Vimbios dun novo independentismo

18 Mai

galiciasaneamento

Nunca neste país se deu transmitido, con eficacia, a sensata necesidade da independencia, a desconexión dun Estado español que podrece na súa lexitimidade constitucional. O independentismo galego é, por iso, un independentismo excéntrico, negado dentro e fóra, doente, minorizado. Tanto que nestes días de desgoberno, os actores da vella e da nova política, a dereita e a esquerda, en Santiago ou en Madrid, case só concordan na negación e no menosprezo do inalienábel dereito de autodeterminación do pobo galego.

O poder político, mediático e empresarial é consciente do potencial subversivo do independentismo e por iso xudicializa e persegue a súa expresión, aquí, en Euskadi e Cataluña. Os escenarios difiren pero a vontade é unívoca: eliminar os procesos que cuestionan a gran mentira de España, a unidade dos pobos no mínimo común denominador autonomista.

O que en Cataluña e en Euskadi é unha realidade en marcha, xestada desde o activismo cidadán e ao abeiro da comprensión institucional, non achou soporte en Galicia. Só o BNG, malia o devalo electoral e a incerteza ontolóxica que o asola, está hoxe en condicións de artellar esa vía. É hora do Bloque desarmarizar o seu independentismo saudoso e irrealizábel, deixando de agocharse atrás de reconfortantes pero ineficaces lemas electorais: autodeterminación, auto organización, soberanía… Eses son os vimbios, sabémolo, pero xa moitas e moitos queremos ver o cesto. Velo e enchelo cun novo relato da independencia como expresión e berce de vontades colectivas.

Converter a independencia nun ítem máis da axenda oculta da organización tampouco non é a solución. Nin o escurantismo nin a verticalidade seducen ninguén. Moitos votos nacionalistas marcharon a En Marea, non á procura da independencia, sen dúbida, pero si atraídos por un discurso de ilusión, transversal, con ingredientes da esquerda nacional, dos movementos cidadáns e sobre todo con vontade expresa de gañar. O triunfo de En Marea sobrepúxose á alteridade dos seus integrantes, á súa estrutura nebulosa, á inexperiencia e mesmo á inconsistencia dun discurso que, no caso da independencia, é máis ambiguo e trampulleiro có do BNG. En parte porque apenas se fixo, desde o nacionalismo galego, un esforzo por desmontar a versión oficial-policial que criminaliza o independentismo. E porque as enerxías se concentraron na obtención de réditos electorais inmediatos e non tanto na cristalización da conciencia nacional en instrumentos reais de empoderamento colectivo. É máis doado afirmar que galegas e galegos non temos conciencia nacional, a coartada de Beiras, que asumir a escalada de erros tácticos e renuncias que nos conduciron até este páramo no que semella que a única opción posíbel pasa pola integración nunha España confederal que ninguén, salvo España, quere xa.

Faría mal o BNG en achar o seu mérito nas supostas eivas dos seus votantes exiliados -porque eles son parte da materia sobre a que debe repensarse- ou en reconstruírse agora sobre a inconsistencia ideolóxica de En Marea arredor da cuestión nacional. Porque o Bloque tamén ten incorrido nese independentismo melancólico, irresoluto, que soña con Escocia e Cataluña pero esquiva tal posibilidade en Galicia se non é na categoría de horizonte inalcanzábel ou poético.

500e59e360e3e-xantarbarxared

O xantar da Barxa, en Vigo, celebrado no Día da Patria de 1930. Asistiron, entre outros, Cabanillas, Paz Andrade, Bóveda, Gómez Román, Castelao, Ánxel Casal, Núñez Búa, Cuevillas, Filgueira e Otero Pedrayo.

Sobre a mesa está ese relato fermoso e case intacto da independencia, ao que tanto se lle teme. O BNG parte con vantaxe e ten forza, historia e capital humano para facelo seu e darlle solvencia. Un hábitat horizontal, sen elites, inclusivo. Un novo principio. Nin a custodia das esencias patrias, nin a pureza, nin a apelación ás emocións ou á Terra. Iso non. O vello lema das sufraxistas: Deeds not Words, feitos, non palabras. Folla de ruta, accións concretas, declaracións sen complexos e a asunción da independencia como vía de transformación. Falando con quen haxa que falar, sen medo aos pactos, pero sen ambigüidade. Un BNG reconvertido en casa común dun novo independentismo galego en proceso, un laboratorio de portas abertas.

*** Este texto foi publicado no número 29 da revista Luzes, na sección Debates intrépidos, baixo a pregunta-epígrafe Cal é o futuro do BNG? Fíxeno a petición de Montse Dopico, que era, na altura, a coordinadora da publicación. Fíxeno porque mo pediu ela, porque o principal valor que pode ter un proxecto xornalístico, á súa fronte, é unha persoa que, coma Montse, traballe con rigor, con entrega, con contactos e cun recoñecemento contrastado da realidade. Non son ‘blocólogo’, nin ganas que teño, pero ela lanzoume a pregunta: “Cal é o futuro do BNG?” e por iso escribín este texto, no que lle suxiro ao BNG que ‘desarmarice’ o seu independentismo. O caso é que Montse non está xa na revista Luzes. ‘Marchou’. As circunstancias da súa saída coñézoas de primeira man, mesmo de xeito colateral, e fan que non poida acreditar nun proxecto xornalístico que non valora os seus activos e que, de maneira non moi honesta, predica unha cousa e fai outra no que se refire á categoría laboral e consideración dos seus profesionais. O ‘xornalismo que conta’, tal é o lema desta revista, tamén ten que contar cos xornalistas. Así que, por desgraza, despois de ter colaborado de xeito máis que nada voluntarista e animoso en catro ou cinco ocasións, esta será a miña derradeira achega a Luzes. Síntoo ben pero para tragar xa trago onde non me queda máis remedio que facelo. Saúde e Terra!

4 Respostas to “Vimbios dun novo independentismo”

  1. Eladio Rei Maio 18, 2016 ás 3:34 PM #

    Parabéns por falar claro e directo, que é algo moi pouco usual neste país e máis aínda na súa “vida pública”. É lamentable, pero o BNG, a pesar de que Madrid clausurou unilateralmente a “vía autonomista” pola que esta formación apostou hai case 40 anos, non vai abrazar o independentismo como práctica e estratexia política. Non quere. Sabe que non é un camiño de rosas e que España fai pagar portaxe a quen o ande. Só aspira a simular, manter contenta a súa “bancada esquerda” con xestos intrascendentes que fagan entender que “a cousa se move” nesa dirección e volver ao de sempre encanto o permitan as circunstancias. Mágoa que nen iso vai suceder. Vence viaxaba a Escocia e Cataluña a “apoiar” aqueles procesos independentistas, pero debecía por algunhas competenciñas máis, un novo sistema fiscal, algo máis de diñeiro, a “posta a tope” dun estatutiño miserábel que nen aprobamos no seu día. Esas son as nosas elites patrióticas de saloon. Pero os autonomistas disfrazados de indepes xa non enganan ninguén. E haberá quen me diga que Vence era dos “moderados”: o certo é que os moderados dominan a dirección nacionalista e son transversais aos distintos partidos integrados na frente. Non hai un núcleo de “pureza” estratéxica. Non hai unha cerna independentista irredutíbel a aguardar por unhas condicións obxectivas que nunca se explicitaron. Quero parabenizar Fran porque, aínda que o seu desideratum caerá no baleiro, tivo a valentía de afirmalo en público e esquivar esa práctica mediocre tan común da simulación, a ambigüedade e o dobre discurso, que permite a moitas, nas mareas e no BNG, xogaren a “independentistas” e “ruturistas”, mentres apostan realmente por máis España e manteñen ben seguro o seu postiño persoal, con salario e/ou favor oficial, en candidaturas, editoriais, academias, sindicato e nos cómodos espazos que o rexime outorga para que algúns e algunhas estexan ao quente á vez que pretenden facernos crer que “loitan” bravamente. Valentía e franqueza. Dous valores exixíbeis de partida a calquera que pretenda opinar sobre esta nación e o seu futuro. Na miña opinión ficaron expresos neste artigo e no parágrafo final.

  2. Amaia Ordorika Maio 19, 2016 ás 4:27 PM #

    Poucos artigos haberá que sexan tan polémicos como este: foi linkeado máis de 200 veces en só 24 horas. Pero ninguén di nada cando se apunta a un dos debates máis importantes deste país. Este comportamento colectivo é sintomático: le o texto todo o mundo, linkéao e envíao, pero ninguén polemiza sobre él. Curioso. Nik ez dut ulertzen. Lo digo de verdad. Lo vuestro es bien peculiar.

  3. José Maio 20, 2016 ás 10:23 PM #

    O artigo está bastante acertado ainda que nem o BNG muito menos as Marés andam nessa praia. O seu independentismo é apenas retórico, no dia a dia trabalham, em linhas gerais, para o projeto de construção nacional espanhol. Sonche, isso sim, muito rupturistas e esquerdistas.

  4. José_ Maio 20, 2016 ás 10:26 PM #

    O artigo está bastante acertado ainda que nem o BNG muito menos as Marés andam nessa praia. O seu independentismo é apenas retórico, no dia a dia trabalham, em linhas gerais, para o projeto de construção nacional espanhol. Sonche, isso sim, muito rupturistas e esquerdistas.

Deixar un comentario