Tag Archives: Wikileaks

“O Apalpador son os pais”, Wikileaks said

26 Dec

Non sei en que andará Assange que non botou aínda abaixo a gran mentira de todas as mentiras que é o Nadal. Agardo por un cable que diga: “Benqueridos cativos e cativas de Galiza, o Apalpador son os pais. Eles traen os regalos, deixan o carbón e fedellan nas barrighas dos pequenos. Asinado: Wikileaks”. Mentres iso non ocorre fica aquí a miña achega iconográfica ao mito do Apalpador.

Se un se abstrae da bandeira norteamericana do fondo e do aire de soldado confederado que se gasta o chaval, abofé que este home con cachimba e sen cirolas dá un bo apalpador, máis apto para maiores que para pequenos, pode ser. Pero quen dixo que os maiores non temos ilusións? Como di a campaña do concello de Santiago: “apalpando as ilusións…”. A apalpar, pois.

O carboeiro montañés, para min un descoñecido -pois da serra do Candán para esta parte, nunca se lle mirou  o pelo- é, ao parecer, parente próximo do Olentzero euskaldún. Estes días baixan da montaña, o Apalpador e o Olentzero, para repartiren agasallos, en durísima competición co establishment natalicio de Papa Noel e os Reis Magos e como símbolos político-culturais dunha tradición anti-centralista. Coma sempre, os éuscaros lévannos vantaxe, porque asentaron xa a celebración e, sobre todo, porque lle teñen unha canción axustada á dimensión do seu mito. O Apalpador precisa tamén dunha canción para existir. Mentres ninguén a paire, fica aquí esta versión multirracial da canción do Olentzero, a que este ano lanzou a EITB. Aires ciganos, de blues, coral e txalaparta para cantar aquilo de: “Horra! Horra!/Gure Olentzero!/Pipa hortzetan duela/eserita dago…”

88.80.13.160

3 Dec

Parece un número de R, pero non o é. Hai máis coma este, explícase aquí ben clariño. Trátase de direccións IP, http://88.80.13.160, desde as que chegarse a Wikileaks, despois de que o DNS (Domain Name System, o sistema xerárquico que distribúe os nomes de cada dominio e lles atribúe un código para poder localizar e direccionar os equipos) impedira desde a pasada noite o acceso a wikileaks.org, a páxina que agora marea, cos seus segredos revelados, á diplomacia mundial e inxecta sangue fresco e alimento a uns depauperados e escleróticos medios de comunicación tradicionais. Seguir lendo