Dous anos sen goberno e 2.000 días de infamia (A cruzada do Partido Popular en Galicia)

29 Mar

Das preocupacións inmediatas do PP en Galicia (digo ben, PPenG) desapareceu definitivamente a acción política. É paradoxal que un partido abandone a praxe política en pleno exercicio do poder, que abdique desta maneira tan flagrante. Pero é así. De política nin rastro. Puidémolo ver este día no Hórreo, no debate sobre o estado da autonomía, así chamado. Nin un só contido, nin unha soa perspectiva, nin unha soa resposta. Nada. Os conselleiros, aquel grupo de elite, de distinguidos solucionadores, aquela tropa de asalto que ía endereitar a sempiterna deriva do país, revelouse coma un fato de ineptas e ineptos. Un engano máis. Feijóo, comandante da desnortada milicia, anda agora tecendo unha nova cortina de fume, algo a ver coa reforma do Estatuto. Quer ser el o que defenda á galega xente dunha nova aldraxe, pero a aldraxe, desta vez, non se refire ás aspiracións negadas de autogoberno senón á crise económica e ás pretendidas afrentas do Goberno central no apartado de orzamentos e infraestruturas. Dalgunha maneira, a realidade (o empoderamento dos mercados, dos bancos, a flexibilización extrema e precarización do traballo, a privatización da sanidade, a fenda entre os que teñen todo e os que non teñen nada) neutralizou o discurso neoliberal dun PP superado polos feitos, parapetado no seu bucle de indignación e denuncia (moi similar, por certo, ao estéril retrouso da oposición), e sen solucións diante da creba global.

Así as cousas, ao PPenG só lle restan dúas patas sobre as que soerguer o des-goberno que administra: a defensa do seu privilexio e o exterminio da diversidade. É un discurso fetichista, reaccionario, desposuído de substancia, gregario, 0c0, mimético, pobre, pero, polo que se ve, tremendamente efectivo. Nos dous anos que nos trouxeron até aquí (desde as eleccións de marzo de 2009), a Xunta de Feijóo teimou na desactivación simbólica da nación e no desmantelamento de certas convencións históricas arredor do idioma e da cultura de noso. Era importante anular o vínculo nación-idioma (Alemaña é a súa lingua, dicía Fichte) e están trabajando en ello, coa inestimábel axuda dun grupo de descerebrados, falanxes da burramia, que, por desgraza, teñen eco abondo nos medios de comunicación. A progresía patria tamén amplifica, sen querelo, os seus bilingües orneos: enlaza as súas proclamas e exhabruptos web, convérteos en protagonistas, dálles espazo, considéraos interlocutores nun inefábel conflito inter pares e, coa lóxica vontade de denunciar a súa fóbica parola, acaba por caír na súa estratexia. Porque nomealos é darlles corpo, e co corpo vén a presenza que realmente non teñen no conxunto social. 

Falo deste grupo lingüicida e libertófilo -cuxas iniciais coinciden co sintagma Gran Bosta– non por falar, senón porque aquí, en Galicia, comparte espazos físicos, contornos relacionais e ánimo redentor con outros grupos sectarios e intolerantes, como o Opus Dei, cuxa presenza no Goberno é notábel, até o punto de determinar a actividade lexislativa en materias como a sanidade, a familia, o aborto, a educación e a política de comunicación e subvencións aos medios. A sensación de estarmos gobernados polo Opus Dei -e polas súas plataformas de poder: Hazteoir, COPE, Intereconomía…- agrava moral e materialmente a nosa imaxe de colonia desposuída e sucursalizada. É humillante, nunha palabra.

A semana pasada cumpríronse 2.000 días da interposición por parte do PP, ante o Tribunal Constitucional, dun recurso contra a lei que permite o matrimonio entre persoas do mesmo sexo, unha realidade felizmente incorporada xa no noso código civil e no día a día de todas e de todos nós. Núñez Feijóo, sen que ninguén llo pedira, amparou expresamente aquela iniciativa represora. Puido calar, coma moitos na súa formación, pero preferiu tomar partido pola vergoña e pola vulneración de dereitos. Ninguén na cámara galega, que eu saiba, lle preguntou aínda a Feijóo por ese ataque frontal contra a dignidade dos cidadáns. Ninguén o presionou para retirar publicamente o seu apoio a un recurso que lles nega a varios membros do Goberno galego a súa condición de iguais. Malia todo, nesa negativa do Presidente a que gais e lesbianas poidamos acollernos á institución matrimonial -con idéntico nome e, polo tanto, con idénticos dereitos- coinciden as dúas liñas estratéxicas do seu goberno: por unha parte a defensa do privilexio (económico, de estatus, e heteronormativo, neste caso) e o exterminio da diversidade (en calquera das súas manifestacións: ideolóxica, biolóxico-paisaxística, lingüística ou, como aquí, afectivo-sexual…). Patrocina esta cruzada o Opus Dei, autor intelectual dos atentados que perpetra cada día a Igrexa  de Rouco Varela, e actúan como comparsa e avanzadilla os populares tecnócratas, que non son tal, da Xunta de Núñez Feijóo. O pobo que queda enfronte, desposuído, desactivado, observa, con síntomas de inanición, como as forzas opositoras (PSenG e BNG) son incapaces de construíren unha alternativa seria. Ese pobo que resta, teimoso e valente sen ter azos xa para selo, apágase aos poucos mentres os que o viñan salvar debaten, aínda dous anos depois e sen aparentes présas, cómo e de que maneira mandarlle a axuda humanitaria.

3 Respostas to “Dous anos sen goberno e 2.000 días de infamia (A cruzada do Partido Popular en Galicia)”

  1. Jenaro Jesus Marinhas Abril 14, 2011 ás 4:03 PM #

    18-A: Dous anos sem governo, ‘new olympic record’! http://seioque.com/index.php/seioqueidesfazer/18-a-a-revolucom-das-patatilhas😉

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: