Tag Archives: Feijóo

Falou Varela e falou en castelán (ou os desprezos da brigada galegófoba de Núñez Feijóo)

27 Abr

Teño os ollos inchados de tanto fregalos coa man. Danos colaterais da incredulidade. Explícome. Acabo de ler na versión web de El País (Galicia) un artigo (absolutamente irrelevante, por outra parte) sobre o presente e futuro do libro dixital, a típica prosa celebratoria propia dun suplemento especial pagado pola Xunta. Desde logo nada que ninguén vaia gardar en papel nunha gaveta nin colgar no seu Facebook para partillalo cos amigos. Asínao o conselleiro de Cultura, Roberto Varela. E escribe en castelán, el mesmo ou algún dos seus ghostwriters. O conselleiro de Cultura de Galicia escribe en castelán nun medio galego. Si, meus. Sen complexos. El será que os leitores e leitoras da edición galega de El País, os que mercan o xornal para leren os artigos e reportaxes de Manuel Rivas, de Óscar Iglesias, de Suso de Toro ou de Daniel Salgado, non comprenden o idioma do país/del país no que viven, o único idioma propio de Galicia, por outra parte?.  Di Varela:

“Para la lengua gallega la era digital es una oportunidad,  ya que el primer efecto de las tecnologías radica en abaratar los productos y facilitar el acceso a diferentes soportes”. (!!!) Seguir lendo

“¿Me guardas el secreto..?” (ou o delirio mental como marca turística de Galicia)

18 Dec

NONO DIGHAS. Este día a Xunta de Galicia presentou na Coruña a nova marca que, ao parecer, vai visualizar a oferta turística galega fóra das nosas fronteiras, querse dicir en España. O mundo, para Feijóo & Co., é España, a liña do seu horizonte, o omega de todas as súas travesías. Fica atrás aquel Galicia Calidade, de resonancias fraguianas. Depois, en 2007, o lema da campaña de Turgalicia, esplendidamente locutada por Luís Tosar, foi Galicia, ¿la sientes?, e aínda en 2009 ecoou aquel Galicia. Ven y siéntela. O ton de todos eles era moi similar, unha voz en off incitadora sobre paraxes idílicas das que agora, emerxe este delirante e flipante episodio de confusión mental, titulado Galicia, ¿me guardas el secreto?, a marca turística deste país. (!!!!)

Malia á interrogación, ¿me guardas el secreto? ou gárdasme o segredo? é, definitivamente, unha frase pouco galega.  Ningún galego di ¿me guardas el secreto?, nun contexto habitual. Como moito: “mira.., isto case que non o dighas…”. Ese sería o subtexto real da marca: “Mellor  nono dighas”, aserto ben problemático e contraditorio cando do que se trata é de difundir unha paisaxe, unha gastronomía ou unha oferta de balnearios, poño por caso. O asunto ficaría, pois, desta maneira: “Galicia, mellor nono dighas“, ou “Galicia, mellor tá calada“. Xusto o contrario da campaña turística do goberno de Asturias: “Asturias, lo dice todo el mundo”, ou do goberno basco: “Euskadi, ven y cuéntalo”. Nós non, nós gardamos segredos e somos tan misteriosos como o paradoiro de Jesús Pérez Varela, aquel conspicuo valedor da Terra e dos seus produtos turísticos e gastronómicos, conselleiro de Cultura, Turismo e Medios de Comunicación do PP, que certo día marchou co botín, por entre os fantasmagóricos corredores da Cidade da Cultura.

Seguir lendo