Arquivo | Queer nation RSS feed for this section

O día que Feijóo lles dixo ás mulleres: “Libremente podedes ser escravas…”

8 Mar

Os ghostwriters de Feijóo son expertos en sementar o discurso presidencial de citas descontextualizadas que non corresponden, en ningún caso, coas súas leituras e preocupacións ideolóxicas. Tanto ten Pasolini, que Manuel María, que Salvador Allende, que Novoneyra, que Barack Obama. Nesa colaxe, que parece máis a vidreira do tango Cambalache, conviven poetas, filosófos, políticos progresistas e líderes morais da humanidade. O trasfondo desas sabias palabras non é que o arma o discurso de Feijóo, el prefire o significante: a camisa da víbora, a códea do pan, o que cobre, verdadeiramente, o pensamento que aniña no seu significado. Así que a miraxe ten lugar diantes dos nosos propios ollos abraiados. Feijóo cita a Castelao e desactívao. Cita a Rosalía e redúcea até a banalidade. Podería citar a Toni Negri e convertelo nun votante do Partido Popular de toda a vida, presidente da túa comunidade de veciños, ten ese poder. Dálle a volta ás palabras dun poeta coma quen revira un calcetín. Pero ás veces un adverbio, un simple adverbio, delátao e pon sobre a mesa a súa verdadeira face, a que non poden ocultar nin os versos, nin as palabras fermosas que outros rouban e aldraxan para despois poñelas na súa boca e que ninguén as recoñeza. Seguir lendo

Música para pechar 2010 (bailando)

30 Dec

Cinco temas e un extra para despedir o cincento 2010. Nada de nostalxia, só trallazos musicais para bailar, mañá xa choraremos. Cos meus mellores cumprimentos!

1. HYPNOTIZE YOU. (de N.E.R.D.)

Todo o que toca o engraçado Pharrell, aqui baixo o nome de N.E.R.D., é ouro. Velaquí este trallazo hipnótico-sexual, no que se dan a man Daft Punk con Michael Jackson e Al Green. O vídeo é como aquela película A casa das belas dormentes de Eloy Lozano, baseada no libro de Yasunari Kawabata, pero en versión funkadélica-playboy. Definitivamente unha das cancións do ano. HOT! 

2. WHY DOES THE WIND? (de Tracey Thorn)

Galicia é unha nazón e o novo disco de Tracey Thorn (a ex cantante de Everything but the girl), Love and its opposite, que se publicou o pasado Día das Letras Galegas, é o disco de 2010. Dígoo eu, non sei se alguén máis concordará. Este tema, nesta voz, é sinxelamente perfecto.



3. THE MAGIC (de Joan as a Police Woman)

Aínda que o disco vai sair en xaneiro o single The Magic de Joan as a Police Woman pertence ao ano que deixamos. Surrealismo cool e outra canción impecábel. Everyone is looking for the magic, e quen non?

4. JAMIE MY INTENTIONS ARE BASS (de !!!/chk chk chk)

Un riff pegañento e divertido e unha mestura de indie-pop e drum/bass da man destes chavales de Brooklyn de nome impronunciábel. O vídeo é antolóxico.

5. FUCK YOU (de Cee Lo Green)

Primeiro sinxelo tirado do seu The Lady Killer, un dos discos máis importantes do ano que pechamos, a certificación de que o soul é inmorrente. Especialmente dedicado aos que nos gobernan, ao Bento XVI, á curia compostelana e á reacción en xeral. Fuck you!

5+1. BARBRA STREISAND (de Duck Sauce)/BONUS TRACK

Fica aquí esta homenaxe ao Bobby Farrell, o cantante de Boney M, que cada ano e con diferentes apariencias facíase carne e voz no plató do Luar de Televisión de Galicia. Hoxe apareceu morto no cuarto dun hotel de San Petersburgo, así que agora saberemos de verdade, se volven, que os de Luar NON SON Boney M, non os orixinais. Barbra Streisand, o tema que agora arrasa nas pistas de medio mundo, co selo de Armand Van Helden, é unha versión do Gotta go home dos Boney M. Que non se diga. Vai na súa lembranza. Disco-house! na honra dun mito.

“O Apalpador son os pais”, Wikileaks said

26 Dec

Non sei en que andará Assange que non botou aínda abaixo a gran mentira de todas as mentiras que é o Nadal. Agardo por un cable que diga: “Benqueridos cativos e cativas de Galiza, o Apalpador son os pais. Eles traen os regalos, deixan o carbón e fedellan nas barrighas dos pequenos. Asinado: Wikileaks”. Mentres iso non ocorre fica aquí a miña achega iconográfica ao mito do Apalpador.

Se un se abstrae da bandeira norteamericana do fondo e do aire de soldado confederado que se gasta o chaval, abofé que este home con cachimba e sen cirolas dá un bo apalpador, máis apto para maiores que para pequenos, pode ser. Pero quen dixo que os maiores non temos ilusións? Como di a campaña do concello de Santiago: “apalpando as ilusións…”. A apalpar, pois.

O carboeiro montañés, para min un descoñecido -pois da serra do Candán para esta parte, nunca se lle mirou  o pelo- é, ao parecer, parente próximo do Olentzero euskaldún. Estes días baixan da montaña, o Apalpador e o Olentzero, para repartiren agasallos, en durísima competición co establishment natalicio de Papa Noel e os Reis Magos e como símbolos político-culturais dunha tradición anti-centralista. Coma sempre, os éuscaros lévannos vantaxe, porque asentaron xa a celebración e, sobre todo, porque lle teñen unha canción axustada á dimensión do seu mito. O Apalpador precisa tamén dunha canción para existir. Mentres ninguén a paire, fica aquí esta versión multirracial da canción do Olentzero, a que este ano lanzou a EITB. Aires ciganos, de blues, coral e txalaparta para cantar aquilo de: “Horra! Horra!/Gure Olentzero!/Pipa hortzetan duela/eserita dago…”

Patrimonio da Humanidade, abofé

28 Nov

As hostes do establishment cultural e político español xa conseguiron para o Flamenco o que a falta de apoios e medios non logrou para o vasto legado oral galego-portugués, a súa declaración como Patrimonio Inmaterial da Humanidade por parte da Unesco. Na mesma quenda, ducias de recoñecementos (a cociña francesa era unha delas, para desgusto do chovinismo españolista, que non dubida en gabarse dos seus restauradores bascos e cataláns). E unha outra na que ninguén reparou moito: o festival de loita turca de Kirkpinar, unha tradición que xa vén do Imperio Otomano e que revela potencialidades do aceite de oliva que nada teñen a ver coa dieta mediterránea, distinguida tamén co título da Unesco por riba da nosa moi cardiosaudábel dieta atlántica.

Seguir lendo

Galicia, Eau de Cologne (Arredor de Vargas Llosa, a nación e o soño do celta)

16 Nov

Non son experto en teoría política pero creo que podo detectar a víscera ideolóxica dun xuízo, como cando Vargas Llosa di, nunha entrevista con El País, “el nacionalismo es la peor construcción del hombre”. O Premio Nobel ten a capacidade de embalsamar os escritores que o reciben e convertelos nunha sorte de altofalantes sen pudor, que cuspen frases para a posteridade. Pasoulles a case todos, non fago excepcións, Saramago incluído. E os medios de comunicación contribúen a converter esa auctoritas acabada de adquirir nunha fonte privilexiada de titulares. Como aquí. Unhas liñas máis abaixo, o escritor, ao fío da súa nova novela, El sueño del celta, matiza: “En ciertos pueblos aplastados por colonizadores, que aspiran a liberarse del ocupante, el nacionalismo tiene un valor positivo”. Este aserto, claro, non ten a forza categórica do anterior. Nin será aproveitado pola lexión de opinólogos que achan nas verbas dun Nobel a coartada ideal para os seus odios. E porén a afirmación retrata con bastante claridade as aspiracións lexítimas de nacións e culturas dominadas e colonizadas como é a nosa.

Seguir lendo