Tag Archives: Cunqueiro

Vigo e todos os seus nomes

17 Feb

Quitado que Mar de Vigo evoca o nome dun mercante de altura, semella que ao final algo de sentidiño si houbo na elección da denominación oficial do auditorio vigués por parte do comité de expertos (vaia nome..!). En verdade o trobadorismo medieval, aquela vizosa lírica do amigo (que ecoa aínda hoxe en poemarios tan altos como Fóra do sagrado de Anxo Angueira), segue a ser a máis única, internacional e poderosa das marcas viguesas. Martin Codax, Mendinho e Xohan de Cangas. Os Tres da Ría habíanse chamar, se os collera o tempo da música lixeira ou dos grupos de gaitas.

Mar de Vigo, tirado do verso Ondas do mar de Vigo/se vistes ao meu amigo, é unha homenaxe acaída a Codax e a ese legado, se cadra o máis universal da cultura galega. Pero sobre todo logra eludir a tentación antroponímica, esa necesidade compulsiva de bautizar TODO (rúas, prazas, auditorios, pazos de congresos), co nome dunha persoa/literato/preboste/autoridade/político. Ningún problema se che toca vivir en José Ángel Valente (fóra de que te chames igual có poeta e confundas os carteiros), ou en Rosalía de Castro, ou  en Pucho Boedo esquina Eduardo Pondal, gloriosa confluenza do rueiro de Touro. Máis problemas terás, con todo, se a túa praza ou avenida é de caste franquista: Generalísimo Franco, Juan Canalejo, Primo de Rivera, Capitán Patatín ou Juan Carlos I. Seguir lendo