Tag Archives: Lois Pereiro

‘Futuro imperfecto’ de Xulia Alonso Díaz, literatura grande como a vida

14 Dec

Digo pouco se digo que Futuro imperfecto, de Xulia Alonso Díaz (A Rúa, 1961), aborda unha historia nunca contada a xeito na literatura galega, a dos anos da droga como espello libertario dunha xeración, a da autora, que sentiu o alustro dun novo tempo, no transo da ditadura a unha aira aberta onde todo era posíbel e todo estaba por facer. Eses mozos e mozas sofreron ademais, en primeira persoa, os primeiros e máis dramáticos envites do VIH. Apandaron co peor, o oprobio social, a vergoña, o descoñecemento da doenza, a experimentación nos tratamentos… Tiveron que pasar tres décadas para lermos esta historia, pero aquí está. Conmovedora, única, tan grande como a vida.

Se algo caracteriza as letras galegas é o pudor, un pudor exacerbado, larvado e paralisante, que foxe dos testemuños, que adorna o sexo con palabras poéticas, e que, en moi contadas ocasións, chama as cousas polo nome. Aínda hoxe, non sei se debido ás dimensións cativas do noso sistema literario, moitas autoras e autores temen esa expresión clara e autobiográfica. Mesmo son correctos na ficción, até ese extremo chega o seu pudor. Non queren que ninguén pense que ese personaxe.., o mellor alguén cre que… non vaia ser que se interprete que eu… A primeira norma que gozosamente incumpre Xulia Alonso é o recusamento do pudor e da retórica. Aquí non hai alambiques nin metáforas, só hai valentía, con nomes e apelidos. Acaso a literatura non é iso, a Verdade? Hai unha historia de desolación e de esperanza, que manca e que sanda ao mesmo tempo: unha historia real. En tempos nos que a virtualidade o preside todo, o real é un galano, algo valioso e estraño (“Busco real”/”Looking for real”, pódese ler nos chats e nos foros virtuais), algo xa certamente inapreixábel. Pero isto é real. Unha longa carta ao compañeiro, ao amado, ao que marchou, como marchaba o amigo naquelas albadas provenzais, que puñan en verso a separación dos amantes. Unha carta que é, ademais, unha cápsula de memoria de efectos reparadores para quen a le. Así o di Xulia Alonso: “A memoria, o elemento fundamental para engarzar os elos que dan sentido á vida, que poder!”.

Seguir lendo