Tag Archives: Núñez Feijóo

A homofobia sen coartadas e os muchos-amigos-gays

7 Nov

En verdade sentirse excluído/a da Constitución Española é xa mesmo unha obriga se:

1) es galego/a con conciencia de nación

2) queres falar a túa lingua no teu país, sen o sometemento por decreto á lingua común española

3) cres no dereito dos pobos a decidir sobre o seu destino

4) non acreditas na monarquía como forma viábel para a organización do Estado, moito menos como legado e imposición do franquismo

5) consideras que as normas están para seren mudadas e que un texto, que, en 1978, só votou afirmativamente o 27,7% do censo galego non pode ter carácter sacrosanto nin infalíbel

Mesmo así, o amparo outorgado polo Tribunal Constitucional ao matrimonio entre persoas do mesmo sexo -unha realidade xa recoñecida pola mudanza do Código Civil en 2005 impulsada por Zapatero– é un fito histórico. Porque desposúe ao Partido Popular -impulsor do recurso de inconstitucionalidade contra os casorios de gais e lesbianas, Núñez Feijóo á cabeza desa vergoñenta estratexia– da única coartada que enmascaraba a súa homofobia. Durante sete anos puideron apelar á incerteza legal, ao impropio da denominación, eludindo, pola vía da Carta Magna, o seu verdadeiro argumento contra a democratización plena do matrimonio… Hoxe o Opus, o Foro da Familia, o Partido Popular e todas as organizacións e franquías da Igrexa Católica ficaron espidos diante dos seus prexuízos e do seu odio.

Seguir lendo

O día que Feijóo lles dixo ás mulleres: “Libremente podedes ser escravas…”

8 Mar

Os ghostwriters de Feijóo son expertos en sementar o discurso presidencial de citas descontextualizadas que non corresponden, en ningún caso, coas súas leituras e preocupacións ideolóxicas. Tanto ten Pasolini, que Manuel María, que Salvador Allende, que Novoneyra, que Barack Obama. Nesa colaxe, que parece máis a vidreira do tango Cambalache, conviven poetas, filosófos, políticos progresistas e líderes morais da humanidade. O trasfondo desas sabias palabras non é que o arma o discurso de Feijóo, el prefire o significante: a camisa da víbora, a códea do pan, o que cobre, verdadeiramente, o pensamento que aniña no seu significado. Así que a miraxe ten lugar diantes dos nosos propios ollos abraiados. Feijóo cita a Castelao e desactívao. Cita a Rosalía e redúcea até a banalidade. Podería citar a Toni Negri e convertelo nun votante do Partido Popular de toda a vida, presidente da túa comunidade de veciños, ten ese poder. Dálle a volta ás palabras dun poeta coma quen revira un calcetín. Pero ás veces un adverbio, un simple adverbio, delátao e pon sobre a mesa a súa verdadeira face, a que non poden ocultar nin os versos, nin as palabras fermosas que outros rouban e aldraxan para despois poñelas na súa boca e que ninguén as recoñeza. Seguir lendo

Vigo e todos os seus nomes

17 Feb

Quitado que Mar de Vigo evoca o nome dun mercante de altura, semella que ao final algo de sentidiño si houbo na elección da denominación oficial do auditorio vigués por parte do comité de expertos (vaia nome..!). En verdade o trobadorismo medieval, aquela vizosa lírica do amigo (que ecoa aínda hoxe en poemarios tan altos como Fóra do sagrado de Anxo Angueira), segue a ser a máis única, internacional e poderosa das marcas viguesas. Martin Codax, Mendinho e Xohan de Cangas. Os Tres da Ría habíanse chamar, se os collera o tempo da música lixeira ou dos grupos de gaitas.

Mar de Vigo, tirado do verso Ondas do mar de Vigo/se vistes ao meu amigo, é unha homenaxe acaída a Codax e a ese legado, se cadra o máis universal da cultura galega. Pero sobre todo logra eludir a tentación antroponímica, esa necesidade compulsiva de bautizar TODO (rúas, prazas, auditorios, pazos de congresos), co nome dunha persoa/literato/preboste/autoridade/político. Ningún problema se che toca vivir en José Ángel Valente (fóra de que te chames igual có poeta e confundas os carteiros), ou en Rosalía de Castro, ou  en Pucho Boedo esquina Eduardo Pondal, gloriosa confluenza do rueiro de Touro. Máis problemas terás, con todo, se a túa praza ou avenida é de caste franquista: Generalísimo Franco, Juan Canalejo, Primo de Rivera, Capitán Patatín ou Juan Carlos I. Seguir lendo