Tag Archives: machismo

O día que Feijóo lles dixo ás mulleres: “Libremente podedes ser escravas…”

8 Mar

Os ghostwriters de Feijóo son expertos en sementar o discurso presidencial de citas descontextualizadas que non corresponden, en ningún caso, coas súas leituras e preocupacións ideolóxicas. Tanto ten Pasolini, que Manuel María, que Salvador Allende, que Novoneyra, que Barack Obama. Nesa colaxe, que parece máis a vidreira do tango Cambalache, conviven poetas, filosófos, políticos progresistas e líderes morais da humanidade. O trasfondo desas sabias palabras non é que o arma o discurso de Feijóo, el prefire o significante: a camisa da víbora, a códea do pan, o que cobre, verdadeiramente, o pensamento que aniña no seu significado. Así que a miraxe ten lugar diantes dos nosos propios ollos abraiados. Feijóo cita a Castelao e desactívao. Cita a Rosalía e redúcea até a banalidade. Podería citar a Toni Negri e convertelo nun votante do Partido Popular de toda a vida, presidente da túa comunidade de veciños, ten ese poder. Dálle a volta ás palabras dun poeta coma quen revira un calcetín. Pero ás veces un adverbio, un simple adverbio, delátao e pon sobre a mesa a súa verdadeira face, a que non poden ocultar nin os versos, nin as palabras fermosas que outros rouban e aldraxan para despois poñelas na súa boca e que ninguén as recoñeza. Seguir lendo