A implosión do 17 de maio (Filgueira Valverde, O Escuro Mediador)

7 Jul
FRAGAFILGUE

Alumno e profesor, Fraga Iribarne e Filgueira Valverde

Ten unha historia centenaria de resistencia e mágoas e é o emblema de oficialidade nun país no que as institucións propias foron prohibidas ou abaixadas no seu rango. Aínda que naceu alén do mar, a Real Academia Galega é unha peza clave na construción do discurso da nación e dos seus símbolos. Paco del Riego ideou para ela o festexo único do Día das Letras e a autoridade da RAG -cifrada en ditames ou recursos xudiciais- foi, en ocasións, o único escudo efectivo contra o que bateron os ataques e agresións ao idioma de Galicia por parte de quen tiña a obriga de defendelo. Por todo iso, porque Academia foi quen de participar no empoderamento dun pobo e dunha cultura desprovista de case todo, é facil querela e respectala.

Ocorre que ese carácter case excéntrico, a abstracta empatía que xera en nós tal asemblea de sabios e contadas sabias, foi caíndo, de a pouco, froito de escleroses, miserias, misoxinias e persoalismos varios. Lamentábeis batallas de egos, rancores, saúdos negados e demais irrelevancias converteron o plenario, aos ollos da xente, nunha opereta decadente, de reseso clasismo, anquilosada no seu machismo e desconectada da realidade. Esa é a percepción que agora opaca calquera dos seus logros. Dedicarlle o Día das Letras Galegas de 2015 a José Fernando Filgueira ValverdeO Escuro Mediador, así me gusta chamarlle- supón un chanzo máis nese proceso de desconexión e alleamento.

Tivo a RAG até o de hoxe -probe como é- un caudal do que outras academias non gozabana xente ao lonxe, o latexo, aínda que fose lene, da cidadanía que camiñaba detrás. Outorgándolle o Día das Letras Galegas, que é de todas e todos, a Filgueira Valverde -un meritorio erudito, desde logo, sombrizo colaborador do fascismo desde 1936, figurante de excepción da oficialidade franquista e da pax fraguiana posterior- a RAG desbalde, dun golpe, ese cívico patrimonio e racha a súa maltreita ligazón coa sociedade. Por varias razóns.

A figura de Filgueira Valverde (1906-1996) atravesa o século enteiro. Estaba alí, na histórica estampa do Seminario de Estudos Galegos de 1928, de pé, o máis alto de todos. Á súa dereita, con sombreiro, Ricardo Carvalho Calero, ao que Academia lle concedeu este ano o pase á gran final, nunha candidatura avalada por Manuel González, Fernández Rei e Euloxio Ruibal. Ambos os dous, Carvalho Calero e Filgueira Valverde participaban, corenta e tres anos despois desa fotografía, no primeiro padroado do ILG (Instituto da Lingua Galega), en xullo de 1971. Filgueira acudía a esa reunión constituínte como representante do Padre Sarmiento, o Instituto de Estudos Galegos que derivou do exterminio/exilio dos membros do Seminario. Carvalho Calero foi nomeado secretario do ILG ese día.

Filgueira sempre me pareceu un extraordinario sobrevivente, con gran capacidade de adaptación, e poida que ese sexa un dos méritos que agora lle recoñece a RAG: o da permanencia malia todo. Sobreviviu no ensino cando outros foron depurados -foi profesor de Manuel Fraga, de Pío Cabanillas e de Pérez Touriño!-. Que a súa candidatura triunfase sobre a de Carvalho é, obxectivamente, unha inxustiza, quitadas as simpatías que este esperte ou non, e fóra do pánico cerval que en moitos numerarios/as suscita aínda a súa defensa do reintegracionismo lingüístico. Pero non é a primeira vez que Filgueira gaña. A normativa do galego do 1982, aprobada pola RAG e o ILG, e o chamado Decreto Filgueira -que oficializou esa regra ortográfica, sendo el conselleiro de Cultura na Xunta de Albor– foi tamén un triunfo das súas teses sobre as de Carvalho. A historia repítese anque os actores mudasen momentaneamente de posición.

014seminarioestudosgalegos

Filgueira, de pé no centro, o máis alto do Seminario de Estudos Galegos, ao lado de Carvalho Calero, con sombreiro

Hai tantas sombras na traxectoria pública de Filgueira que este Día das Letras Galegas podería converterse, ogallá, nun trasunto daquel programa de Telecinco, Hormigas Blancas, dedicado a exhumar a hemeroteca dos famosos.  En 1935, ano no que Castelao e Bóveda regresan dos seus desterros, Filgueira Valverde comandou unha escisión do Partido Galeguista, a chamada Dereita Galeguista. De tal xeito que O Escuro Mediador foi quen de seguir sendo galeguista e republicano, pero xa cun peíño no de despois. A súa entrega sen moitas reservas á sublevación militar do 36 non se compara nin de lonxe coas veleidades de Torrente ou de Cunqueiro co lado escuro. Coñezo os problemas, dúbidas e atrancos que estes dous escritores tiveron coa oficialidade da ditadura. O propio Vicente Risco afastouse da vida, recluíuse no seu medo. Non sei, porén, que Filgueira tivese nunca ningún problema en ostentar cargos do Réxime -foi alcalde de Pontevedra e propiciou o estrago de ENCE na ría, procurador en Cortes, presidente de tribunais provinciais-, nin en participar en actos de propaganda e emisións radiais dos sublevados, nin se debeu importar demasiado coa consideración de intelectual útil e afecto que se lle outorgou decote, porque estar estivo en todos os allos.

castosampedro

O Casto Sampedro, con “reconstitución y estudio” de Filgueira Valverde

 

NON APTO PARA TAXISTAS. Ingresou O Mediador Escuro na Real Academia Galega en 1941, co discurso Da épica na Galicia medieval, xusto cando principiaba a etapa de maior ostracismo da institución. A Filgueira debémoslle, un ano despois, en 1942, ano no que asumiu de maneira vitalicia a dirección do Museo de Pontevedra, a publicación do cancioneiro de Casto Sampedro. Iso é de agradecerllo, a verdade, porque é un traballo monumental, igual que eses tochiños de Adral, publicados por Isaac en Ediciós do Castro. Pero daquela actuou tamén como Mediador Escuro. Tal proceso detallouno o musicólogo Xavier Groba na súa tese de doutoramento, froito de varios anos de investigación nos arquivos de Casto Sampedro. O labor de edición de Filgueira sobre esa vastísima compilación musical e de tradición oral paréceme, sen restarlle valor ao seu inxente traballo, unha metáfora acaída de como a historia -el mesmo debía sabelo ben- pode ser presentada e editada de mil maneiras distintas.

franquista

Aquí Francisco Franco, aquí un amigo. Fotografía tirada de diarioliberdade.org

Haberá neste Ano Filgueira varias preguntas que van demandar respostas. É certo que Filgueira se inhibiu -por dicilo cortesmente- na defensa do seu irmán Bóveda, cando este foi apreixado, xulgado polos militares e asasinado na Caeira? É verdade que Filgueira sinalou/incriminou a Fermín Bouza Brey nun episodio de delación que afastou o poeta da xudicatura a finais dos corenta? E sabían os académicos de hoxe, cando votaron por Filgueira Valverde, que nas aulas galegas en 2015 os escolares deberán outorgarlle rango de persoeiro a un activo colaborador da ditadura? Non creo que tal indignidade a poidan borrar os múltiples cargos e recoñecementos, colleitados en democracia durante os gobernos afíns de Fernández Albor -ao que o PPdeG teima en santificar nos altares do galeguismo amábel– ou do seu alumno Fraga Iribarne. Nin sequera a presidencia do Consello da Cultura Galega, desde 1991 até a súa morte. Tampouco unha obra investigadora moi extensa -lingua, arqueoloxía, historia, etnografía, música-, non apta para taxistas, segundo o marxista presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, cuxo discurso de ingreso na Academia, o 30 de outubro de 1993, foi contestado polo ínclito Filgueira. Agora as expertas e expertos terán a oportunidade, se a forza os acompaña, de resituaren e valoraren de maneira crítica, coa metodoloxía e os lentes de agora e non con aqueloutros dun polígrafo de tradición decimonónica, as obras deste señor de Pontevedra. Tesouros hainos, estou certo.

FRACKING E IMPLOSIÓN DO DÍA DAS LETRAS. Unha das virtudes de sumar a Filgueira á estadea do 17 de maio é que o discurso subsidiario do pontevedrés non vai ter que ser reelaborado nin deturpado pola brigada de demolición semántica e simbólica de Núñez Feijóo. Non hai fendas no ideolóxico entre un e outro e para mostra este pequeno texto de Filgueira, no que o homenaxeado se refire ao galego como “lingua española”. Filgueira cadra ben con Franco, con Albor, con Fraga, co Ano Franciscano, co Apóstolo, con Galicia Bilingüe e co boato de todas as institucións ás que pertenceu, as mesmas que en 2015 encherán os seus aveludados salóns de señores provectos e solemnísimos.

Teito, escudo, sino que nos axunta, proba da nosa identidade. De feito, ¿sería Galicia, Galicia se non tivese unha lingua propia? Temos á man posuí-lo tesouro de dous idiomas, que nos abren, de mar a mar, as portas do mundo: o galego-portugués chegou a inzar coa cosmovisión lusitana das Descobertas; o castelán é o verbo de vinte nacións que teñen acollido e dado segunda Patria a tantos emigrados nosos. O galego non é unha fala estranxeira en España, é unha lingua española. Somos donos do uso de dúas expresións e do gozo de dúas inmorrentes literaturas. E, sen mingua do dominio da lingua de Cervantes, acougamos no corazón da de Rosalía, íntima, lídima, natural…

Velaí a coartada do bilingüismo integrador, da vasalaxe do galego “sen mingua do dominio da lingua de Cervantes”, que os propios académicos, botando pedras contra o tellado común, lle acaban de servir en bandexa ao señor Feijóo. Se a maioría dos académicos da Real Academia Galega considera que alcumar o galego de “lingua española” é cientificamente decente e apropiado, iso non é máis ca a expresión dun fracaso da institución e unha peniña, unha verdadeira pena.

stop-frackingPero hai algo que académicas e académicos si lograron este ano co seu voto, seguramente sen procuralo: a implosión do Día das Letras Galegas, o fracking e atomización dunha data que, salvo contadas excepcións, xa só representaba un relativo estímulo editorial e unha liturxia aborrecedora. A RAG mete a Filgueira Valverde nas capas freáticas da cultura galega e fai chispún con el. Moi ben. Iso fica no subsolo, nada se moverá na superficie, como moito un terremoto de baixa intensidade, do estilo Becerreá.

En parte o problema estaba en nós, nos de a pé, por crer, ou mesmo arelar, que a Academia fose quen de valernos dunha maneira que non pode ou non sabe. A cultura galega non precisa xa fastos, nin burócratas de la cosa del gallego. Si accións colectivas, integradoras, entusiasmo, imaxinación, menos elitismo, menos endogamia, menos grisura e moitísimo menos patriarcado. Eles, a Xunta e a RAG, teñen a Filgueira para sacalo en procesión. Óptimo. Que lles aproveite a misa. Que as campás repiquen por Filgueira e o seu franquismo reciclado. Nós, as laicas e laicos da cultura, temos unha lingua e unha literatura afeita a resistir extramuros da casa de Tabernas. E ao final aínda lle habemos de agradecer á Real Academia Galega esta oportunidade de desmontar a Filgueira, ou de saltar con elegancia e sen dramatismo por riba del e, xa de paso, co impulso, poñernos a pensar por nós mesmas e por nós mesmos no que queremos facer.

18 Respostas to “A implosión do 17 de maio (Filgueira Valverde, O Escuro Mediador)”

  1. Marián Xullo 7, 2014 ás 11:21 AM #

    grazas por abrirnos os olliños, mestre!!

  2. Joaquín Rubio Lemiña Xullo 7, 2014 ás 3:43 PM #

    Sinto magoa pola decisión da academia galega. Non todo vale. Detrás de Filgueira Valverde está a ideoloxía que quixo esnaquizar o galego como lingua.
    Eu pregúntome, ¿puido ou non Filgueira Valverde evitar o apreixamento e posterior asasinato de A. Bóveda?.
    Deixo a pregunta no ar.

  3. Isabel Rei Samartim Xullo 7, 2014 ás 6:40 PM #

    Parabéns! Só comentar um detalhe, o decreto Filgueira ademais de inválido porque não remete para nenhuma lei anterior, não oficializa qualquer norma ortográfica. Bem como a LNL do 83, posterior ao decreto, que tampouco oficializa as NOMIG nem nenhuma outra. A associação ILG-RAG foi feita contra os estatutos da RAG, cujo presidente era García Sabell, delegado do governo central na Galiza. E tanto a reunião irregular entre o ILG e a RAG (inicialmente opostos) nem a aprovação do decreto Filgueira contra a lógica jurídica e a liberdade normativa reinante na Espanha, digo, nada disso constituiu qualquer “triunfo”. Foi mais bem um fracasso rotundo da democracia, cujos resultados vemos hoje, ou mais bem haveria que dizer que não vemos/ouvimos, porque as nossas crianças já não falam a nossa língua. E uma última cousa: Filgueira foi uma grande peça na criação do galego politicamente correto, esse que não põe em questão a origem não castelhana da língua. Esse que destrói as fronteiras fictícias do Reino da Espanha, hoje Novo Reino Bourbónico da Espanha. Esse que o autor utiliza, paradoxalmente, neste excelente artigo.

    • franplorenzo Xullo 8, 2014 ás 8:00 AM #

      Ola Isabel! Cando me refiro a “triunfo” non estou a valorar o apropiado ou non da norma ortográfica que se adoptou e oficializou daquela. Quero dicer só que as teses defendidas (ou apoiadas/impulsadas/amparadas) por Filgueira acabaron por “triunfar” (imporse) sobre as defendidas por Carvalho. No relativo á miña “paradoxal” utilización da norma oficial, buff, daríanos para varias entregas deste blog analizalo e argumentalo. De todas maneiras o uso desa norma, polo menos no meu caso, nada ten a ver coa consideración da lingua galega como lingua subsidiaria do español nin moito menos coa consideración do que este país é e ten que ser. Póñoche un exemplo. Somos catro irmáns. Un escrebe practicamente en inglés, outro en reintegrado e outros dous facémolo na norma oficial (aka. isolacionista). E os catro somos independentistas😄 Unha aperta e obrigado polo teu comentario!

      • Isabel Rei Samartim Xullo 28, 2014 ás 2:00 PM #

        Obrigada eu pela tua resposta, caro. Do ponto de vista estritamente filológico, e sem interferências ideológicas, hoje teríamos todos, independentistas ou não, que escrever o Galego como é além das fronteiras espanholas. Porque é nesses outros países que a nossa língua evolui. Sei que a tua intenção ao usar a norma espanhola não é a de Filgueira quando a promoveu, mas o que acharias dum republicano a vestir-se com as cores da bandeira monárquica, explicando que naturalmente ele não defende a monarquia… Já sabes que a norma isolacionista, filgueirista, não é oficial, que isso é um conto que nos contaram, igual que muitos outros, para que engolíssemos o preparado. Tu és inteligente e sei que saberás ver os clarescuros desta história. Grande abraço.

  4. Xabier Xullo 9, 2014 ás 11:34 PM #

    Coido ben paradoxal que se reclame menos endogamia ao mesmo tempo que se critica a escolla de Filgueira Valverde.
    Como se as outras candidaturas, e en especial a de Carvalho Calero, o fosen menos. Ao mellor pasa coa endogamia como coa corrupción, que só vemos a dos outros.

    [e xa aclaro que isto último non vai contra ti]

    Ao final, no fondo, o que lles parece molestar a moitos é que se poida defender o galego e saudar a Franco, ou promover a cultura galega dende os nosos antípodas políticos. Pois pódese, certamente: pero pouca altura temos cando só nos sumamos ás homenaxes cando llelos fan aos veciños do noso cuartucho ideolóxico.
    Para fóra o que transmitimos é, no canto dunha cultura vizosa e diversa, no canto dunha cultura crítica e construtiva, unha cultura eternamente pelexada entre si, de reintegratas contra isolos, de galaxios contra ferrinianos, de bloqueiros contra ageiros, de nacionatas contra galeguistas (ou españolistas) e de en fin, sinnúmeras loitas internas que a min alguén me terá que explicar qué ben nos fan.

    Non, non entendo esta fuxida cara á pureza. Sobra xente e aínda non me decatei?

    • franplorenzo Xullo 10, 2014 ás 8:21 AM #

      Ola Xabier, empezando polo final, a min sóbrame xente, si, claro que me sobra, o que non significa nin moito menos que me vaia aplicar no seu exterminio. O propósito do texto non é comandar unha brigada purista, nin perseguir os familiares de Filgueira, nin sequera impedir que a RAG que é soberana (máis ou menos) dedique o Día das Letras a quen decida ela dedicalo. Eu creo que hai razóns fundadas para non tributarlle unha homenaxe nacional a un activo, insisto no de activo, colaborador da ditadura, e non porque estea nos meus antípodes ideolóxicos. Aí tamén estaban seguramente Torrente, ao que admiro, ou Cunqueiro e Cunqueiro merecería hoxe un novo día das letras. Aborrecín o Día das Letras de Piñeiro, por exemplo, pero malia o nocivo que a min me parece ese señor non se me ocorre cuestionar a elección. Carvalho non é santo da miña devoción, tampouco, se imos polo miúdo. Pero en Filgueira concorren moitos factores, os que expresei aí arriba e máis, para negar a oportunidade desa decisión. Anyway, o 17 de maio é para Filgueira, Debe ser, anque me proa. Agora, purista asegúroche que non son, nin me gustaría que extraeses esa conclusión das miñas palabras. Aperta!

      • Xabier Xullo 10, 2014 ás 5:06 PM #

        Pois se ben podo concordar en todo o anterior, e en especial en “recuncar” con Cunqueiro, a frase de “a min sóbrame xente” non podo lela sen que me entre un arrepío. Esteas armado ou non.

      • franplorenzo Xullo 10, 2014 ás 5:16 PM #

        Quen me coñece sabe que non son de arrepiar ninguén. Nunca vou armado, tamén cho podo confirmar. En todo caso, se queres pillar as frases polo rabo, retorcer a semántica e facerme quedar de violento ou de intolerante, dálle. Xente tóxica, mala xente haina en todos os contextos e a min sóbrame esa xente. Xente narcisista ou vampírica tamén me sobra. Ególatras e machistas e homófobos sóbranme moito, todos os días. Pero están aí e convivo con eles. Punto. Como me sobran algúns grupos musicais, as sandalias con calcetíns e, en xeral, moitas cousas estetica ou eticamente abominábeis e iso non di nada sobre as miñas cualidades ou eivas intrínsecas como ser humano. Apertas!

      • Xabier Xullo 10, 2014 ás 5:41 PM #

        Sinceramente, e con todo o aprezo, creo que non hai que retorcer demasiado a semántica. Entendo, e xa tiven conversas no pasado con outra xente a que tamén aprezo (e ben máis) que hai quen pensa que nos sobra a xente a quen lle sobramos. Ben, non son desa opinión. Máis nada.
        Con respecto ao de ires ou non armado non vou contestar por non entrar nalgo que poida ser visto como un flirteo (flirtaxe?) absurdo.

        Apertas

      • franplorenzo Xullo 10, 2014 ás 6:56 PM #

        Creo que si retorces a semántica do meu texto cando te aferras a esa expresión “sóbrame xente” para concluír calquer cousa sobre min ou arrepiar como arrepías sen motivo. Reviras un pouquiño maís aínda as miñas palabras se advirtes calquera alusión sexual na expresión “ir armado” -foches ti o primeiro en utilizala e vese que non me coñeces moito, porque son ben máis soez nese rexistro- pero é divertido que estarrezas, arrepíes e, á vez, temas flirtear absurdamente comigo, todo ao mesmo tempo. É divertido, e as persoas divertidas nunca sobran, máis ben faltan, así que benvido. Apertas!

  5. Galego Xullo 11, 2014 ás 4:49 AM #

    Nom sei por que tantos arrepios pola escolha de Filgueira para o Dia das Letras 2015: é umha figura perfeita para explicar o modelo de língua que empregam os seus críticos. Afinal isso é como criticar a Franco sendo franquista.

    • franplorenzo Xullo 11, 2014 ás 9:26 AM #

      Ola Galego, se banalizas o franquismo ao punto de comparalo coa escolla, errada ou non, dunha norma ortográfica daquela estás no certo, os arrepíos por Filgueira sobran.

  6. Marga do Val Xullo 11, 2014 ás 9:15 AM #

    Foi ben repousar e ler hoxe este acaído artigo, lúcido entre outras cousas por sinalar:
    A importancia de termos símbolos, a Academía era un deles.
    O tema do Seminario de Estudos Galegos, que como amiga de Tobío me escoce. Fligueira foi un dos fundadores do SEG, e o seu enterrador, máis que “mediador”, no espolio que do SEG se fixo.
    “Ese mirar para outro lado” cando o fusilamento de Bóveda, esa presenza de ENCE/Filgueira en Pontevedra, obrígannos a limpar a ría e a memoria, de tanta merda.
    Non, non foi nin Cunqueiro, nin Torrente, claro que non…
    Propiciará o polígrafo que se abra un debate sobre as persoas que sempre traballan na sombra, por debaixo, redactan, investigan, corrixen textos, asinados polo persoeiro? Sería bo que falase quen traballou con Filgueira, esas mans e cabezas que se chaman “negras”!
    En fin, lonxe estamos dunha Europa dos pobos, cando estando na Europa da Troika, a Academia atrévese e mostra o franquismo oculto que non tivo que saír de ningún armario (habita entre nós). A Academia venera ese franquismo!

Trackbacks/Pingbacks

  1. A implosión do 17 de maio (Filgueira Valverde, O Escuro Mediador) - Xullo 7, 2014

    […] A implosión do 17 de maio (Filgueira Valverde, O Escuro Mediador) […]

  2. Aumenta a polémica: merece Filgueira Valverde un Día das Letras? | Letra en Obras - Xullo 7, 2014

    […] A implosión do 17 de maio (Filgueira Valverde, o escuro mediador). Un país en lata (blog de Fran P. Lorenzo) […]

  3. O Can de San Roque » Blog Archive » Filgueira como síntomas - Xullo 8, 2014

    […] de problemas no mercado ideolóxico e cultural de proximidade; tres, unha última -e brillante- versión para a hipótese conspirativa que reitera o devandito retrouso a tanatorio. Resumo dun elenco […]

  4. Filgueira Valverde e a RAG: o pan reseso para o 17-M | linguaprecaria - Xullo 10, 2014

    […] nos primeiros anos do réxime? Cales? Asumirán os riscos desta decisión obviando datos? Que enfoque se ofrecerá ao respecto nas aulas de ensino? É merecedor de propoñerse como exemplo á sociedade […]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: