Tag Archives: Serra do Galiñeiro

Demolición da casa-país (Fóra as vosas poutas depredadoras do Galiñeiro!)

24 Xan

O xeógrafo Domingo Fontán, do que falabamos este día, chamouno Corno do Demo na súa histórica Carta Xeométrica de Galicia. Hai dous séculos, de seguro, Fontán subiu ese monte, armado co seu teodolito e o seu nanómetro, botando ángulos imaxinarios sobre o esplendor mineral do val do Louro, as gándaras de Budiño e as pedras cabaleiras de máis alá. O pobo chámalle Galiñeiro e é un pico visíbel desde moitas partes da cidade de Vigo. Acho que é tamén a principal elevación da ría, arredor dos setecentos metros. Poida que nin Feijóo nin Abel Caballero nin Corina Porro –ilustres veciños vigueses-, foran quen, no caso de que ergueran a cabeza un día e detiveran a ollada no que os arrodea, de lle poñeren nome ás corcovas que sobrancean no mar de Vigo. Sequera un nome, só un, de todos os nosos Paõs de Açúcar, dos morros de Cangas, de Moaña, de Candeán, de Valadares ou da serra do Galiñeiro, que vai finar, coma a dorsal dunha besta antiga, no monte Aloia, cabo do ceo fremoso de Rebordáns. Pero moitos de Vigo si somos quen de facelo. Moitos si sabemos o nome dos tesos cumes do Morrazo ou da Garrida. Un por un. E nesa capacidade de nomear habita un primitivo acto de amor, algo da nosa orixe, algo que, definitivamente, non nos pode ser roubado. Seguir lendo