Tag Archives: publicidade

“¿Me guardas el secreto..?” (ou o delirio mental como marca turística de Galicia)

18 Dec

NONO DIGHAS. Este día a Xunta de Galicia presentou na Coruña a nova marca que, ao parecer, vai visualizar a oferta turística galega fóra das nosas fronteiras, querse dicir en España. O mundo, para Feijóo & Co., é España, a liña do seu horizonte, o omega de todas as súas travesías. Fica atrás aquel Galicia Calidade, de resonancias fraguianas. Depois, en 2007, o lema da campaña de Turgalicia, esplendidamente locutada por Luís Tosar, foi Galicia, ¿la sientes?, e aínda en 2009 ecoou aquel Galicia. Ven y siéntela. O ton de todos eles era moi similar, unha voz en off incitadora sobre paraxes idílicas das que agora, emerxe este delirante e flipante episodio de confusión mental, titulado Galicia, ¿me guardas el secreto?, a marca turística deste país. (!!!!)

Malia á interrogación, ¿me guardas el secreto? ou gárdasme o segredo? é, definitivamente, unha frase pouco galega.  Ningún galego di ¿me guardas el secreto?, nun contexto habitual. Como moito: “mira.., isto case que non o dighas…”. Ese sería o subtexto real da marca: “Mellor  nono dighas”, aserto ben problemático e contraditorio cando do que se trata é de difundir unha paisaxe, unha gastronomía ou unha oferta de balnearios, poño por caso. O asunto ficaría, pois, desta maneira: “Galicia, mellor nono dighas“, ou “Galicia, mellor tá calada“. Xusto o contrario da campaña turística do goberno de Asturias: “Asturias, lo dice todo el mundo”, ou do goberno basco: “Euskadi, ven y cuéntalo”. Nós non, nós gardamos segredos e somos tan misteriosos como o paradoiro de Jesús Pérez Varela, aquel conspicuo valedor da Terra e dos seus produtos turísticos e gastronómicos, conselleiro de Cultura, Turismo e Medios de Comunicación do PP, que certo día marchou co botín, por entre os fantasmagóricos corredores da Cidade da Cultura.

Seguir lendo

Advertisements