Todos contra o oitavo mandamento (Códiche, mentiras e cintas de vídeo)

8 Xul

Non levantarás falso testemuño, nin mentirás

(Oitavo madamento)

É a fotografía que completa o esperpento. Dispostos coma nunha cerimonia nacional-católica, autoridades políticas, eclesiásticas e policiais solemnizan a traslación do Códice Calixtino até a súa orixe, a Catedral de Santiago, desde as lonxanas terras do ladrillo vista e o somier/cancela, o rocho do Milladoiro, a gorida do electricista Manolo. Rajoy, Feijóo e o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, perpetúan o seu desprezo polo patrimonio de noso. Falan dun libro (Códiche, no idiolecto italianizante de Feijóo) do que hai un ano non tiñan noticia. Glosan a súa importancia -“unha parte da alma dos galegos estaba secuestrada”, apuntoulle o ampuloso ghostwriter de Alberto no medio dun discurso pretendidamente europeísta e panespañol- e cando cadra de collelo entre as mans, para inmortalizar o momento, esquecen que un libro do século XII non se pode tocar se non é coas luvas brancas que utiliza o director do Museo da Catedral cando lles fai entrega do puteado tesouro. Sóbano ben e estráñame que non comproben as marquiñas de boli Bic que, ao dicir de monseñor Barrio, non existen. “Sin anotación alguna como se ha dicho…”, desmente o atribulado arcebispo na súa intervención.Total, que as marcas que o outro día contribuíron á identificación express da xoia recobrada agora resulta que non existen. Ergo a comprobación de urxencia, realizada por Barrio Barrio e polo sinistro e escuro, este si, deán da Catedral, é unha cuestión de fe. Fe é acreditar sen evidencias científicas e iso é o que esixe a Igrexa católica arredor deste patético caso.

O sentido común ditaríalle a calquera gobernante fuxir na dirección contraria, pero incribelmente a Rajoy e a Feijóo faltoulles tempo para se faceren unha fotografía que os vincula a praxes fraudulentas, negocios turbios e chapuzas incívicas. Teñen o Códiche entre as mans e non saben o que facer con el, máis ou menos como coas súas respectivas administracións. A súa alegría parapolicial é un síntoma de alleamento. Ou non saben do lixo que hai atrás deste furto encuberto, só ou en compañía doutros, ou non lles importa, moi probabelmente as dúas cousas.

Os fallos de seguridade na Catedral de Santiago de Compostela ficaron xa patentes hai ben de anos, naquela película de 1971, En la red de mi canción, dirixida por Mariano Ozores, na que Andrés do Barro e Conchita Velasco quedan pechados unha noite enteira na catedral de Santiago. O espectador, na altura, sospeitaba que nesa pétrea reclusión dos namorados houbera o que se chama vulgarmente tomate. Pero as púdicas películas do tardofranquismo detestaban a realidade, coma o propio réxime, e endozábana con cancións amábeis e cheas de saudade do mítico Andrés do Barro.

A realidade segue a ter mala prensa e o tomate de hoxe, o que arrodea o electricista Manolo, o arcebispo de Santiago e o tétrico deán da Catedral, José María Díaz, tamén fica fóra da cámara. Seguramente nunca chegaremos a saber que manexos, relacións perigosas, chantaxes, tramas e subtramas aniñan nese templo de latrocinio, a golpe de cepillo multimillonario, que semella ser a meca do Camiño Xacobeo, graciosamente refrendado hoxe pola presenza de Rajoy, Feijóo e María Santísima no vodevil da traslación do Códice Calixtino.

Xa sei que é iluso pola miña parte esixirlle transparencia a unha institución que non só amparou durante séculos a abusadores de menores, roubou bebés, que propiciou golpes de Estado, que estendeu o seu afán inquisidor e a súa soberbia despiadada a todo o mundo, queimando mulleres e homes en fogueiras reais ou figuradas ao longo dos séculos. É inútil pedirlles transparencia ou bondade, seino. Unha metáfora desa Igrexa Católica mafiosa e sectaria -como sinalaba Leonardo Sciascia na súa fantástica novela Todo modo– é o cadro de Géricault, A balsa da Medusa: o naufraxio da Igrexa xa se producíu e andan todos a nadaren para acadar a balsa da salvación. Aquí igual. O naufraxio xa se producíu e só uns cantos conseguen non sucumbir á deriva nas procelosas augas do pecado. E non é precisamente o caso que nos ocupa, o destes expertos vulneradores do Oitavo Mandamento, aquel que reza: “non levantarás falso tesmemuño nin mentirás”.

Este remake de Mariano Ozores, corenta anos depois do orixinal (1971-2011), tamén toma por parvos os espectadores. E confía no poder omnímodo da fe para solventar a papeleta da inoperancia, o desleixo e a connivencia co mal facer e o delito. Crer sen ver: iso é a fe.

1) Crer que se procedeu con rigor na investigación aínda que tres días depois do furto un informe policial xa sinalaba con argumentos o autor material e un vídeo amosaba o electricista cun vulto sospeitoso baixo a roupa; crer que foron os supermadeiros de Madrí, os que levarán agora as medallas, os que resolveron o caso; e crer que é normal e tolerábel que un xefe de Policía diga que os galegos somos escuros e taimados e que agochamos os cartos debaixo dun ladrillo

2) Crer que non hai unha trama superior da que o electricista implicado é unha peza importante pero non única

3) Crer que unha señora de Ames, que pasaba por alí, e que nun xesto inusitado no procedemento xudicial español foi graciosamente convidada a asistir a un rexistro (!!!), chorou conmovida e abrazada a un xuíz cando salvaron o Códice dos dentes de Ratatouille

4) Crer que as manobras de roubo sistemático na Catedral de Santiago non foron ocultadas ou alomenos observadas de esguello coa connivencia da xerarquía eclesiástica durante anos; crer que o cepillo (tamén coñecido como imposto revolucionario) é unha achega simbólica ao patrimonio da Igrexa, visto que se poden roubar nel centos de miles de euros sen que ninguén se decate

5) Crer que a turbación do Deán provén exclusivamente de que a maledicencia e as acusacións de guerra de sotanas se instalaran na boca da xente e crer que a frase de Manolo, “te voy a arruinar la vida”, non ten segundas, terceiras e cuartas leituras

6) Crer que nesta historia non hai sexo e sordidez, porque en se tratando da Igrexa Católica sempre hai sexo sórdido, culpa e suciedade

7) Crer que nos vai confortar a recuperación do Códice porque, como dixo Rajoy, demostra a profesionalidade dos servidores públicos (aka. la pasma); crer que a recuperación do Códice é, como tamén dixo, “unha boa noticia” que nos fai esquecer o declive económico e de dereitos sociais que atravesamos

8) Crer que algún día imos coñecer os verdadeiros culpábeis e a verdade do caso

9) Crer que un país que se gabe de selo pode ofrecerlle ao mundo esta astracanada infame e vendela como unha exitosa operación para a salvagarda do patrimonio cultural universal e unha deferencia do Goberno de España, así o di Feijóo, cara a Galicia e cara a importancia do Camiño

10) Crer que a Igrexa non ten cartos, que  asiste a quen o precisa, que conforta espiritualmente e que non está chea de ratas e ratos que nin o Ratibrón botado nas pías da auga bendita daría limpado en séculos

Estas dez crenzas infundadas resúmense nunha superior e global: crer que a xente é parva.

Como non quería que este exordio rematara de mal rollo e sen un toque distendido, pensei dedicarlle unha bonita canción de Daniela Romo, Mentiras, aos meus vellos amigos, o Deán e o Arcebispo de Santiago, os mesmos que unha tarde de outubro de 2010 se personaron na redacción dun xornal compostelán para pedir, con relativo éxito, a miña cabeza. Va por vosotros, chicos!

29 Respostas to “Todos contra o oitavo mandamento (Códiche, mentiras e cintas de vídeo)”

  1. cabanas Xullo 8, 2012 ás 3:00 PM #

    Excelente paseo por esta historia que transcorre no século XXI despois de Cristo.
    Non sei se o autor se decataría de que, por erro na numeración, son 12, e non 10, as súas crenzas infundadas (que eu comparto), moi ben resumidas na crenza superior de tomarnos por parvos.
    Parabéns pola entrada

    • franplorenzo Xullo 8, 2012 ás 3:13 PM #

      obrigado polo comentario, Cabanas, vouno corrixir para que me queden 10 xustos. Apertas!

  2. coco Xullo 8, 2012 ás 5:07 PM #

    Antoloxía da trapallada esta historia: “El ro-bobo de la jo-joya”

  3. moi interesante Xullo 8, 2012 ás 8:56 PM #

    Está ben pronunciado como “codiche” (latin pronunciación eclesiastica) como “codique” en pronunciación “clásica”

    • Ofélia Sintrom Xullo 9, 2012 ás 1:03 AM #

      Cando vin hoxe a escena da entrega do Codice Calixtino por Rajoy e Feijóo ao arcebispo de Santiago, rompín a rir e non podía parar. Pareceume tan patético que lembrei a miña infancia e o Nodo, soamente faltaba alí un bo pantano para inaugurar. autoridades,igresa,e policia. Todos formaban un bo teatrillo do absurdo. Daba noxo tanta hipocrisia doe ainda que un non queira…

    • noitarego Xullo 9, 2012 ás 11:39 AM #

      É unha parvada do frijolito, as palabras xa asentadas na lingua axeitan a súa pronuncia. Non é preciso tampouco o latinismo ‘códex’ como preferiu a Porky. Claro que a ver cal é o colaborador ou colaboradora que ten…a lle dicir ao Frijoles que se equivocou 😉

    • franplorenzo Xullo 9, 2012 ás 2:34 PM #

      Moi interesante: Codice é o ablativo da terceira declinación (Codex-Codicis). Se Feijóo utilizou o ablativo para se referir ao códice e falou latín daquela si poderia pronunciar ‘códiche’, anque eu sempre diría ‘códique’, pero non é o caso. Nin o caso era o ablativo nin falou latín. De todas maneiras non lle deas moitas voltas, tamén di “crisi” e iso nin en latín… 😉

    • César Salgado Xullo 12, 2012 ás 3:15 AM #

      Se en galego un pronuncia “códiche”, debería pronunciar tamén “apéndiche”, “índiche”, “etchétera”. Por certo que en latín sería Codex Calixtinus e, de estar en latín na forma declinada, non levaría acento gráfico… Outro asunto: en galego creo que deberiamos grafar “Calistino” en lugar do máis estendido (por influencia do español) “Calixtino”.

  4. D'pensamentos-Agasallos Xullo 9, 2012 ás 3:30 AM #

    Parabéns!! Boísimo!!!

    • PumCake Xullo 9, 2012 ás 1:15 PM #

      Moi espeso, ata a metade non comezas a falar realmente do que poido pasar co códice, daquela xa estaba aburrido. Criticas moito pero tes discurso de político.

      • Connie Matthews Xullo 10, 2012 ás 10:42 AM #

        Wow! That’s certainly a brainy reflection. Did it take you long to achieve such a degree of insightfulness?

    • Xabier Xullo 9, 2012 ás 1:47 PM #

      De antoloxía. Moitas grazas.

  5. cossimo Xullo 9, 2012 ás 1:39 PM #

    Semellante balbordo por un libro nun país no que ninguén le!!! Se aínda fose un coche deses antigos!!

  6. aser mendez Xullo 9, 2012 ás 2:09 PM #

    O do códice é de mortadelo y filemón.O do artigo é de lingua LTI -xa sabedes, Kemplerer:a consigna sustitui á linguaxe.No código fascista ,o enunciado conxetural é tese. O fin xustifica os medios.A cousa queda entre Goebbels e Pío Moa,entre Leni Reifensathl e Karina Falagan.Unha boa mostra de que a necidade non é como a ignorancia.En todo caso, histeria,ysteron,útero.Algo sinistramente feminino,como unha lady macbeth de todo-a-cien.Unha mágoa de artigo comparado co anterior.A miseria da vinganza pobre,pero co sinistro fondo do fascisnante fascismo.

    • franplorenzo Xullo 9, 2012 ás 2:19 PM #

      debo ser “sinistramente feminino”, como dis, porque de todos os vituperios que me mandas os que prefiro son as comparacións do meu texto con Leni Riefenstahl (non Reifensathl, sorry) e con Karina Falagan. Encántanme as dúas: unha en Berlín e a outra en Samil, cada unha no seu, O de Goebbels e Pío Moa sinto non poder asumilo. A seguir ben e se tanto che magoa o que escribo non o leas, ho, de verdade…

  7. Lourenzo F. P. (@lourenzofp) Xullo 9, 2012 ás 5:13 PM #

    magnífico meu, magnífico o teu. menos mal que quedamos os ateos! noso será o reino dos ceos.

    • franplorenzo Xullo 9, 2012 ás 5:20 PM #

      o ceo na terra, compañeiro, ese é o noso 😉 unha aperta!

  8. paco Xullo 9, 2012 ás 5:28 PM #

    a peli que me recorda todo isto e “el robobo de la jojoya”

  9. Lupe Ces Xullo 10, 2012 ás 12:04 AM #

    Fran, umha aperta moi grande. Quando o lim sentim-me reconfortada. Apertas mil!

  10. aser mendez Xullo 11, 2012 ás 1:19 PM #

    8ª.Mandamento.
    En Lóxica chamáselle a falacia da falsa xeneralización.Máximo Gorki:”Exterminade os homosexuais e o fascismo desaparecerá”.Stalin:”A homosexualidade é un vicio burgués e unha perversion fascista”.É o comunismo unha secta homófoba?Que houbera gays e pederastas na Gestapo,fai fascista a homosexualidade?Pois non.Cadaquen que folle como e con quen queira.Imaxinades a Chao Rego roubando nenos, a Camilo Torres de pederasta ou a Oscar Romero queimando bruxas?O principio do intelectual é non mentir
    pro domo sua.Quen o fai,contra a Igrexa, a homosexualidade,ou os negros, entra na procelosa senda do fascismo.Tamén todos os numeros serían primos,mirade o 7,e os
    músicos uns drogados,mirade Amy winehouse.Contra os necios,nin os deuses poden.

    • cabanas Xullo 11, 2012 ás 2:33 PM #

      cando un escoita falar de María Soliña, que burro, pensa inmediatamente na Igrexa Católica Apostólica e Romana e na súa Santa Inquisición, o Santo Oficio do que foi presidente o actual Papa de Roma
      …que parviño son, pois non asocio o caso con ningún dos irmáns Chao Rego, nin con Camilo Torres, nin con Ernesto Cardenal, nin con Torres Queiruga, nin con Oscar Romero …
      …tamén non penso neles cando repaso as novas relacionadas co apostólico e santiagués (na partida de nacemento), e amante de corridas de bravos touros en Pontevedra, Mariano Rajoy (el de los hilillos de plastilina, hoxe co IVE incluído) presidindo un acto nacionalcatólico de magreo dun Códice do século XII, mentres á policía lle mandaban carrexar milagrosos feixes de billetes de curso legal, achados nun piso previamente rexistrado do Milladoiro
      … e non quero chegar aos 10 exemplos, que isto é apenas unha apostila, rápida, pero tamén non me lembro, en absoluto, de Chao Rego, se penso en quen bendiciu a Santa Cruzada do 36 Franco Franco Franco baixo o palio
      …tamén non, tamén non penso nesas persoas se escoito a canción do Zeca Afonso, fazeis a guerra na rua, sempre virados pró céu, sempre virados prá Virgen “Cristo reina Cristo vinga”
      …e sigo sen pensar, pobre de min, en cristianos como os que se citan, a quen respecto profundamente, se leo de novo esta entrada de blog pola que insisto en lle dar os meus parabéns ao autor

      • juanmdrs Xullo 11, 2012 ás 9:01 PM #

        Parabéns polo artigo! Mágoa dalgúns comentarios desafortunados.

    • Berta Dávila Xullo 11, 2012 ás 9:11 PM #

      Non vexo por ningures a vendetta nin a mentira. Está a se falar aquí, de maneira explícita, da igrexa como institución. É incontestable que “amparou durante séculos a abusadores de menores”, que “propiciou golpes de estado” e que “estendeu o seu afán inquisidor”, de maneira “real ou figurada”. E iso sen remontarnos ás cruzadas, que igual non estaba de máis, tal e como está a cousa.

      Noraboa polo artigo, Fran, afiado e intelixente, coma sempre!

  11. urbano Xullo 13, 2012 ás 8:47 AM #

    Dende logo Fran Lorenzo demostra aquí estar guiado non so pola ignorancia senon facer alarde dela. Como dice un novo gurú, laico por suposto, do mundo da empresa, non hai nada peor que un tonto motivado.
    Efécticamente o Códiche é o Códiche aínda que crisi sexa crise e o menos que se pode facer é rectificar a cagada.
    Ademáis, alma cándida, resulta que o Códiche, ¿como prefires chamalo tí? ¿comic?, ten unha cuberta que se lle colocou fai, a friolera, de 50 anos (oe, aproximadamente, non te vaias a cebar en min por correxir esta inexactitude túa) e se pode manipular tal e como se recolle na foto sen problemas.
    Esto tampouco o vas a rectificar no teu escrito e dirás que bueno, que 50 anos son moitos igualmente.
    Mira, eu non sei se o deán pediu a túa cabeza nin a razón pola cal pudo facelo, pero para ser un xornalista, no pouco que sei estás mal documentado e eso é razón suficiente como para non contar contigo nun medio de comunicación.

    • Mónica Ameneiro Xullo 17, 2012 ás 4:24 PM #

      En realidade a única persoa que fai alarde de certa ineptitude es ti. Dicir que como a cuberta do Códice é do século XX o libro xa se pode, e cito as túas verbas “manipular tal e como se recolle na foto sen problemas” é a mesma necidade que pensar que un cirurxián sen luvas pode extirparche o apéndice (“apéndiche” no teu caso) sempre e cando lave ben as manciñas con xabón. Deberías saber/intuir que calquera precaución é pouca nestes casos. Que por que? Home, non crerás que a epiderme de Marianico el Recorto está exenta de substancias lipófilas e bichiños microscópicos que se moven por todas partes? Seica Bairro-Bairro non ten perto de 3 millóns de glándulas no seu pel que botan de case todo? (á parte do que adoita botar pola boca). Se consultas o “índiche” de calquera libro de Bioloxía básica atoparás valiosa información sobre este e outros temas igualmente atraentes. De todos xeitos vouche poñer un exemplo máis sinxelo. A Gioconda, xa sabes, ese cadriño do século XVI que teñen en París, está colocada nun marco de madeira de sicómoro que data do ano 2004 (aquel ano o Valencia gañou a Liga). Creme que ninguén pon ou porá as gadoupas na pintura ou no seu marco. Atmosfera controlada, humidade controlada e monitorización mediante chips. Se algún día (deus non o quer) o fontaneiro do Louvre rouba a Mona Lisa, believe me, non verás a Francois Hollande devolver o cadro ao director do museo Henri Loyrette coma o que lle pasa o xornal.

      Respecto aos “tontos motivados”. Pois non sei moi ben a que vén meter o ideario do empresario e/ou monologuista Emilio Duró neste debate. Véxoche bastante desorientado na túa crítica. Supoño que simplemente che molou velo no programa de Buenafuente ou nos vídeos que ten no youtube e non puideches evitar colalo aquí como fora. Home, a próxima vez postos a falar de listos e menos listos, eu antes que a Duró citaría a Goethe que fixo algunha que outra reflexión interesante sobre estas cuestións.

      Por certo, nos teus futuros posts na blogosfera, eu pensaríame seriamente o de firmar con nome e apelidos. Calquera malpensado podería chegar a crer que che escudas no anonimato para desacreditar, ou mellor dito, intentar desacreditar. Eu chámome Mónica Ameneiro.

Trackbacks/Pingbacks

  1. Todos contra o oitavo mandamento (Códiche, mentiras e cintas de vídeo - Xullo 9, 2012

    […] Todos contra o oitavo mandamento (Códiche, mentiras e cintas de vídeo unpaisenlata.wordpress.com/2012/07/08/todos-contra-o-oitavo-…  por raxozorza hai 2 segundos […]

  2. o segundo roubo do Códiche, a linguaxe belicista na prensa/petición | ferradura en tránsito - Xullo 9, 2012

    […] estas prácticas séntese a nosa prensa un chisco máis alonxada de nós, menos mal que quedan as bitácoras a che devolver a realidade; mais, digo, resulta moi feo ese silencio, aínda peor se temos en […]

  3. Todos contra el octavo mandamiento. «Códiche», mentiras y cintas de vídeo. [GL] - Xullo 10, 2012

    […] "CRITEO-300×250", 300, 250); 1 meneos Todos contra el octavo mandamiento. «Códiche», mentiras y cintas de vídeo. [GL] unpaisenlata.wordpress.com/2012/07/08/todos-contra-o-oita…  por ewok hace […]

Deixar un comentario