Tag Archives: Ortegal

Entre ‘Ortegal, la comarca secreta, no se lo digas a nadie’ e ‘Galicia, ¿me guardas el bolso/el sitio?’

22 Dec

Depois de ler en La Voz de Galicia que o novo eslogan-marca da Xunta ¿Me guardas el secreto?convence a turismo y hostelería”, quen fica convencido son eu de que as cuestións ontolóxicas que propón a campaña de marras non convencen a ninguén. Dubido que ningún xornal, menos La Voz de Galicia, cuestione hoxe a oportunidade da marca, porque esa marca ten o aspecto físico dunha inserción publicitaria a toda páxina. E ninguén lle di que non a un anaco de pan cando pasa fame.

Por acaso tropezo cunha campaña publicitaria previa da comarca de Ortegal, que, con moitos menos medios é verdade, presenta un subtexto moi similar ao de ¿Me guardas el secreto?, só que a filosofía ortegaliana (que non orteguiana) é ben anterior á de Turgalicia. O lema é: “Ortegal, la comarca secreta, no se lo digas a nadie”.

É difícil ser orixinal no proceloso mundo publicitario, iso xa se sabe. Na promoción de Ortegal van dúas follas de árbore (non é un chiste) navigando polo río cara ao mar. E unha delas pregúntalle á outra:

-“¿Y ese lugar mágico donde está?”

-Ese es mi secreto, y nunca te lo desvelaré…

Cantís, xentes mariñeiras, ríos serenos, rías, solpores, farallóns, algún surfeiro, etc… Unha versión modesta e menos delirante, co seu toque Galicia para el mundo, (“el mar se hace tierra en su mansedumbre”), pero de calquera maneira anterior no tempo á da mentalmente inestábel Galicia que di “mi piel es de hórreos, cruceiros y ermitas”. 

En todo caso, a lisérxica campaña ¿Me guardas el secreto? serviunos estes días para xogar e matinar lemas paralelos, igualmente absurdos e que, polo menos, non nos comprometeran a ficar calados. Aquí van algúns pero admítense propostas, canto máis inconexas mellor :-):

-Galicia, ¿me guardas el sitio?

-Galicia, ¿me guardas el bolso?

-Galicia, ¿me guardas el secreto de ibérico con la carrillera y el lomo de merluza?

-Galicia, ¿me guardas la distancia de seguridad?

-Galicia, ¿me guardas la moto en el garaje?

-Galicia, ¿me guardas respeto o no me guardas respeto?

-Galicia, ¿quién da la vez?

-Galicia, ¿quién es la última? (especial Xandra)