O que Herminio Barreiro nos aprendeu

9 Nov

No dramatis personae da nación, Herminio Barreiro ocupou sempre un lugar senlleiro pero afastado das loanzas e das luces. Cifrou as súas lembranzas escolares e universitarias nun volume conmovedor, Recordar doe. E sempre, como os verdadeiros sabios, estivo lonxe da presunción e dos afagos. De Herminio Barreiro abrollaban as ideas e os valores, pero esas ideas e eses valores atravesábano, superábano a el para chegaren aos demais. El era a forza da corrente, non o regato, coma ese motor que non se ve pero que é tan necesario: a enerxía subterránea que lograba a fluenza das augas estantías da ignorancia e do medo. Saber que nin sequera a morte fará abanear a integridade vital e política do profesor non é consolo abondo para un país que o chora en sordina, dunha maneira apagada e tristísima, como se chora aquí a perda das cousas importantes.

O sábado 6 de novembro, o día en que Herminio Barreiro deixaba de estar canda nós, un televisor ás miñas costas cuspía a litúrxica parola de Bieito XVI, a súa mensaxe de odio disfrazada de amor. Pensei, na altura, que o gran poder da Igrexa radicaba, precisamente, na conversión da educación nun asunto privado e nunha arma para o adoutrinamento. Xusto o contrario do que Barreiro proclamaba: “O privado está para os asuntos domésticos, pero para solucionar os grandes problemas ten que haber unha educación pública, estatal, laica e pacífica”, dicía en 2008 nunha conversa coa Revista das Letras de Galicia Hoxe. O mestre encarnou á perfección a polisemia da que no galego desfruta o verbo aprender. En galego, a lingua de noso, “o mellor alicerce no traballo político”, sostiña Barreiro. Aprendeu e aprendeunos. E por iso a súa defensa da educación pública e laica adquire hoxe un relevo tan singular.

“Que rediman tanto gasto absurdo -pensaba eu pra min- e que utilicen todo ese pladur para dividiren as aulas dunha escola laica, cagoendiós…”. Sonaba na misa do Obradoiro unha versión case irrecoñecíbel por grandiosa do segundo movemento do Concerto para clave e orquestra nº5 en Fa menor BWV 1056 de Bach. Esa música é, ao meu ver, o indicio da existencia dun algo superior, non Deus, porque a fe non me asiste, senón o froito máis alto da humanidade e do seu progreso, aquilo no que cría cegamente Herminio Barreiro.

Na película Hannah and her sisters de Woody Allen os acordes deste largo sustentaban un remuíño de follas secas nas rúas desertas do outono de Nova York, follas amarelas como as deste novembro galego que despediu a Herminio Barreiro en Sisán. Hai versións máis canónicas desta obra, como a de Glenn Gould, pero gostei desta que aquí deixo: un espazo íntimo, un rapaz a ler na partitura, alguén que aprende cada día e que ao aprender e aprendernos, como fixo o profesor Barreiro, sobrevive ás cuitas deste mundo de cousas pequenas. Até sempre, Herminio.

3 Respostas to “O que Herminio Barreiro nos aprendeu”

  1. Xabier Ron Novembro 9, 2010 ás 1:20 PM #

    Graciñas Fran. O artigo incide no que foi Herminio, un auténtico mestre. Bondade e xenerosidade foron sempre a súa forma de achegarse ás persoas, como ben dixeron onte a súa filla, Sonia, e seu fillo, David. Onte, no acto laico no cemiterio de Sisán, moitas persoas, en representación de moitísimas máis, emocionámonos ao escoitar as distintas palabras de agradecemento ao gran mestre de mestres. Mentres o frecuentei non deixei de aprender del. O fillo rematou o acto de onte cun texto do seu libro Recordar doe, onde se vía a forza toda de Herminio, forme defensor do público por riba dos intereses privados. Grande. Fóiseme un mestre, un camarada, un amigo.

  2. Miguel de Vigo Novembro 10, 2010 ás 7:18 AM #

    Para despedir a un home como o que loas, non hai mellor música. Serea, humilde, digna, e de gran fortaleza. Parabéns polo teu artigo.

  3. Monte Carmelo Novembro 10, 2010 ás 2:42 PM #

    Marabilloso artigo

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: