade, nomade cregos/por deputados, que nós/vos faremos coñecer/cal é a vosa obrigación”, ou xa no final “Na igrexa vos escoitamos,/mais fóra da igrexa non,/pois as causas deste mundo/non son feitas para vós”. O mesmo na Galicia de 1813 que na de 2013.

arturgalocha

Deseño de Artur GV @arturgalocha a favor do aborto libre

ADEUS A UN DEREITO. Esa delongada batalla pola imposición do dogma católico máis extremo acaba de triunfar temporalmente sobre a razón e a xustiza grazas á reforma de Lei do Aborto impulsada polo ministro Gallardón. Que as mulleres dunha suposta democracia occidental perdan, da noite para a mañá, o dereito a decidiren sobre o seu corpo non se compensa nin coa poética posibilidade de seren tres, catro ou cinco veces rebeldes. Teño amigas, compañeiras de traballo, coñecidas, familiares… que terán agora que vestir a túnica talar e os veos legais retrógrados que un grupo fundamentalista deseñou para invisibilizar os seus corpos e negar a súa condición humana. Mulleres traballadoras, mulleres en paro, infantilizadas, desprovistas do libre albedrío, porque si; mulleres que deberán argumentar histerismo ou loucura, coma no século XIX, para escusaren unha decisión tan persoal e respectábel como é a de abortar. Sen outras motivacións. Porque non queren ter un fillo. Mulleres forzadas sexualmente que, de acordo con esta lei, van ter a obriga de escoitarlle a un asistente social que o embrión de violencia e machismo que un señor deitou no seu útero -coa complicidade e o estímulo de tantos e tantos actores patriarcais- ten máis dereito a nacer do que ela a eliminalo do seu adentro. Mulleres cidadás reconvertidas en mulleres pecadoras, que deben purgar as súas culpas.

fuckpatriarchy

Fuck patriachy/Fode o patriarcado!

UN CASO REAL. O caso que vou relatar é real e moito menos grave do que agora afrontan todas as mulleres galegas e españolas, pero aconteceu este mes e exemplifica moi ben a maneira na que esas imposicións morais da curia se van infiltrando na nosa realidade cotiá, case sen nos decatar, da man das políticas ultraconservadoras. Asisto ao Centro de Tranfusión de Galicia, en Santiago, coa intención de doar sangue por primeira vez. Recordo os días do accidente de Angrois, a impotencia de querer axudar e non poder facelo dunha maneira efectiva. E recordo o chamamento: “Sempre fai falta sangue”. Alá vou.

pilarfarjas

Pilar Farjas si pode doar porque: a) ten parella estábel ou b) é célibe

Ten lugar unha entrevista persoal segundo a que, aparentemente, cumpro todos os requisitos. Todos menos un, non ter “parella estable”. A facultativo pregúntame se nos últimos meses tiven máis dunha parella. Pregúntolle se con “parella” se refire a “relación sexual”. Confírmolle que si, que si tiven máis dunha relación sexual nos últimos meses. E póñome absurdamente a darlle explicacións: “Teño corenta anos e estou solteiro, non será o primeiro caso que se ve aquí, digo eu…”. Entón ela dime que iso é un factor de exclusión temporal como doante, e sinálamo no formulario do protocolo de doazón. Eu abro moito os ollos, porque en ningún momento me está a preguntar polas prácticas de risco desenvolvidas ou non. Ter parella ‘estable’, unha única parella, é o salvoconduto que che outorga o pasaporte de doante. Eu retrúcolle que a parella estábel non é garantía de nada. Que cantas parellas ‘estábeis’ non terán relacións inseguras fóra do matrimonio. E que ter máis dunha parella tampouco non é garantía do contrario. Insisto. En ningún momento me pregunta polo tipo de prácticas desenvolvidas.

doante

Entrevistas a un pretendente a doador

As opcións que se me presentan son dúas: manterme célibe, até pasados uns catros meses desde a última relación sexual, ou achar esa parella estábel e purificadora que me permita doar en condicións óptimas. Entramos xa no ámbito da ironía. Pregúntolle se, ao saír dalí, debo recruírme nunha casa rural e agardar até abril sen contacto co exterior. Ela sorrí. Insístolle xa con sarcasmo: “Ademais, para encontrar esa parella estábel que me permita doar, como ti dis, terei que buscala, como fago entón..? Que me aconsellas…?”. Xa cara ao final da entrevista sóltolle: “E se eu mentise e che dixese que non tiven relacións sexuais no último ano?”. Ela fálame do compromiso de veracidade do doante pero eu sei que ningunha extracción nova de sangue irá engrosar o banco de doazóns sen as preceptivas análises. Ese non é o problema. Así que conclúo que a diferenza entre poder doar ou non reside nesa mentira e na miña inxenua autoinculpación. Se eu non asumo ningunha relación podo doar. Pode doar aquel que non ofendeu a Deus coa súa promiscuidade. Se teño máis dunha relación, e confeso o meu pecado, non podo doar, o que me fai pensar que tal protocolo é, unicamente, un filtro moral, unha penalización para as descarriadas e descarriados e a certificación de que, cada vez máis, as leis dun deus católico son as que rexen para o resto da cidadanía, acrediten ou non na súa palabra, que iso tanto ten.

8 Respostas to “2013: Doar, abortar, sobrevivir e amar (en tempos avoltos)”

  1. susarins Decembro 23, 2013 ás 9:56 PM #

    a última vez que doei, fazendo tempo entanto aguardava quenda, li com calma os requisitos (doo amiúde e já nom lhes dou atençom, a verdade), inicialmente na busca de gralhas galegófobas (uma cheia delas, oe!).
    e parei espantada perante uma das questões: tem relações sexuais a cambio de dinheiro?
    figem o comentário em voz alta: ho, que importa se cobras ou nom polo sexo, importará se utilizas preservativo! e saiu a médica da sua casinha e respostou-me de maus modos: “se andas a cobrar, é claro que é uma prática de risco!”. e quedim flipada.
    sinto alívio de nom ser a única que se espanta desses requisitos doadores.

  2. Roberilus Decembro 24, 2013 ás 1:23 AM #

    Decididamente o cúlmen desta sociedade disfrazada de cordialidade non é máis q outra de : “Dime con quén che deitas, e diréiche se podes doar”, a retranca ten moito máis aquel do que parece…o máis triste, e que mes tras mes, a España progresista das liberdades adquiridas, quedou/quedará en iso…en unha liberdade efímera.
    Querido Fran….moita passiensia ou busca parella estábel …dareiche o meu “wassap”🙂
    Apertas e Bo Nadal!!

  3. sadmal Decembro 26, 2013 ás 7:02 AM #

    Todos somos abortos vivientes, si se hubiera permitido abortar hace muchos años. Nosotros no estabamos aquí. Pandilla de inteligentes.

  4. Montenegro Decembro 31, 2013 ás 9:22 AM #

    Pode que o da igrexa de Muxía sexa un sinal de que no 2014 as cousas van cambiar, un sinal que fai bo o dito de que “a única igrexa que ilumina é a igrexa que arde”. Bo 2014, Fran.

  5. Xavier Decembro 31, 2013 ás 11:25 AM #

    Como sempre revelador. Coincido no vaticinio de Sanchez-Ferlosio e na imposibilidade de doar. Partillo a análise e desexo que teñas un bo abo 2014

  6. Caixadeluz Xaneiro 12, 2014 ás 9:47 AM #

    Super a prol como case sempre!

  7. Tz Febreiro 12, 2014 ás 11:52 PM #

    Moito tempo sen ler unha entrada, agardando

Trackbacks/Pingbacks

  1. 2013: Doar, abortar, sobrevivir e amar (en tempos avoltos) - Decembro 24, 2013

    […] 2013: Doar, abortar, sobrevivir e amar (en tempos avoltos) […]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: