Tag Archives: La Voz de Galicia

‘Alocución a la región gallega’ de Santiago Rey, co mapa de Fontán ao fondo

19 Xan

É un momento epifánico, máxico, da narrativa galega do século XX. Acontece en Arredor de si, a gran novela de Otero Pedrayo. Adrián Solovio regresa á aldea logo do seu periplo castelán porque o seu tío don Bernaldo esmorece. O vello fidalgo pídelle a Solovio que lle achegue un mapa ao seu leito de morte, o mapa de Domingo Fontán, a Carta Xeométrica de Galicia. E alí, á luz dunha candea, olla, por primeira vez, o rosto do seu país, os nomes das aldeíñas, cabo dos ríos, das montañas, dos vales e das ribeiras.  Fontán, que investiu dezasete anos da súa vida na tarefa de cartografar Galicia, que a percorreu enteira, a pé e dacabalo, habita hoxe ese doce limbo propiedade da Igrexa católica que é o Panteón de Galegos Ilustres, en Bonaval. O mapa, a tarefa descomunal e pioneira de Fontán, a carta editada en París en 1845 e que abraiara a Cunqueiro de rapaz no Instituto de Lugo, ten hoxe insignes depositarios: a propia casa de Don Ramón, en Trasalba, o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, a Universidade de Santiago, a Fundación Penzol, o Centro Galego de Bos Aires e… o despachito de Santiago Rey Fernández-Latorre, o editor de La Voz de Galicia, o home que máis ama a Galicia, o que lle entregou a súa vida por enteiro, un epígono de Castelao, Bóveda e Del Riego pero con estilazo, o garante da Transición e do Estatuto de Autonomía, a voz dos cidadáns, a conciencia do poder, o editor independente, azoute das inxustizas e valedor do pobo que di: “Galicia es mi único compromiso” ou “Galicia es lo más importante de mi vida”.

Seguir lendo

Advertisements

Entre ‘Ortegal, la comarca secreta, no se lo digas a nadie’ e ‘Galicia, ¿me guardas el bolso/el sitio?’

22 Dec

Depois de ler en La Voz de Galicia que o novo eslogan-marca da Xunta ¿Me guardas el secreto?convence a turismo y hostelería”, quen fica convencido son eu de que as cuestións ontolóxicas que propón a campaña de marras non convencen a ninguén. Dubido que ningún xornal, menos La Voz de Galicia, cuestione hoxe a oportunidade da marca, porque esa marca ten o aspecto físico dunha inserción publicitaria a toda páxina. E ninguén lle di que non a un anaco de pan cando pasa fame.

Por acaso tropezo cunha campaña publicitaria previa da comarca de Ortegal, que, con moitos menos medios é verdade, presenta un subtexto moi similar ao de ¿Me guardas el secreto?, só que a filosofía ortegaliana (que non orteguiana) é ben anterior á de Turgalicia. O lema é: “Ortegal, la comarca secreta, no se lo digas a nadie”.

É difícil ser orixinal no proceloso mundo publicitario, iso xa se sabe. Na promoción de Ortegal van dúas follas de árbore (non é un chiste) navigando polo río cara ao mar. E unha delas pregúntalle á outra:

-“¿Y ese lugar mágico donde está?”

-Ese es mi secreto, y nunca te lo desvelaré…

Cantís, xentes mariñeiras, ríos serenos, rías, solpores, farallóns, algún surfeiro, etc… Unha versión modesta e menos delirante, co seu toque Galicia para el mundo, (“el mar se hace tierra en su mansedumbre”), pero de calquera maneira anterior no tempo á da mentalmente inestábel Galicia que di “mi piel es de hórreos, cruceiros y ermitas”. 

En todo caso, a lisérxica campaña ¿Me guardas el secreto? serviunos estes días para xogar e matinar lemas paralelos, igualmente absurdos e que, polo menos, non nos comprometeran a ficar calados. Aquí van algúns pero admítense propostas, canto máis inconexas mellor :-):

-Galicia, ¿me guardas el sitio?

-Galicia, ¿me guardas el bolso?

-Galicia, ¿me guardas el secreto de ibérico con la carrillera y el lomo de merluza?

-Galicia, ¿me guardas la distancia de seguridad?

-Galicia, ¿me guardas la moto en el garaje?

-Galicia, ¿me guardas respeto o no me guardas respeto?

-Galicia, ¿quién da la vez?

-Galicia, ¿quién es la última? (especial Xandra)