As nais de todas as series

20 Oct

Neste 2015 cumpriranse trinta anos das primeiras emisións da Televisión de Galicia. Aquel lonxano 1985 representou, coma quen di, o ano cero da produción audiovisual galega adulta, o comezo da industria da dobraxe con selo autóctono pero, sobre todo, o da formación e fidelización dun público propio, que facía seus certos códigos, secuencias e expresións que xa forman parte da memoria visual colectiva dos espectadores galegos . Naquel big-bang das series estiveron, sobre todas as demais, tres producións internacionais que acadarían a categoría de clásicos: ‘Dallas’, ‘Magnum’ e ‘A Escrava Isaura’.

DALLAS

DALLAS

Os Ewing a riren para a foto

Mentres non chegaban as sagas familiares galegas, máis próximas e domésticas na súa problemática, ben nos valían, en 1985, os infortunios destes adiñeirados terratenentes de Dallas, os Ewing, metidos de cheo no negocio do petróleo. Aínda que Televisión Española emitiu a serie entre 1979 e 1982, o culebrón (soap opera, na súa denominación norteamericana) colleu novos folgos coa súa adquisición por parte da FORTA e sobre todo coa programación no prime time daquela incipiente Televisión de Galicia. Xa a sintonía era o agoiro dunha presada de tramas nas que había moita maldade, moita cambadela e moito raposerío. Dallas, os excelentes dobradores e dobradoras da canle pública, deixaron ademais para a cultura popular galega un dito, anterior á era dos hasthtag, que ten tanto de frase icónica como de lenda urbana: #EstásbébedaSueEllen. Tanto ten que ningún personaxe pronunciase con exactitude esa frase, dirixida aos excesos etílicos de Linda Gray, porque o certo é que #EstásbébedaSueEllen se volvería repetir, de xeito viral, en camisolas, mensaxes de texto, redes sociais e en todas as barras de todos os bares deste país e xa nunca máis dirixida á muller de Xota Erre.

 

MAGNUM

Un investigador privado de pouca monta que vive en Hawaii a corpo de rei, hospedado na mansión dun misterioso escritor e que ten seguido problemas de relación co seu mordomo, Higgins, un tan serio como entrañable exmilitar da guerra de Vietnam, e os seus dous dobermans. Moitas camisas de print tropical, un ferrari vermello que derrapa e un Tom Selleck que á primeira de cambio se desprende de todo o que impida a visión do seu torso.

 

Magnum tamén chegou á Galega en 1985. Era unha produción da CBS, coma Dallas, e foi, sen dúbida, unha das series máis queridas polo público novo da canle. TVG repúxoa en dúas ocasións máis, suficientes para debullar lecturas máis adultas daquela peculiar relación de amor-odio entre Magnum e HIggins. As mesmas leituras que acabarían por converter a Tom Selleck (Magnum) nunha icona gay, quizais a primeira autorizada en horario infantil. Que llo pregunten á rapazada daquel 1985.

MAGNUM

Tom Selleck, Magnum a primeira icona gay en horario infantil

 

A ESCRAVA ISAURA

ISA

Lucélia Santos, aka. Escrava Isaura

A Escrava Isaura. Nin ao título houbo que tocarlle a esta produción brasileira, baseada nunha narración romántica de Bernardo Guimarães que explotaba, con moito acerto e rigor histórico, ese tópico melodramático da muller branca que é, en realidade, negra. Producida pola cadea Rede Globo de Televisión, A Escrava Isaura, un spoiler das relacións laborais no noso presente, foi a pioneira das telenovelas da TVG, naquel ano do señor de 1985, e quizais a ela, á actriz que a interpretou, Lucélia Santos (hoxe unha das estrelas do programa brasileiro Dança dos Famosos), lle caiba a honra de ser a primeira personaxe de ficción que falaba galego na canle autonómica.  Escrava Isaura arrasou en Galicia, en Cuba e na China, e é, segundo unha enquisa do programa Good Morning America, o produto máis dobrado e exhibido no xénero telenovela do mundo.

Recordar á Escrava Isaura, á Sue Ellen de Dallas ou a Magnum, pioneiros ademais na normalización do galego na pequena pantalla, convértenos, de contado, en ‘audiencia vintage’ pero ao mellor vai sendo hora de lle facer xustiza ás que son, sen dúbida, as nais de todas as series.

2 Respostas to “As nais de todas as series”

  1. Petromás Novembro 6, 2014 ás 5:17 PM #

    Moito me gustaba “A Escrava Isaura”, pero o verdadeiro punto de inflexión na relación coa TVG foi, para min e moitos máis, “Os Novos”. Non se me ocorre nada tan emblemático daquela época como esa marabillosa serie.

    • Vagalume Vozenoff Novembro 18, 2014 ás 9:13 PM #

      Eu tamén vin a escrava Isaura pero sobre todo por ver algo naquela nova canle!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: