Tag Archives: nación

Demolición da casa-país (Fóra as vosas poutas depredadoras do Galiñeiro!)

24 Xan

O xeógrafo Domingo Fontán, do que falabamos este día, chamouno Corno do Demo na súa histórica Carta Xeométrica de Galicia. Hai dous séculos, de seguro, Fontán subiu ese monte, armado co seu teodolito e o seu nanómetro, botando ángulos imaxinarios sobre o esplendor mineral do val do Louro, as gándaras de Budiño e as pedras cabaleiras de máis alá. O pobo chámalle Galiñeiro e é un pico visíbel desde moitas partes da cidade de Vigo. Acho que é tamén a principal elevación da ría, arredor dos setecentos metros. Poida que nin Feijóo nin Abel Caballero nin Corina Porro –ilustres veciños vigueses-, foran quen, no caso de que ergueran a cabeza un día e detiveran a ollada no que os arrodea, de lle poñeren nome ás corcovas que sobrancean no mar de Vigo. Sequera un nome, só un, de todos os nosos Paõs de Açúcar, dos morros de Cangas, de Moaña, de Candeán, de Valadares ou da serra do Galiñeiro, que vai finar, coma a dorsal dunha besta antiga, no monte Aloia, cabo do ceo fremoso de Rebordáns. Pero moitos de Vigo si somos quen de facelo. Moitos si sabemos o nome dos tesos cumes do Morrazo ou da Garrida. Un por un. E nesa capacidade de nomear habita un primitivo acto de amor, algo da nosa orixe, algo que, definitivamente, non nos pode ser roubado. Seguir lendo

“¿Me guardas el secreto..?” (ou o delirio mental como marca turística de Galicia)

18 Dec

NONO DIGHAS. Este día a Xunta de Galicia presentou na Coruña a nova marca que, ao parecer, vai visualizar a oferta turística galega fóra das nosas fronteiras, querse dicir en España. O mundo, para Feijóo & Co., é España, a liña do seu horizonte, o omega de todas as súas travesías. Fica atrás aquel Galicia Calidade, de resonancias fraguianas. Depois, en 2007, o lema da campaña de Turgalicia, esplendidamente locutada por Luís Tosar, foi Galicia, ¿la sientes?, e aínda en 2009 ecoou aquel Galicia. Ven y siéntela. O ton de todos eles era moi similar, unha voz en off incitadora sobre paraxes idílicas das que agora, emerxe este delirante e flipante episodio de confusión mental, titulado Galicia, ¿me guardas el secreto?, a marca turística deste país. (!!!!)

Malia á interrogación, ¿me guardas el secreto? ou gárdasme o segredo? é, definitivamente, unha frase pouco galega.  Ningún galego di ¿me guardas el secreto?, nun contexto habitual. Como moito: “mira.., isto case que non o dighas…”. Ese sería o subtexto real da marca: “Mellor  nono dighas”, aserto ben problemático e contraditorio cando do que se trata é de difundir unha paisaxe, unha gastronomía ou unha oferta de balnearios, poño por caso. O asunto ficaría, pois, desta maneira: “Galicia, mellor nono dighas“, ou “Galicia, mellor tá calada“. Xusto o contrario da campaña turística do goberno de Asturias: “Asturias, lo dice todo el mundo”, ou do goberno basco: “Euskadi, ven y cuéntalo”. Nós non, nós gardamos segredos e somos tan misteriosos como o paradoiro de Jesús Pérez Varela, aquel conspicuo valedor da Terra e dos seus produtos turísticos e gastronómicos, conselleiro de Cultura, Turismo e Medios de Comunicación do PP, que certo día marchou co botín, por entre os fantasmagóricos corredores da Cidade da Cultura.

Seguir lendo

Billarda sempre, adiante co Varal e valor!

26 Nov

Estou certo de que a presenza de Galicia na final dun certame internacional da canción, como o Liet, que mañá sábado se vai celebrar en Lorient (Bretaña), non vai ser recibido pola Xunta como un exemplo de internacionalización da nosa cultura. Nin van reparar. Internacionalizar para eles/as é proxectaren un powerpoint en Fitur, ou teimaren en que os cativos galicianos falen inglés aínda que non se poñan medios para iso, ou se lle ripen á fundamental aprendizaxe na súa propia lingua. Unha burda coartada, en definitiva. E por iso a Xunta, xa digo, nin vai reparar nisto.

Pero as cousas, neste país, ocorren porque hai quen as procura. E desta vez debémosllo á Liga Nacional de Billarda (LNB), unha entidade deportivo-cultural que non só está a recuperar o vizoso pasado do xogo tradicional da billarda ou estornela senón que implica ese labor nun contexto de defensa do noso idioma, da nosa cultura e da dignidade da nación. Eles, a xente d’O Varal (varal é o nome da porteiría neste deporte), promoveron a candidatura do grupo Mafia galega, o hip hop da diáspora en Xenebra, e agora o seu tema Billarda sempre, que fará parte de República billarda, un disco que prepara a LNB con temas de máis de vinte grupos galegos de hoxe, está na final polo ditame do xurado. Alí fican tamén voces en gaélico irlandés, gaélico escocés, feroés, vepsio, friulano, frisón, corso, sami, bretón e asturiano, unha Eurovisión das linguas minorizadas.

Billarda sempre, infórmannos nunha cumprida nota de prensa, “é o himno da Liga Nacional de Billarda, con letra do poeta Xavier Cordal e música de Paco, aka Don Mangante. Este lugués de nacemento está establecido en Suíza, onde xunto a El Chapucero creou o grupo I Love I Do. No festival presentaranse como Mafia Galega e serán o segundo grupo en saír ao escenario, onde contarán co apoio como mc e performer de Xermán Viluba, músico e un dos promotores da LNB”. Aquí fica o tema, o meu voto na web do Liet e o apoio incondicional dun eurofan minorizado. 😉 Así que adiante co Varal e valor!

Galicia, Eau de Cologne (Arredor de Vargas Llosa, a nación e o soño do celta)

16 Nov

Non son experto en teoría política pero creo que podo detectar a víscera ideolóxica dun xuízo, como cando Vargas Llosa di, nunha entrevista con El País, “el nacionalismo es la peor construcción del hombre”. O Premio Nobel ten a capacidade de embalsamar os escritores que o reciben e convertelos nunha sorte de altofalantes sen pudor, que cuspen frases para a posteridade. Pasoulles a case todos, non fago excepcións, Saramago incluído. E os medios de comunicación contribúen a converter esa auctoritas acabada de adquirir nunha fonte privilexiada de titulares. Como aquí. Unhas liñas máis abaixo, o escritor, ao fío da súa nova novela, El sueño del celta, matiza: “En ciertos pueblos aplastados por colonizadores, que aspiran a liberarse del ocupante, el nacionalismo tiene un valor positivo”. Este aserto, claro, non ten a forza categórica do anterior. Nin será aproveitado pola lexión de opinólogos que achan nas verbas dun Nobel a coartada ideal para os seus odios. E porén a afirmación retrata con bastante claridade as aspiracións lexítimas de nacións e culturas dominadas e colonizadas como é a nosa.

Seguir lendo

O que Herminio Barreiro nos aprendeu

9 Nov

No dramatis personae da nación, Herminio Barreiro ocupou sempre un lugar senlleiro pero afastado das loanzas e das luces. Cifrou as súas lembranzas escolares e universitarias nun volume conmovedor, Recordar doe. E sempre, como os verdadeiros sabios, estivo lonxe da presunción e dos afagos. De Herminio Barreiro abrollaban as ideas e os valores, pero esas ideas e eses valores atravesábano, superábano a el para chegaren aos demais. El era a forza da corrente, non o regato, coma ese motor que non se ve pero que é tan necesario: a enerxía subterránea que lograba a fluenza das augas estantías da ignorancia e do medo. Saber que nin sequera a morte fará abanear a integridade vital e política do profesor non é consolo abondo para un país que o chora en sordina, dunha maneira apagada e tristísima, como se chora aquí a perda das cousas importantes.

Seguir lendo