Tag Archives: TED

Unha teoría (darwiniana) da beleza

28 Nov

TEDTalks é un podcast de vídeo que recolle intervencións de 18 minutos de, chamémolos así, líderes e facedores do pensamento mundial. Faría ben a consellería de Educación en recomendar estas cápsulas audiovisuais de sabedoría para os rapaces do ensino secundario. De paso practicarían o inglés a serio sen necesidade de riparlle aulas á lingua galega. En fin. O que traio aquí é unha charla de Denis Dutton sobre a beleza. Está a beleza no ollo de quen mira, do observador (the eye of the beholder, di) ou fai parte de algo humano, máis profundo? Se é unha construción cultural porque todos reaccionamos de maneira parella diante dunha paisaxe ou dunha obra de arte? E por que os prehistóricos e prehistóricas xa andaban á procura das cousas fermosas? Dutton acode a Darwin e propón unha serie de respostas para estas preguntas.

A ponencia en cuestión vén co inestimábel acompañamento de ilustracións, realizadas polo animador Andrew Park, e textos ad hoc, que reproducen as frases clave do orador. Que quero dicir? Que até eu, co meu paupérrimo inglés da aba do Castro de Vigo, e moito mellor nun segundo visionado ;-), puiden comprender o que o bo de Dutton estaba a dicir. É unha miraxe, apenas sei inglés, pero abonda para sentirse ben, que non é pouco.