Os ghostwriters de Feijóo son expertos en sementar o discurso presidencial de citas descontextualizadas que non corresponden, en ningún caso, coas súas leituras e preocupacións ideolóxicas. Tanto ten Pasolini, que Manuel María, que Salvador Allende, que Novoneyra, que Barack Obama. Nesa colaxe, que parece máis a vidreira do tango Cambalache, conviven poetas, filosófos, políticos progresistas e líderes morais da humanidade. O trasfondo desas sabias palabras non é que o arma o discurso de Feijóo, el prefire o significante: a camisa da víbora, a códea do pan, o que cobre, verdadeiramente, o pensamento que aniña no seu significado. Así que a miraxe ten lugar diantes dos nosos propios ollos abraiados. Feijóo cita a Castelao e desactívao. Cita a Rosalía e redúcea até a banalidade. Podería citar a Toni Negri e convertelo nun votante do Partido Popular de toda a vida, presidente da túa comunidade de veciños, ten ese poder. Dálle a volta ás palabras dun poeta coma quen revira un calcetín. Pero ás veces un adverbio, un simple adverbio, delátao e pon sobre a mesa a súa verdadeira face, a que non poden ocultar nin os versos, nin as palabras fermosas que outros rouban e aldraxan para despois poñelas na súa boca e que ninguén as recoñeza. Seguir lendo
O día que Feijóo lles dixo ás mulleres: “Libremente podedes ser escravas…”
8 Mar“¿Me guardas el secreto..?” (ou o delirio mental como marca turística de Galicia)
18 DecNONO DIGHAS. Este día a Xunta de Galicia presentou na Coruña a nova marca que, ao parecer, vai visualizar a oferta turística galega fóra das nosas fronteiras, querse dicir en España. O mundo, para Feijóo & Co., é España, a liña do seu horizonte, o omega de todas as súas travesías. Fica atrás aquel Galicia Calidade, de resonancias fraguianas. Depois, en 2007, o lema da campaña de Turgalicia, esplendidamente locutada por Luís Tosar, foi Galicia, ¿la sientes?, e aínda en 2009 ecoou aquel Galicia. Ven y siéntela. O ton de todos eles era moi similar, unha voz en off incitadora sobre paraxes idílicas das que agora, emerxe este delirante e flipante episodio de confusión mental, titulado Galicia, ¿me guardas el secreto?, a marca turística deste país. (!!!!)
Malia á interrogación, ¿me guardas el secreto? ou gárdasme o segredo? é, definitivamente, unha frase pouco galega. Ningún galego di ¿me guardas el secreto?, nun contexto habitual. Como moito: “mira.., isto case que non o dighas…”. Ese sería o subtexto real da marca: “Mellor nono dighas”, aserto ben problemático e contraditorio cando do que se trata é de difundir unha paisaxe, unha gastronomía ou unha oferta de balnearios, poño por caso. O asunto ficaría, pois, desta maneira: “Galicia, mellor nono dighas“, ou “Galicia, mellor tá calada“. Xusto o contrario da campaña turística do goberno de Asturias: “Asturias, lo dice todo el mundo”, ou do goberno basco: “Euskadi, ven y cuéntalo”. Nós non, nós gardamos segredos e somos tan misteriosos como o paradoiro de Jesús Pérez Varela, aquel conspicuo valedor da Terra e dos seus produtos turísticos e gastronómicos, conselleiro de Cultura, Turismo e Medios de Comunicación do PP, que certo día marchou co botín, por entre os fantasmagóricos corredores da Cidade da Cultura.