Nacer todas as mañás

3 Mai
press-freedom

Liberdade de prensa

Contar  o  que  pasa.  Nunca  a  misión suprema  do  xornalismo  foi  tan complexa e, á  vez, tan necesaria.  E nunca tan expostas,  indefensas e desposuídas estivemos  as  xornalistas  e os xornalistas  na  batalla  diaria  da información.  Perdemos, en  primeiro lugar, a  principal ferramenta  da que  dispuñamos:  a linguaxe,  o rigor nas palabras,  a  exactitude.  Ese talismán extraviouse, hai ben tempo, na lameira do espectáculo e da banalización dos titulares e dos contidos. A crise económica exacerbou, ademais, a nociva práctica de revirar o nome das cousas. E foi así como os  desafiuzamentos, os despedimentos,  a  corrupción, os espolios  empresariais,  os  crimes  de violencia machista, o terrorismo bancario, a persecución da disidencia política ou as leis que vulneran dereitos fundamentais da cidadanía adquiriron denominacións eufemísticas nas portadas dos diarios e  nas  escaletas  dos  telexornais.  O  asasinato  premeditado de José  Couso por parte  do exército estadounidense converteuse, por exemplo, nunha morte desafortunada. E quen quixo denigrar así a súa memoria boicoteou  tamén a presenza do noso  compañeiro no espazo  informativo. Porque a perversión da linguaxe vai sempre da man do silencio. E o silencio, como lembraba a poeta Adrienne Rich, é o principio básico da inacción. O que se censura, aquilo do que non se fala, reverte nalgo paralizante e falso, que condiciona as nosas vidas.

spotlight

Ilustración sobre a película ‘Spotlight’ en The New Yorker

Sen armas case, esquivando imposicións e directrices censoras, vetos lingüísticos e liñas vermellas, saímos as xornalistas e os xornalistas á procura de novas preguntas. Buscamos outras maneiras de contar o que pasa e restituír a linguaxe, que é o mesmo que restituírmos a credibilidade. Pero qué encontramos ao regresar, co froito do noso labor entre as mans? A desidia intelectual duns editores que entregaron as súas cabeceiras aos bancos, aos anunciantes e aos poderes que subvencionan os seus imperios en declive. Encontramos a mercantilización da prensa, a compra-venda de noticias, a vulneración  da fronteira  entre  información e publicidade, feitos  e  propaganda. Batemos  con empresarios-gurú que  non  saben interpretar  o  presente  e  que só  ven en Internet  unha fonte de males, a coartada para os seus recortes e o pretexto para esixirlles aos seus empregados un perfil multifuncional e flexíbel que falsea a realidade  da  profesión,  inmersa  nun crecente proceso de autonomización e empobrecemento free-lance. Batemos de cara con EREs, impagos, desigualdades salariais, contratos abusivos e bolseiras e bolseiros que realizan traballos sen apenas remuneración. Atopámonos a feminización da man de obra e a ausencia de mulleres nos consellos administrativos, nas direccións e nas mesas nas que se decide. E achamos, nos medios privados e públicos deste país, redaccións  amordazadas, atemorizadas,  adictas  aos  gabinetes institucionais e  ás  máis  resesas  e manipuladoras  rutinas  informativas. Periodismo anestesiado,  acrítico,  insolidario, obediente, que acata as ordes, incapaz de erguer outro relato colectivo que non sexa o da súa propia desgraza.

Jose-Couso_MDSIMA20130408_0049_46

O xornalista galego José Couso, asasinado en Bagdad

Cómpre pois ollar cara ás empresas porque nelas, e nese estado de excepción que nos impoñen ás traballadoras  e traballadores,  radica  hoxe  o  perigo  real.  Os  ataques  á  liberdade  de  prensa  non proveñen das declaracións dun deputado. Nin sequera do descrédito social que suscitan opinadores e tertulianos intrusos, que se arrogan a representatividade deste oficio e ofrecen circo e especulación no canto de rigor e datos contrastados. A ameaza provén dunhas empresas xornalísticas que son, hoxe, a eficaz correa de transmisión dun poder político e económico, satisfeito coa nosa docilidade e  a  nosa  indefensión. Debémonos  esixir autocrítica e exercitar ese acto supremo de liberdade e independencia que é dicir NON. Non á manipulación informativa, non á censura, non á precariedade laboral, non á vulneración por lei do noso dereito a informar. Contemos o que pasa. Sen ilusións pero sen desilusionarse. E saiamos á procura dese milagre do que falou o escritor portugués Miguel Torga: “Saborear  os  frutos  do quotidiano sem ter  o gosto  deles  na  memória. Nascer todas as manhãs”. Repitámolo. Dicir NON e nacer todas as mañás. Debémosllo a quen non o pode facer e a quen, coma José Couso, entregou a vida mesma no heroico e necesario acto de contar o que pasa.

Fran P. Lorenzo, xornalista

* Este texto, a petición do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, foi lido no acto de entrega do XII Premio José Couso de Liberdade de Prensa no Teatro Jofre de Ferrol, o 3 de maio de 2016.

2 Respostas to “Nacer todas as mañás”

  1. A. Maio 5, 2016 ás 2:29 PM #

    Follear a prensa polas mañás agora mesmo só produce unha mestura de anoxo e carraxe. Pero cando alguén levanta a ollada, insubmiso, insubornable, e nos enfronta coa verdade, devólvenos unha parte da nosa dignidade. Mantela está nas nosas mans.Grazas.

Deixar un comentario