Beiras e a frívola parábola

22 Mar

Este mércores fixéronse públicos, nun curso da Universidade de Vigo, varios datos da memoria da Fiscalía sobre delincuencia e menores na provincia de Pontevedra durante 2011. De todas as figuras delitivas tipificadas a que máis medrou entre os chavales foi a da violencia doméstica (68 casos máis), e os abusos e agresións sexuais (27 casos máis en senllas categorías). Tamén a violencia de xénero aumentou en 8 casos, con respeito ao ano anterior. Por desgraza esa escola -a do maltrato á muller en calquera das súas modalidades- é das que non desaparecen, como si vai camiño de o facer a escola pública e de balde. En todos os casos a muller é a vítima principal, o foco das agresións. E desacouga saber como esa lacra non só non decrece senón que medra con forza entre os máis novos. Porén, por algunha estraña razón, aínda habendo mulleres que morren, aínda coñecendo como coñecemos as dimensións deste terrorismo íntimo, tan daniño e devastador, sorprende a lixeireza coa que ese drama cotián se vén empregando como parábola ou metáfora en situacións do máis variopinto. Calquera se arroga o papel de vítima, Xosé Manuel Beiras agora, ignorando que o uso desa parábola, aplicada irreflexivamente, frivoliza o drama real, as mortes e o sufrimento, e converte, por contraste, o horror en brincadeira.

O follón do BNG, chamémolo así en plan sumario, vai camiño de me aborrecer. Creo que a todas e a todos nos pasa. Pero a profesión obriga e a devoción tamén. E si, recoñézoo, son leitor de prensa en papel, anque ache que nese papel non se cifra o futuro. Abro varios xornais ao día, dixitais e analóxicos, e en dous deles, en La Voz de Galicia e no Faro de Vigo, batín esta mañá, coa noticia do primeiro encontro público entre os líderes de Encontro Irmandiño, Máis Galiza e Ecogaleguistas, representados por Beiras, Bascuas e Manolo Dios, respectivamente, nunha mesa redonda na Facultade de Filoloxía da USC. Anque La Voz de Galicia anda, desde a asemblea de Amio, en modo pre-exaculatorio ante a perspectiva dunha creba nacionalista (e a súa lóxica plasmación en desfeita electoral), o certo é que a noticia non me pegaría na vista se non fora por unhas palabras de Beiras que me fixeron exclamar: aí pasácheste, machiño.

Compara Beiras a saída do BNG e as “represalias” que sufriu a súa formación cun caso de maltrato e de violencia de xénero. Cito do Faro de Vigo:

No aceptaron una separación sin malos tratos. Fue un comportamiento machista en cuanto que persiguieron a la mujer hasta liquidarla“, recriminó el líder de Encontro Irmandiño.

Tamén La Voz de Galicia glosa o exabrupto de Beiras e explica, ao seu xeito, o seguinte:

Aunque el coloquio estaba organizado para hablar del futuro del nacionalismo, el líder del Encontro Irmandiño tuvo durísimas palabras contra el Bloque, al que acusó de ser una organización inmovilista y conservadora, incapaz de ilusionar a la izquierda.

“O aparato toma represalias contra os que se van, claro, como os machistas que mallan na muller“, dijo en clara referencia a lo vivido en Teo por Martiño Noriega, viceportavoz del Encontro Irmandiño

Aí remata a noticia e empeza un pouquiño a estupefacción. Non pola carraxe que amosan as palabras do líder de EI, que iso non sorprende en absoluto, senón por sobredimensionar e elevar unha liorta política ou un cúmulo de conflitos persoais, mal levados por todas as partes, á categoría de violencia de xénero. Frivolizar, nunha palabra, cun problema grave e facelo de maneira infamante. Acaso EI e Máis Galiza saben o que é ser muller maltrada..? De verdade séntense así, como di Beiras..? Pegáronlles un tiro, acoiteláronos, queimáronos, botáronlle ácido, recibiron paus, sentíronse humilladas, vexadas, acosadas, foron violadas na súa propia cama, tiveron que marchar da casa co posto, tiveron que se agochar, víronse obrigados a deixaren o seu traballo, sentiron o desprezo e a incomprensión da sociedade…? Todo iso é a violencia de xénero, todo iso é que mallen nunha e que a persigan até liquidala… Comparar iso cunha escisión política é mesmo para chorar pola falta de rigor e pola lixeireza no argumento. Sobre todo por unha cousa. Arredor dun conflito coma o do Bloque pódese opinar, calquera pode ter unha opinión, nada é branco ou negro, non é tan doado como dividir entre bos ou malos, maltratadas e maltratadores. Na violencia de xénero, na que sofren as mulleres, na que doe e manca de verdade, non hai opinións nin posibilidades de argumentación. Hai un agresor e unha vítima e, sinceramente, con todos os respeitos, non é o que se ve aquí, esteamos da parte que esteamos. Claro que é linguaxe, claro que son palabras, se cadra non hai que tomalo todo tan a peito, pero neste asunto estou bastante dacordo coa escritora sudafricana norteamericana Toni Morrison cando dicía aquilo de que “a linguaxe violenta ou opresiva fai algo máis que representar a violencia; é violencia”. E é violencia, si que é.

37 Respostas to “Beiras e a frívola parábola”

  1. Manuel Marzo 22, 2012 ás 4:56 PM #

    Desculpa Fran, mais entendendo o inoportuno e inapropiado da metáfora de Beiras, non deberías meter a +G nin aos Ecogaleguistas no mesmo saco só por estar na mesma mesa na que Beiras usou esas palabras. Eu estiven alí e non lle escoitei nin a Bascuas nin a Manolo Dios expresións nin frivolidades dese estilo. Saúdos.

  2. franplorenzo Marzo 22, 2012 ás 5:06 PM #

    Manuel, poida que teñas razón. Eu só podo referirme a isto como leitor, é verdade. Bascuas falou de “escarnio” e de necesidade de “protexer” aos edís da formación. Pareceume, segundo o que lin nos xornais, que había sintonía na utilización desa parábola que Beiras fixo extensíbel a todos os escindidos do BNG. Alégrame en calquera caso que fora un rauto individual porque ser é bastante lamentábel. Unha aperta

  3. Santiago Marzo 22, 2012 ás 7:11 PM #

    Home non! Beiras non lle está a quitar importancia ao maltrato machista cando compara dous termos de diferente categoría e natureza que gardan entre si unha semellanza metafórica. O que ti chamas parábola realmente foi un símil. Para que lle cambias o nome á figura retórica que expresou Beiras? Para dar campo aboado aos creadores de prexuízos? Desgraciadamente é o teu artigo o que cae na frivolidade, lamentable.

    • franplorenzo Marzo 22, 2012 ás 7:28 PM #

      A semellanza metafórica entre a creba do BNG e a violencia de xénero eu n’a vexo, síntoo, por moi enconada que poida ser a desputa política. E arrogarse o papel de vítima nun confrontamento coma este, endosándolle a outra parte o apelativo de machista maltratador, pois tampouco non me parece moi legal, se che digo a verdade. Parecerache frívolo pola miña parte, porén acho que é moi serio…

      • Alex Marzo 23, 2012 ás 12:42 AM #

        Vaia ridiculez de post, por favor. Sí, home, sí. Seria é a palla mental que desenvolves no artigo. Deliramos un pouquiño, e así non dicimos nada? Ou é para medalla de político-correcto-inane, a título de mérito?
        Un postiño na Secretaría Xeral de Obviedades con Poderes Punitivos, hai quen desexa cousas desas, disque.
        Faga o power point e presénteo a un congreso, non se esqueza.

  4. Xose Marzo 22, 2012 ás 11:13 PM #

    Parabéns Fran polo artigo. Eu pensei exactamente o mesmo esta mañá (Beiras, pasácheste) pero non teño o mesmo don coa palabra que ti amosas. A frivolidade neste tema de persoas con tanto impacto mediático, supón botar por terra centos de horas de traballo pola igualdade e contra a violencia machista.
    Unha aperta.

  5. Nacionalistagz Marzo 22, 2012 ás 11:14 PM #

    Parabéns polo artigo. E eu pregunto, onde están as feministas?

    • Nacionalista de esquerda crítico Marzo 23, 2012 ás 10:05 AM #

      EU son feminista, non de boquilla coma ti. Teño moitas amigas que sofriron ese tipo de violencia das súas parellas, en maior ou menor grao, e nunca se lles ocorriría ir de vitimas, nin sentirse aludidas ou menosprezadas por unha cousa así.

      E eu pregunto: onde están as cabezas? No BNG quedaron fóra todas xa…

  6. m barreiro Marzo 22, 2012 ás 11:45 PM #

    Sinceramente, o artigo paréceme pouco acertado. Comezas argumentando a persistencia das condutas machistas nos datos puntuais de aumento das denuncias presentadas pola rapazada de Pontevedra entre 2010 e 2011. Non sei, pero precisamente o aumento de denuncias pode deberse a que vai mudando a mentalidade das mulleres, -e non só a delas, non? Por que na violencia doméstica sufrida pola mocidade e mesmo na sexual non só as rapazas son por desgraza as vítimas-. Trato con rapaces de 15-17 anos decote no traballo e afortunadamente, malia persistiren, eses comportamentos son infinitamente menores dos que había hai 20 anos, precisamente cando eu tiña esa idade. O que acontece é que agora as rapazas denuncian e non calan a boca como antes. Tamén a mudanza na mentalidade da muller, que non se sinte xa escrava do seu home e abandónao cando entende que ten que facelo está moitas veces detrás dos crimes e atrocidades que eses descerebrados cometen. Nos 90 non había apenas denuncias de malos tratos nin de violencia sexual…Imos para atrás logo con estes aumentos nas denuncias segundo o teu razoamento?
    Pero é que se o comezo é un pouco de “brocha gorda”, o pinchacarneiros que permite comezar unha enxurrada de ataques contra certas forzas políticas baseándose nun símil, -pouco afortunado e sobre todo facilmente malinterpretable-, dun membro senlleiro dun deses partidos é de premio. Concordo co que xa che dixeron. Penso que es ti o que acaba caendo lamentablemente na frivolidade

  7. Nacionalista de esquerda crítico Marzo 23, 2012 ás 2:00 AM #

    Fran, sigo algúns dos teus artigos, e aínda que nalgúns concorde e admire o teu estilo redactando, noutros temas, sobre todo cando fas seguidismo do BNG, que se che nota demasiado, como neste, bótasme moi para atrás. Sen ter estado na conferencia, fíaste de “xornais” como Faro de Vigo ou La Voz, e fas demagoxia barata abusando do politicamente correcto para desviar o foco de atención. Reproduzo o que argumentarpn varios compañeiros e compañeiras no foro virtual do Novo Proxecto Común, porque falaron moi ben, mais non cito os seus nomes porque non me deron de momento permiso:

    “Primeiro eu non vexo parábola por ningures, polo que oio na gravación da web entendo un símil. Ollo aos conceptos porque non son o mesmo. Beiras non lle está a quitar importancia ao maltrato machista cando compara dous termos de difernte categoría e natureza que gardan entre si unha semellanza metafórica.
    A prensa despois descontextualiza moi na súa liña. A isto súmaselle a hipérbole descontextualizada do artigo e fanse estragos. Quen escribe debería evitar caer na súa propia crítica, campo aboado para os creadores de prexuízos.
    Unha aclaración sinxela chega.”

    “Estóu totalmente dacordo con Xose Manuel, son muller e estiven no bng ata agora e entendo perfectamente o que quere dicir Beiras, non hai parábola nengunha o que hai é unha comparación moi acertada, que eu mesme expliquei neste foro e non teño constancia de que ninguen a criticase por machista.”

    “Non lembro o día no que o falamos aquí e incluso pode ser que me contradiga agora co que puiden ter dito se opinei daquela, mais eu que ultimamente estou hipercrítico non me chamou moito a atención o comentario. Non o entendo coma frívolo posto que non rebaixa a lacra do maltrato ao nivel do acontecido en Teo, se non que esaxera o de Teo, deixando claro que eso é moi mal actuar.

    A min paréceme peor, unha falta de respeto, o de chamarlle a unha persoa frijol ou habichuela, e case todos nos rimos cando o fai.”

    “E a violencia que se ten dado no BNG, esa que facemos con ela?Van a pedir disculpas tamén todas aquelas persoas que viñeron exercendo un acoso e derribo psicolóxico continuado contra outra/os????Desgrazadamente unha boa parte das/os que estivemos no BNG nos últimos tempos temos vivido circunstancias moi duras, que ían máis alá da simple esfera política😦 Polo tanto aínda sendo das que lle concede importancia a linguaxe/actitudes vamos a ser un pouquiño seria/os….que estas son importantes pero a realidade de todos os días aínda o é máis.” (dito por unha muller)

    “Outra cousa, as palabras de Beiras non son tal cal se recollen textualmente en La Voz. Para nada hai frivolización coa violencia machista. Fran P Lorenzo, que, efectivamente, escribe moi ben fai dunha palla un palleiro, como se soe dicir.”

    “Precisamente pq escribe ben e non é tonto, ata parece que ten razón, pero non a ten, pq todos os que alí estabamos sabemos q non foi esa precisamente a súa metedura de pata onte. se non mais ben a de decir que o Borbón era tan incapaz que nin capaz de ter fillos foi. Isa é unha metedura de pata, probablemente. Non esta. pero mellor non airealo.”

    “Por certo, Beiras é humano e comete erros, coma todos nós. pero é unha persoa tan excepcional e brillante que non se lle poden ter tanto en conta. os xenios son así. teñen grandes virtudes e grandes defectos. mais eu quedome co que ten de bo.”

    “Imos ver, umha gente que se nega a apresentar debate porque sabe à altura em que ia ficar vem-nos agora dando liçons de feminismo (e de nacionalismo, e de esquerda…), somos tam parvos como para ainda importunar-nos polo que diga umha panda de inconscientes que jogam a viver da politicalhada? Beiras usou um símil hiperbólico como os que empregamos a cotío na linguagem popular… perdir perdom? Terei que pedir eu perdom tambén por dizer “puta” muitas vezes e por milheiros de outras cousas… “Yo confieso ante dios todopoderosos…”. Já parecem as cartas de constriçom do maoismo e o estalinismo. Já nom é só que me pareça que querem tirar proveito dumha anedota (sem rebarter o resto do discurso?) senom que me hincham os meus colhons de tanta política correcta que é de todo menos política (comparai por exemplo a evoluçom do humor na TV nas últimas 3 décadas). Nem deveriamos perder o tempo comentando…”

    “Concordo 100% pero advirto que hai q estar atentos para todo o que veña por diante…vanlle dar ao ventilador da merda e do rumor a tope. a tope. a morte.”

    “Creo que lle damos demasiada importancia a uns poucos e nos desconectamos da sociedade en xeral. Inssito non pensar en elefantes.”

    “Por favor, non nos deixemos encerellar en pataqueiradas. Beiras adoita utilizar unha linguaxe ‘expresiva’, o que inclúe hipérboles e imaxes arriscadas. O BNG maltrátanos verbalmente a pracer, cunha actitude prepotente. Iso é comparable, botándolle un chisco de mala uva, cun tipo que maltrata a súa muller. Como se pode tirar de aí que Beiras estea frivolizando sobre os malos tratos? Daquela, cando lle chama ‘kaiserin’ á Merkel? e Brigada de demolición ao goberno xunteiro? E Frijol a Feijoo? Todo son licenzas de expresión, que xogan coa esaxeración, a comparanza grotesca, o humor… Beiras ten unha determinada retórica, que pode gustar máis ou menos, pero que é eficaz sen traspasar ‘liñas vermellas’. Que non mareen con beaterías impostadas, plis.”

    “Lembremos a Guillerme Vázquez: “Rajoy, se quere, pode vestirse de lagarterana”.

    “Sen dúbida, Fran Lorenzo sacou de contexto as palabras de Beiras (e de paso tomou ó pé da letra o que reproduce de forma tersiverxada Faro de Vigo, grande ironía), e, sen ter estado alí, maximiza de maneira demagóxica o que todos os que alí estivemos escoitamos e non nos escandalizou. Concordo totalmente con X, é linguaxe metafórica, basta xa de sermos tan politicamente correctos!!! Nin fixo apoloxía de nada, nin frivolizou, e pódese estar máis ou menos dacordo co afortunado da expresión e da analoxía, mais as imaxes son iso, unha licenza “poética” (entendendo poético polas formas da expresión que buscan atraer polo seu significante). Se os da UPG tiveran dito que os “críticos” eramos o “cancro” do BNG, ou peor, do nacionalismo galego e de Galiza (que seguro algún o terá dito, non sei se en público pero dende logo seguro que anonima e covardemente nalgún foro), a ninguén de nós se lle tería ocorrido dicir que ofendían ós enfermos de cancro (supoño), porque do que se está falando é doutra cousa. Non desvirtuemos o debate, elxs están mirando con lupa todo o que dicimos, e sobre todo o que di Beiras porque saben que este é sempre polémico nas súas declaracións e poden aproveitar algo para criticalo/criticarnos de paso… Calquera cousa para facer demagoxia barata, que é o que me parece que fai, iso si, con palabras moi bonitas, de forma que convence, Fran Lorenzo.”

    “Concordo totalmente co que di X: non infravalorou a violencia machista, senón que hiperbolizou o de Teo (e outros casos), como se fai en literatura, ou como fai calquera que empregue linguaxe metafórica con fins expresivos (mesmo os meus avós). Basta xa de sermos politicamente correctos, e non nos enredemos en caralladas (por certo, unha palabra do ámbito masculino con connotacións negativas, mira ti… xa que estamos sensibles coa linguaxe “non sexista”).”

    “Perdoa se me meto niso, pero a min, toda a cuestion me parece, basicamente, unha cuestion de mala fe: molestaronse porque Beiras paragonou o que queda do BNG a un macho que malla unha muller e en vez de pedir que se disculpe por iso (e tampouco ten que facelo) sacan o teorema da violencia da linguaxe, da frivolidade, do pouco respecto e bla bla bla … asi que pouca falta fai contestar. A libertade de expresion de bo ten iso: que hai tamén libertade de non escoitar e de non contestar”.

    “Xa, pero se eu non tivese estado alí, e me fiara do que din os xornais (como fai moita xente; as declaracións en Faro estaban manipuladas, cunha cousa tan sensible como é esta), quedaría cunha imaxe de Beiras bastante fea. Se comezan a “defenestrar” a xente que probablemente vai liderar a nosa formación, ou polo menos ser referente, non son boas estas campañas de intoxicación. E temos que saír á palestra a rebatir e dicir, educadamente, que iso son calumnias e demagoxia barata. Non por xustificármosnos ante o BNUPG, que tanto nos ten, senón por borrar calquera globo sonda interesado ante a sociedade, que é ante a cal debemos rendir explicacións.”

    “Nos xornais nunca hai que confiar, nos bos como nos malos XD”

    Pois a ver se non confías tanto nos xornais, Fran, e vas ó lugar dos feitos para constatar o real: que ninguén se escandalizou da imaxe que empregou, que non pretendía nin violentar, nin frivolizar, nin equiparar a violencia machista á verbal e psicolóxica que, por certo, si empregou o BNUPG con algúns edís e demais militantes críticos, e non reproduzo o caso doutro compañeiro do foro porque non me deu permiso e non quere remover cousas dolorosas, pero un familiar seu sufriu o acoso sistemático desta formación por opoñerse a certos personalismos, pintadas, chamadas… E eu coñezo cousas inda máis graves… Non é como a violencia machista, dende logo, mais as licenzas “poéticas” teñen isto, e Beiras non infravalorou ese tipo de violencia contra as mulleres, senón que esaxerou ou hiperbolizou a outra (que tamén é, e si, é moi claro quen é a vítima). Non sexamos tan politicamente correctos, por favor, ou máis ben, non utilicemos isto para desvirtuar a realidade: que foi un discurso brillante e ilusionante para a maioría dos alí presentes, moi superior a calquera que poida dar o BNUPG.

    Unha aperta

  8. Nacionalista de esquerda crítico Marzo 23, 2012 ás 2:05 AM #

    Eis o vídeo co discurso AUTÉNTICO dos tres, seguido do debate e o coloquio coa xente. Para ti e para todos. Ilusionante, fresco, orixinal, brillante… o que necesitabamos tras tanto mutismo dentro do BNUPG. Mírao e xulga por ti mesmo, escoita os seus argumentos, sen filtros “mediáticos” máis que “xornalísticos”:

    • Antón Marzo 23, 2012 ás 5:13 AM #

      “Ilusionante, fresco, orixinal, brillante”… neno, xa sabemos todos de que bando estás (dos CUiña, PSOE, Pérez Bouza-OTAN…), relax, amigo, relax…

      • Nacionalista de esquerda crítico Marzo 23, 2012 ás 10:09 AM #

        Se es o que penso que es, é que es bobo de remate (e perdóame o politicamente incorrecto que son). Sexas quen sexas, non tes nin idea do que penso arredor deses temas, así que estarías mellor calado:

        – Cuiña: non simpatizo en nada con eles, con ningún, dende o momento en que eu son de ESQUERDAS.
        – PSOE: ídem.
        – Pérez Bouza: non sei a que vén. Só sei que me gustou a súa intervención en Salvados, falou alto e claro; agora, descoñezo a súa acción política, polo demais nunha cámara tan inoperante a día de hoxe como o Senado.
        – OTAN: totalmente oposto á guerra de Libia e a intervención imperialista.

        Así que reláxate ti, e cala a boca. Amigo teu non son, por certo.

      • Antón Marzo 23, 2012 ás 3:20 PM #

        Nacionalista de esquerdas: modera a tua agresividade, vivirás mellor.
        Esto é para o comentario posterior que non me deixa respostar.

      • Antón Marzo 23, 2012 ás 3:34 PM #

        Pérez Bouza e a OTAN: http://renovarobng.org/?p=567

        Sobre as outras cuestións, o tempo porá a cada quen no seu lugar, xa verás…

  9. Antón Marzo 23, 2012 ás 5:12 AM #

    Parabéns polo artigo, seica as verdades foden!

  10. Arancha Estévez Marzo 23, 2012 ás 8:44 AM #

    Fran P. Lorenzo apunta a unha utilización da linguaxe que incide na banalización e esquecemento (pasándoo a un plano secundario) dun problema social moi grave. Unha práctica bastante xeralizada que, polo que se ve, a moitos homes non lles parece suficientemente relevante como para formar parte dun artigo de opinión e derivamos, entón, na liorta política do bloque e no xornalista como parte dun compló. Pódense entender e, incluso, compartir, algunhas das críticas. Supoño que o obxectivo do blog é establecer esa relación cos lectores. Pero argumentos como “ninguén alí se escandalizou” ou ” é un xenio” pois a min como que non me valen…Levamos séculos sen escandalizarnos de nada e así nos vai; como muller (nacionalista) eu tamén pido que se deixen de utilizar determinados termos asociados a condutas que nada teñen que ver entre si..A Beiras e a quen sexa..

  11. Rromero Marzo 23, 2012 ás 10:34 AM #

    É unha pena que as ábores non deixen ver o bosque e se fagan exercicios malabares para xustificar o inxustificábel, se recurra ao eufemismo da “linguaxe expresiva” de Beiras. Beiras erra, esa linguaxe non é a primera vez que lle xoga malas pasadas e nin el mesmo tivo nunca problema en recoñecelo e rectificar se for preciso. Pechar filas como se están pechando nos comentarios do blog, caendo tamén na descalificación de quen o escribe, empeza a rozar o fanatismo, o comigo ou contra min, e dende logo se eses son os alicerces do novo proxecto será calquera cousa menos “ilusionante”.. . hai vida alén das cuitas internas do BNG, e hai debates que trascenden os posicionamentos de parte, non se supón que hai que ser próximos á sociedade?, pois achéguense e deixen de ver fantasmas por toda partes e asuman que a xente, incluso Beiras, se equivoca e hai equivocacións máis graves que outras, e depende de quen veñan tamén poden ter maior ou menor gravidade. Se chega a ser o PP, ou dentro da guerra interna, chega a ser o “aparato” o que se pronuncia neses termos…. asi que máis ecuanimidade e menos paixón acrítica.

  12. Bruno V Marzo 23, 2012 ás 12:09 PM #

    Um colega meu estivo, na suspeitoso de simpatiçar com os lá presentes, no acto de onte. Dixome, é gente bem diversa, mas se respirava entre todo mundo ilussom, ganas de fazer algo. Ogalha lhes vaia bem a eles e ao BNG o pais precissa-o.
    Por outra banda concordo que si Beiras dixo isso nom nada afortunado, agora bem, está claro que La Coz resalta aquilo que nos pode já nom so dividir se nom enfrontar e por isso fala desse detalhe que outros lá presentes nem perceberom. O que me estrana é que gente lista, como a responsável deste blog, caia inconscientemente na trampa de La Coz e lhe siga o guión afondando e enfrentando gente que no fundo está a tirar do memo lado da corda.

  13. franplorenzo Marzo 23, 2012 ás 1:01 PM #

    Bruno, e xa de paso a todos os demais que comentastes aquí por este post: pois por min perfeuto que houbera ilusión, de verdade cho digo, todas e todos queremos ilusión e que as cousas prosperen, fóra e dentro do BNG, que prospere a esquerda e o nacionalismo neste país, a min é o que me interesa. Tal cousa non quita para que as palabras de Beiras (que fican no vídeo acima, aí á altura do minuto 32 creo) sexan impresentábeis. A min xa mo pareceron reflectidas no papel e escoitadas despois por min mesmo e é a miña opinión e o que expreso aquí. Non é un xuízo sumarísimo a ninguén, non é unha descualificación do seu proxecto político. É o meu persoal ponto de vista sobre un aspecto que para min non é irrelevante. Se ese mesmo símil, metáfora, parábola, tanto me ten como se lle chame, sobre a violencia de xénero ficara na boca de Núñez Feijóo ou de Ana Mato ninguén dubiría en poñelos podres, non si? Ou Bono, ou Paco Vázquez, xente que xa nos ten afeita a ese uso banalizador e despótico da linguaxe. Que mal ten crer que Beiras se equivocou niso? Tan escasa é a nosa capacidade de autocrítica, joder?
    Gustaríame respostar un por un a esta enxurrada de comentarios pero creo que non paga a pena cando hai argumentos do tipo “era unha licenza poética”, “Beiras é un xenio e os xenios é o que teñen”, cando me chaman maoísta, estalinista, seguidista do BNG, manipulador, terxiversador, etc… Escribo aquí na miña condición de fulano/cidadán, que non se representa máis que a si mesmo pero até me parece inútil aclarar este ponto. En fin.
    Unha cousa máis, un clásico que é o de botarlle as culpas a La Voz. Cando acabe a connivencia dunha grande parte do nacionalismo galego con La Voz de Galicia, que é para min e xa o dixen mil veces o máis activo e conspicuo axente desgaleguizador que opera neste país, pois daquela falamos se che parece. La Voz claro que perde o cu por exhacerbar os conflitos internos no nacionalismo galego e nese labor bota man do que for, como unha entrevista ao propio Beiras, a falar en prime time sobre o seu propio mito, e con toda a aparataxe e a parafernalia que procura a canle de Santiago Rey. É unha relación simbiótica, de interese parasitario. Quen se presta a iso xa sabe ao que se expón, a ser manipulado e vendido. Ocorreulle ao Bipartito, e ocórrelle a todos os que caen na súa rede. Só hai que ser un pouco consecuentes cando se fala en público e non botarlle as culpas a quen extractou a frase que non che conviña ler ao día seguinte nun titular. O dito, que non me importa ficar convertido nun adaíl da corrección política e reiterar que esas palabras de Beiras, que foi o meu profesor e que é un tipo ao que admirei en moitas facetas da súa actividade política e vital e non tanto nesta reedición redentora e sebastianista de 2012, son unha frivolidade. Que me amolaron, vaia. Que non me gustaron ren. E iso é o único que quixen dicir aquí. Unha aperta, pois.

    • Bruno V Marzo 23, 2012 ás 11:06 PM #

      Agradezo a resposta. Já dixem que esse comentario de Beiras é sumamente desafortunado, reprovável, e espero que el se decate si lee algo disto. Beiras equivoucou-se nesso e em tantas outras cousas, está claro.
      Parece que o que nos costa, ou que lhe costa ao nacionalismo galego organiçado é fazer autocritica em geral, só assim se entende que um partido como o BNG nom figera autocritica com os conseguintes trocos despois de 10 anos de caida e nom fora quem de detectar e sanear umha ferida interna em forma de fenda que infectou até a amputaçom (voluntaria).
      Polo demais eu respecto totalmente a tua opinióm e estas no teu blog, faltaria máis, escreve o que che pete contra quem che pete, agora, si tes aberta umha secçom de comentarios, e sempre que estes nom insultem, tenhem que ser igualmente respeitados.
      Um abraço.

      • franplorenzo Marzo 24, 2012 ás 10:39 AM #

        Bruno, acho que os comentarios foron respeitados. De feito, mesmo os que opinan que son demagóxico e manipulador están aí para quen os queira ler. Por outra parte concordo contigo en que a falta de autocrítica é un mal xeralizado e que o lastra todo de maneira bastante penosa. Unha aperta e obrigado por voltar

  14. Montenegro Marzo 23, 2012 ás 5:15 PM #

    A mí me gustó mucho tu artículo Fran Pérez, pero si que es cierto que falta al segundo de los mandamientos nacionalistas gallegos:

    “No tomarás el nombre de Beiras en vano”.

  15. Hipocrisía Marzo 24, 2012 ás 7:23 PM #

    Que hipócritas sodes os que criticades a Beiras polo seu suposto “exabrupto”. Mirades con lupa calquera cousa que diga para lanzarvos como bestas a tentar manchar un discurso brillante, pero non o conseguides, porque non tedes nin a altura intelectual nin a honradez moral. Tedes dúas varas de medir. Non foi só Beiras quen empregou a imaxe da violencia machista; tamén Bieito Lobeira, voceiro do BNG antes e agora, comparou en maio de 2010 a Jesús Vázquez cun maltratador: 

     http://www.farodevigo.es/galicia/2010/05/12/bieito-lobeira-compara–jesus-vazquez-maltratador/438264.html 

    Pero claro, a Bieito todo se lle perdoa, non si?😉

    http://www.farodevigo.es/galicia/2010/05/12/bieito-lobeira-compara–jesus-vazquez-maltratador/438264.html

    • Antón Marzo 25, 2012 ás 11:54 AM #

      Se cadra os Beiras fanboys piden artigos de opinión con caracter retroactivo de 2 anos!!😄😄 Desacreditados ficades aínda mais.

  16. aser mendez Marzo 25, 2012 ás 2:33 PM #

    ex abruptos, exacerbar, seh h….A linguaxe pódese usar con violencia, pero non por mudar esta cambian as cousas.Eis o erro da ideoloxía de xénero: é unha falacia que mudar puta por traballadora do sexo acabe coa prostitucion.Por certo,fran,se ollas como tratas á relixion(católica),verás que niso da violencia e da linguaxe(e imaxe) non es moi prudente…

  17. aser mendez Marzo 25, 2012 ás 4:00 PM #

    quero dicer:non coñezo cousa máis cruel que o modo de producion capitalista.Pero mirade
    a delicuescencia do seu código:regulacion de emprego,flexibilizacion do mercado laboral,optimizacion de recursos….

  18. canghaio Marzo 26, 2012 ás 6:31 AM #

    En ambos casos é violencia inxutificada e irracional. Non miro mal o simil. Dá impresión que lle buscas a punta á charla para falar mal dela. Outro tipo de violencia. E non sei q xenero tés nin se tés parella e cada quen se escandaliza co que lle peta pero a min non me convence. Parece q levas a separacion ao tema persoal e cada parte decide por si mesma. Ánimo, q co tempo doe menos

  19. aser mendez Marzo 26, 2012 ás 1:22 PM #

    meu, e ti que pouco rilkeano….

  20. cossimo Marzo 26, 2012 ás 7:42 PM #

    Eu só veño para dicir que Toni Morrison é norteamericana.

  21. Andrés Xaneiro 26, 2016 ás 4:14 PM #

    Artigo moi frívolo de hipercorrección política,sen anàlise dos factores que determinan a violencia. O BNG tentou demonizar aos que non quixeron seguir baixo a batuta do padre-padrone, a UPG. Obviamente a comparación é lonxana trátase de suliñar a ansia cega de poder e a vontade de ocupar o territorio aniquilando ao inimigo. Pola contra neste artigo eu non vexo moitas ideas.

Trackbacks/Pingbacks

  1. Beiras e a frívola parábola - Marzo 22, 2012

    […] Beiras e a frívola parábola unpaisenlata.wordpress.com/2012/03/22/beiras-e-a-frivola-par…  por raxozorza hai 2 segundos […]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: