Tag Archives: Henry Mancini

Two for the road (Réquiem por un coche de segunda man)

12 Feb

Cando chegou a min, en xuño de 2004, o probe xa levaba no lombo unha presada de quilómetros. Pero nin eu lle preguntei a el polo seu pasado nin el foi demasiado esixente coa miña impericia como condutor. Foi un matrimonio de comenencia que agora, depois de oito anos, vén de rematar. Entreguei os seus papeis, o noso libro de familia, o contrato civil que asinaramos, nunha nave de despece, aí arriba, no Tambre, coma quen perpreta un pequeno pero definitivo acto de traizón. Indiqueille a alguén onde ficaba o coche, describino como mellor puiden, a media voz, como imaxino que deben facer os delatores ou os colaboracionistas. E marchei por onde vin. Ao día seguinte fun mirar se o carro seguía alí, varado nunha beirarrúa de Conxo, o meu Ibiza de vella xeración e catro portas, C-3770-BN, co que auscultei cada quilómetro da AP-9, que é tanto como dicir a columna vertebral da miña vida, con todas as súas metas voantes. Regresei ao outro día para me despedir del pero xa o guindastre o levara. Nin el podía facer máis por min nin eu podía facer máis por el, e esa impotencia compartida resultoume especialmente triste e cabrona neste tempo duro, no que semella que todo acaba ou desaparece. Tamén o meu cochiño branco e magoado. Seguir lendo